Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 24 de xuño de 1996 Páx. 6.199

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 253/1996, do 20 de xuño, polo que se determinan os horarios mínimos de apertura así como os criterios que deben rexer para o establecemento de quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia.

O Real decreto lei 11/1996, do 17 de xuño, de ampliación do servicio farmacéutico, fai referencia, entre outros aspectos, á xornada e horario dos servicios farmacéuticos. Toma como base criterios de flexibilización, ecomendándolles ás comunidades autónomas o establecemento de medidas correctoras que, en beneficio dos usuarios, permitan seguir garantindo a continuidade da asistencia sanitaria prestada polas oficinas de farmacia.

Por isto resulta oportuno establecer unha regulación que, con carácter de mínimos, garanta a atención continuada á poboación, regulando a xornada e horario das oficinas de farmacia, así como as correspondentes quendas de urxencia e vacacións.

Ó mesmo tempo establécense mecanismos para mellora-la coordinación ante a posibilidade, recollida no artigo 4.2º do citado real decreto ley, de

que determinados establecementos prolonguen a súa actividade por riba dos mínimos que se fixan neste decreto.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, consultados os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xuño de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Xornada e horarios.

1. As oficinas de farmacia deberán permanecer abertas ó público os días laborais de luns a venres como mínimo durante sete horas, comprendidas entre as 9 e as 14 horas e as 16 e as 20 horas.

Os sábados laborais deberán permanecer abertas un mínimo de catro horas comprendidas entre as 9 e as 14 horas.

2. As oficinas de farmacia que permanezan abertas ó público fóra dos horarios ou xornadas sinaladas como mínimos no apartado anterior, deberán comunica-la dita circunstancia, con carácter previo, á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través dos colexios oficiais de farmacéuticos.

3. As oficinas de farmacia que opten polo establecemento dun réxime de apertura máis amplo có sinalado con carácter de mínimos, deberán manter ese réxime polo menos durante un ano natural. Pasado este prazo deberán comunica-las variacións que sobre o horario ou xornada establecidas pretendan realizar ou a súa intención de non continuar co dito réxime.

4. A presencia e actuación profesional do farmacéutico é condición e requisito inescusable para a dispensación ó público de medicamentos.

Artigo 2º.-Quendas de urxencia nocturna e diurna.

1. Fóra do horario ordinario e co fin de mate-la continuidade do servicio, estableceranse quendas de urxencia nocturna e diurna.

Considéranse quendas de urxencia diurna o servicio de atención ó público que prestan as oficinas de farmacia, como reforzo diurno, de forma ininterrompida entre o horario normal de apertura e as 22 horas.

Considéranse quendas de urxencia nocturna os realizados entre as 22 horas e o horario normal de apertura.

Artigo 3º.-Organización das quendas.

1. Corresponderalles ós colexios oficiais de farmacéuticos, dentro do seu ámbito de actuación, organiza-las quendas de urxencia de acordo cos criterios contidos no presente artigo.

2. A organización das quendas de urxencia realizarase de forma que permita en todo momento a cobertura das necesidades asistenciais da poboación, tendo en conta as características xeográficas e demográficas de cada municipio.

3. Na organización das quendas de urxencia poderase autoriza-lo establecemento de quendas entre oficinas de farmacia abertas ó público en distintos municipios colindantes, sempre que se respecte unha isócrona de 20 minutos entre eles.

4. Nos municipios de poboación maior de 20.000 habitantes os mínimos para o establecemento das quendas de urxencia axustaranse ós seguintes criterios:

PoboaciónNº oficinas de farmaciaNº oficinas de farmacia

de urxencia diurna de urxencia nocturna

Maior de 20.0001 1

Maior de 50.0002 2

Maior de 80.0003 3

Maior de 200.0004 4

A localización das oficinas de farmacia de urxencia establecerase de forma que se garanta a adecuada accesibilidade da poboación.

5. Poderanse establecer, se for necesario, servicios de reforzo ininterrompidos para atende-la demanda asistencial extraordinaria.

6. Os municipios con catro ou máis oficinas de farmacia e máis de 12.000 habitantes terán, polo menos, unha en servicio de urxencia.

Artigo 4º.-Vacacións.

As oficinas de farmacia poderán cesar temporalmente as súas actividades durante o período vacacional máximo dun mes sempre e cado se manteña de forma adecuada o servicio de atención farmacéutica. Corresponderalle ós colexios oficiais de farmacéuticos a organización das quendas de vacacións entre os farmacéuticos interesados en desfrutalas.

Permanecerán abertos polo menos o 40% dos establecementos farmacéuticos do municipio.

Artigo 5º.-Publicidade dos horarios.

As oficinas de farmacia están obrigadas a expoñer permanentemente en lugar visible o horario ordinario de atención ó público así como as quendas de urxencia e o seu lugar de localización.

Artigo 6º.-Calendarios de quendas de urxencia.

No mes de decembro de cada ano, os colexios oficiais de farmacéuticos remitiranlle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través das súas delegacións provinciais, os correspondentes calendarios de quendas de urxencia das farmacias da provincia correspondentes ó ano seguinte. Así mesmo notificarán con dous meses de antelación os peches que se produzan con motivo do período de vacacións.

As modificacións que se produzan, por motivos xustificados, nas quendas establecidas, deberán ser comunicadas á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os calendarios de quendas de urxencia adaptados a este decreto serán presentados polo colexios no último trimestre do ano. Mentres permanecerán en vigor os anteriores.

Segunda.-O disposto no parrágrafo segundo do número 1 do artigo 1º deste decreto farase efectivo cando transcorra un mes desde a súa entrada en vigor.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

9604498