Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 04 de xuño de 1996 Páx. 5.356

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 207/1996, do 24 de maio, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun inmoble sito na avenida de Benito Vigo, 51, termo municipal da Estrada (Pontevedra), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para sede dos xulgados na antedita vila.

O Pleno da Corporación municipal da Estrada, en sesión celebrada o 12 de abril de 1996, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia do inmoble sito na avenida de Benito Vigo, 51, da Estrada para sede de xulgados na antedita vila.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu Regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma Lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello da Estrada acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta do inmoble, pertencente ó concello da Estrada (Pontevedra), sito na avenida de Benito Vigo, 51, termo municipal da Estrada.

O inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade da Estrada, no tomo 524 do arquivo, libro 415 do concello da Estrada, folio 40, predio nº 57.129, inscrición 2ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destínase a sede de xulgados.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintecatro de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

9604107