Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 04 de xuño de 1996 Páx. 5.355

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 206/1996, do 24 de maio, que se crea a Comisión Orzamentaria da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O interese do servicio público determina para a Administración autonómica a obriga de levar a cabo as actuacións necesarias para acadar un nivel óptimo de planificación e desenvolvemento da actividade económico-financeira instrumentada a través dos seus orzamentos, o que entre outros aspectos implica un proceso permanente de avaliación dos obxectivos e prioridades que neles se prevén.

Ó mesmo tempo, as restriccións que en relación coa capacidade de endebedamento, e polo tanto coas posibilidades de financiar investimentos, se derivan para as administracións públicas do cumprimento do programa de converxencia coa Unión Europea, constitúen un argumento adicional en favor da necesidade de acentua-lo rigor e a disciplina da política orzamentaria e de perfecciona-los mecanismos que faciliten a consecución dese obxectivo.

Desde esa dobre perspectiva considérase conveniente a creación dun organismo interdepartamental que facilite as tarefas de determinación dos obxectivos de control do gasto e da súa adecuada materialización orzamentaria, servindo de canalización ó mesmo tempo para a coordinación dos procesos de elaboración e execución do propio orzamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación da Comisión Orzamentaria.

Créase a Comisión Orzamentaria, como órgano de coordinación interna da Administración Autonómica coas funcións e a composición que se establecen a continuación.

Artigo 2º.-Funcións.

Sen prexuízo das competencias que nesta materia lle corresponden á Consellería de Economía e Facenda as funcións da Comisión Orzamentaria serán as seguintes:

a) Coñecer e analiza-los criterios que se proporán ó Consello da Xunta para a elaboración dos orzamentos de cada exercicio.

b) Servir de canalización para a coordinación das actuacións necesarias para a elaboración dos anteproxectos de orzamentos de cada unha das seccións.

c) Analiza-los obxectivos de revisión e control dos gastos de funcionamento dos servicios en cada exercicio orzamentario.

d) Valora-la repercusión orzamentaria das iniciativas que comporten crecemento de gasto, así

como dos recursos adicionais propostos para o seu financiamento, de xeito que non se produzan efectos non desexados na evolución do déficit.

e) Estudia-la compatibilidade dos distintos programas cos obxectivos de política orzamentaria establecidos en cada momento.

f) Examina-las propostas e coordina-las actuacións tendentes ó mantemento da disciplina orzamentaria durante o proceso de execución dos presupostos.

g) Seguimento da execución do orzamento de ingresos e gastos e da evolución dos escenarios de déficit da Comunidade Autónoma.

h) Calquera outra que en relación coa execución da política orzamentaria lle sexa encomendada polo seu presidente.

Artigo 3º.-Composición.

1. A Comisión Orzamentaria terá a seguinte composición:

a) O Conselleiro de Economía e Facenda, que presidirá a comisión.

b) A directora xeral de Orzamentos, que desempeñará a vicepresidencia e substituirá o presidente en caso de ausencia.

c) Os secretarios xerais das consellerías, o director xeral de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

d) Os subdirectores xerais da Dirección Xeral de Presupostos, da Consellería de Economía e Facenda, un dos cales actuará como secretario a designación do presidente.

2. No caso de consideralo conveniente as consellerías poderán solicitar da presidencia a participación nas reunión da comisión doutros directores xerais competentes por razón da materia a tratar en cada momento.

Igualmente, o presidente poderá convoca-los directores xerais doutros organismos autónomos e das sociedades públicas, cando sexan debatidas cuestións de carácter sectorial que aconsellen a súa presencia nas sesións que se celebren.

Artigo 4º.-Periodicidade das reunións.

Logo de convocatoria do seu presidente a Comisión Orzamentaria reunirase cada dous meses con carácter ordinario, podendo facelo de forma extraordinaria cando as circunstancias do momento así o aconsellen.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 103/1991, do 27 de marzo, así coma calquera outra disposición de igual ou inferior rango que se opoña ó previsto neste decreto.

Disposicións finais

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de maio de mil novecientos noventa y seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4135