Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 14 de xuño de 1996 Páx. 5.867

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 235/1996, do 6 de xuño, polo que se cede ó Concello de Monforte de Lemos (Lugo) o uso do inmoble coñecido como Refuxio Turístico de Ribas Altas, sito na parroquia de Ribas Altas, termo municipal de Monforte de Lemos.

O Concello de Monforte de Lemos solicitou da Consellería de Economía e Facenda a cesión do uso do inmoble coñecido como Refuxio Turístico de Ribas Altas, sito na parroquia de Ribas Altas, termo municipal de Monforte de Lemos, para dedicalo a refuxio turístico.

Mediante Decreto 200/1996, do 17 de maio,(DOG nº 105 do 29 de maio), desafectouse do dominio público o inmoble coñecido como Refuxio Turístico de Ribas Altas, sito na parroquia de Ribas Altas, termo municipal de Monforte de Lemos (Lugo).

Por orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de maio de 1996 (DOG nº 110, do 5 de xuño) declarouse a alleabilidade do inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei

3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de xuño de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Monforte de Lemos, do dereito de uso do inmoble coñecido como Refuxio Turístico de Ribas Altas, sito na parroquia de Ribas Altas, de Monforte de Lemos (Lugo).

Artigo 2º

A cesión do uso queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será dedica-lo edificio a refuxio turístico.

b) A cesión outórgase por un período de dez anos, contados desde a sinatura da escritura pública sinalada no artigo 2º.2 do presente decreto.

c) O dito prazo prorrogarase por períodos sucesivos de igual duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo de petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita reconducción.

d) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo dun ano contado desde a sinatura da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

e) Os gastos de conservación, mantemento e administración do inmoble serán por conta da entidade cesionaria, así como tódalas obras de reparación, adaptación e mellora, que requirirán presentación de proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O concello subscribirá unha póliza, da que será beneficiaria a Comunidade Autónoma de Galicia, que cubra os danos do inmoble do que se cede o uso, así como a responsabilidade civil por posibles danos a terceiros.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou

funcionario en quen delegue, na que deberá consta-lo acordo de cesión e aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, seis de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4080