Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 04 de xuño de 1996 Páx. 5.357

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 209/1996, do 24 de maio, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica ó centro de transformación da Ermida, no concello de Foz, provincia de Lugo. (Expediente número 3905 A.T.).

Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (BEGASA), con domicilio para efectos de notificacións na r/ Cidade de Viveiro nº 4, 27002 Lugo, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 20 kV, de 1.041 m de lonxitude, conductor LA-56, apoios de formigón e torres metálicas, de alimentación ó C.T. intemperie de 50 kVA, proxectado na Ermida, concello de Foz (Lugo); expediente nº 3905 A.T.

A devandita instalación foi autorizada, declarada de utilidade pública e aprobado o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo do 4-11-1994, a cal foi obxecto de publicación inseríndose no DOG do 5-1-1995, no BOP de Lugo do 19-12-1994, no BOE do 12-4-1995, e no xornal diario El Progreso de Lugo do 10-11-1994.

A solicitude de urxente ocupación, fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do Regulamento que

desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 11-8-1995, no BOP de Lugo do 20-7-1995, no xornal El Progreso de Lugo do 20-6-1995, e a simple referencia no BOE do 2-8-1995; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu Regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período no que se someteu ó trámite de información pública formularon escritos de alegacións os propietarios dos predios números: 2, 4, 5, 9, 11, 14, 17, as cales non se teñen en conta, xa que non se refiren ó contido dos artigos 25 ou 26 do dito decreto, nin van encamiñadas a emendar posibles erros, e corresponde-la valoración definitiva dos bens afectados a un trámite procedemental posterior. Non se entra tampouco na valoración das efectuadas polo propietario dos predios números 8, 10 e 21, por chegar posteriormente ó mutuo acordo co beneficiario da instalación eléctrica.

Unha vez efectuada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía BEGASA, xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo ás constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso polo procedemento ordinario faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu Regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., da liña eléctrica aérea, a 20 kV de alimentación ó centro de transformación da Ermida.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Foz (Lugo), e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas. Por solicitude do beneficiario, e ó chegar ó mutuo acordo entre as partes, exclúense desta disposición os predios números 8, 10 e 21.

Santiago de Compostela, vintecatro de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9604109