Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 10 de xuño de 1996 Páx. 5.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Motociclismo.

Vistos os estatutos da federación deportiva galega de Motociclismo e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 16-12-1995.

Visto o informe da sección de Rexistro de Clubs e asuntos xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995,

de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990 xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Título I

Disposicións xerais

Capítulo I

Denominación, natureza xurídica, obxecto social e domicilio

Artigo 1º

A Federación Galega de Motociclismo é unha entidade privada, con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro. O seu ámbito de territorialidade comprende a Comunidade Autónoma de Galicia no desenvolvemento das competencias que lle son propias, estando integrada polas entidades deportivas, deportistas, e cargos oficiais dedicados á práctica do motociclismo.

Federación Galega de Motociclismo, ademais das competencias que lle son propias, exerce por delegación funcións públicas de carácter administrativo actuando como axente colaborador da Administración pública.

Artigo 2º

A Federación Galega de Motociclismo organízase orgánica e funcionalmente de forma democrática e representativa, con personalidade xurídica e patrimonio propio e independiente do dos seus asociados, e plena capacidade de obrar, coas limitacións sinaladas pola lei e disposicións vixentes, e pode adquirir, para os seus propios fins, bens de todas clases, mobles e inmobles, contratar e obrigarse para o cumprimento das súas finalidades e está suxeita ás súas propias responsabilidades.

A Federación Galega de Motociclismo encóntrase integrada na Real Federación Motociclista Española ostentando de maneira exclusiva a representación desta dentro da Comunidade Autónoma de Galicia no referente ó deporte do motociclismo, conservando en tal integración a súa personalidade xurídica, o seu patrimonio propio e diferenciado, o seu orzamento e o seu réxime xurídico particular.

Artigo 3º

A Federación Galega de Motociclismo ten como obxecto social promocional, dirixir e ordenar exclusivamente dentro de Galicia, sen prexuízo das com

petencias concorrentes das distintas administracións públicas, as actividades propias da súa modalidade deportiva, en coordinación cos organismos correspondentes da Xunta de Galicia, e rexerase por estes estatutos e os seus regulamentos, polos da Real Federación Motociclista Española, no que lle sexan aplicables, e polas disposicións que dicte a Xunta de Galicia e, supletoriamente, a Administración do Estado.

A Federación Galega de Motociclismo é a única entidade competente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia para promocionar, regulamentar, organizar, xestionar e contro-las competicións oficiais de velocidade, regularidade, rally, moto-cros, supercross, enduro, raid, trial, trial indoor, turismo, motoneve, speedaway e moto-ball.

A Federación Galega de Motociclismo ostenta a representación galega do deporte do motociclismo.

Artigo 4º.-A Federación Galega de Motociclismo, dentro da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, ademais das súas funcións propias de promoción-goberno, administración, xestión e organización do motociclismo, exercerá, baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

a) A promoción e divulgación do motociclismo en tódalas súas facetas.

b) Dirixi-los deportistas á práctica do motociclismo mediante os oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

c) Respaldar técnica e administrativamente a práctica do motociclismo, velando ante os organismos competentes polo apoio a esta modalidade deportiva dentro de Galicia.

d) Cualificar e organiza-las actividades e competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico galego.

c) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os integrantes da federación nos termos previstos pola lei.

f) Exerce-lo control das subvencións que lles asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Executar, se é o caso as resolucións do comité galego de disciplina deportiva.

h) Calquera outra que lle sexa atribuída pola lexislación vixente ou que acorde no ámbito da súa competencia a asemblea xeral.

Os actos realizados pola Federación Galega de Motociclismo no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo, son susceptibles de recurso ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública. As súas resolucións esgotan a vía administrativa.

Artigo 5º

O domicilio social da Federación Galega de Motociclismo establécese na rúa República Arxentina, 24-1º, en Vigo.

A comisión delegada, por maioría dos seus membros e cando as circunstancias o aconsellen, poderá acorda-lo cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma galega, será necesario o acordo maioritario da asemblea xeral. En ámbolos casos, o traslado do domicilio social deberá serlle notificado ós afiliados e á Secretaría Xeral para o Deporte.

Por acordo da asamblea xeral, e para efectos puramente de organización, poderanse establecer delegacións da federación nas localidades de Galicia que decida a citada asemblea.

Capítulo II

Requisitos para ser membro da federación. Dereitos e deberes

Artigo 6º

As entidades deportivas poderán integrarse, a petición propia, na Federación Galega de Motociclismo, sempre que teñan o seu domicilio social e desempeñen a súa actividade en Galicia e se encontren constituídos conforme os requisitos esixidos para cada modalidade pola lexislación vixente e inscritos no rexistro de clubs, federacións e asociacións deportivas da Xunta de Galicia, debendo comprometerse a cumpri-lo disposto nos estatutos e regulamentos da Federación Galega de Motociclismo e someterse á autoridade dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia.

Os mesmos criterios e requisitos, no que sexa de aplicación, rexerán para a integración na federación dos deportistas, cargos oficiais e outros colectivos interesados, se os houbera.

Artigo 7º

A integración na federación producirase mediante a expedición por parte desta da correspondente licencia federativa ou documentos de afiliación ou inscrición. A dita expedición será acordada pola xunta directiva da federación galega.

En todo caso, para a participación en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico será preciso estar en posesión da licencia ou documentos de afiliación expedido pola federación.

Artigo 8º

Tódolos membros da federación teñen dereito a recibi-la tutela desta con respecto ós seus intereses deportivos comúns e individuais, así como o de participar nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos, de acordo cos presentes estatutos e cos regulamentos internos daquela. Os membros da federación teñen, pola súa vez, o deber de aca

ta-los acordos dos seus órganos, sen prexuízo de recorrer, ante as instancias federativas competentes e, se e o caso, ante os tribunais de xustiza ou Secretaría Xeral para o Deporte, segundo proceda, aqueles que consideren contrarios a dereito, e sen prexuízo de acudir á conciliación extraxudicial ou arbitraxe nos termos previstos nas leis.

Título II

Dos órganos de goberno e representación

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 9º

Son órganos de goberno e representación da federación a asemblea xeral e o presidente.

No seo da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada de asistencia a esta.

Artigo 10º

1. Serán órganos electivos da federación o presidente, a asemblea xeral e a comisión delegada no ámbito das súas respectivas competencias.

Os membros dos demais órganos e comités, serán designados e revogados libremente polo presidente coas excepcións previstas nos presentes estatutos.

2. O nomeamento ou a renovación dos membros dos órganos de goberno e representación dos órganos complementarios, e dos comités que puideran crearse dentro da federación deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e a Secretaría Xeral par o Deporte, nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

3. Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e termos establecidos neste estatutos; os seus acordos, salvo disposición expresa que dispoña o contrario, adoptaranse por maioría simple. En caso de empate, o presidente terá voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos.

4. A responsabilidade dos membros dos órganos da federación no exercicio das súas funcións será esixida no ámbito disciplinario de conformidade co disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, e nos ámbitos civil e penal de acordo coa lexislación xeral de aplicación.

5. Son requisitos xerais para ser membro de calquera órgano da Federación Galega de Motociclismo, sen prexuízo do establecido regulamentariamente, os seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica do 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Nos estar suxeito a corrección disciplinaria de carácter deportivo que o inhabilite.

d) Non ter sido condenado mediante sentencia penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

e) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade establecida legalmente ou nos presentes estatutos.

f) Reuni-los requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

Capítulo II

Da asemblea xeral

Sección primeira

Natureza, composición, nomeamento e cesamento

Artigo 11º

A asemblea xeral é o órgano superior de goberno e representación Federación Galega de Motociclismo.

Artigo 12º

A asemblea xeral estará constituída polo presidente da federación e polos representantes das entidades deportivas, os deportistas, e os cargos oficiais.

As entidades deportivas non poderán ser membros da asemblea xeral, se no momento da convocatoria de eleccións non figuran inscritos no rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Xunta de Galicia.

Os compoñentes da xunta directiva, por este só carácter poderán asistir ás reunións da asemblea, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 13º

A asemblea xeral está integrada por 48 membros, e a representación dos estamentos sinalados anteriormente responderá ás seguintes proporcións.

-Entidades deportivas: correspondente o 75% dos membros da asemblea.

-Deportistas: corresponde o 20% dos membros da asemblea.

-Cargos oficiais: corresponde o 5% dos membros da asemblea.

Artigo 14º

A convocatoria de eleccións deberá indicar expresamente os número de membros da asamblea xeral e o de cada un dos estamentos.

Artigo 15º

Os membros da asemblea xeral e a comisión delegada cesarán polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Disolución da entidade á que representan.

c) Expiración do mandato para o que foron elixido.

d) Renuncia voluntaria ou demisión.

e) Estar in curso en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade legal ou estatutaria.

f) Sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que ostenta.

g) Perda dos requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento.

Artigo 16º

As vacantes que se produzan na asemblea xeral antes das seguintes eleccións xerais a esta, serán cubertas, dentro de cada estamento e de maneira sucesiva, polos candidatos que no proceso electoral obtivesen maior número de votos despois dos que resultaron electos e, na falta destes, mediante a realización de eleccións parciais sempre que, neste último caso, as vacantes superen o 20% dos membros da asemblea.

Os elixidos para ocuparen as vacantes ás que se refire o apartado anterior ostentarán o seu mandato polo tempo que falte para a celebración das seguintes eleccións xerais.

Sección segunda

Réxime de funcionamento

1. Competencias.

Artigo 17º

Asemblea xeral, en canto órgano máximo de goberno e representación da federación, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre esta, con sometemento ás regras de competencia e procedemento. Especialmente son competencias da asemblea xeral as seguintes:

1. A aprobación e modificación dos estatutos da Federación Galega de Motociclismo.

2. A elección mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto do presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Motociclismo.

3. Aprobación e liquidación do orzamento anual da Federación Galega de Motociclismo.

4. Aprobación do programa ou calendario deportivo anual que desenvolverá a Federación Galega de Motociclismo, e das bases ou regulamentos que rexerán a competición.

5. Aprobación da creación de órganos territoriais da Federación Galega de Motociclismo.

6. Aprobación do regulamento de eleccións á asemblea, presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Motociclismo.

7. Aprobación do Regulamento sobre conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

8. Aprobación do Regulamento de disposición deportiva.

9. Calquera outra competencia da federación que non estea expresamente atribuída polos presentes estatutos a outro órgano.

2. Convocatoria.

Artigo 18º

A asemblea xeral será convocada polo presidente da Federación Galega de Motociclismo, cun mínimo de 10 días naturais de antelación á data da súa celebración, no taboleiro de anuncios da federación, debendo incluír necesariamente os puntos da orde do día que se vaian tratar, ademais da notificación individual a cada un dos membros enderezo que deberá constar na federación 30 días antes da data da convocatoria; a notificación remitirase por calquera medio que permita ter constancia da recepción cunha antelación mínima de corenta e oito horas. Os defectos formais na convocatoria non darán lugar á nulidade da asemblea sempre e cando os membros desta recibisen a convocatoria coa orde do día no prazo establecido e, en todo caso, a asemblea será válida, sen necesidade de ningún outro requisito, sempre que concorran a totalidade dos membros desta.

A orde do día poderá ser modificada, no sentido de incorporar novos puntos, a petición fundada dunha quinta parte dos membros da asemblea xeral e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida serlle notificaba a tódolos membros da asemblea xeral mediante a notificación e a publicación no taboleiro de anuncios Federación Galega de Motociclismo cunha antelación mínima de 3 días data de celebración.

Artigo 19º

O presidente da Federación Galega de Motociclismo deberá convocar unha asemblea xeral ordinaria anualmente antes do inicio da nova tempada deportiva para trata-los asuntos propios da xestión ordinaria e, como mínimo, para a aprobación da memoria anual de actividades, a aprobación do novo orzamento e a liquidación do anterior, aprobación do calendario deportivo e das regras que rexerán a competición e o exame e consideración das propostas que formulen os membros da asemblea, da comisión delegada, da xunta directiva e o presidente.

Tódalas demais asembleas ten carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente da Federación Galega de Motociclismo sempre que o considere oportuno, ou a petición dun número de membros que integran a asemblea non inferior ó 25%. Neste caso, os solicitantes deberán formular unha petición por escrito dirixido ó presidente da federación indicando os puntos que compoñerán a orde do día. O presidente, no prazo máximo de 10 días naturais desde a entrada da petición no rexistro da Federación Galega de Motociclismo, deberá convoca-la asemblea xeral con carácter extraordinaria, cos requisitos de forma sinalados nestes estatutos, e coa orde do día solicitada sen incluír ningún outro punto para celebrar nun prazo non superior a 20 días naturais desde a convocatoria. Caso de negativa

expresa do presidente a efectua-la convocatoria, ou pasados 10 días desde que a solicitude fose efectuada sen ser respondida, os solicitantes poderán facer uso dos dereitos que a lexislación vixente establece, ante a Secretaría Xeral para o Deporte para a convocatoria dos órganos colexiados de goberno.

Cando o presidente da federación aprecie a existencia dunha situación urxente que non permita demora na convocatoria da asemblea extraordinaria, poderá convocala sen suxeción a prazo nin requisito de forma ningunha salvo a citación persoal dos asambleístas que poidan ser localizados nos domicilios que consten na federación. En todo caso, a asemblea requirirá como mínimo a presencia de 2/3 dos seus membros e antes de analiza-la orde do día, pronunciarase previamente, por maioría de asistentes, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non da súa celebración. En todo caso nunha asemblea convocada desta forma non poderán modificarse os estatutos.

Artigo 20º

A asemblea xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando a ela concorran a maioría dos seus membros.

En segunda convocatoria será válida sexa cal sexa o número de asistentes. Deberá mediar un mínimo de media hora entre a primeira e a segunda convocatoria.

3. Adopción de acordos.

Artigo 21º

Non será admisible en modo ningún para a formación da vontade dos órganos colexiados da federación nin para o establecemento do seu quórum o voto por correo nin a delegación de voto sendo, por tanto, necesaria a presencia física dos seus membros. Exceptuándose as eleccións dos membros da asemblea xeral, se así se aprobase no Regulamento electoral.

Con carácter excepcional, as entidades deportivas podrán ser representadas de conformidade cos seus propios estatutos, pero o representante non poderá ser membro da asemblea xeral.

Ninguén poderá ostentar na asemblea xeral máis dunha delegación de voto.

Artigo 22º

As votacións no seo da asemblea xeral realizaranse na forma e pola orde que a presidencia estableza, sendo esta a que decidirá se serán ordinarias, nominais ou secretas; se polo menos o vintecinco por cento dos asistentes solicita, unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da asemblea xeral.

Artigo 23º

A asemblea xeral será presidida polo presidente da federación, e o seu voto será de calidade en

caso de empate. Os acordos adoptaranse por maioría simple de asistentes.

Para os efectos de cómputo de quorums e maiorías, cando estes se conformen cun número inexacto de asambleístas, computaranse sempre por exceso e con referencia ó número daqueles efectivamente existentes como membros da asemblea, descontadas as vacantes.

Artigo 24º

De tódolos acordos adoptados na asemblea xeral e comisión delegada, levantará acta o secretario destas, especificando o nome das persoas que inteviñeron e as demais circunstancias que se consideren oportunas, contido dos acordos adoptados, o resultado da votación e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán a quen os emita de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.

Artigo 25º

Os acordos da asemblea xeral e da comisión delegada, serán vinculantes e de obrigatorio cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a federación e terán forza executiva a partir da data da súa adopción.

Artigo 26º

A asemblea xeral non poderá adoptar ningún acordo ou realizar ningún acto que poida comprometer de forma irreversible o seu patrimonio ou a actividade que constitúe o obxecto propio da federación.

En caso de dúbida ou a petición dun 5% dos membros de dereito da asemblea, será requisito imprescindible a emisión dun informe favorable, por parte dos organismos competentes da Xunta de Galicia.

Capítulo III

Da comisión delegada

Natureza, constitución, composición e funcionamento

Artigo 27º

1. No seo da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada que terá carácter electivo e será un órgano de goberno e representación da federación.

2. A comisión delegada será elixida pola asemblea xeral na primeira reunión que esta celebre despois da súa constitución mediante sufraxio entre os membros desta. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

3. O número de membros da comisión delegada será o 15% dos membros da asemblea xeral. En ningún caso este número será inferior a 5 nin superior a 15.

4. O presidente da federación convocará a comisión delegada que se reunirá como mínimo cada 4 meses para os fins da súa competencia e polo menos para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

5. Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na comisión delegada correspóndelle ó presidente ou a dous tercios dos membros da comisión delegada.

Capítulo IV

Do presidente

Artigo 28º

O presidente da federación é o órgano de goberno e representación que ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación e executa os acordos destes. O presidente poderá nomear delegados nas localidades aprobadas pola asemblea xeral, que actuarán seguindo as instruccións daquel e por delegación nas funcións que se lle encomenden. Os ditos delegados poderán ser cesados ou substituídos polo presidente segundo o seu criterio.

Artigo 29º

A duración do cargo de presidente será de 4 anos.

No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a presidencia antes de que transcorra o prazo para o que foi elixido, considerase demisionaria toda a xunta directiva, e constituirase a comisión delegada en comisión xestora, presidida polo membro de maior idade. Convocará a asemblea xeral, e esta acordará unha nova elección do presidente para cubri-la vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ó mandato ordinario. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura haberá que aterse ó disposto no artigo 32º destes estatutos.

Artigo 30º

O desempeño do cargo de presidente será causa de incompatibilidade coas seguintes actividades:

a) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en asociacións deportivas, ou clubs dependentes integrados na federación.

b) A persoa que resulte elixida como presidente da federación deberá cesar en todo tipo de acti

vidades directivas no deporte específico e no ámbito territorial da federación.

Non existirá incompatibilidade, en ningún caso coa práctica activa do deporte.

Artigo 31º

O presidente cesará por:

a) Transcurso do prazo polo que foi elixido.

b) Demisión.

c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Aprobación dunha moción de censura pola asemblea xeral.

e) Por incorrer en causa de inelixibilidade, ou incompatibilidade. Neste último caso disporía dun prazo dun mes para cesar no posto que resulte incompatible co de presidente.

Artigo 32º

A moción de censura ó presidente poderá ser presentada polos membros da asemblea xeral que constitúan polo menos un 25% desta mediante escrito presentado no rexistro da federación. Coa dita petición deberán solicitar do presidente a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria coa dita moción como único punto da orde do día, así como propoñer un candidato alternativo á presidencia.

Caso de prospera-la moción de censura, que se votará nun sistema de dobre volta, debendo alcanza-la maioría absoluta de membros que compoñen a asemblea na primeira ou maioría simple de asistentes na segunda, celebradas con media hora de diferencia, o candidato quedará investido, cun mandato polo prazo que falte para concluí-lo período ordinario.

Para a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria a que se refire este artigo, aplicarase o disposto no artigo 18º destes estatutos. A sesión da asemblea xeral na que se debata a moción de censura, estará presidida polo membro de maior idade. Non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación.

Se a moción de censura non prosperase, non poderá presentarse unha nova ata transcorrido un ano desde esta. Como tampouco poderá presentarse, caso de prosperar, contra o candidato investido na dita moción polo mesmo tempo que o anterior.

Título III

Órganos complementarios dos de goberno e representación

Artigo 33º

Son órganos complementarios dos de goberno e representación da federación, para asisti-lo presidente:

a) A xunta directiva.

b) O secretario xeral.

c) O tesoureiro.

Artigo 34º

1. A xunta directiva é o órgano colexiado de xestión da federación sendo os seus membros designados e revogados libremente polo presidente.

O número de membros da xunta directiva non poderá ser inferior a 5 nin superior a 15.

O presidente elixirá entre os membros da súa xunta directiva un vicepresidente, que o será tamén da federación, quen substituirá ó presidente por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal; e un tesoureiro. Tales cargos, en canto baseados na confianza, poderán ser removidos polo presidente cando o considere conveniente. O secretario da federación intervirá como secretario da xunta directiva, con voz pero sen voto. Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral, terán acceso ás sesións desta, con dereito a voz pero sen voto.

Tódolos cargos son honoríficos e, no caso de establecerse unha compensación económica a favor dalgún dos membros da xunta directiva deberá ser expresamente acordada pola asemblea xeral e constar dunha maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

2. O presidente da federación nomeará a un secretario, o cal exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da federación con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

b) Expedi-las certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

c) Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte as actas, das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración, así como as convocatorias destas.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación, ou lle sexan delegadas polo presidente.

3. O tesoureiro da federación é o órgano de administración desta.

Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentarlle informes á comisión delegada do estado contable da federación.

Artigo 35º

Os membros da xunta directiva cesarán polas seguintes causas:

a) Vacancia na presidencia, sen prexuízo o da súa conversión en comisión xestora nos casos previstos nos estatutos .

b) Demisión.

c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Por incorrer en causa de inelixibilidade, ou incompatibilidade.

e) Cesados directamente polo presidente co cumprimento das comunicación a que se refiren os presentes estatutos.

Artigo 36º

A xunta directiva como órgano colaborador do presidente non terá competencias propias e exercerá por delegación, as que lle encomende o presidente, que poderá avocar e revogar en calquera momento.

Artigo 37º

Os asuntos ordinarios de trámite serán despachados polo presidente e o secretario.

Título IV

Dos órganos técnicos e asesores

Capítulo I

Comisións en xeral

Artigo 38º

1. A federación poderá crear, logo de aprobación pola asemblea xeral, cantas comisións técnicas precise, ademais das seguintes:

a) Os comités de disciplina deportiva: xuíz único e comité de apelación.

b) Colexio de cargos oficiais.

Tódalas comisións se rexerán polos seus respectivos regulamentos internos e, se é o caso, pola normativa nacional unificada e emanada da Real Federación Motociclista Española, pola lexislación aplicable, e polo disposto nos presentes estatutos.

Tódolos presidentes dos comités serán nomeados polo presidente da federación. O secretario da federación intervirá como secretario de tódolos comités con voz e sen voto, salvo que fose membro destes.

Capítulo II

Colexio de cargos oficiais

Artigo 39º

No seo da federación constituirase, de maneira obrigatoria, un colexio de cargos oficiais, no cal o p residente será designado polo presidente da federación.

Este colexio poderá adopta-la estructura territorial da federación.

Serán funcións deste colexio:

a) Establece-los niveis de formación.

b) Clasificar tecnicamente os cargos oficiais, en función de criterios prefixados pola asemblea xeral, propoñéndolle á xunta directiva a adscripción ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaránselle á asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a cargos oficiais nacionais.

d) Propoñerlle á Xunta Directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

9) Colaborador cos órganos competentes da federación.

Título V

Réxime electoral

Capítulo I

Os censos

Artigo 40º

Compoñerán os censos correspondentes a cada estamento electoral tódolos membros da federación que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nos presentes estatutos e no regulamento electoral.

Capítulo II

Regulamento electoral

Artigo 41º

Os procesos electorais desenvolveranse conforme o regulamento electoral que deberá ser aprobado pola asemblea xeral, por proposta do presidente, e regulará as seguintes cuestións:

1. Número de membros de asemblea xeral; circunscrición electoral e número de representantes que por cada circunscrición electoral corresponda a cada un dos estamentos.

2. Calendario electoral.

3. Censo electoral.

4. Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

5. Requisitos para presentación e proclamación de candidatos. O termo para a presentación de candidatos a presidente e membros da asemblea xeral non poderá ser inferior a 10 días.

6. Procedemento de resolución de conflictos, impugnacións e reclamacións, así como os recursos electorais.

7. Regulación do voto por correo nas eleccións á asemblea xeral. Non se admitirá esta clase de voto nas elección á comisión delegada e presidente.

8. Composición, competencia, funcionamento e situación das mesas electorais.

9. Elección de presidente.

10. Elección da comisión delegada.

O regulamento electoral deberá ser ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Capítulo III

A Comisión xestora

Artigo 42º

Acordada a convocatoria de eleccións pola asemblea xeral e aprobado o regulamento electoral, o presidente procederá no prazo sinalado neste á convocatoria de eleccións a asemblea xeral. A partir dese momento, a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora, e someterán o regulamento electoral á ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte.

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións á asemblea xeral e presidente, así como do regulamento electoral coas medidas previstas nas disposición federativas a través dun medio que permita asegura-la recepción da dita notificación. Deberá expoñerse o regulamento electoral en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

A comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses no caso de que non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas.

Capítulo IV

Circunscrición electoral

Artigo 43º

A circunscrición electoral será autonómica.

Capítulo V

Xunta electoral

Artigo 44º

1. A xunta electoral estará composta por un representante de cada un dos estamentos pertencentes á asemblea anterior: entidades deportivas, deportistas, e cargos oficiais, que serán elixidos mediante votación na asemblea xeral. Designaranse así mesmo os membros suplentes, en igual número e condición cós titulares.

2. De entre os membros designados, o presidente será o de maior idade, e actuará como secretario o que o sexa da federación, con voz pero sen voto.

3. Os membros da xunta electoral non poderán figurar como candidatos á asemblea xeral e a presidencia da federación.

4. A xunta electoral controlará todo o proceso electoral e terá competencia para coñecer e resolve-las incidencias que se produzan sobre o censo

electoral, presentación e proclamación de candidatos, proclamación de membros da asemblea xeral e comisión delegada, e do presidente da federación, así como a decisión de calquera outra cuestión que afecte directamente á celebración das eleccións e ós seus resultados. Unha vez finalizada a votación levantará acta da votación e o reconto, e remitiralle a acta á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo máximo de 3 días.

5. As decisións da xunta electoral son executivas e formaranse por maioría de votos. En casos de empatar, o voto do presidente terá carácter dirimente.

6. Unha vez concluído, o proceso electoral da asemblea xeral, do presidente da federación e da comisión delegada, a xunta electoral disolverase.

Capítulo sexto

Mesas electorais

Artigo 45º

Para a elección dos distintos estamentos da asemblea xeral, do presidente e da comisión delegada, constituiranse unha ou varias mesas electorais na forma establecida no regulamento electoral. Os membros destas mesas non poderán ser candidatos, axustándose no seu funcionamento ás normas que establezan no regulamento electoral.

Capítulo VI

Recursos

Artigo 46º

As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á xunta electoral, e contra o que esta resolve caberá recurso ante o comité galego de disciplina deportiva. Así mesmo caberá recurso ante o comité galego de disciplina deportiva, contra tódolos actos, acordos ou resolucións da xunta electoral ou calquera outro órgano ou membro da federación en materia electoral.

Capítulo VIII

Elección da asemblea xeral

Artigo 47º

1. Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo, entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da federación.

2. As eleccións á asemblea xeral serán acordadas por esta, que aprobará a convocatoria con tódolos requisitos que se establecerán no regulamento electoral, que así mesmo se aprobe.

3. Acordada pola asemblea xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da federación, quen asinará esta.

4. Desde a convocatoria para a celebración desta asemblea xeral, a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora, de acordo co disposto no artigo 42 dos presentes estatutos.

Artigo 48º

Para ser candidato a membro da asemblea xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral no artigo 10.5º destes estatutos.

Os requisitos esixidos para ser electores ou elixibles deberán terse cumpridos no día no que se publique a convocatoria de eleccións.

Artigo 49º

As eleccións á asemblea xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes ós estamentos integrantes dela de acordo co previsto nestes estatutos.

Artigo 50º

Os representantes das entidades deportivas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os representantes dos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que integran o censo de entidades deportivas inscritas no rexistro público da federación e no rexistro de clubs, federacións e asociacións deportivas da Xunta de Galicia, no momento da convocatoria das eleccións, e estivesen igualmente inscritos durante a tempada deportiva anterior, sempre que organizasen ou participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola Federación Galega de Motociclismo ou pola Real Federación Española de Motociclismo coa aprobación ou intervención daquela.

Enténdese por competición ou actividade deportiva de carácter oficial para as entidades deportivas, a organización, ou participación a través dos deportistas que as representen, de competicións ou actividades correspondentes os campeonatos galegos aprobados pola asemblea xeral, ou competicións dos campeonatos de España.

Artigo 51º

Os representantes dos deportistas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os maiores de 18 anos correspondentes a cada circunscripción electoral dos que teñan licencia en vigor expedida pola federación no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tivesen, menos, durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas polo Federación Galega de Motociclismo ou pola Real Federación Motociclista Española, coa aprobación ou intervención daquela. Consideraranse competicións ou actividades de carácter oficial aquelas puntuables para os campeonatos galegos ou campeonatos de España.

Artigo 52º

Os representantes dos cargos oficiais na asemblea xeral serán elixidos por e entre os pertencentes a

este estamento, calquera que sexa a súa categoría, dos que teñan licencia en vigor no momento da convocatoria das eleccións e temán a tivesen, como mínimo, na tempada deportiva inmediatamente anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola federación ou pola Real Federación de Motociclismo Española, coa aprobación ou intervención daquela. Tendo a consideración de competicións ou actividades de carácter oficial aquelas puntuables para os campeonatos galegos ou campeonatos de España.

Capítulo IX

Elección do presidente

Artigo 53º

O presidente será elixido par aun periodo de catro anos, coincidindo cos anos en que se celebren Xogos Olímpicos de Inverno, pola asemblea xeral, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto por tódolos membros da dita asemblea xeral previa á presentación e aceptación das candidaturas correspondentes que deberán estar avaladas menos polo 10% dos membros da asemblea xeral. Os candidatos a presidente poderán non ser membros da asemblea xeral.

Artigo 54º

Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato alcance esta maioría, procederase a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, e resultará elixido o que obteña a maioría de votos.

No suposto de que se presentara un só candidato, non se efectuará votación, e será proclamado presidente o único candidato pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 55º

Para poder ser candidato a presidente da federación, terá que reunirse as condicións seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o que dispón o Estatuto de Autonomía.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva que o inhabilite dictada polos órganos disciplinarios da federación ou polo comité galego de disciplina deportiva.

d) NOn ter sido condenado mediante sentencia xudicial firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de cargos públicos.

Artigo 56º

A votación será libre, igual, secreta e directa, non admitíndose o voto por correo, nin por delegación das persoas físicas.

Capítulo X

Elección da comisión delegada

Artigo 57º

Na mesma asemblea xeral convocada para a lección de presidente, e unha vez realizada esta, procederase á elección dos membros da comisión delegada da asemblea xeral.

A comisión delegada estará composta polo 15% dos membros da asemblea.

Os membros da comisión delegada serán elixidos por e entre os integrantes da asemblea xeral.

Serán elixidos membros da comisión delegada os que obteñan maior número de votos ata cubri-lo número de membros correspondente á comisión delegada.

Título VI

Réxime económico

Artigo 58º

A federación está sometida ó réxime de administración, orzamento e patrimonio propio e caixa única.

O tesoureiro someterá á asemblea xeral ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, memoria económica, así como o orzamento para a tempada seguinte, balance e orzamento que deberá serlle notificado á Secretaría Xeral para o Deporte.

Non poderá aprobarse un orzamento deficitario salvo autorización da Secretaría Xeral para o Deporte. Tampouco poderán repartirse beneficios entre os seus membros.

A federación elaborará unha memoria que analizará fielmente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación orzamentaria o cumprimento dos obxectivos e os proxectos para desenvolver, e informará separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos.

1. Diferenciación dos ingresos e contribucións segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou contribucións privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inombilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de élite e profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdiccionais.

3. O importe das obrigas de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4. O importe das garantías e os avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

As contas anuais e os orzamentos estarán no domicilio social da federación cunha antelación mínima de 15 días á data de celebración da asemblea xeral, a diposición das persoas ou entidades con dereito a voto nela as cales poderán pedir copia que se lles entregará antes da celebración da asemblea.

Artigo 59º

Constitúen os ingresos da federación:

a) As subvencións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia ou as que outras entidades públicas poidan concederlle, asi como as provenientes, se é o caso, da Real Federación Motociclista Española.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón de persoas físicas ou entidades particulares, así como os premios que lle sexan outorgados.

c) As cotas dos seus afiliados.

d) As sancións pecuniarias que se lles impoñan ós seus afiliados dentro do exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou créditos que se lle concedan.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, asi como os derivados dos contratos que realice.

h) Calquera outro que poida serlle atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 60º

A federación destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 61º

A xestión económica ordinaria correrá por conta do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando das operacións de cobros e pagamentos. Será responsable de levar e da custodia os libros de contabilidade. Formulará os balances que anulamente deberán presentarse á asemblea xeral para a súa aprobación.

Título VII

Réxime documental

Artigo 62º

O réxime documental da federación comprenderá, como mínimo, os seguintes libros debidamente dilixenciados:

a) Libro de rexistro de entrada e saída de documentos e comunicacións oficiais.

b) Libro de rexistro de clubs nos que constarán a denominación destes, domicilio social e número de inscrición no rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Xunta de Galicia.

c) Libros de actas que consignarán as reunións que celebren tódolos órganos colexiados da federación, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libro de contabilidade.

e) LIbro inventario de bens mobles e inmobles.

f) Rexistro dos membros da asemblea xeral e da comisión delegada no que deberán consta-los nomes dos titulares ou representantes legais e os domicilios para as citacións e comunicación.

Artigo 63º

O réxime documental da federación estará a cargo do secretario, a quen lle corresponde a custodia dos libros da federación, levantar actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, asinadas co visto e prace do presidente, expedir certificacións, remiti-las certificacións e acordos que procedan á Secretaría Xeral para o Deporte e, en xeral, prepara-la resolución e despacho de tódolos asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física do secretario, as súas funcións serán desempañadas polo propio presidente da federación ou pola persoa en quen delegue.

Título VIII

Réxime disciplinario e xurisdiccional

Artigo 64º

A federación en materia de disciplina deportiva, ten potestade sobre tódalas persoas que formen parte da súa estructura orgánica, as entidades deportivas e os seus deportistas, técnicos e directivos, os cargos oficiais e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva que constitúe o seu obxecto

social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 65º

Os órganos competentes en materia disciplinaria serán:

a) En primeira instancia, un xuíz único.

b) En segunda instancia, un comité de apelación.

Ámbolos órganos rexeranse por e aplicarán o disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva.

O xuíz único de competición e o comité de apelación, que estará integrado por 3 membros, serán nomeados polo presidente da federación.

A duración do cargo coincidirá coa do presidente que os nomease, e durante o dito período só cesarán por renuncia ou demisión, falecemento, incapacidade física, perda da condición de membro da federación, e sanción que o inhabilite para o cargo.

Unha vez elixidos os membros dos comités, estes designarán os seus presidentes nas primeiras reunións que celebren.

A composición destes comités será comunicada á Secretaría Xeral para o Deporte na forma prevista nestes estatutos.

Artigo 66º

As resolucións dictadas polo comité de apelación dentro das súas competencias, terán carácter definitivo no ámbito da federación e poderán ser recorridas ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva conforme a lexislación vixente.

Título IX

Da moficación dos estatutos e da disolución da Federación Galega de Motociclismo

Artigo 67º

Os estatutos da federación só poden ser modificados pola asemblea xeral e de acordo co establecido nos presentes estatutos.

Artigo 68º

A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada polo presidente ou comisión delegada da federación, nomeándose seguidamente pola mesma unha comisión técnica que realice os traballos necesarios para presentar á asemblea o novo que se someterá a aprobación.

Aprobada a reforma dos estatutos pola asemblea xeral, deberá ser ratificada pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 69º

A federación extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioría de 2/3 dos membros da asemblea xeral referendado, por maioría absoluta, por tódolos membros da federación a través de votación libre, igual, directa e secreta.

b) Polas demais causas que determinen as leis.

Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto destinarase ós fins de carácter deportivo que determine a Secretaría Xeral para o Deporte.

4062