Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 04 de xuño de 1996 Páx. 5.358

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 210/1996, do 24 de maio, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica ós centros de transformación de Corvelle e Quintela, no concello de Lugo. (Expediente número 3999 A.T.).

Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (BEGASA), con domicilio para efectos de notificacións na r/ Cidade de Viveiro nº 4, 27002 Lugo, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 20 kV, con orixe na L.M.T. de Nadela e final no C.T. de Corvelle e no C.T. de Quintela, de 550 e 972 m de lonxitude respectivamente, conductor LA-30, apoios de formigón e torres metálicas, na parroquia de Coeo, concello de Lugo; expediente nº 3999 A.T.

A devandita instalación foi autorizada, declarada de utilidade pública e aprobado o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo do 21-4-1994, a cal foi obxecto de publicación inseríndose no DOG do 1-7-1994, no BOP de Lugo do 8-11-1994, no BOE do 7-6-1994, e no xornal diario El Progreso de Lugo do 29-4-1994.

A solicitude de urxente ocupación, fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do Regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 11-8-1995, no BOP de Lugo do 21-2-1996, no xornal El Progreso de Lugo do 6-6-1995, e a simple referencia no BOE do 30-6-1995; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás os propietarios dos predios números 1 e 8 xa que por estaren en paradoiro descoñecido déuselle traslado das actuacións practicadas ó Ministerio Fiscal, segundo o artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954; se ben os ditos propietarios compareceron con posterioridade no expediente.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu Regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período no que se someteu ó trámite de información pública formularon escritos de alegacións os propietarios dos predios números: 1, 2, 5, 6, 8, 16, 17, 18 e 28 da liña ó C.T.I. de Quintela e do nº 1 da derivación a Corvelle, alegacións que non se teñen en conta ó non se referir ó contido dos artigos 25 ou 26 do dito decreto, nin ir encamiñadas a emendar posibles erros, e corresponde-la valoración definitiva dos bens afectados a outra fase do procedemento. O erro que existía na titularidade do predio nº 18, dos afectados pola traza da liña a Quintela, foi oportunamente corrixido pola beneficiario da instalación.

Unha vez efectuada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía BEGASA, xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo ás constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso polo procedemento ordinario faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu Regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., da liña eléctrica aérea, a 20 kV de alimentación ós centros de transformación de Corvelle e Quintela.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Lugo, e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintecatro de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

3909