Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 24 de xuño de 1996 Páx. 6.198

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 252/1996, do 20 de xuño, polo que se modifican as funcións da Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos establecidas no Decreto 262/1994, do 29 de xullo.

O Decreto 262/1994, do 29 de xullo, regula a Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos, como centro directivo especializado para asegura-lo cumprimento dos obxectivos fixados no proceso de reforma administrativa.

A consolidación do proceso de reforma administrativa e de cara ó seu reforzamento, aconsella aglutinar nesta dirección xeral unha serie de funcións derivadas de:

A confluencia que se produce no plano técnico entre informática e telecomunicacións como consecuencia do gran avance experimentado no campo das tecnoloxías da información, onde as aplicacións de tipo corporativo e as departamentais esixen a intercomunicación entre diferentes localizacións xeográficas.

A explotación das redes corporativas da Xunta de Galicia de voz e datos que na actualidade realiza este centro directivo, o uso das cales transpasou de feito a mera interconexión dos equipos e sistemas informáticos dedicados ó sistema de xestión de procedementos administrativos, para dar servicio a outras aplicacións e unidades organizativas conectándoas en tempo real.

A xestión da interconexión coa mencionada rede de voz e datos, de redes e sistemas pertencentes a outros organismos alleos á Xunta de Galicia (Administración central, provincial, local, rede Internet, etc.).

A administración dos sistemas informáticos instalados na Xunta de Galicia para o desenvolvemento do proceso de reforma e modernización da Administración autonómica, que soportan variadas aplicacións na súa maioría integradas co sistema de xestión de procedementos administrativos, nos distintos departamentos e organismos dela dependentes.

A experiencia acumulada neste período, o crecemento das demandas de sistemas e aplicacións informáticas por parte das consellerías, a necesidade de interconexión entre diferentes órganos, a posibilidade de estende-las aplicacións informáticas de carácter público a distintos organismos e colectivos interesados, o aforro de custos derivado da utilización da rede privada de voz e datos e da plataforma informática instalada en 1992, así como a singularidade que o desenvolvemento de aplicacións e sistemas informáticos ten na actualidade, fai necesario acomoda-las funcións da dirección xeral, como centro xestor destas, á nova situación mencionada.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte de xuño de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

Ademais das funcións que lle foron encomendadas polo Decreto 262/1994, do 29 de xullo, correspóndenlle á Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos o exercicio das seguintes:

-O deseño, implantación, explotación e desenvolvemento da rede corporativa de voz e datos que soporta a xestión administrativa, interconectando as distintas instalacións das unidades administrativas da Xunta de Galicia e organismos dela dependentes. A asistencia técnica a tódalas unidades que demanden comunicacións así como a definición e publicación dos estándares de conexión de equipos e redes para a súa integración na dita rede privada.

-Emitir informe preceptivamente sobre tódalas propostas de utilización da rede por organismos alleos á Xunta de Galicia, previo ó establecemento dos correspondentes convenios de colaboración.

-A coordinación e control das redes locais que se instalen na Xunta de Galicia, con referencia á definición dos tipos de cableados, electrónica activa e pasiva, sistemas de xestión de rede, esquema de direccionamento así como a xestión e configuración dos equipos de conmutación (nodos, router's, hubs's, centraliñas de conmutación) co fin de salvagarda-la información almacenada nos equipos; o desenvolvemento destas funcións realizarase sen prexuízo das competencias que, sobre planificación, xestión e desenvolvemento da informática orzamentaria, financeira e tributaria, ten atribuídas a Consellería de Economía e Facenda.

-A definición dos estándares que deberán cumpri-las redes de superior ou inferior capacidade e alcance xeográfico para a súa integración coa dita rede privada.

-A coordinación, control e, se é o caso, o deseño e desenvolvemento daquelas aplicacións colaterais ó sistema de xestión de procedementos administrativos, así como as horizontais e departamentais que se lle encomenden, no que respecta a:

Tipo de integración co sistema de xestión de procedementos administrativos.

Ferramentas e plataformas Hardware e Software de desenvolvemento.

Plataforma Hardware e Software de execución e, se é o caso, explotación e mantemento.

Criterios de deseño técnico, explotación e mantemento.

-E en xeral a coordinación cos distintos departamentos da Xunta de Galicia e en particular coa Inspección Xeral de Servicios para promociona-la implantación de aplicacións de carácter público para a súa utilización por organismos da Xunta de

Galicia ou calquera outro colectivo interesado e, se é o caso, o deseño e desenvolvemento delas.

-Unha vez instalada a rede de banda larga serán utilizados preferentemente os seus recursos para a xestión administrativa, sempre de acordo cos informes ou pautas que sinale a Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O presente decreto non comporta aumento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las normas complementarias para o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

4854