Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 10 de xuño de 1996 Páx. 5.626

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de maio de 1996 pola que se resolve a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, convocada na Orde do 30 de novembro de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións de actividades de fomento do estudio e investigación da linguaxe xurídica.

A Orde do 30 de novembro de 1995 (DOG do 22-12-1995) regula a concesión de subvencións de actividades de fomento do estudio e investigación da linguaxe xurídica.

Visto o informe-proposta formulado pola comisión constituída ó abeiro do artigo 10 da devandita orde, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo único.-Elevar a resolución definitiva o informe-proposta presentado pola comisión constituída ó abeiro do artigo 10 da Orde do 30 de novembro de 1995, que se publica como anexo desta orde, estimando e desestimando as peticións presentadas, nos termos deste.

As entidades ás que lles sexan subvencionados proxectos deberán presentar ante a Dirección Xeral de Política Lingüística a aceptación da subvención concedida, no prazo máximo de dez días, contados a partir da publicación desta disposición no DOG segundo o establecido no artigo 12 na Orde do 30-11-1995.

A presente disposición pon fin á vía administrativa, segundo o disposto no artigo 109 e) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Informe proposta correspondente á Orde do 30 de novembro de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións de actividades de fomento do estudio e investigación da linguaxe xurídica

En Santiago de Compostela, ás 10 horas do día dezanove de abril de mil novecentos noventa e seis,

reuníuse a comisión para proceder ó estudio das peticións presentadas, ó abeiro da Orde do 30 de novembro de 1995.

Dáse conta por parte do secretario das solicitudes recibidas e, despois de cambiar impresións e das oportunas deliberacións, os membros da comisión acordan por unanimidade, de acordo co expresado no artigo 5 da orde citada, propor ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria que conceda as seguintes subvencións:

1. A Fetico Galicia para a publicación dun estudio terminolóxico da linguaxe administrativa e unha guía de recursos laborais a cantidade de cincocentas vinte mil pesetas (520.000 ptas).

2. Á Escola de Práctica Xurídica da Universidade de Santiago de Compostela para a edición do Boletín de Xurisprudencia Local e a memoria da escola correspondente o curso 1995-1996, a cantidade dun millón de pesetas (1.000.000 de ptas).

3. A Fundación Penzol para a edición do libro Ferro Couselo A vida e a fala dos devanceiros, e a edición dun volume no que se recollan aquelas decisións xurisprudenciais que resolvan conflictos lingüísticos, a cantidade dun millón de pesetas (1.000.000 de ptas).

De acordo co disposto no artigo 10 da orde de convocatoria procedo a eleva-lo seguinte informe proposta á consideración do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para os efectos oportunos, na miña calidade de presidente da comisión avaliadora.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 1996.

4320