Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 07 de xuño de 1996 Páx. 5.575

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo extraestatutario ou de eficacia limitada do sector de comercio do metal.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de comercio do metal, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 5-12-1995, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Maquinaria en General, Ferreterías, Electrodomésticos, Joyerías, Almacenistas Mayoristas y Matearial Eléctrico, e da parte social, unicamente pola central sindical CC.OO e que foi declarado convenio colectivo extraestatutario polo Xulgado do Social número un de Vigo, mediante a súa sentencia do 13 de febreiro do presente ano. De conformidade co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dado que por haber empresas e traballadores descoñecidos, que puideran ter interese lexítimo na adhesión ó devandito convenio de eficacia limitada, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais de Pontevedra, entende que debe dicta-la presente resolución para

efectos da publicidade do devandito convenio, e en tal sentido,

ACORDA:

Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia, como convenio colectivo extraestatutario ou de eficacia limitada para efectos de xeral coñecemento.

Vigo, 16 de abril de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Vigo (Pontevedra)

Convenio colectivo de traballo para o sector comercio do metal. Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio colectivo a central sindical CC.OO., en representación dos traballadores e as asociacións provinciais de comercio de maquinaria en xeral e venda de vehículos, electrodomésticos, ferraxería e material de oficina, almacenistas maioristas, de material eléctrico, xoiería, pratería e reloxería, maquinaria agrícola e libre de recambios e accesorios, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a todas aquelas empresas englobadas no sector comercio do metal, ás que lles sexa de aplicación a Ordenanza laboral para o comercio e que teñan os centros de traballo na provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor ós dez días da súa sinatura, con independencia da súa publicación no

Diario Oficial de Galicia, se ben, os seus efectos económicos se retrotraerán ó primeiro de xaneiro de 1995.

Artigo 4º.-Duración.

O presente convenio terá unha duración dun ano, e os seus efectos finalizarán o 31 de decembro de 1995, prorrogándose automaticamente por anualidades, se non media denuncia das partes con tres meses, polo menos, ó termo da súa vixencia. A dita denuncia deberá facerse por escrito dirixido á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 5º.-Compensación de melloras.

As melloras que se establecen no presente convenio poderán compensar ou absorber, no que alcancen, aquelas melloras que voluntariamente tiveran establecidas as empresas, ou as que no futuro puideran establecerse, por disposición legal de carácter obrigatorio.

Este beneficio quedará suprimido do convenio, no caso de reducción de xornada por disposición legal.

Artigo 10º.-Retribucións.

Os soldos e salarios correspondentes ás distintas categorías son os que figuran na táboa salarial anexa.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1995 un incremento, respecto ó 31 de decembro de 1994 superior ó 4% (catro por cen), o dito exceso servirá de base para a negociación do ano 1996. Para iso, no momento da negociación do convenio colectivo do ano 1996, procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 1995. A cuantificaicón do dito exceso adicionarase ós salarios vixentes a 31 de decembro de 1995 e sobre a cantidade resultante calcularanse os incrementos salariais para 1996.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Os premios de antigüidade consistirán en cuadrienios ó 5% sobre o salario base dos traballadores.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio manterá o seu dereito a percibir catro pagas extraordinarias dunha mensualidade cada unha delas, en marzo (paga de beneficios), xuño, setembro e decembro (Nadal). Estas pagas consistirán no salario base, de acordo co salario do traballador, máis a antigüidade, se é o caso, e deberán ser aboadas non despois do día 10 dos ditos meses.

A empresa poderá ratea-las pagas extraordinarias de marzo e setembro, á totalidade do cadro de persoal, en cada un dos meses do ano.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia do presente convenio quedan suprimidas as horas extraordinarias, agás caso de extrema necesidade, que será apreciada polo empresario, oídos os delegados de persoal ou membros do comité de empresa.

Artigo 14º.-Axudas de custo.

Estarase, en primeiro termo, ó que dispón o parágrafo primeiro do artigo 83 da ordenanza laboral de comercio.

O persoal terá dereito, ademais a unha axuda de custo de 734 e 1.088 ptas., respectivamente, segundo sexa o desprazamento por media ou unha xornada completa.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que, con anterioridade ó convenio, viñera desfrutando de condicións máis beneficiosas, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual, cás que aquí se establecen, deberá conservalas.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de corenta horas semanais de traballo efectivo de luns a sábado pola mañá.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará de trinta días naturais de vacacións anuais retribuídas, que se desfrutarán preferentemente (metade máis un do persoal, polo menos), entre os meses de abril a outubro, ambos inclusive.

Artigo 9º.-Licencias.

Con base no disposto no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadors e Ordenanza laboral de comercio, o persoal logo do aviso e xustificación poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos seguintes:

a) 15 días naturais, no caso de matrimonio.

b) 1 día por traslado de domicilio habitual.

c) Ata 5 días naturais, nos casos de morte ou enterro do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns e parto da esposa, así como enfermidade grave do cónxuxe, pais e fillos; terase en conta para a súa concesión os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

d) Ata un máximo de catro días naturais ó ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora; terase en conta para iso, os desprazamentos que o traballador teña que facer e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta última licencia, demostrada a súa indubidable necesidade concederase no acto, sen prexuízo das sancións que poidan impórselle ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

e) O traballador desfrutará dun día retribuído ó ano de libre disposición, que deberá solicitar cunha semana de antelación e que non poderá ser coincidente co solicitado por outro traballador da empresa.

Artigo 15º.-Plus de transporte.

As empresas aboarán ós seus traballadores en concepto de plus de transporte, a cantidade de 8.944 ptas. en cada un dos doce meses do ano, e será considerado como concepto extrasalarial para tódolos efectos.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria.

Durante as situacións de incapacidade laboral transitoria derivadas de enfermidade ou accidente debidamente xustificados, as empresas completarán as prestacións económicas ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 17º.-Servicio militar.

Ó cesar esta causa legal de suspensión do contrato de traballo, a teor do establecido no artigo 48 do Estatuto dos traballadores, o traballador terá dereito á reincorporaicón ó posto de traballo reservado, e deberá solicita-lo reingreso dentro dos dous meses seguintes ó peche da dita causa de suspensión, baixo pena de perder todo dereito á reincorporación á empresa.

Artigo 18º.-Excedencias.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo é ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2. O traballador con, polo menos, unha antigüidade na empresa dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor a dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo traballador, se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atender ó cuidado de cada fillo, contados desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se viñese desfrutando.

Cando o pai ou a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa, os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conserva só o seu dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa, que houbese ou se producise na empresa.

A situación de excedencia poderá estenderse a outros supostos colectivamente acordados, co réxime e os efectos que alí se prevexan.

Artigo 19º.-Excedencia por maternidade.

As traballadoras que, como consecuencia do nacemento de fillo e para atende-lo seu coidado, soliciten un período de excedencia non superior a un ano, contados desde a teminación do descanso de maternidade a que se refire o número 4 do artigo 48 do Estatuto dos traballadores, terán dereito á reserva do posto

de traballo e á reincorporación a este, unha vez finalizada a excedencia, sempre que solicite o reingreso cun mes de antelación ó termo desta.

Artigo 20º.-Axuda por defunción.

De conformidade co establecido no artigo 89 da Ordenanza laboral do comercio, na súa nova redacción (BOE do 15 de maio de 1975), no caso de falecemento do traballador cun ano polo menos pertencendo á empresa, queda esta obrigada a satisfacer ós seus dereitohabentes, o importe de tres mensualidades, iguais cada unha delas á última que o traballador percibira, incrementada con tódolos emolumentos inherentes a esta.

Artigo 21º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ambas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1104/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos, simultaneamente ó seu cesamento por xubilación, por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 22º.-Pluriemprego.

As partes asinantes deste convenio consideran conveniente erradica-lo pluriemprego como regra xeral.

Para estes efectos considérase necesario que se apliquen co máximo rigor as sancións previstas na lexislación vixente nos casos de traballadores non dados de alta na Seguridade Social, por estaren dados de alta xa noutra empresa.

Para coadxuva-lo obxectivo de controla-lo pluriemprego, considérase esencial o cumprimento exacto do requisito de dar a coñecer ós representantes legais dos traballadores os boletíns de cotización á Seguridade Social, así como os modelos de contrato de traballo escrito que se utilicen na empresa e os documentos relativos á terminación da relación laboral, conforme dispón o artigo 64.1º 5 do Estatuto dos traballadores. O incumprimento desta obriga considerarase falta grave, para efectos da súa sanción pola autoridade laboral.

Artigo 23º.-Pezas de roupa de traballo.

A empresa proverá obrigatoriamente ós traballadores que proceda, de uniformes ou outras pezas de roupa de traballo, das coñecidas e típicas para a realización das distintas e diversas actividades que o uso vén aconsellando.

A provisión de tales pezas de roupa farase ó comeza-la relación laboral entre a empresa e o traballador, en número de dúas pezas de roupa, que se reporán en anualidades sucesivas de maneira conveniente ou, polo menos, na metade destas.

Artigo 24º.-Acumulación de horas sindicais.

A nivel de empresa, os delegados ou membros do comité poderán renunciar a todo ou parte de crédito de horas, que a lei en cuestión lles recoñeza, en favor doutro ou outros delegados ou membros do comité.

Para que produza efecto, a cesión de horas deberá ser presentada por escrito.

Artigo 25º.-Acción sindical.

Haberá que aterse ó disposto na lexislación laboral vixente e, en particular, nos artigos 61 e 81 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 26º.-Lexislación subsidiaria.

No non previsto expresamente neste convenio, aplicarase a Ordenanza laboral do sector, o Estatuto dos traballadores e demais disposicións.

Artigo 27º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio, constituirase unha comisión paritaria integrada por catro membros da representación social e catro da empresarial.

Disposición adicional

Co fin de evita-lo retraso na negociación do próximo convenio, e dados os prexuízos que ós empresarios e traballadores causa o aboamento de atrasos salariais, as partes asinantes do convenio acordan cosntituí-la comisión deliberadora na segunda quincena do mes de xaneiro.

Vigo, 15 de novembro de 1995.

Rubricado

Táboa salarial anexa

Vixencia do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1995

Grupo I
Enxeñeiros e licenciados122.082
Axudantes e técnicos103.768
Practicantes85.454

Grupo II
Xefe de persoal122.082
Xefe de vendas, de compras, encargado xeral122.082
Xefe almacén ou sucursal103.768
Xefe de grupo91.560
Xefe de sección85.454
Encargado establecemento, vendedor, comprador85.454
Viaxante81.386
Corredor de praza79.346
Dependente de 22 a 25 anos77.319
Dependente de 25 anos79.346
Dependente maior (10% máis có dependente)79.346
Axudante75.281
Traballadores en formación (por 30 horas semanais) efectivas, segundo R.D. 1992/1984):
* De 16 anos30.520
* De 17 anos44.251
* De 18 anos53.332

Grupo III
Xefe administrativo109.871
Xefe de sección81.560
Contable caixeiro85.454
Oficial administrativo81.386
Auxiliar administrativo ata 10 anos de servicio75.346
Auxiliar administrativo con máis de 10 anos de servicio79.346
Aspirante de 16 e 17 anos56.970

Auxiliar de caixa de 16 e 17 anos54.937
Auxiliar de caixa de 18 e 19 anos73.439
Auxiliar de caixa de 20 e 21 anos75.281
Auxiliar de caixa de 22 anos en adiante77.319

Grupo IV
Debuxante103.768
Escaparatista95.629
Rotulista87.490
Cortador89.521
Axudante76.300
Profesional de oficio de 1ª76.300
Profesional de oficio de 2ª75.281
Axudante de oficio75.281
Mozo especializado75.281
Capataz75.281
Telefonista, mozo, envasador, embalador74.264

Grupo V
Conserxe, cobrador, vixilante, sereno e ordenanza74.264
Persoal de limpeza por hora410

9604294