Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 04 de xuño de 1996 Páx. 5.356

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 208/1996, do 24 de maio, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea subestación de Mesón do Vento-subestación de Carballo, no seu percorrido polos concellos de Carral e Ordes. (Expediente número 52751).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 66 kV, subestación Mesón do Vento-subestación de Carballo, no seu tramo I, en dobre circuíto, con orixe na citada subestación de Mesón do Vento e remate na L.A.T. A Grela/Finsa, de 2.738 m de lonxitude, sobre apoios metálicos e de formigón, con conductor LA-180, que afecta ós termos municipais de Carral e Ordes (A Coruña), (Expte. nº 52751).

A dita instalación autorizouse e declarouse de utilidade pública, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 21-10-1993, que se publicou no DOG do 29-12-1993, no BOP da Coruña do 11-12-1993

e no BOE do 18-11-1993; a aprobación do proxecto tivo lugar por resolución do dito organismo do 17-4-1996.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse, no DOG do 13-3-1996, no BOP da Coruña do 5-3-1996 e no xornal La Voz de Galicia da Coruña do 13-3-1996; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período no que se someteu a trámite de información pública recibiuse soamente escrito de alegacións de María Louro López, titular dos predios números: 2-2/1 e 6 do concello de Ordes, solicitando diversa información sobre o trazado da liña a forma de afección ós citados bens, información que lle foi achegada pola empresa beneficiaria.

Unha vez efectuada por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2619/1966, nin lles son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea entre a subestación de Mesón do Vento e a subestación de Carballo, no seu percorrido polos concellos de Carral e Ordes.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais citados de Carral e Ordes, e son tódolos que figuran nas relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que constan no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintecatro de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9604108