Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 10 de xuño de 1996 Páx. 5.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 224/1996, do 30 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo concello de Carballeda de Avia (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Carballeda de Avia.

O Concello de Carballeda de Avia (Ourense), en sesión celebrada o día 25 de abril de 1995, aprobou o prego de bases da obra colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Carballeda de Avia e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación

complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14 de decembro de 1995 de baixo o número 13414.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 24 de xaneiro 1996, nº 666.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do expediente sinalado, primeiro, porque a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, aprobou o financiamento ó 100% da mentada obra e xa iniciou o expediente para a súa contratación, publicando o anuncio do concurso no DOG do día 20 de outubro de 1995; segundo, porque se trata dunha obra moi necesaria, por contar na actualidade cunha depuradora vella, a cal, ó atoparse en mal estado, hai o risco de que sexa clausurada polos organismos competentes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomia de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de maio de mil novecentos noventa e seis.

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Carballeda de Avia (Ourense), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Carballeda de Avia.

Santiago de Compostela, trinta de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

4321