Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 17 de xuño de 1996 Páx. 5.938

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE MADRID (SALA DO SOCIAL)

EDICTO (5319/1994).

No recurso de suplicación nº 5319/1994, seguido perante esta sala, dimanante dos autos nº 748/1993, do Xulgado do Social número nove de Madrid, por instancia de Juan Jiménez López e outro contra Fogasa e outros, sobre despedimento, con data 27-3-1996, dictouse resolución, coa parte dispositiva do teor literal seguinte:

En Madrid o vintesete de marzo de mil novecentos noventa e seis.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, composta polas persoas citadas.

En nome de El-Rei dictou a seguinte sentencia:

No recurso de suplicación número 5319/1994, sección segunda, interposto por Juan Jiménez López, fronte á sentencia dictada polo Xulgado do Social número nove de Madrid, de data trinta e un de xaneiro de mil novecentos noventa e catro, foi ponente Marcial Rodríguez Estevan.

Antecedentos de feito:

Primeiro.-Segundo consta en autos foi presentada demanda por Juan Jiménez López e Pedro Jiménez López, en reclamación de despedimento, sendo

demandadas Egymsa, Elaboración de Granitos y Mármoles, S.A., Fondo de Garantía Salarial e interventores de Egimsa: Rubén López Paz, Rafael López Mera e José Luis de la Hoz Arjones, e no seu día celebrouse o acto da vista, dictándose sentencia o trinta e un de xaneiro de mil novecentos noventa e catro, pola que nas presentes actuacións, sobre despedimento, seguidas por instancia de Juan Jiménez López e Pedro Jiménez López, fronte a Egymsa, Elaboración de Granitos y Mármoles, S.A., Fondo de Garantía Salarial e interventores: Rubén López Paz, Rafael López Mera e José Luis de la Hoz Arjones, debo estimar e estimo a excepción de caducidade da acción de despedimento invocado polo Fondo de Garantía Salarial e en consecuencia abstéñome de entrar na análise do fondo do asunto.

Segundo.-Na dita sentencia e como feitos probados decláranse os seguintes:

1. Os actores veñen prestando os seus servicios na empresa demandada Egymsa coa antigüidade, categoría profesional e salario seguinte:

-Juan Jiménez, 27.9.89, oficial 3ª, 203.335 ptas./mes con PP.

-Pedro Jiménez, 15.9.89, oficial 1ª, 267.265 ptas./mes con PP.

2. A empresa demandada mediante escrito de data 26 de maio de 1993 comunicoulles ós actores a extinción dos seus contratos de traballo ó concluíren os labores propios da súa especialidade. Con efectos do 11 de xuño de 1993.

3. Non consta que os actores recibisen aquela comunicación o 1 de xullo.

4. A empresa demandada non compareceu ó acto da vista oral a pesar de estar citada en tempo e forma.

5. Os actores non ostentan nin ostentaron cargo sindical na empresa.

6. Presentouse a papeleta de conciliación ante o SMAC o 2 de xullo de 1993, celebrándose o acto sen avinza o 20 de xullo de 1993.

7. A demanda xudicial presentouse o 3 de agosto de 1993.

Terceiro.-Contra a dita sentencia foi interposto recurso de suplicación polo letrado Alejandro Conde López en nome e representación da parte actora, sendo impugnado de contrario polo avogado do Estado en representación do Fondo de Garantía Salarial. E recibidas as actuacións nesta sala do social dispúxose o seu pase a ponente para o seu exame e resolución.

Fundamentos de dereito:

Único. Fronte á resolución desestimatoria da sentencia de instancia, baseado na apreciación da excepción de caducidade da acción de despedimento exercida polos actores e alegadas polo FGS no acto do xuízo, é interposto polos demandantes o

presente recurso de suplicación, que debe ser rexeitado por defectos formais irreparables que presenta, ó se ter formulado como se dunha demanda se tratase, mediante unha exposición de feitos e de fundamentos de dereito coa súplica de que sexa dictada sentencia pola sala, revogando en toda a súa plenitude a resolución do xulgado do social apelada e sexa dictada outra máis axustada a dereito, de acordo cos pedimentos que no seu día se fixeron na demanda principal; no primeiro dos feitos alegados no recurso fálase de indefensión causada ós demandantes ó non cumpri-la carta de despedimento as máis elementais garantías de recepción necesarias para unha comunicación tan importante, como é o despedimento dos traballadores, insistindo na imposible proba por parte do actor de demostrar de forma fidedigna a recepción dun escrito que non recibiu con ningunha formalidade, insistindo a parte recorrente no segundo feito do recurso, así como no terceiro, na evidente indefensión e falta de tutela,

ó esixir ó traballador unha proba que non pode realizar, quedando evidenciada a falsidade da data mencionada na carta de despedimento coa lectura da acta de conciliación; volvendo a reitera-la parte recorrente, no cuarto feito, que a carta de despedimento se institúe por lei como garantía ó traballador, constituíndo requisito necesario da mencionada comunicación a inequivocidade na expresión dos feitos; terminando por afirmaren os recorrentes, nos denominados feitos quinto e sexto, que debe aplicarse o principio in dubio pro operario e que, ó non adverti-lo xulgador que coa nulidade radical da carta de despedimento se vulnera o dereito da tutela xudicial efectiva, xa que cando o empresario incumpre os requisitos do artigo 53.4º nos depedimentos obxectivos, a decisión extintiva é nula, debendo a autoridade xudicial facer tal declaración de oficio; tan prolixo recurso, máis propio dunha apelación de carácter civil, non pode prosperar, porque a parte recorrente esquece que o recurso de

suplicación, como recurso de carácter extraordinario que é, ten un triple obxecto: emendar e repara-los defectos esenciais de procedemento cometidos na sentencia contra a que se recorreu e rectifica-la base fáctica da resolución impugnada, se para establecela o xulgador a que incidise en erro de feito ou de dereito na apreciación das probas; de aí que, sendo estes recursos de carácter extraordinario, tanto o de suplicación como o de casación, recollidos nos artigos 187 a 232 da LPL e habéndose de entende-la súa normativa en sentido estricto e rixidamente formal, igual cá casación civil, que lles serve de precedente e coa que gardan gran analoxía, a relación de feitos admitida na instancia non pode ser alterada nin modificada máis que atacándoa pola vía que o lexislador prevén e regula, de tal xeito que se a parte lexitimada para deduci-lo recurso non impugna tales feitos ou o seu ataque non ten éxito, o tribunal ad quem non pode modifica-la relación de facto admitida e ten que partir

da súa base para resover en dereito o problema sometido ó seu coñecemento; sendo doutrina reiterada ó respecto

a relativa que para a revisión fáctica acade o seu éxito, amparada sempre no apartado b) do artigo 190 da LPL, cómpre: fixar qué feito ou feitos hai que rectificar, adicionar ou suprimir; concreta-los termos en que deben quedar novamente redactados; e ampara-la pretensión revisoria en documentos ou pericias incorporados ós autos, que pola súa manifesta forza probatoria acrediten o erro do xulgador. Ningún destes requisitos foi cumprido pola parte recorrente; por outro lado, debe sinalarse o obxecto do recurso, ó que se limitirá o pronunciamento que recaia en suplicación e que non pode ter outro obxecto có especificado nos tres apartados do artigo 190 da LPL, sen que poida limitarse a que o recorrente consigne os seus persoais puntos de vista, xa que o recurso se dá contra a resolución da sentencia e non contra os fundamentos xurídicos dela, tendo en conta que a finalidade do recurso non é ataca-lo proceso lóxico xurídico da sentencia, senón o pronunciamento recaído, sempre que

aqueles non sexan predeterminantes na resolución, e sen que poida estimarse o recurso, se, como ocorre no caso agora xulgado, a parte recorrente se limita a afirma-la súa desconformidade coa resolución xudicial recorrida, pero sen impugnar expresamente os feitos declarados probados nin citar normas ou doutrinas legais supostamente infrinxidas; polo que, ó se-la suplicación un recurso de carácter extraordinario, a actividade revisora que no mesmo corresponde á sala queda limitada á materia marcada polo recorrente, de forma tal que só as infraccións denunciadas por este poidan ser examinadas en tal fase procesual, e iso aínda cando puidesen existir outras, aínda patentes, non acusadas, agás que pola súa propia entidade trascendesen de modo evidente e directo a orde pública procesual, como ocorre no exame de competencia ou incompetencia do propio tribunal, sendo de resaltar ademais que por se da-lo recurso contra a resolución da sentencia e non contra os fundamentos xurídicos que lle

serven de soporte, cando a dita impugnación ten por obxecto o exame do dereito aplicado, de non se mencionaren os preceptos que o pronunciamento recorrido infrinxe, queda impedida a sala polas razóns xa expostas de entrar na análise destes, posto que iso equivalería a lle atribuír a ela a construcción ex officio do recurso, sendo así que tal actividade lle corresponde obviamente á parte recorrente; en calquera caso, debe sinalarse que partindo da inalterada por non combatida relación fáctica da sentencia de instancia, na que se recolle a data do despedimento e a de presentación da papeleta en solicitude de conciliación ante o SMAC e da demanda, resulta evidente a apreciación da excepción da caducidade da acción de despedimento exercida polos actores, ó se ter superado o perentorio prazo de 20 días que para o seu exercicio esixen os artigos 59.3º do Estatuto dos traballadores e 103 da LPL; e ó ter entendido así correctamente a resolución xudicial impugnada, debe ser confirmada esta

coa conseguinte desestimación do recurso formulado polos actores, en todo caso.

Resolvemos:

Que debemos desestimar e desestimámo-lo recurso de suplicación interposto por Juan Jiménez López, contra a sentencia dictada polo Xulgado do Social número nove de Madrid, de data trinta e un de xaneiro de mil novecentos noventa e catro, en virtude de demanda por aquel e Pedro Jiménez López, deducida contra Egymsa, Elaboración de Granitos y Mármoles, S.A., Fondo de Garantía Salarial e interventores de Egymsa: Rubén López Paz, Rafael López Mera e José Luis de la Hoz Arjones, sobre despedimento, e en consecuencia debemos confirmar e confirmámo-la sentencia de instancia.

Notifíqueselle-la presente resolución ás partes e á fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, facéndolles saber que contra ela só cabe recurso de casación para a unificación de doutrina, que se preparou por escrito perante esta sala do social dentro dos dez días seguintes ó da notificación da sentencia, de acordo co disposto nos artigos 219, 227 e 228 da Lei procesual laboral, advertíndose en relación cos dous últimos preceptos citados que o depósito das 50.000 ptas. deberá efectuarse perante a Sala do Social do Tribunal Supremo ó tempo de se constituír en parte nela, por todo recorrente que non teña a condición de traballador ou habente causa seu ou beneficiario do réxime público da Seguridade Social mentres que a consignación do importe da condena deberá ser acreditada, cando proceda, polo recorrente que non goce do beneficio de xustiza gratuíta ante esta sala ó tempo de prepara-lo recurso, presentando resgardo acreditativo de telo efectuado na c/c nº 2827000000531994,

que esta sección segunda ten aberta no Banco Bilbao Vizcaya, sucursal nº 913, sita na glorieta da igrexa de Madrid, podendo substituírse a dita consignación en metálico polo aseguramento mediante aval bancario no que se fará consta-la responsabilidade do avalista.

Expídase testemuño da presente resolución para a súa incorporación ó rolo desta sala.

Así por esta nosa sentencia, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.

E para que lle sirva de notificación a Egymsa, en ignorado paradoiro, expídese o presente edicto en Madrid o 24 de abril de 1996.

O secretario

Rubricado

9604311