Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 30 de maio de 1996 Páx. 5.191

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE VIGO

ANUNCIO da aprobación definitiva do PAU de Navia.

O Pleno do Concello, en sesión do 8 de febreiro de 1996, aprobou definitivamente o programa de actuación urbanística de Navia (3507/411), formulado por Xestur pontevedra, S.A. e redactado por Alameda, 12, S.L. A súa documentación concrétase no texto refundido do PAU que foi remitido á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para os efectos do establecido no artigo 7 da lei 7/1995, do Parlamento de Galicia, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo.

Normas urbanísticas.

Capítulo I. Disposicións xerais.

O obxecto desta normativa é regula-lo réxime urbanístico do solo do sector de San Paio de Navia, mediante a ordenación das unidades urbanísticas integradas.

Serán de aplicación a tódolos actos de edificación ou uso do solo con relevancia urbanística.

Para efectos da súa división en zonas, defínense como tales as distintas áreas con planeamento homoxéneo, nas que se aplica unha ordenanza determinada. Neste sentido prevense doce zonas con ordenación pormenorizada, de uso característico residencial (R1 a R12); catorce zonas (E.D.1 a E.D.14) cunha ordenación pormenorizda que queda pendente da redacción dos correspondentes estudios de detalle; determínanse oito zonas para equipamento escolar (E.1 a E.8); dúas para equipamento deportivo (D1 a D2); tres para equipamento social (S1 a S3); e outras dúas para espacios libres e parques (P1 e P2).

Capítulo II. Desenvolvemento das previsións do PAU.

O desenvolvemento das súas previsións deveranse a cabo mediante o correspondente plan parcial, catorce estudios de detalle e, para rematar, a través dos proxectos de urbanización que determinarán as obras de necesaria execución para facer posible o establecemento dos correspondentes servicios urbanísticos.

Capítulo III. Condicións para infraestructuras básicas e da urbanización.

Os proxectos de urbanización terán que cumpri-las condicións mínimas que establece a normativa do plan xeral no punto 3.2.3 en relación coas infraestructuras básicas e a urbanización.

Os planos da ordenación precisarán as características e xerarquía da rede de sistema viario establecida.

Capítulo IV. Zonas con ordenación uniforme de uso residencial.

1. Disposicións xerais. En todo o non previsto nestas disposicións e no planeamento de desenvolvemento deste programa aplicaranse as disposicións correspondentes do plan xeral. Especialmente, serán de aplicación xeral en tódalas zonas de uso residencial as previsións do plan xeral relativas a condicións de habitabilidade das instalacións e servicios, de seguridade dos edificios, de accesibilidade, de hixiene e seguridade.

A través do plan parcial que desenvolva a ordenación deste sector, especificaranse as previsións de garaxe-aparcamento, construcción de galerías, aliñacións e rasantes e parcelario de cada zona de uso residencial.

2. Unidades residenciais colectivas. A regulación de cada unha das doce zonas de uso residencial colectivo, deberá prever, polo menos:

-As parcelas que a integran e a súa superficie.

-O uso predominante.

-Os usos que se declaren compatibles.

-As condicións de volume; en concreto, a edificabilidade de cada parcela, a ocupación máxima da parcela en planta baixa e o número máximo de plantas.

O plan parcial de desenvolvemento deste programa deberá prever, para aquelas zonas de uso residencial colectivo que deban executarse á través de estudios de detalle (E.D.1 a E.D.4), polo menos:

-A superficie incluída en cada ámbito.

-A edificabilidade total.

-A altura máxima.

-A ocupación en planta baixa.

-A superficie de ocupación en soto.

-A superficie reservada para espacios de uso público.

-Os usos que se declaren compatibles.

-O número máximo de vivendas.

3. Uso residencial unifamiliar. As zonas reservadas polo plan parcial para uso residencial unifamiliar, que se executarán a través dos estudios de detalle 5 a 14 deberán preve-la superficie incluída en cada un destes ámbitos, distinguindo os distintos cuarteiróns que os compoñen.

Capítulo V. Zonas verdes e espacios libres.

As zonas verdes e espacios libres, identificados co correspondente código e grafado no plano de ordenación, son bens de dominio e uso público e están destinados ó recreo e lecer dos cidadáns.

Unicamente se autorizarán ocupacións privativas de carácter temporal, con edificacións desmonta

bles, respecto absoluto das árbores e a ocupación máxima que fixe o plan parcial.

Capítulo VI. Zonas deportivas.

Delimítanse dúas áreas (D1 a D2) para este uso nas que se construirán, tendo en conta as condicións propias de cada unha, as instalacións abertas ou pechadas que se estimen convenientes.

Capítulo VII. Zonas de equipamento social e cultural.

Defínense tres parcelas con este uso (S1, S2 e S3), ademais da superficie que poida destinarse en planta baixa ou entreplanta de locais de edificacións de promoción pública.

O plan parcial definirá en cada unha a edificabilidade, ocupación máxima e altura máxima.

Capítulo VIII. Zonas de equipamento escolar.

Defínense con este uso oito parcelas, ademais do espacio delimitado para incorpora-lo centro preexistente. Admitiranse as instalacións adecuadas para este uso, estipuladas pola normativa sectorial.

Capítulo IX. Disposicións de carácter administrativo.

Para efectos da xestión urbanística, a execución das previsións deste PAU e do correspondente planeamento de desenvolvemento, corrsponderá, de conformidade co convenio subscrito co Concello de Vigo, ó IGVS.

Para a concesión de licencias de uso do solo e da edificación e para a realización de actividades profesionais, comerciais ou industrias permitidas, de acordo co establecido na lexislación xeral, solicitarase a oportuna autorización do concello, que a tramitará mediante o correspondente procedemento, logo de presentación dos documentos esixibles.

Capítulo X. Prazos.

Nos supostos en que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) tramite ou atribúa a propiedade de soares a particulares, estes deberán remata-las obras de construcción das edificacións previstas no prazo de catro anos, contados a partir da data de adxudicación da parcela, sempre que, nese caso, esta teña a condición de soar. No suposto de que a adxudicación se realice antes de que se rematase o proceso de urbanización, o prazo comezará a contar desde a recepción das obras polo concello.

Cando a edificación se realice directamente polo IGVS, deberán observarse os prazos establecidos nos correspondentes plans ou programas de vivendas aprobados pola Administración competente.

Vigo, 5 de marzo de 1996.

Manuel Pérez Álvarez

Alcalde

4029