Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 05 de xuño de 1996 Páx. 5.485

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 1996, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 211 que afecta ó monte Pena, da parroquia de Leiro, concello de Rianxo, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 26 de febreiro de 1996, adoptóu o seguinte acordo:

«Reunido na data 26 de febreiro de 1996 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente Ángel Barallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Ramón Olano Calleja, Letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo,

Expediente: 211.

Monte: Pena.

Lugar: parroquia de Leiro.

Concello: Rianxo.

1. Resultando que diversos veciños da parroquia de Leiro, concello de Rianxo, solicitaron con data do 22-9-1981 deste xurado, a declaración como veciñal da expresada parroquia, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 194,70 ha.

Lindeiros:

É parte do monte Pena e Leoiras. nº 277 do C.U.P. Incorporadas ó expediente e arquivadas nel, existen actas de deslindamento co seu correspondente plano que delimitan a parte de monte pertencente á comunidade de Leiro e as das comunidades de Isorna, Asados e a parroquia de Rianxo.

Norte: con monte da comunidade de Asados desde o piquete nº 19 do deslindamento entre ámbalas comunidades ata un punto intermedio entre os piquetes 20 e 21. Con monte da comunidade de Isorna desde o punto anterior ata o piquete nº 21, seguindo a orde de piquetes ata o nº 26 e deste

ó marco I-181 do deslindamento do monte Pena e Leoiras.

Leste: con propiedades particulares dos veciños de Leiro desde o marco I-181 ó I-319 seguindo a orde de marcos.

Sudoeste: con propiedades particulares dos veciños de Leiro desde o marco I-319 ó I-428 seguindo a orde de marcos.

Noroeste: Con propiedades particulares dos veciños de Leiro e Rianxo desde o marco I-428 ata o I-454. Con monte da parroquia de Rianxo, do marco I-454 ó piquete nº 35 do deslindamento entre ámbalas comunidades, seguindo a orde inversa de piquetes ata o nº 27 e deste ó nº 6. Con monte da comunidade de Asados desde o piquete nº 6 ata o nº 19 do deslindamento entre ámbalas comunidades, seguindo a orde de piquetes.

2. Resultando que á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 30-11-1981, acordóu inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor do mesmo a Julián Rodríguez Gil, quen aceptoóu expresamente o dito cargo, debido á oposición dos veciños de Asados paralizouse a tramitación do expediente.

A promulgación da actual Lei de montes veciñais 13/1989 de 19 de outubro, obrigou entón ó cambio na composición do xurado.

En sesión de data 26-4-1994 é nomeado instructor Federico Sánchez Rodríguez, o cal aceptou o dito cargo. Mercé a un acordo de deslindamento entre as comunidades de Leiro e as de Isorna, Asados e a parroquia de Rianxo, proséguese a tramitación do expediente, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Padrón, oíronse a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíronse mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Rianxo, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicáronse edictos no DOG (nº 170 de 5-9-1995), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3. Resultando que os veciños da parroquia de Leiro fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de madeiras, esquilmos, leñas, na práctica de cultivos na forma e modo que por costume o fan os labregos e nos aproveitamentos de pastos en réxime extensivo e que tal petición recibe informe favorable polo acordo do Pleno do Concello de Rianxo do 4-11-1983.

4. Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei

de procedemento administrativo e demáis disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, e comparecendo e oíndose o representante dos seus promotores, José Rubio, o cal se ratificou no solicitado.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

1. Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. Considerando que, de conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Leiro, concello de Rianxo, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3. Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características:

3.1. Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas.

3.2. Se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros.

3.3. Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4. Considerando que das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no 3 resultando, se deduce, de forma indiscutible, que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal da parroquia de Leiro, no que se cumplen os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data.

Acorda cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal da parroquia de Leiro, concello de Rianxo, o denominado monte Pena, cos lindeiros, superficie e características que figuran no primeiro resultando. Así mesmo acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña».

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 26 de febreiro de 1996.

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais da Coruña

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado

3863