Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 24 de xuño de 1996 Páx. 6.200

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 30 de maio de 1996 pola que se sistematiza o réxime xurídico do persoal pertencente ás clases de médicos e practicantes titulares como consecuencia da posta en funcionamento do novo modelo de atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O apartado 2 da disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 161/1996, do 25 de abril, dispón que os funcionarios pertencentes ós corpos facultativos superior e de grao medio da Xunta de Galicia, é dicir, os médicos e os practicantes titulares, que se integren no novo sistema de atención primaria manterán o seu actual status funcionarial inherente á súa pertenza ós referidos corpos. Trátase, pois, mediante esta orde, de desenvolve-las prescricións contidas no citado decreto, fixando o contido do dito status funcionarial con ánimo de garanti-lo máximo posible de seguridade xurídica ó persoal que opte por incorporarse ó novo modelo.

Así mesmo, parece oportuno regula-las consecuencias da dita integración, tendo en conta que do artigo 5.2º e 3º do decreto se deriva que no futuro a totalidade dos postos de traballo das unidades e servicios de atención primaria que conforman o novo modelo se configurarán como propios do réxime xurídico do persoal estatutario.

Igualmente, a presente orde pretende sistematiza-lo réxime xurídico aplicable ó persoal pertencente ás ditas clases que opte pola non integración no novo modelo mantendo a súa condición de funcionario, cun absoluto respecto ó seu patrimonio xurídico actual, sen prexuízo de que se establezan

criterios que pretendan coordina-la súa actividade coa propia da correspondente unidade de atención primaria.

En todo caso, en desenvolvemento da disposición adicional décimo sétima da vixente Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma e de conformidade co Decreto 200/1993, reitérase o principio de voluntariedade para o persoal funcionario médico e practicante titular para a integración no novo modelo de atención primaria.

Na súa virtude, en exercicio das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, logo da negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Negociación do persoal sanitario e tralo informe da Dirección Xeral de Función Pública,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A presente orde ten por obxecto sistematiza-lo réxime xurídico do persoal pertencente ás clases de médicos e practicantes titulares como consecuencia da posta en funcionamento do novo modelo de atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O ámbito de aplicación da presente orde será a totalidade do persoal funcionario sanitario pertencente ó corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de médicos titulares, e facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de practicantes titulares.

Artigo 2º

1. Para os efectos do disposto nesta orde, a integración voluntaria do persoal pertencente ás clases ás que se alude no artigo anterior só será efectiva cando se constitúa e poña en funcionamento a correspondente unidade de atención primaria.

2. Sen prexuízo do disposto no apartado 4 da disposición transitoria segunda do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, a dita integración producirase na unidade de atención primaria que se cree no ámbito territorial que corresponda ó posto de traballo que se vai integrar.

Artigo 3º

1. O persoal funcionario sanitario pertencente ás clases de médicos e practicantes titulares que se integre nunha unidade de atención primaria seguirá rexéndose pola normativa aplicable ós funcionarios públicos nas seguintes materias:

a) Situacións administrativas.

b) Réxime de haberes pasivos, para aquel persoal que non estea sometido ó réxime da Seguridade Social.

c) Perda da condición de funcionario.

2. En todo o non previsto no apartado anterior, rexerase pola normativa aplicable ó persoal estatutario de atención primaria das súas diferentes categorías.

3. O persoal sanitario funcionario pertencente ás clases de médicos e practicantes titulares integrado nunha unidade de atención primaria manterá, en todo caso, o dereito á mobilidade a outros postos de traballo pertencentes a corpos ou escalas funcionariais de calquera Administración pública nos termos previstos nas leis.

4. Ó dito persoal seralle de aplicación o réxime retributivo dictado en desenvolvemento do Decreto 200/1993, do 29 de xullo.

Artigo 4º

A integración efectiva nunha unidade de atención primaria levará aparellada a transformación do posto de traballo integrado nunha praza do novo sistema, nos termos establecidos no Decreto 200/1993. A dita transformación supoñerá a amortización automática do correspondente posto de traballo incluído na relación de postos de traballo aprobada polo acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 11 de abril de 1992 (DOG nº 81, do 29 de abril) e, se é o caso, na aprobada pola Orde do 25 de outubro de 1994 (DOG nº 219, do 14 de novembro).

Artigo 5º

O persoal das clases de médicos e practicantes titulares que non se integre nunha unidade conservará os seus dereitos individuais e económicos adquiridos, así como as obrigas inherentes á praza que ocupan, dependendo funcionalmente do responsable da unidade.

Artigo 6º

Os funcionarios das clases de médicos e practicantes titulares que se encontren na situación de excedencia voluntaria ou noutras situacións administrativas desde as que sexa susceptible o reingreso ó servicio activo, poderán solicita-lo dito reingreso provisional en postos de traballo pertencentes ó novo sistema de atención primaria deseñado polo Decreto 200/1993. A solicitude de reingreso implicará o exercicio da opción de integración prevista no apartado 3 da disposición transitoria primeira do devandito decreto, a cal será efectiva trala concesión do mencionado reingreso.

Artigo 7º

Desde o momento en que sexa efectiva a posta en funcionamento das novas estructuras de atención primaria, as relacións funcionais entre as corporacións locais e as unidades e servicios realizaranse do xeito seguinte:

a) Se no municipio correspondente existise unha soa unidade de atención primaria que abrangue todo o seu territorio, canalizaranse a través do responsable do seu funcionamento e organización.

b) En tódolos demais supostos, canalizaranse a través do xefe do servicio de atención primaria

correspondente ou, no seu defecto, a través do director xerente da xerencia de atención primaria que corresponda.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

949