Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 03 de xuño de 1996 Páx. 5.297

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 14 de maio de 1996 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas a empresas que realicen investimentos, estudios e xestión de residuos industriais dirixidos a mellorar e controla-lo medio ambiente industrial, así como a empresas mineiras ou asociacións de empresas para o desenvolvemento de accións encamiñadas a diminuí-la deterioración que as actividades mineiras causan no medio ambiente para o exercicio 1996.

O desenvolvemento económico derivado das actividades empresariais e procesos productivos leva consigo a producción de residuos industriais e emisións á atmosfera que é preciso evitar e controlar por conteren en ocasións unha ampla gama de contaminantes, por outra banda é importante acometer solucións ó impacto producido polas actividades mineiras no medio ambiente.

Dentro das competencias que ten asignadas a Consellería de Industria e Comercio figuran a avaliación e control de niveis de emisións e inmisións das industrias, reguladas no Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, e o control o xestión dos residuos tóxicos y perigosos, regulados polo Real decreto 833/1988, de 20 de xullo, así como a Orde do 28 de febreiro de 1989, do Ministerio de Obras Públicas, Transportes y Medio Ambiente, pola que se regula a xestión dos aceites usados.

As industrias deben adaptarse ás esixencias da lexislación comunitaria polo que se fai necesario un apoio eficaz e selectivo por parte da Consellería de Industria e Comercio para que nos procesos productivos non se emitan á atmosfera gases contaminantes ou se produzan residuos tóxicos e perigosos que prexudiquen o medio natural e atenten contra a saúde humana ou contra o medio que o rodea.

No ámbito mineiro a conservación do medio natural debe ser unha aspiración irrenunciable. Nesa liña parece axeitado o establecemento de axudas económicas que incentiven a execución de investigacións encamiñadas á mellora do medio ambiente mineiro, tanto máis necesarias cando supoñen actividades de escasa rendibilidade e atractivo investidor, que permite, sen embargo, entre outros beneficios, a creación dunha desexable tecnoloxía propia.

Un dos problemas de carácter ambiental que ocasiona a minería, é a deterioración das zonas circundantes. A Lei de minas, do 21 de xullo de 1973, está imbuída dunha filosofía conservadora do ambiente, coa idea de conxuga-la obtención de recursos naturais mineiros coa preservación do espacio natural afectado pola dita actividade, o que

deu orixe á promulgación do Real decreto 2994/1982, do 15 de outubro, sobre restauración do espacio natural afectado polas actividades mineiras a partir da súa entrada en vigor.

Co fin de preservar no posible o espacio natural, o que en definitiva redunda nunha mellor calidade de vida que a sociedade demanda, faise preciso que as empresas mineiras tamén acometan as investigacións e rehabilitación de zonas explotadas con anterioridade á entrada en vigor do real decreto aludido, así como as de gran concentración de explotacións onde o impacto producido se multiplica.

O Consello de Ministros aprobou o 17 de febreiro de 1995 o Plan Nacional de Residuos Perigosos 1995-2000 e o Plan Nacional de Recuperación de Solos Contaminados 1995-2005 e a Consellería de Industria e Comercio pretende acadar os obxectivos fixados polos ditos plans, para o que subscribiu os convenios co Ministerio de Obras Públicas, Transportes y Medio Ambiente sobre actuacións derivadas dos mesmos na Comunidade Autónoma de Galicia.

En relación coos solos contaminados pretendese recupera-los lugares inventariados de tal xeito.

Con referencia ós residuos perigosos preténdese acadar para o ano 2000, en relación cos datos do ano 1994, os obxectivos que figuran a continuación no conxunto de todo o Estado:

-Reducción en orixe do 40%.

-Reutilización e reciclaxe do 20%.

-Tratamento externo para os demais residuos xerados.

Para isto, no convenio subscrito establécese a participación de ámbalas dúas administracións para a consecución dos obxectivos previstos nos programas do plan nacional citados a continuación:

-Prevención e reducción en orixe.

-Infraestructuras.

Reutilización e reciclaxe.

Tratamento de fin de liña.

Infraestructuras de eliminación.

-Estudios, estatísticas e base de datos.

Plans e inventarios autonómicos.

Estudios sectoriais.

Estatística e bases de datos.

-Investigación e desenvolvemento.

Relativa á minimización (prevención e recuperación in situ).

Relativa ó tratamento externo de residuos.

-Comunicación.

Programa nacional comunicación de difusión de conceptos básicos.

Programas autonómicos de comunicación.

-Formación.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.342-A.770 «subvencións en materia de medio ambiente», establécense axudas económicas para as empresas, así como ás agrupacións ou asociacións de empresas, que estando situadas ou se implanten na nosa Comunidade Autónoma, realicen investimentos en procesos industriais que teñan como obxectivos a minimización, prevención e reducción en orixe, corrección da contaminación de orixe industrial e descontaminación de solos; actividades de xestión de residuos industriais; proxectos de I+D e estudios encamiñados a diminuír e controla-la contaminación procedente dos citados procesos.

Estas axudas tamén irán destinadas a aquelas empresas ou asociacións de empresas explotadoras de dereitos mineiros en Galicia que realicen investigacións e estudios encamiñados á mellora do medio ambiente mineiro e traballos de restauración do espacio natural.

Capítulo II

Axudas en mateira de medio ambiente industrial

Artigo 2º

As axudas para a mellora e control do medio ambiente industrial están destinadas ás empresas e agrupacións ou asociacións de empresas que realicen actividades encadradas dentro do presente capítulo.

Artigo 3º

1. Son subvencionables os investimentos que se encamiñen ós seguintes obxectivos:

a) Prevención e reducción en orixe de residuos perigosos mediante plans sectoriais ou de empresas e experiencias piloto.

b) Instalacións para a axeitada xestión dos residuos industriais e as operacións de xestión deles (transporte, almacenamento e eliminación) que se atopen dentro dos obxectivos da Comunidade Autónoma de Galicia e definidos no Plan Galego de residuos Industriais (tamén serán obxecto de apoio as experiencias piloto e os plans sectoriais ou de empresas que axuden á dita xestión).

c) Instalacións de reciclaxe e/ou reutilización e/ou minimización de residuos tóxicos e perigosos in situ ou de tratamento externo, como construcción de plantas de tratamento e depósitos de seguridade

para eles (dentro deste apartado considéranse as experiencias piloto, os plans sectoriais ou de empresas e a innovación tecnolóxica).

d) Descontaminación e restauración de solos contaminados por actividades industriais, sempre que estean incluídos no inventario nacional de solos contaminados de Galicia.

2. As axudas establecidas poderán acadar ata o 75% do investimento subvencionable.

Artigo 4º

1. Entenderase por proxectos de I+D subvencionables aqueles dirixidos á mellora dos procesos productivos para reduci-lo seu poder contaminante e para o deseño e implantación de tecnoloxías limpas, así como aqueles proxectos referentes a novas tecnoloxías nas que se prime a minimización a través da prevención e recuperación in situ, o reciclado e tratamento externo dos residuos.

2. Serán subvencionables as seguintes fases:

a) Adquisición do coñecemento:

-Gastos de persoal implicado no proxecto de investigación.

-O instrumental de investigación e control necesario para o desenvolvemento do proxecto.

b) Aplicación dos coñecementos adquiridos:

-Gastos de definición do proceso de fabricación ata a elaboración do prototipo.

-Nos casos en que os resultados de investigación incorporada á empresa se obtivesen a través dun convenio de colaboración con centros públicos de investigación ou departamentos universitarios, será subvencionable o importe da participación da empresa no dito convenio, sendo necesaria a presentación dunha copia deste xunto coa solicitude de subvención.

3. As axudas destinadas ós proxectos de I+D definidos no presente artigo poderán acadar ata o 70% do investimento subvencionable.

Artigo 5º

No ámbito da xestión de residuos industriais subvencionaranse as operacións encamiñadas á minimización, valorización, tratamento, eliminación e depósito controlado daqueles residuos recollidos no Plan de Xestión de Residuos Perigosos de Galicia ou residuos especiais de consumo masivo. A contía da axuda poderá acadar ata o 75% dos custos directos de funcionamento no desenvolvemento das ditas operacións.

Artigo 6º

1. Enténdese por estudios subvencionables, os estudios de empresas, así como de agrupacións ou asociacións de empresas, encadrados nas seguintes materias:

-Realización de ecoauditorías medioambientais.

-Estudios sectoriais ou de empresas encamiñados á prevención, reducción en orixe, reutilización, reciclaxe, tratamento in situ ou externo e axeitada xestión de residuos industriais.

-Estatística e bases de datos relacionadas co Plan de Xestión de residuos Perigosos.

-Estudios que teñan como obxectivo o inventario, recuperación ou eliminación dos espacios contaminados polas actividades industriais.

-Estudios que sirvan de apoio ós plans de residuos industriais e de solos contaminados de Galicia.

2. As axudas destinadas ós estudios definidos no apartado anterior poderán acadar ata o 100% do investimento subvencionable.

Artigo 7º

Apoiarase economicamente ás empresas para a formación especializada de persoal no programa de medio ambiente industrial e particularmente en materia de residuos perigosos.

A contía das axudas citadas anteriormente poderán acadar, como máximo, o 50% do custo do programa de formación aprobado.

Capítulo III

Axudas en materia de medio ambiente mineiro

Artigo 8º

As axudas establecidas para a mellora e control do medio ambiente mineiro estarán destinadas a aquelas empresas privadas ou asociacións de empresas explotadoras de dereitos mineiros en Galicia que realicen investigacións e estudios dirixidos á mellora do medio ambiente mineiro e traballos de restauración do espacio natural afectado en zonas explotadas con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 2994/1982, do 15 de outubro, así como nas de gran concentración de explotacións onde o impacto ambiental é considerable.

Os traballos de restauración mineira deberán contar, á data de solicitude da axuda, có informe favorable da Secretaría da Comisión Galega de Medio Ambiente.

Artigo 9º

A contía máxima das subvencións no ámbito mineiro poderá acada-los seguintes porcentaxes:

a) Investigacións e estudios: ata o 100%.

b) Restauración: ata o 25%.

Capítulo IV

Tramitación administrativa

Artigo 10º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través

dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, xunto cos seguintes documentos:

-Memoria técnica explicativa da acción que se vai desenvolver.

Nas solicitudes referentes ós estudios definidos no artigo 6º desta orde indicarase a metodoloxía do equipo de traballo e obxectivos, enxeñería ou ECA (entidade colaboradora da administración) que realizará o estudio.

-Orzamento detallado do investimento.

-Copia compulsada do NIF ou CIF.

-Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Certificado expedido polo delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio de inscrición no Rexistro Industrial e a súa actualización, nos casos en que proceda.

-Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para a mesma actividade en calquera outra institución, organismo ou administración pública.

Artigo 12º

As solicitudes ás que fai referencia o artigo 3º irán acompañadas, demais do previsto no artigo anterior, cos seguintes documentos:

-Proxecto do investimento.

-Autorización de productor ou xestor (segundo os casos) para RTPs.

-Acreditación de estar o día no cumprimento do programa de autocontrois de emisións á atmosfera, cando proceda.

Artigo 13º

As solicitudes referentes á xestión de residuos industriais en virtude do previsto no artigo 5º irán acompañadas, ademais do previsto no artigo 11º, dos seguintes documentos:

-Indicación da cantidade de residuos que se prevén xestionar ata o 30 de novembro de 1996 e a xustificación da contía da subvención que se solicita.

-Autorización de xestor outorgada polo órgano competente da Comunidade Autónoma.

-Estudio económico-financeiro e de estructuras de custos da actividade relacionada especificamen

te coa xestión do refugallo, de tal forma que a Administración poida precisa-los custos reais da xestión que non estean cubertos realmente pola actividade. O dito estudio deberá estar debidamente autorizado polo apoderado ou representante da empresa.

Artigo 14º

En relación coa formación de persoal, xunto á solicitude e documentación que corresponda do artigo 11º, deberase presentar:

-Memoria técnica explicativa da formación que se vai impartir, programa e temario desenvolvido.

-Orzamento.

-Acreditación e experiencia na materia da empresa encargada da citada formación.

Artigo 15º

As solicitudes encadradas no ámbito mineiro deberán ir acompañadas, ademais do previsto no artigo 11º desta orde, dos seguintes documentos:

a) Os proxectos de investigación, deberán contar polo menos, cos seguintes epígrafes:

-Memoria, con indicación dos fins que se pretenden.

-Medios técnicos e humanos para a súa realización.

-Orzamento detallado.

-Toda aquela información que o solicitante crea de interese para xuntar ó proxecto.

b) Os proxectos de restauración deberán contar, como mínimo, cos seguintes epígrafes, dos que se omitirán os non aplicables segundo se trate de explotacións antigas ou grandes concentracións en actividades:

-Descrición do medio físico, con referencia á xeoloxía, á hidroloxía, á superficie vexetal, a paisaxe e ós demais elementos que permitan defini-la configuración do medio.

-Definición do medio socioeconómico que inclúa a relación de usos e aproveitamentos preexistentes, as propiedades, a obra de infraestructura, as instalacións e réximes xurídicos especiais, se é o caso, aplicables á zona.

-Descrición das características do aproveitamento mineiro previsto, así como dos seus servicios e instalacións.

-Planos e documentación relativos ós aspectos recollidos nos parágrafos anteriores.

-Acondicionamento da superficie do terreo, xa sexa vexetal ou doutro tipo.

-Medidas para evita-la posible erosión.

-Estudio do impacto ambiental da explotación, sobre os recursos naturais da zona e sobre as medidas previstas para a súa protección.

-Proxecto de almacenamento dos residuos mineiros que se xeren e sistemas previstos para palia-la deterioración ambiental por este concepto.

-Calendario de execución e orzamento detallado dos traballos de restauración.

-Toda aquela información que o solicitante da subvención crea de interese presentar co proxecto.

Artigo 16º

1. Servirán de base para avalia-la prioridade das peticións no ámbito industrial serán os seguintes criterios:

a) Investimentos.

-Investimentos para a prevención e reducción en orixe de residuos industriais.

-Investimentos que teñan como finalidade sexa a reciclaxe ou a reutilización de residuos.

-Investimentos para o tratamento externo axeitado dos residuos xerados.

-Investimentos na instalación de industrias con novas tecnoloxías para a eliminación dos residuos industriais e que pola importancia da actividade de xestión sexa de interese para a mellora do medio ambiente galego.

b) Estudios.

- Estudios para a prevención, reducción en orixe, reutilización e reciclado de residuos industriais.

-Estudios que propoñan solucións de tratamento "in situ" dos residuos tóxicos e perigosos.

-Estudios de novas tecnoloxías limpas nos diferentes procesos industriais.

c) Formación.

-A existencia ou non en Galicia de persoas xa formadas na materia.

-A calidade da formación que se vai impartir.

2. Terán prioridade aquelas solicitudes das empresas que, cumprindo cós límites establecidos na lexislación vixente, presenten proxectos para reduci-lo seu impacto ambiental.

Artigo 17º

No ámbito mineiro, a avaliación das solicitudes seguirá a seguinte orde de prioridades:

-Proxectos formulados para zonas de gran deterioración ambiental e os de recuperación de residuos mineiros para o seu uso económico.

-Calidade dos proxectos e a súa adecuación o medio obxecto de protección.

-Proxectos que poidan ter unha aplicación e un desenvolvemento inmediatos.

Artigo 18º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos sinalados no articulado desta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días,

emende a falta ou aporte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Examinada a documentación e logo da emisión do informe técnico que proceda, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, de 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de quince días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

Artigo 19º

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 20º

Para acredita-lo devengo das axudas indicadas será indispensable a presentación, antes do 31 de outubro de 1996, ante a delegación provincial correspondente ou ante a Dirección Xeral de Industria, de tres exemplares da memoria final e do custo dos traballos realizados, para o seu exame e análise, así como dos xustificantes debidamente acreditativos do investimento realizada.

No caso de xestión de residuos, o prazo previsto no apartado anterior ampliase ata o 30 de novembro de 1996, debendo presenta-lo beneficiario da axuda os correspondentes documentos de control e seguimento, mediante os que se xustifique a xestión realizada.

No caso de que os investimentos sexan traballos propios para o inmobilizado, estes deberán ser comprobados e certificados por persoal técnico da consellería.

Os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio analizarán a memoria xustificativa e, unha vez verificado se os investimentos están debidamente realizados e acreditados, proporán o pago da subvención.

Procederase analogamente nas axudas concedidas para a formación especializada de persoal.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes que consideren convenientes e, no caso de non seren remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, considerarase que renuncia á subvención.

Artigo 21º

Para o libramento e posterior aboamento da subvención unirase á documentación que se sinala no artigo anterior certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia

entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 22º

No caso de xestión de residuos poderanse efectuar pagamentos trimestrais para cada partida pola que se solicite o pagamento, sempre e cando se xustifique mediante documentos acreditativos os residuos xestionados no período solicitado.

Artigo 23º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a subvención que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Cando concorran outras subvencións ou axudas polos mesmos conceptos, procederase a deduci-la contía recoñecida ou percibida do importe total da subvención concedida pola presente orde ou, se é o caso, o reintegro do exceso percibido á administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 24º

No caso de que o beneficiario da subvención incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, instruirase un expediente sancionador, conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, e adoptará a decisión que proceda.

Procederá o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora nos supostos previstos no apartado 5 do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 25º

No caso de que o beneficiario renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo anterior.

Artigo 26º

Con independencia do establecido nesta orde, en todo caso observarase o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 e Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facultase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

2773