Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 07 de xuño de 1996 Páx. 5.570

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición, rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Maconsi, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Maconsi, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-3-1995, subscrito, en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 11-3-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, de 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en mateira de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que conste nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 3 de abril de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Texto do convenio colectivo que regula as relacións de traballo entre a empresa Maconsi, S.A. e o persoal de cociña e alimentación do centro de traballo do hospital do Meixoeiro.

1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1997.

Capítulo I

Ámbito de aplicación e disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as relacións de traballo entre a empresa Maconsi, S.L. e o persoal dependente dela, no servicio de cociña e alimentación do hospital Meixoeiro, Vigo.

Artigo 2º.-Carácter.

O convenio ten carácter de mínimo necesario e indivisible para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas nel constitúan un todo orgánico e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas global e conxuntamente vinculadas á totalidade.

Artigo 3º.-Aplicación preferente.

As disposicións que contén este convenio aplicaranse con preferencia a calquera outra.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

A vixencia deste convenio será de dous anos, do 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1997, e independentemente da súa publicación no BOP producirá efectos a partir do día 1 de xaneiro.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para examinar e resolver cantas cuestións se deriven da interpretación, vixencia e aplicación deste convenio, a súa mesa negociadora constitúe unha comisión paritaria integrada por tres representantes da dirección e tres representantes do comité de empresa. En caso de desacordo pedirase a intervención como presidente do delegado da Consellería de Traballo.

A comisión paritaria terá as seguintes funcións:

-Resolución de cantos asuntos ou reclamacións se sometan á súa consideración, así como de calquera das condicións establecidas neste convenio.

-Vixilancia e cumprimento do convenio colectivo.

-Atención ás denuncias de incumprimento del.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas na súa totalidade estrictamente ad personam aquelas condicións máis beneficiosas

que teña o traballador concedidas pola empresa, por pacto ou costume.

Artigo 7º.-Denuncia e prórroga.

O presente convenio entenderase prorrogado por un ano, se algunha das partes non o denuncian cunha antelación de dous meses ó seu vencemento.

Artigo 8º.-Equiparación.

Os traballadores afectados por este convenio quedan equiparados ó persoal subalterno do Sergas segundo categoría que se reflicte no artigo 1 do capítulo II. De tal maneira que a partir desta equiparación, toda modificación que repercuta no persoal subalterno do hospital do Meixoeiro de Vigo se aplicará de igual forma ós traballadores afectados por este convenio.

Capítulo II

Remuneracións salarios complementos

Artigo 1º.-Remuneracións.

As remuneracións dos traballadores serán iguais e polos mesmos conceptos que as que percibe mensualmente o persoal subalterno do Sergas segundo o grupo ó que se encontre equiparado e que é o seguinte:

Xestor/ra: grupo B.

Encargado/a: grupo C.

Xefe/a de cociña: grupo C.

Cociñeiros/as: grupo C.

Camareiros/as: grupo E (nivel do grupo D código 24).

Axudantes: grupo E.

Durante a vixencia deste convenio as camareiras que non leven 1 ano traballando ininterrompidamente percibirán as cantidades que perciban as do nivel do grupo E sen que se lle recoñeza o nivel do grupo D código 24.

Artigo 2º.-Antigüidade.

O concepto de antigüidade será retribuído cos mesmos criterios e contía que ten establecido o Sergas.

Artigo 3º.-Horas extraordinarias.

Realizaranse soamente as que se necesiten por calquera urxencia xustificada e en todo caso, con coñecemento dos representantes legais dos traballadores.

Artigo 4º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense como gratificacións extraordinarias as de xullo e Nadal, que se aboarán os días 15 de cada un dos meses de xullo e decembro.

Artigo 5º.-Plus de nocturnidade.

As horas traballadas entre as 23 e as 7 horas terán a consideración de nocturnas e, consecuentemente, retribuiranse con iguais criterios que se lles apliquen ós traballadores do Sergas do correspondente nivel.

Artigo 6º.-Complemento ILT ou accidente

A empresa estará obrigada a cubrir ata o 100% do salario e tódolos complementos en caso de accidente ou baixa por enfermidade desde o primeiro día.

Capítulo III

Dereitos sindicais de representación

Artigo 1º.-Organización sindical dos traballadores na empresa.

A empresa considera os sindicatos debidamente implantados no seu seo como elementos básicos e esenciais para canaliza-las relacións entre traballador e empresario.

En consecuencia, a empresa Maconsi, S.L. respectará o dereito dos traballadores que o desexen a se sindicaren libremente e non poderá condiciona-lo ingreso de ningún traballador na empresa á súa afiliación sindical ou a que renuncie a iso e non incorrerá en conducta que supoña discriminación por razón de afiliación a un sindicato. En concreto, non poderá despedir ou prexudicar a un traballador en calquera outra forma pola súa afiliación ou actividade sindical.

A empresa recoñece o dereito dos traballadores afiliados a un sindicato a celebraren reunións, recadaren cotas e distribuír información sindical fóra das horas de traballo sen prexudica-la normal actividade da empresa.

Deberá existir un taboleiro de anuncios no que os sindicatos debidamente implantados nela poderán dar publicidade a informacións e comunicacións.

Artigo 2º.-Representantes dos traballadores.

O comité de empresa terá os dereitos e facultades que lles recoñece a lexislación.

Entre outras facultades deberán ser informados das propostas de sancións, variacións no cadro do persoal. E, en xeral, vixiarán o cumprimento das disposicións vixentes.

Artigo 3º.-Garantías dos representantes dos traballadores.

Os membros do comité de empresa non poderán ser despedidos ou sancionados durante o exercicio das súas funcións, nin no ano inmediato seguinte ó seu cesamento, agás que este se produza por revogación ou demisión, se a causa do despedimento ou sanción se basea no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou sanción por faltas moi graves ou graves obedecesen a outras causas, deberá tramitarse expediente contradictorio no que serán oídos, ademais do interesado, o comité de empresa.

Os citados representantes dos traballadores non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica por causa do desempeño da súa representación.

Artigo 4º.-Crédito horario.

Os membros do comité de empresa dispoñen dun crédito horario de 24 horas mensuais, retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación, podendo ser acumuladas nun ou varios membros do comité durante cada un dos 12 meses do ano.

Artigo 5º.-Desconto en nómina da cota sindical.

A empresa descontarálle-la cota sindical ós traballadores afiliados ós sindicatos, logo da correspondente autorización deles e remitirállela ós sindicatos correspondentes.

Artigo 6º.-Asembleas.

Os traballadores terán dereito a dispoñer de dúas horas mensuais para se reuniren. Co ánimo de dificultar ó mínimo a organización do traballo, o tempo que se empregará en cada reunión non deberá supera-los 50 minutos e celebrarase no horario acordado entre a dirección e o comité de empresa.

Artigo 7º.-Sección sindical.

Os sindicatos que acrediten teren máis do 50% da afiliación entre os traballadores do cadro de persoal terán dereito á creación da sección sindical, o delegado de persoal da cal terá recoñecido, entre outros, os mesmos dereitos que ten o comité de empresa.

Capítulo IV

Contratación e cadro de persoal

Artigo 1º.-Contratacións e altas na Seguridade Social.

Ó comezo da relación laboral, a empresa quedará obrigada a estender por escrito o contrato de traballo que conteña as especificacións previstas pola normativa legal de aplicación, tanto sexa de carácter temporal como de duración indefinida, entregando copia deste contrato ó interesado.

A empresa estará obrigada a lles entregar ós traballadores fotocopia da alta deles na Seguridade Social, para o que disporá do prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo. Así mesmo, a empresa obrígase á colocación da fotocopia dos boletíns de cotización no taboleiro de anuncios das súas oficinas no hospital do Meixoeiro.

Artigo 2º.-Substitucións.

Os contratos de traballo de carácter temporal para a substitución de baixas ou período de vacacións deberá realizarse polo tempo que dure a ILT ou o período de vacacións. Os contratos deberán realizarse tendo en conta as categorías profesionais que figuran no artigo 1 do capítulo II, a súa retribución mínima será a que corresponda ós niveis salariais existentes a 1-1-1996, actualizados en cada momento.

Para a súa contratación teranse en conta os que figuren na bolsa de traballo constituída para o efecto.

Artigo 3º.-Cadro de persoal fixo.

O número de cadro de persoal mínimo establecido fixo será o seguinte:

Xestor/ra: 1.

Encargado/a: 1.

Xefe/a de cociña: 1.

Cociñerios/as: 5.

Camareiros/as: 34.

Axudantes: 12.

Capítulo V

Xornada de traballo, vacacións, licencias, permisos e excedencias

Artigo 1º.-Xornada de traballo.

No primeiro ano de vixencia do presente convenio a xornada de traballo será a mesma que se vén

efectuando ata a data, a cal está recollida no calendario subscrito pola empresa e o comité.

No segundo ano de convenio a xornada de traballo estará equiparada á que nesa data efectúe o persoal subalterno do Sergas.

Para que se produza esta equiparación cumprirá que se elabore un novo calendario de traballo entre a empresa e o comité.

O tempo de descanso contarase como tempo efectivo de traballo.

Artigo 2º.-Vacacións.

A empresa de acordo co comité elaborará as quendas correspondentes ás vacacións seguindo cada ano unha quenda rotatoria de preferencia. As vacacións desfrutaranse entre os meses de xuño e setembro, ambos inclusive, e a súa duracion será dun mes e poderánselle engadir a este días festivos. Os días festivos que coincidan co período vacacional desfrutaranse fóra deste.

Se ó inicio das vacacións un traballador estivese de baixa por accidente, enfermidade grave ou enfermidade con hospitalización, entendendo esta dentro do período de baixa terá dereito ó desfrute delas ó mes seguinte da súa incorporación ó traballo.

Artigo 3º.-Licencias e permisos.

Logo de solicitude dos traballadores afectados considerarase licencia retribuída polo tempo e os casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador: 15 días naturais.

b) Matrimonio de pais, fillos ou parentes que conviven co traballador: 1 día natural.

c) Parto de esposa: 5 días naturais.

d) Falecemento, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica de:

-Cónxuxe ou compañeiro: 5 días naturais.

-Parentes de primeiro grao (pais ou fillo, por consanguinidade, afinidade ou convivencia demostrable): 3 dáis naturais.

-Irmáns ou parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais.

Se o traballador e os parentes anteriormente detallados tivesen convivencia, a licencia será de 5 días naturais. O mesmo ocorrerá se o suposto d) se producise fóra de prazo.

e) Falecemento de tíos: 1 día natural.

-Convivencia: 2 días.

f) Traslado de domicilio: 2 días laborables.

g) Permiso por lactancia: as traballadoras, por lactancia dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito pola reducción da xornada laboral dunha hora coa mesma finalidade.

Artigo 4º.-Solicitudes e permisos.

1. Solicitude.

Os traballadores que necesiten un permiso deberán solicitarllo á empresa con xustificante de recepción cunha antelación de 5 días, para iso utilizarán o modelo de solicitude que facilitará a empresa. En todo caso, sexa ou non concedido o permiso solicitado, a empresa deberá facerllo constar por escrito ó traballador.

No caso de que os solicitantes sexan cargos de representación dos traballadores e sempre que o motivo da solicitude sexa de crédito horario para actividades sindicais, o período de solicitude reducirase a 24 horas.

2. Xustificación das solicitudes.

Tódalas solicitudes que poidan dar lugar a permiso retribuído deberán ser xustificadas suficientemente mediante os seguintes documentos acreditativos:

Permiso de natalidade: xustificarase mediante fotocopia do libro de familia.

Permiso por falecemento: xustificarase debidamente.

Permiso por cambio de domicilio: calquera documento oficial no que conste o novo domicilio (cambio de domicilio na Seguridade Social, contratos con compañías de subministración de augas, gas, electricidade, certificados do concello, etc.).

Permisos por enfermidade grave de familiar: deberá presentarse xustificante de facultativo xeral ou pediatra da Seguridade Social.

Licencia por matrimonio: xustificarase debidamente.

Outras ausencias ó posto de traballo.

Ausencias temporais inferiores a 1 día: a ausencia temporal do centro ou posto de traballo por tempo inferior a unha xornada laboral, indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal moi urxente (xulgados, notarios, médicos, etc.) deberá acreditarse debidamente de forma imprescindible e será polo tempo indispensable para cumpri-la obriga de que se trate. Estes permisos serán autorizados pola dirección ou persoas en quen delegue, dándolle ó interesado o oportuno vale de saídas, e informará mensualmente dos concedidos, permisos e causas e duración. Formato de solicitude (anexo II).

Asistencia a consultorios médicos: tódolos traballadores terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan que asistir ó médico de cabeceira que lles corresponda; se tivese o seu consultorio nunha localidade distinta daquela en que presta o seu servicio o traballador, este poderá dispoñer do tempo necesario.

O traballador que teña que acudir ó consultorio médico estará obrigado a avisar con anterioridade á empresa, debendo xustificar que foi atendido polo médico de cabeceira. Para a súa asistencia á consulta do especialista os traballadores terán dereito

a todo o tempo necesario, logo de presentación do volante do médico de cabeceira.

Ausencias por enfermidade: as ausencias por enfermidade deberánselle comunicar telefonicamente ó encargado da quenda antes do comezo da quenda de que se trate.

Tódalas ausencias por enfermidade xustificaranse mediante información do médico de cabeceira e o parte de baixa por enfermidade, que se entregarán na dirección ou se enviarán por correo certificado en casos de enfermidades de duración superior a tres días, seguindo o mesmo trámite para os partes de confirmación.

A non presentación do informe ou parte de baixa considerarase como falta sen xustificar para os efectos disciplinarios que regulamentariamente correspondan.

Licencias non retribuídas: aplicarase o disposto na normativa vixente.

Artigo 4º.-Días de libre disposición.

Durante a vixencia deste convenio os traballadores terán os mesmos días retribuídos de libre disposición que teñan os do persoal do Sergas, o seu desfrute realizarase de acordo cos seguintes criterios: 4 días no período de xaneiro a xullo e 5 días de xullo a decembro. Cando un traballador desfrute as vacacións fóra dos meses establecidos estes 9 días poderanse xuntar coas vacacións. Non obstante, por situacións excepcionais os traballadores poderán dispoñer dos 9 días de forma continuada logo do coñecemento do comité e acordo coa empresa.

Artigo 5º.-Excedencias.

A empresa vén obrigada a lle conceder a todo o persoal que o solicite e leve nela o tempo mínimo de dous anos de servicio, a excedencia voluntaria, que terán unha duración mínima de seis meses e máxima de 3 anos, quedando a empresa obrigada a reincorporar automaticamente o traballador excedente que o solicite, cunha antelación dun mes, tempo de preaviso, co obxecto de que a empresa poida redistribuí-lo dito persoal.

Artigo 6º.-Excedencia especial.

A nai traballadora terá dereito a solicitar unha excedencia especial, ata que o fillo cumpra os dous anos de idade, garantíndose a súa incorporación inmediata, con reserva do posto de traballo e sen que afecte o dereito da excedencia ordinaria do artigo anterior. Este dereito é optativo para o pai do traballador, podendo exercelo só un membro da parella, no caso de ambos traballaren na mesma empresa.

Unicamente se computará a antigüidade durante o primeiro ano.

Capítulo VI

Prevención de riscos laborais

Artigo 1º.-Comité de Seguridade e Saúde.

De acordo coa Lei de saúde laboral constitúese un comité de seguridade e saúde. A súa composición

será de 2 representantes dos traballadores e 2 da empresa. Con carácter anual este comité realizará un estudio de riscos e elaborará un plan para eliminalos. Os representantes dos traballadores disporán do mesmo crédito de horas retribuídas cós membros do comité de empresa, co obxecto de facilita-la súa formación e funcións.

Artigo 2º.-Control médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido neste convenio terá dereito e obriga de efectuar unha revisión médica por conta da empresa cada 6 meses.

O control médico obrigatorio consistirán en:

-Audiometría.

-Control de vista.

-Analítica de sangue.

-Analítica de ouriños.

-Expirometría.

-Exploración clínica.

-Placa do tórax.

-Recoñecemento xinecolóxico.

Todo traballador realizará a revisión en horas de traballo.

Artigo 3º.-Vestiarios.

A empresa facilitará vestiarios adecuados e duchas.

Artigo 4º.-Roupa de traballo.

Proverase a tódolos traballadores de dobre uniforme no mes de xaneiro (uniformes e zocos), e demais pezas como luvas, mandiletas, pezas de abrigo e protección, axeitadas e accesibles, sempre que sexa necesario.

Uniformes de premamá: proveranse en caso de que sexa necesario.

Artigo 5º.-Póliza de seguro.

Sempre que sexan derivados de accidente ou enfermidade profesional a empresa indemnizará os traballadores nos seguintes supostos e cantidades:

-En caso de morte ou invalidez total: 2.500.000 ptas.

-En caso de invalidez absoluta: 3.500.000 ptas.

Artigo 6º.-Cambios de posto de traballo por embarazo.

As traballadoras embarazadas terán dereito a que se lles cambien do posto de traballo a outro máis acorde coa súa situación.

Capítulo VII

Subrogación dos traballadores

Artigo 1º.-Adscrición persoal.

Primeiro. Ó remate da concesión da contrata dos traballadores da empresa contratista saínte, pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, que se subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Traballadores en activo que presten os seus servicios no dito centro, sexa cal for a modalidade do seu contrato de traballo.

b) Traballadores que con contrato de interinidade substitúan a algún dos traballadores enunciados no apartado anterior.

c) Traballadores de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporasen ó centro comno consecuencia de ampliación de contrata.

Segundo. Tódolos supostos anteriormente previstos deberán acreditarse de maneira que faga fe e documentalmente pola empresa saínte á entrante, nun prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ó final deste artigo.

O indicado prazo contarase desde o primeiro momento en que a empresa entrante lles comunique de maneira que faga fe á saínte e á Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra se-la nova adxudicataria do servicio. De non cumprir este requisito, a empresa entrante, automaticamente e sen máis formalidades, subrograrase por todo o persoal que presta os seus servicios no centro de traballo.

En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento en que se produza o dereito da subrogación del á nova adxudicataria. Enténdese que os traballadores non poderán ser trasladados do centro de traballo a non ser que sexa por mutuo acordo entre as partes.

Terceiro. Documentos que ten que lle facilita-la empresa saínte á entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó corrente do pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Copia de documento debidamente dilixenciado por cada traballador afectado no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento da súa subrogación, non quedando pendente cantidade ningunha. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio como nova titular.

Cuarto. O empresario saínte estará obrigado a lle liquidar ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores co obxecto de que estes cobren integramente as pagas correspondentes.

Artigo derradeiro.

Partes asinantes.

-Pola empresa: Manuel Conde Silva, José Manuel Cotilla González.

-Polo comité de empresa: Ana Portela Rodríguez, Margarita Rodríguez Batos, María José Valderrama Martínez, José María Saez Ruiz, Belén Lorente Martínez.

-Pola sección sindical de CC.OO.: José Luis Tizón Guisande.

-Por CC.OO: Eduardo Fernández Pérez.

1965