Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 14 de xuño de 1996 Páx. 5.866

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 234/1996, do 30 de maio, polo que se desafecta unha parcela de 1.148 m aproximadamente que forma parte do Complexo Deportivo Monterrei, sito no lugar do Penedo, termo municipal do Pereiro de Aguiar (Ourense).

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O apartado segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería

interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Por todo isto, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público unha parcela de 1.148 m aproximadamente, sita no lugar do Penedo, termo municipal do Pereiro de Aguiar (Ourense), que constitúe unha porción que se vai segregar do predio no que se sitúa o Complexo Deportivo Monterrei. Linda: ó norte co predio matriz e predio da Fundación San Rosendo; Sur, nunha lonxitude de 38 metros, con camiño particular da Fundación San Rosendo; leste, cun predio da dita Fundación, e oeste, co predio matriz.

Artigo 2º

A parcela anteriormente descrita adquire natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, trinta de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4532