Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 03 de xuño de 1996 Páx. 5.344

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 1996 pola que se acorda a cesión gratuíta do uso á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do local comercial número 3, planta baixa, portal 3, do grupo de vivendas de promoción pública, construído ó abeiro do expediente C-91/010 na parroquia de Perlío, concello de Fene.

Visto o informe-proposta do director do Centro Social do Fogar da Terceira Idade de Fene, ratificado co visto e prace do delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da

Coruña, así como a solicitude do director xeral de Servicios Sociais de data 18 de maio de 1995, relativa á cesión gratuíta do uso do local comercial nº 3, planta baixa, portal 3, do grupo de vivendas de protección oficial de promoción pública construído ó abeiro de expediente C-91/010 na parroquia de Perlío, concello de Fene, cunha superficie aproximada de 234,19 m e inscrito no tomo 576, libro 113, folio 171, do Rexistro da Propiedade nº 1 de Pontedeume.

Logo da constatarse a posibilidade material de acceder á pretensión solicitada, e tendo en conta:

Que a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia constitúen o marco fundamental para a construcción dun sistema público de protección social.

Que a Lei 4/1993, do 14 de abril, postula entre os obxectivos a perseguir no ámbito dos servicios sociais en xeral, e máis particularmente para o colectivo da terceira idade, o establecemento de equipamentos adecuados encamiñados a mellora-las condicións de vida dos anciáns.

Que en atención ó manifestado no informe-proposta emitido polo director do centro social referido se desprende que ten, na actualidade, un censo de 1.781 socios pertencentes á terceira idade, ademais dun gran número de usuarios dos colectivos de xubilados, mulleres, minusválidos e outros que realizan naquelas dependencias numerosas actividades.

Que a gran demanda existente provoca, dunha parte, unha excesiva masificación de persoas no desenvolvemento e execución das actividades programadas en detrimento da calidade do servicio e, doutra, a imposibilidade de planificar con criterios de eficacia novos programas máis acordas coa finalidade terapeútica ou ocupacional que persegue o sistema público de servicios sociais en beneficio do dereito ó benestar social como medio para favorece-la integración da terceira idade e outros colectivos na sociedade.

Que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) como entidade de dereito público, con personalidade xurídica e patrimonio propio integrada na Administración institucional da Comunidade Autónoma de Galicia, non é allea ós principios de cooperación e colaboración no senso de favorece-lo impulso de actividades asistenciais e servicios sociais.

Que á vista de que o local anexo ó centro social antedito se integra no patrimonio do IGVS e que a súa Lei de creación atribúe a este organismo autónomo, en réxime de descentralización, autonomía administrativa e económica así como capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, queda habilitado legalmente para ceder gratuitamente ou

mediante prezo, arrendar ou administra-lo seu patrimonio.

Polos motivos expostos, de acordo coa Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, e co Decreto 288/1988, do 29 de setembro, de desenvolvemento da devandita lei, en conexión coa regulación contida na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da lei, o Decreto 108/1991, do 27 de marzo, de estructura orgánica, e a Resolución do 16 de decembro de 1993 pola que se delegan funcións en materia de contratación no director xeral do IGVS, esta dirección xeral,

RESOLVE:

A cesión gratuíta, logo da autorización do Consello da Xunta, do uso do local comercial nº 3, planta baixa, portal 3, do grupo de vivendas de promoción pública, contruído ó abeiro do expediente C-91/010 na parroquia de Perlío, concello de Fene, de acordo coas seguintes condicións:

a) A cesión non leva implícita a transmisión da propiedade en beneficio do peticionario, senón, unicamente, o uso e desfrute do inmoble por un plazo máximo de dez anos.

b) O inmoble cedido destinarase ós fins de interese social que xustifiquen o seu outorgamento, o que deberá xustificarse mediante escritura pública na que se fará consta-las condicións de uso e desfrute.

c) Se o inmoble cedido non se destinase ós fins sinalados ou deixase de estalo con posterioridade resolverase a cesión e o uso daquel reverterá ó IGVS, que terá dereito a percibir, de se-lo caso, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioros que experimentase.

Tódolos gastos notariais e rexistrais que se produzan como consecuencia do negocio xurídico de referencia serán de conta do cesionario.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes desde a súa notificación.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 1996.

José Antonio Redondo López

Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

3660