Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 17 de xuño de 1996 Páx. 5.907

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 245/1996, do 6 de xuño, polo que se resolve o expediente de deslinde dos termos municipais dos concellos de Vilalba e Xermade.

O concello de Vilalba, mediante acordo plenario de data 7 de maio de 1990, iniciou expediente de replanteo da liña límite xurisdiccional, entre os fitos 18 ó 36, dos termos municipais do dito concello e o de Xermade, ámbolos dous pertenecentes á provincia de Lugo.

Tramitado o expediente, emitiuse informe polo Instituto Xeográfico Nacional que propón como liña límite legalmente vixente a descrita na acta de deslinde de datas 4 ó 8 de setembro de 1940, atopándose a situación dos seus fitos definida no correspondente caderno de campo.

Visto o disposto nos artigos 10 do R.D.L. 781/1986, do 18 de abril, polo que se aprobou o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réximen local; e 17 ó 25 do R.D. 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial, correspóndelle á Comunidade Autónoma, logo do informe do Instituto Xeográfico Nacional e dictame do órgano consultivo superior do Consello de Goberno daquela, a competencia para resolve-las cuestións que se susciten entre municipios sobre deslinde dos seus termos municipais.

Por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia emitido en data 21 de maio de 1996, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de xuño de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Resolve-la cuestión suscitada entre os municipios de Vilalba e Xermade, ámbolos dous da provincia de Lugo, sobre o deslinde dos seus termos municipais, no tramo comprendido entre os fitos 18 ó 35 da súa liña límite, no sentido de que se manteña como liña límite a legalmente vixente que coincide coa descrita na acta de deslinde de datas 4 ó 8 de setembro de 1940, atopándose a situación dos fitos definida no correspondente caderno de campo que obra no expediente correspondente, todo isto sen prexuízo dos dereitos de propiedade a que haxa lugar.

Santiago de Compostela, seis de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

2772