Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 17 de xuño de 1996 Páx. 5.905

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 28 de maio de 1996 pola que se modifica a do 22 de febreiro de 1995 pola que se regula a concesión de axudas para a paralización definitiva de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 22 de febreiro de 1995, publicada no DOG nº 46, do 7 de marzo, establece as condicións para a concesión de axudas para a paralización definitiva de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta orde foi promulgada de acordo coa normativa comunitaria ó respecto e, en particular, co regulamento (CE) 3699/93, do 21 de decembro, polo que se definen os criterios e condicións das intervencións comunitarias con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura e a transformación e comercialización dos seus productos, e na normativa básica estatal establecida polo Real decreto 2112/1995, do 28 de outubro (BOE nº 280, do 23 de novembro), polo que se definen os criterios e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, da acuicultura e da comercialización, a transformación e a promoción de productos.

O regulamento (CE) nº 3699/93, foi modificado polos regulamentos (CE) nº 1624/95, do Consello, do 29 de xuño de 1995, no que, en atención ás disposicións do convenio de Londres establece que, a máis tardar o 1 de xaneiro do ano 2004, se xeneralizarán o emprego do arqueo bruto en tódolos buques da flota pesqueira da Unión Europea, polo que resulta preciso establecer un novo baremo para efecto de cálculo dos investimentos máximos subvencionables para a flota pesqueira, alternativo ó actual, e polo Regulamento (CE) 2719/95, do Consello, do 20 de novembro, polo que se inclúen medidas de carácter socioeconómico.

O Real decreto 2112/1995, do 28 de outubro, foi derrogado polo Real decreto 798/1995, do 19 de maio (BOE nº 154, do 29 de xuño), polo que se definen os criterios e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, da acuicultura e da comercialización, a transformación e a promoción de seus productos, que foi modificado polo Real decreto 312/1996, do 23 de febreiro (BOE nº 65, do 15 de marzo), polo que se establecen medidas socioeconómicas no sector pesqueiro.

Considerando todo o exposto, é preciso adapta-la normativa autonómica ás modificacións anteriores polo que, polas atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modíficase a Orde do 22 de febreiro de 1995 pola que se establecen as condicións para a concesión de axudas para a paralización definitiva de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia nos seguintes termos:

-Toda referencia feita ó Real decreto 2112/1995, do 28 de outubro, enténdese feita ó Real decreto 798/1995, do 19 de maio, polo que se definen os criterios e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, da acuicultura e da comercialización, a transformación e a promoción de seus productos, que derrogou o anterior.

-Engádese o apartado e) no artigo 4, coa seguinte redacción: «Relación de pescadores que formen parte da tripulación do buque obxecto da solicitude de paralización, cos NIF e nº de afiliación no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar, no momento de petición da axuda, conforme o modelo do anexo II, acompañándoa coa fotocopia compulsada da inscrición dos tripulantes no rol do buque».

-Inclúese o cadro 1 bis, que se xunta como anexo I á presente orde, no anexo I: «baremos e niveis de participación».

-Engádese o apartado g) no artigo 10, coa seguinte redacción: «Acreditación de terlle notificada ós pescadores a concesión da correspondente axuda pola paralización do buque afectado. Esta acreditación realizarase de acordo co modelo que se xunta como anexo III a esta orde. Caso de que a empresa armadora contase con máis unidades pesqueiras e fixera uso da opción sinalada no artigo 3.1-d) do Real decreto 312/1996, deberá acredita-los datos dos tripulantes afectados, de acordo co disposto no artigo 4.e) da orde que se modifica».

Disposición transitoria

De acordo co disposto na disposición transitoria única do Real decreto 312/1996, do 23 de febreiro, os armadores dos buques pesqueiros que se atopen pendentes de resolución no momento de entrada en vigor deste, deberán completa-lo expediente xuntando certificado do armador coa relación de pescadores que formaban parte da tripulación do buque obxecto da solicitude de paralización no momento da entrada en vigor do real decreto (16-3-1996), acompañando fotocopia compulsada da inscrición dos tripulantes no rol do buque e da alta correspondente no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras para que dicte as resolucións necesarias para o mellor cumprimento do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Cuadro 1 bis (*)

Categoría de buque por

clase de tonelaxe

(TB)

Importe máximo da prima

por buque de quince anos

(en ecus)

0.2 < 108.130/GT + 1.200
10 < 254.100/GT + 41.500
25 < 1003.520/GT + 56.000
100 < 3002.348/GT + 173.200
300 < 5001.912/GT + 304.000
500 e máis1.045/GT + 737.500

(*) Os buques de máis de 24 metros de eslora entre perpendiculares, só poderán beneficiarse das primas deste cadro.

4531