Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 28 de maio de 1996 Páx. 4.998

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de maio de 1996 pola que se regula a oferta de Programas de Garantía Social durante o curso 1996/1997, con carácter experimental, en centros públicos ou privados homologados de formación profesional de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a competencia plena para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

Neste contexto e desde a posibilidade de levar a efecto o contemplado na Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do xistema educativo no referente a programas de garantía social para facilitarlles saídas ós xoves que rematen a súa escolarización obrigatoria sen conseguir titulación académica, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria coida conveniente revisa-la oferta educativa dos centros para adaptala ás necesidades de cada momento. Ademais, a evolución do mundo laboral anima á aplicación da oferta de acordo cos obxectivos sinalados polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo para Galicia 1994-1999 no que se considera especificamente este tipo de accións.

En virtude do exposto, visto o Decreto 232/1994, do 14 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica e competencial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-A impartición experimental de Programas de Garantía Social no curso 1996/1997, na Comunidade Autónoma de Galicia, levarase a cabo en centros públicos ou privados homologados de formación profesional segundo o disposto na presente orde.

Para estes efectos, enténdese como Programas de Garantía Social aqueles estudios específicos que, sen seren regrados, teñan como fin proporcionar unha formación básica e profesional que lles permita ós que os cursen incorporárense á vida activa ou proseguiren estudios nas ensinanzas regradas, mediante o procedemento que se instrumente en cada caso.

Segundo.-Considerando a finalidade que no artigo 23.2º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, se establece para os Programas de Garantía Social, estes deberán orientarse á consecución dos seguintes obxectivos:

-Desenvolver e afianza-la súa madurez persoal, mediante a adquisición de hábitos e capacidades que lles permitan participar, como persoas responsables, no traballo e na actividade social e cultural.

-Desenvolve-las actitudes e dotalos dos recursos e da orientación necesarios para a busca dun posto de traballo e/ou para o autoemprego, así como para a formación permanente.

-Amplia-la formación dos alumnos e alumnas, para a adquisición de coñecementos e capacidades propios do ensino básico, co obxecto de permiti-la súa incorporación á vida activa e, se é o caso, proseguir estudios, especialmente na formación profesional específica de grao medio.

Terceiro.-Os alumnos ós que van dirixidos os programas de garantía social serán aqueles que:

1. Teñan idades comprendidas entre 16 e 21 anos.

2. Non posúan titulacións académicas de carácter profesional.

3. Seguindo estudios de educación secundaria obrigatoria non chegasen a superala ou que, cursada a formación profesional de primeiro grao completa durante un mínimo de dous anos, non alcanzasen a valoración positiva.

O alumnos que sigan os programas de garantía social poderán compatibilizalos coa obtención dunha titulación académica mediante as probas de ensinanzas non escolarizadas que anualmente convoca a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

Cuarto.-Os programas terán unha estructura flexible e se desenvolveranse arredor de dous compoñentes formativos fundamentais:

4.1. Formación básica que posibilite ó alumnado afianza-los coñecementos e capacidades xerais básicos, relacionados cos obxectivos do ensino obrigatorio, en especial as capacidades de desenvolvemento lingüístico, numérico e, na medida do posible, todas aquelas que sexan necesarias para o desenvolvemento da área técnico-profesional.

4.2. Formación técnico-profesional que comprenda as actividades prácticas e os coñecementos necesarios que permitan ó alumnado consegui-las capacidades relacionadas co desempeño dun posto de traballo para o que non se requira a cualificación de técnico ou técnico auxiliar.

Quinto.-Os referidos programas durarán a totalidade do curso académico e poderán impartirse tanto na modalidade presencial como na de a distancia.

A modalidade presencial comprenderá un mínimo de vintecinco horas e un máximo de trinta horas semanais, repartidas de luns a venres, distribuídas con carácter xeral segundo a seguinte estructura horaria:

5.1. Área de formación básica: entre seis e dez horas semanais.

5.2. Área técnico-profesional: entre quince e dezaoito horas semanais.

5.3. Área de formación e orientación laboral: entre dúas e tres horas semanais.

5.4. Titoría: entre unha e dúas horas semanais.

5.5. Así mesmo, poderán engadirse outros contidos e/ou actividades de carácter complementario: ata 3 horas.

Non obstante, autorizaranse horarios distintos do anterior, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

Sexto.-O número de alumnos/as por grupo, con carácter xeral, estará comprendido entre un mínimo de quince polo ensino presencial e ata un máximo de corenta se se contabilizan alumnos que sigan estas ensinanzas pola modalidade a distancia.

Sétimo.-Os centros públicos de formación profesional interesados en implantar Programas de Garantía Social deberán presentar na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha memoria na que se inclúan os seguintes aspectos:

7.1. Denominación do programa, segundo a relación do anexo, contidos básicos de cada unha das áreas e o seu horario semanal. No caso de que este horario se aparte das marxes básicas especificadas no punto quinto, indicaranse as razóns que aconsellen esta modificación.

7.2. Profesorado con dispoñibidade no centro.

7.3. Xustificación da existencia do material didáctico que se vaia empregar.

7.4. Disponibilidade da existencia de espacio físico e instalacións adecuadas.

7.5. Metodoloxía e estratexias de avaliación.

7.6. Aprobación do departamento afectado e do consello escolar.

7.7. Outros que consideren oportuno indicar.

Oitavo.-Os centros privados homologados de formación profesional interesados en implantar Programas de Garantía Social deberán presentar na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha memoria na que se inclúan os seguintes aspectos:

8.1. Denominación do programa, segundo a relación do anexo, contidos básicos de cada unha das áreas e o seu horario semanal. No caso de que este horario sexa diferente do especificado no punto quinto, indicaranse as razóns que aconsellen esta modificación.

8.2. Relación nominal do profesorado que impartirá o programa e fotocopia compulsada das titulacións dos mesmos.

8.3. Xustificación da existencia do material didáctico que se vaia empregar.

8.4. Dispoñibilidade de espacio físico e instalacións adecuadas, acreditando que coas novas ensinanzas non se supera o número de postos escolares autorizados para o centro.

8.5. Metodoloxía e estratexias de avaliación.

8.6. Nos centros privados concertados, aprobación do departamento afectado e do consello escolar.

8.7. Outros que consideren oportuno indicar.

Os Programas de Garantía Social son ensinanzas non regradas polo que no son susceptibles de acollerse ó réxime de concertos educativos.

Noveno.-As solicitudes e as memorias deberán presentarse nas correspondentes delegacións provinciais no prazo de 30 días naturais a partir da data de publicación da presente orde.

En función das necesidades de escolarización, os centros poderán solicitar autorización para impartir Programas de Garantía Social durante o mes de setembro.

Décimo.-Aprobación das ensinanzas:

10.1. As delegacións provinciais remitirán as correspondentes solicitudes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, acompañadas dun informe dos servicios provinciais de inspección relativo á oportunidade e interese da autorización e cantos outros extremos xulguen oportunos.

10.2. A aprobación ou denegación das ensinanzas determinadas nesta orde corresponderá á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, logo de informe da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de tres meses desde o remate do prazo de presentación daquelas.

10.3. Contra esa resolución cabe o recurso ordinario previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico común, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Undécimo.-Para impartir docencia nos Programas de Garantía Social será necesario cumpri-las seguintes condicións:

11.1. Centros públicos: pertencer ós corpos de profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional.

11.2. Centros privados homologados: titulación mínima de técnico especialista ou equivalente con dous anos para a área técnico-profesional e de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto para a área de formación básica e a de formación e orientación laboral.

Duodécimo.-A Inspección Educativa supervisará as memorias indicadas nos puntos sétimo e oitavo e velará pola boa marcha do proceso educativo.

Décimo terceiro.-Ó final dun Programa de Garantía Social dos autorizados ó amparo desta orde, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa del na que se farán consta-las liñas básicas dos contidos, as cualificacións obtidas e o número de horas das distintas áreas. Este certificado será expedido polos seguintes órganos:

13.1. No caso de centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, polo secretario do centro co visto e prace do seu director do mesmo.

13.2. Nos demais centros, polo director do centro privado e o visto e prace do director do centro público ó que estean adscritos.

Décimo cuarto.-As cualificacións expresaranse por áreas e globalmente mediante unha escala numérica de un a dez, sen decimais. Son positivas as cualificacións a partir do cinco inclusive.

A certificación poderá ir acompañada dunha orientación sobre o futuro académico e profesional do alumno.

Décimo quinto.-As autorizacións de ensinanzas derivadas desta orde teñen validez durante o curso 1996/97.

Décimo sexto.-Para os alumnos matriculados nos Programas de Garantía Social é de aplicación o Real decreto 732/1995, do 5 de maio (BOE do 2 de xuño) polo que se establecen os dereitos e deberes dos alumnos e as normas de convivencia nos centros.

Décimo sétimo.-Autorízase expresamente a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo oitavo.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director xeral de Ordenación Educativa e Centros.

Sr. Director xeral de Ensinanzas Profesionais e F.A.

ANEXO

1. Familia profesional de actividades agrarias.

-Introducción á horticultura e á fructicultura.

-Introducción á xardinería, cultivos en viveiro e repoboación forestal.

-Introducción ás explotacións agropecuarias.

2. Familia profesional de actividades marítimo-pesqueiras.

-Introducción á acuicultura.

3. Familia profesional de administración e xestión.

-Iniciación ás técnicas administrativas.

4. Familia profesional de artes gráficas.

-Introducción á reprografía e artes gráficas.

5. Familia profesional de comercio e mercadotecnia.

-Introducción ás técnicas de comercio.

6. Familia profesional de edificación e obra civil.

-Introducción á construcción.

7. Familia profesional de electricidade e electrónica.

-Introducción á electricidade.

-Introducción á electrónica.

8. Familia profesional de fabricación mecánica.

-Introducción ás máquinas e ferramentas.

-Introducción á soldadura e ás construccións metálicas.

9. Familia profesional de hostelería e turismo.

-Introducción á cociña e restauración.

-Introducción ós servicios de restaurante e bar.

10. Familia profesional de imaxe persoal.

-Introducción á perruquería.

-Intruducción á estética.

11. Familia profesional de industrias alimentarias.

-Introducción ás conservas e semiconservas.

-Introducción ás operacións de matadoiros e primeiras transformacións das carnes.

-Introducción ás operacións nas industrias lácteas.

12. Familia profesional de informática.

-Introducción á informática.

13. Familia profesional de madeira e moble.

-Introducción á carpintería.

14. Familia profesional de mantenemento de vehículos autopropulsados.

-Introducción á mecánica xeral e á electricidade do vehículo.

-Introducción ás reparacións de carrocería do vehículo.

15. Familia profesional de mantenemento e servicios á producción.

-Introducción á fontanería.

16. Familia profesional de servicios socioculturais e á comunidade.

-Introducción á atención infantil.

-Introducción ós coidados de rehabilitación.

-Introducción ós coidados xeriátricos.

17. Familia profesional de téxtil, confección e pel.

-Introducción ás operacións de téxtil e confección.

-Introducción á reparación do calzado e marroquinería.

18. Familia profesional de vidro e cerámica.

-Introducción á fabricación de productos cerámicos.

3767