Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 03 de xuño de 1996 Páx. 5.293

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de abril de 1996 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de cinco bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se desenvolverán no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 1 do Decreto 232/1994, do 14 de xuño, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 1996 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística e literatura galegas, no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do

Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

Na súa virtude, apróbanse as seguines:

BASES

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de cinco bolsas de colaboración nos proxectos concretos de investigación que se desenvolverán no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias, e que se inclúen como anexos á presente orde, nos que se detallan os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 122.000 pesetas, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353F.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1996.

Terceira.-Duración.

O período de desfrute das bolsas será ata o 31 de decembro de 1996.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de retraso apreciada polo coordinador científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

Por resolución da Dirección Xeral de Política Lingüística, as bolsas poderanse prorrogar anualmente, ata un máximo de tres anos, incluído o ano da concesión, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos ó consumo que se estableza para cada ano.

Cuarta.-Requisitos xerais:

a) Ser cidadán español.

b) Estar en posesión do título de licenciado.

c) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó coordinador-científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e entregaranse na sede deste (estrada Santiago-Noia, km 3 - A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG, xunto coa documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, xunto con cantos documentos poidan avalalo.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Sexta.-Selección.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e composta por tres vocais propostos por aquel e nomeados polo director xeral de Política Lingüística. Actuará como secretario o administrador do centro.

Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente. O presidente da comisión proporá ó director xeral de Política Lingüística a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento.

Sétima.-Obrigas.

-Os bolseiros permanecerán no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, en horario habitual de xornada de mañá ou tarde.

-O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

-A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

Oitava.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Novena.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director da investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Política Lingüística

ANEXO I

DÚAS BOLSAS PARA COLABORAR NO PROXECTO DE LÍRICA MEDIEVAL GALEGO-PORTUGUESA

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de lírica medieval galego-portuguesa que se está desenvolvendo no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ser licenciado en filoloxía.

-Coñecemento de informática, en calidade de usuario.

-Ter experiencia investigadora en lírica románica medieval, preferentemente no ámbito galego-portugués.

ANEXO II

UNHA BOLSA PARA COLABORAR NO PROXECTO DE DICCIONARIOS DE LITERATURA

Esta bolsa ten como finalidade colaborar nos distintos diccionarios de literatura que se están realizando no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia investigadora en temas literarios.

-Acreditar coñecemento instrumental de idiomas, preferentemente inglés e alemán.

-Coñecementos de informática, en calidade de usuario.

-Sólida formación e experiencia investigadora en teoría e críticas literarias.

ANEXO III

UNHA BOLSA PARA COLABORAR NO PROXECTO DE DICCIONARIO DE FRASEOLOXÍA GALEGA

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no Diccionario de Fraseoloxía Galega que se está elaborando no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ter bo coñecemento do mundo rural galego e comprensión e uso da súa fraseoloxía.

-Bo nivel de mecanografía.

-Dominio do francés.

-Valorarase coñecementos do Dbase V.

ANEXO IV

UNHA BOLSA PARA COLABORAR NO PROXECTO ESTUDIOS ETIMOLÓXICOS GALEGOS

Esta bolsa ten como finalidade colaborar en estudios etimolóxicos galegos que se van elaborar no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ser licenciado en filoloxía clásica.

-Coñecemento de informática, en calidade de usuario.

-Sólida formación e experiencia investigadora en estudios etimolóxicos.

3834