Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 25 de xuño de 1996 Páx. 6.271

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición, rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Rías Baixas Comunicación, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Rías Baixas Comunicación, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 2-4-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 30-3-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 3 de abril de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Rías Baixas Comunicación, S.A. para o ano 1996

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio é de aplicación nos centros de traballo Rías Baixas Comunicación, S.A. actualmente existentes e naqueles que durante a vixencia do presente convenio puidesen establecerse.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta á totalidade do persoal que preste servicios na empresa e o faga en virtude dunha relación laboral.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O presente convenio terá unha vixencia desde a data do 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1996 con independencia da súa publicación oficial unha vez homologado pola autoridade laboral.

Artigo 4º.-Prórroga.

Extinguido o período de vixencia e no caso de non mediar denuncia expresa por calquera das dúas partes,

con polo menos un mes de antelación a súa finalización, entenderase prorrogado no seu contido normativo, agás os artigos 29 e 32, ata que entre en vigor o novo convenio.

Artigo 5º.-Rescisión e revisión da denuncia do convenio.

A denuncia do presente convenio deberase realizar, polo menos, cun mes de antelación a súa finalización, Deberase formalizar por escrito e comunicarse á empresa e ós delegados de persoal.

Artigo 6º.-Da proposta de negociación.

A representación do persoal ou a empresarial que formule a denuncia e pretenda negociar un novo convenio que substitúa ó daquela vixente deberá acompaña-lo seu escrito de denuncia de proposta do punto do punto ou puntos que se vaian negociar, expresando:

a) Prazo de duración do novo convenio.

b) Materias concretas que se negociarán.

c) Repercusión económica anual das condicións que teñan carácter ou incidencia económica.

d) Criterios empresariais en relación á estructura e determinación do persoal laboral.

Capítulo II

Garantías e absorbilidade

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As representacións conveñen que, sendo o pactado un total orgánico indivisible, consideran o novo convenio nulo e sen efecto no suposto de que a autoridade administrativa competente non aprobase algún punto fundamental a xuízo de calquera das partes, pasándose neste caso a unha nova redacción e á conseguinte negociación dun novo convenio.

Artigo 8º.-Absorcións.

As disposicións legais futuras que impliquen variación económica en todos ou nalgún dos conceptos retributivos, unicamente terán eficacia se, globalmente consideradas e sumadas ás vixentes con anterioridade ó convenio, superen o nivel total deste. En caso contrario consideraranse absorbidas polas melloras pactadas.

Artigo 9º.-Garantía persoal.

Respectaranse as situacións persoais que, con carácter global, excedan o convenio.

Capítulo III

omisión mixta

Artigo 10º.-Constitución e funcións.

No prazo máximo dun mes a partir da sinatura deste convenio, crearase unha comisión mixta constituída por tres representantes dos traballadores e tres persoas en representación da empresa.

As funcións desta comisión serán as seguintes:

a) Interpretación do convenio.

b) Definición e valoración dos postos de traballo orixinados pola empresa que non estean catalogados.

c) Conciliación dos conflictos colectivos, con independencia de conciliación perante organismos competentes.

d) Cantas outras actividades tendan á eficacia práctica do convenio.

Artigo 11º.-Funcionamento da comisión.

A comisión mixta reunirase:

a) Cando así o acorden ámbalas partes (reunión extraordinaria).

b) Dúas veces cada trimestre, con carácter ordinario.

Os acordos adoptaranse conxuntamente, entre as dúas representacións, e non serán efectivos ata a aprobación da acta en que consten.

En caso de non se chegar a acordo, ámbalas partes, se así o conveñen, poden someterse a arbitraxe, conciliación ou mediación ante o SMAC ou outro organismo competente, para o que lle serán remitidos os informes que as partes consideren oportunos. A decisión dos citados organismos terá carácter vinculante, agás no caso de que ámbalas partes chegasen a un acordo posterior ou simultáneo, no que prevalecería este sobre aquela, que quedará nula e sen efecto.

Capítulo IV

Organización do traballo

Artigo 12º.-Principios xerais.

Ámbalas partes conveñen en seguir aplicando técnicas de racionalización do traballo e coinciden na conveniencia de aplica-los sistemas de modernización que se consideren necesarios, debendo oír en todo caso, os delegados de persoal.

Artigo 13º.-Xornadas.

A xornada de todo o persoal afectado por este convenio será de 36 horas semanais (6 horas diarias) con 36 horas seguidas de descanso. Sen embargo os horarios xerais das diferentes quendas de traballo serán acordados pola empresa, oídos os representantes dos traballadores, en función das necesidades de producción e servicio.

Artigo 14º.-Descansos.

Dadas as características do traballo redaccional, a empresa permitirá a acumulación dos descansos semanais, sempre e cando non inflúan no desenvolvemento normal da actividade productiva.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

A iniciativa do traballo en horas extraordinarias corresponderá á empresa e ó traballador a libre aceptación ou denegación. O seu número non poderá excede-los límites establecidos no artigo 35.2º E.T. A remuneración da hora extraordinaria traballada en días laborables será incrementada nun 75% adicional á hora ordinaria e un 100% adicional se se realizase de domingo ou día festivo. Se as horas extraodinarias se realizasen entre as 22 horas e as 06 horas terán, ademais, o aumento da porcentaxe correspondente ó plus de nocturnidade consistente no 25% do salario base máis antigüidade. Debido á natureza do traballo xornalístico, os traballadores comprométense a realiza-lo traballo necesario para dar saída ós traballos que teñan a particularidade de diarios. A prolongación da xornada terá que ser notificada ó persoal correspondente polo xefe de sección á que corresponda antes da conclusión da xornada laboral.

Capítulo V

Réxime persoal

Artigo 16º.-Contratación de persoal.

Toda persoa que sexa admitida para traballar en Rías Baixas Comunicación, S.A. como traballador por conta allea terá que asinar un contrato de traballo no que se recollan os requisitos esixidos pola lexislación vixente.

Polo que afecta ós contratos de aprendizaxe e formación, formalizaranse por escrito e a empresa axustarase ó previsto no artigo 11 do Estatuto dos traballadores. A duración do tempo de aprendizaxe ou de formación no traballo será a sinalada pola lei, aínda cando a empresa poderá acurta-lo dito prazo. A empresa comprométese a entregar ós delegados de persoal a copia base dos contratos e prórrogas.

Artigo 17º.-Vacantes.

As vacantes que se produzan na empresa comunicaránseles ós seus delegados de persoal, para así o transmitiren ó resto dos traballadores para que poidan presenta-la súa solicitude co tempo necesario.

Artigo 18º.-Traballos de superior categoría.

O traballador que desempeñe traballos de superior categoría por un período que pase de oito meses durante doce meses ou dez meses durante vintecatro ascenderá automaticamente á categoría superior, sempre que teña a titulación adecuada ou cumpra os requisitos regulamentados para o dito ascenso.

A retribución do persoal que realice traballos de categoría superior será a da súa categoría máis a diferencia ata acada-la retribución da categoría desempeñada.

Artigo 19º.-Traballos de inferior categoría.

Ningún traballador poderá ser destinado a realizar traballos de inferior categoría, agás naqueles casos de común aceptación por ámbalas partes ou por necesidades do servicio e por tempo máximo de tres meses, pero sen que supoña perda ningunha da súa retribución.

Cando o traballador solicitase desempeñar unha tarefa de inferior categoría á que ostenta poderáselle asigna-lo salario correspondente ó traballo efectivamente prestado. A solicitude deberase formalizar por escrito e seralle comunicada ós delegados de persoal.

Artigo 20º.-Adaptación do persoal.

Enténdese por traballador con capacidade diminuída aquel que deixe de estar en condicións físicas e psíquicas para continuar realizando eficazmente as tarefas que viña desempeñando en función da súa categoría, sexa iso debido a accidente ou enfermidade, aínda que non exista posibilidade de obte-la baixa da Seguridade Social pero sexa declarada por un servicio médico.

Logo dos dictames ou asesoramentos técnicos oportunos para aquela situación, e de acordo coas súas indicacións, procederase a asignar a este traballador unha tarefa conforme a súa capacidade diminuída, pactándose a retribución en cada caso específico. Este dereito do traballador diminuído quedará condicio

nado á existencia de posto ou vacante a desempeñar que reúna as características idóneas.

Artigo 21º.-Cambio de tecnoloxía.

En caso de que un cambio de posto viñese imposto polo progreso tecnolóxico e esixise ó mesmo tempo unha variación ou aumento dos coñecementos profesionais do traballador, procederase á súa reconversión profesional, sendo a dirección da empresa a que tome a decisión sobre o resultado positivo ou non da reconversión do traballador, e por tanto da súa avaliación.

As operacións de reconversión realizaranse con asistencia dos técnicos que a empresa designe, informando ós delegados de persoal. Os traballadores afectados non perderán as súas categorías e retribucións acadadas. Se o traballador convertido pasa a desempeñar traballos de superior categoría, será retribuído de acordo coa nova situación.

Artigo 22º.-Xornalistas.

Ningún xornalista poderá ser obrigado a copiar ou a introducir no sistema electrónico orixinais alleos, a non ser cando se trate de reelaboración xornalística. Os xornalistas non poderán ser valorados no seu traballo a través de medios electrónicos, tanto nos aspectos cualitativos coma cuantitativos.

Capítulo VI

Condicións económicas

Artigo 23º.-Remuneracións.

Tódolos emolumentos económicos pactados entre as partes son os seguintes.

Artigo 24º.-Salario base.

Enténdese por salario base a totalidade das remuneracións que con carácter fixo e ordinario se perciben mensualmente, con independencia daqueles pluses que por seren persoais, por posto de traballo, de vencemento superior ó mes, ou devengos extrasalariais, cobre ademais cada traballador en concreto, servindo de base para a obtención dos demais.

O salario base será especificado para cada categoría que se relaciona no anexo a este convenio. As variacións deste virán dadas polo ordenamento legal ou polo pactado en convenio entre as partes.

Artigo 25º.-Antigüidade.

Sen prexuízo do establecido nas disposicións vixentes sobre a materia, establécese que todo traballador, ó cumpri-los anos preceptivos, cobrará trienios na cantidade do 5 por cento do salario base que teña, independentemente, cada traballador.

En canto ós límites da acumulación dos incrementos por antigüidade, en ningún caso poderá supera-lo 25% do salario base máis antigüidade.

Artigo 26º.-Plus dominical.

O persoal percibirá por cada domingo traballado un plus equivalente ó 240% do salario diario bruto.

Artigo 27º.-Excedencia.

Neste asunto haberá que se ater ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 28º.-Pagas extraordinarias.

Como parte integrante do seu salario, os traballadores de Rías Baixas Comunicación, S.A. terán dereito á percepción das seguintes pagas extras:

-Paga de verán, que percibirán en xullo.

-Paga de Nadal, que percibirán antes do 20 de decembro.

(Estas pagas serán retribuídas con tódolos conceptos fixos que entren no salario.)

-Paga de beneficios, consistente nun 8% de tódolos emolumentos devengados en nómina ó longo do ano. Farase efectiva no primeiro trimestre do ano.

Artigo 29º.-Compensación por enfermidade.

O traballador que se atope en situación de baixa por incapacidade laboral transitoria será compensado pola empresa mentres permaneza de baixa por longa enfermidade ou hospitalización, a partir de 16 días, cunha cantidade que sumada á percepción da Seguridade Social polo dito concepto, acade o 100% do seu emolumento mensual.

Artigo 30º.-Delegados.

Os responsables das delegacións que Atlántico Diario manteña fóra da redacción central terán a categoría de delegados. A súa retribución corresponderá á dun redactor percibindo un complemento de responsabilidade consistente na diferencia de salario existente entre o seu propio e o do xefe de sección, mentres ocupe tales cometidos.

Capítulo VII

Melloras sociais

Artigo 31º.-Festivos.

Dadas as características do traballo de prensa, o persoal de redacción traballará os días festivos. Estes días festivos serán compensados ós traballadores afectados cun día de vacación por cada día festivo traballado, podendo acumular ata 14 días deste descanso nas vacacións anuais, atendendo ás necesidades da empresa.

Artigo 32º.-Vacacións.

As quendas de vacacións estableceranse en función do disposto no artigo 38 do E.T. En caso de baixa por enfermidade, as vacacións interromperanse continuando os días que falten despois da alta médica, sen que iso cause prexuízo a outro compañeiro nas súas vacacións. Se a baixa é anterior ó inicio do desfrute, sinalarase un novo período de vacacións.

Artigo 33º.-Permisos.

As ausencias do traballo con dereito a remuneración que, logo de aviso e xustificación, se concedan ó traballador en caso de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, establécense por un período de 2 días ampliable a catro días en caso de necesidade de desprazamento para o efecto.

-A ausencia prevista por causa de traslado de domicilio do artigo 37.3º c) do E.T. con dereito a remuneración establécese en dous días.

-Por matrimonio, quince días naturais ininterrompidos, aboables, que poderán desfrutarse cunha antelación de dous días á data sinalada para a cerimonia.

-Tempo necesario para ser asistido por facultativos da Seguridade Social.

-Paternidade: de acordo coa normativa vixente.

-Maternidade: de acordo coa normativa vixente.

Artigo 34º.-Videoterminais.

Ningún traballador poderá ser obrigado a permanecer ante os videoterminais máis tempo do establecido na súa xornada laboral, con descansos de dez minutos cada hora de traballo.

O uso de videoterminais obrigará a pasar unha revisión oftalmolóxica anual, ademais do chequeo anual. Tódolos gastos médicos derivados de enfermidades ou lesións que se demostren atribuíbles ó traballo en videoterminais e que non sexan cubertos pola Seguridade Social serán satisfeitos pola empresa. Os empregados que, debido ós traballos realizados en videoterminais, necesiten adquirir lentes correctoras para a vista terán unha subvención de 3.000 pesetas.

Artigo 35º.-Notas necrolóxicas.

A dirección da empresa porá unha nota necrolóxica gratuíta ós traballadores polos familiares falecidos ata segundo grao de consanguinidade.

Artigo 36º.-Seguridade e hixiene.

Os delegados designarán, logo de consulta dos traballadores, os vocais respresentantes destes no Comité de Seguridade e Hixiene, entre o persoal da empresa con categoría profesional mínima de especialista ou asimilado e que seguise algún curso de seguridade e hixiene, sendo as súas funcións as enmarcadas no Estatuto dos traballadores.

Capítulo VIII

Mobilidade xeográfica

Artigo 37º.-Normas xerais.

Nos casos de traslado xeográfico forzoso, logo dos trámites legais establecidos, o traballador percibirá, logo da xustificación, o importe dos gastos seguintes:

-Os de locomoción do interesado e familiares que con el convivan ou del dependan economicamente; os de transporte de mobiliario, roupa e utensilios; e unha indemnización en metálico equivalente a sesenta ou trinta días do salario real que veña percibindo no momento do traslado, segundo teña ou non familiares ó seu cargo.

Artigo 38º.-Permuta.

Os traballadores, con destino nunha mesma localidade ou en localidades distintas e pertencentes á mesma empresa e grupo profesional, poderán concerta-la permuta dos seus respectivos postos, a reserva do que aquela reciba, en cada caso, tendo en conta as necesidades do servicio, a aptitude dos permutantes para o novo destino e demais circunstancias que deban ser consideradas.

Artigo 39º.-Permuta obrigatoria.

A muller embarazada, a partir do cuarto mes de xestación, en caso de desenvolver traballo previamente declarado polo facultativo pertinente como penoso ou

perigoso para o seu embarazo, terá dereito, logo da solicitude, a ocupa-la primeira vacante que se produza nun posto de traballo ou permuta do seu posto por outro, sempre que o posto de acceso sexa adecuado á súa formación profesional, non estea exposto ós citados riscos, non sexa de superior categoría, dentro do mesmo grupo profesional e exista psoibilidade na empresa.

O dereito ás expresadas ocupacións ou permutas non significa prexuízo para a categoría e soldo da interesada, nin tampouco xerará a necesidade ou obriga de crear un posto de traballo novo.

En caso de permuta, a empresa, oídos os delegados de persoal, designará a persoa que obrigatoriamente quede afectada, quen, polo carácter de provisionalidade e duración da situación, se reincorporará ó seu anterior posto de traballo cando a embarazada cause baixa no traballo.

Ámbolos supostos de ocupación ou permuta non darán lugar, en ningún caso, á consolidación dos traballadores afectados nos postos de traballo provisionalmente ocupados, aínda que a situación de interinidade supere os dous meses.

Artigo 40º.-Axudas de custo e desprazamentos.

Se por necesidades do servicio tivese que se desprazar algún traballador fóra da localidade na que habitualmente teña o seu destino, terá dereito ó aboamento dos gastos de locomoción, a razón de 22,5 ptas. por quilómetro percorrido en vehículo propio. Os gastos de locomoción noutros medios, así como os de comidas e aloxamento serán aboados pola empresa sobre xustificante e logo de aprobación do xefe de departamento.

Capítulo IX

Disposición derradeira

Artigo 41º.-Aplicacións da lexislación laboral.

No non previsto ou regulado polo presente convenio serán de aplicación, sobre as respectivas materias, as normas e disposicións de carácter xeral establecidas pola lexislación vixente en cada momento.

ANEXO

Categorías profesionales e retribucións. Ano 1996

-Redacción
Xefe de sección129.425
Redactor112.839
Axudante de redacción82.058
Oficial 1ª proceso de datos124.653
Documentalista82.058
Redactor gráfico91.319

-Publicidade
Xefe de sección129.425
Promotor comercial82.058

-Administración
Xefe de sección129.425
Oficial 2ª84.503
Ordenanza69.838

-Vendas
Xefe de sección129.425
Promotor preferente de vendas89.540
Promotor de vendas75.465
Administrativo de vendas69.967

-Distribución
Xefe de sección129.425
Inspector de vendas84.400

3447