Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 28 de maio de 1996 Páx. 5.001

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 9 de maio de 1996 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para a creación, mellora e acondicionamento de talleres artesáns e de apoio á investigación de actividades tradicionais.

A artesanía, como sistema tradicional de producción e creación, contribuíu historicamente ó desenvolvemento económico de Galicia. Actualmente o fomento das actividades artesanais constitúe un elemento dinamizador para o aproveitamento dos recursos económicos do territorio e para a creación de riqueza.

En Galicia, desde o punto de vista industrial e económico, o sector artesanal resulta de gran importancia, non só polo gran número de postos de traballo que xera senón como polas boas perspectivas de futuro que presenta, moi especialmente polo que se refire ás súas posibilidades de exportación.

A importancia da actividade artesanal e a necesidade de promocionala, tanto no interior do país como internacionalmente, xustifican plenamente o apoio da Xunta de Galicia que, co seu concurso, pode coadxuvar e intensifica-la consecución dos obxectivos co fin de consegui-la súa promoción e desenvolvemento.

Así mesmo e dada a súa importancia socio-cultural e histórica, é necesario a realización de accións, encamiñadas á priorización e fomento de actividades tradicionais.

Na súa virtude e en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con cargo á partida orzamentaria 08.02.711-D.770 convócanse axudas destinadas á creación, mellora e acondicionamento de talleres artesáns.

Artigo 2º

Poderán ser beneficiarios destas axudas os artesáns individuais, empresas artesás, asociacións e cooperativas de producción artesanal, sempre que estean en Galicia e inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Así mesmo, poderán beneficiarse destas axudas as institucións que teñan como actividade principal o fomento da artesanía. Neste caso no se esixirá a inscrición no citado rexistro.

Artigo 3º

Para a concesión das axudas valoraranse as accións presentadas polos artesáns ou talleres artesáns que exerzan algunha das seguintes actividades tradicio

nais: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardería, oleiros, forxa, ferralleiros, caldereiría, afiado, cestería e labores de palla.

Tamén se considerará especialmente a realización, por parte de talleres artesáns, de estudios ou proxectos que contribúan a mellorar e impulsa-las produccións artesanais que se relacionan no parágrafo anterior, así como a súa recuperación, pervivencia e localización.

Artigo 4º

A contía da subvención poderá acadar ata o 50% do investimento subvencionable. No caso de estudios ou proxectos que contribúan a mellora-la producción artesanal, poderán acadar ata o 45 % do custo e gastos de realización do estudio ou proxecto.

Artigo 5º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º

As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar, conforme o modelo que se xunta como anexo, acompañadas da seguinte documentación:

-As solicitudes de axudas para a mellora e acondicionamento de talleres deberán presentar fotocopia do documento de cualificación de taller artesanal e no caso de creación de taller artesanal fotocopia da carta de artesán.

No caso de asociacións artesanais presentarán, ademais, certificación ou documento acreditativo da súa constitución legal.

-Memoria detallada do investimento a realizar, con copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice, ou factura proforma de maquinaria ou bens que se pretenden adquirir, elaborada pola empresa subministradora.

En calquera dos casos, o proxecto ou a factura proforma irá dirixida ó solicitante da axuda e contará coa sinatura e DNI ou CIF/NIF de quen elabora o orzamento.

-Memoria das actividades profesionais realizadas, asinada polo solicitante.

-Documentos que acrediten a propiedade do terreo ou inmoble no que se pretende face-la obra, ou autorización expresa asinada polo propietario, coa fotocopia do seu DNI.

-Copia autenticada do último recibo do imposto de actividades económicas que ampara a actividade de que se trate e do NIF/CIF do solicitante.

-Declaración doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Aministración pública, indicando a súa contía.

- Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día das obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Documento público acreditativo do poder co que actúa o solicitante, se se trata dunha persoa xurídica.

Artigo 7º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior, o solicitante será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixera, se considerará desistido na súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 8º

Analizada a documentación, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial correspondente, logo do correspondente informe técnico emitirá a resolución que proceda, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

A non notificación da resolución no prazo de tres meses contados desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 9º

Para o libramento da subvención o beneficiario deberá achegar, por triplicado, a documentación acreditativa do investimento realizado e no caso de estudios ou proxectos deberán presentarse tres exemplares deles, antes do día 31 de outubro de 1996, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, detallando os investimentos e gastos realizados cos respectivos xustificantes.

Para o aboamento da subvención unirase á documentación que se sinala no apartado anterior certificación da conta bancaria onde se debe realiza-lo aboamento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidad Autónoma.

Artigo 10º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto a axuda reducirase nunha porcentaxe proporcional.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia realiza-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que se puideran derivar.

Artigo 11º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Nos supostos previstos no apartado 5º do artígo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, procederá o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora correspondentes, tendo as cantidades que se vaian reintegra-la consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 12º

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 13º

Con independencia do disposto nesta orde, en todo caso haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia; na Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996; Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa aplicable.

Disposicion derradeira

Facúltase ó director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 1996.

Conselleiro de Industria e Comercio

3861