Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 28 de maio de 1996 Páx. 4.995

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de maio de 1996 pola que se convoca ós centros de ensinanzas non universitarias para incorporarse á bolsa de entidades colaboradoras no programa de prestación social substitutoria do servicio militar.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no artigo 31 a competencia plena desta Comunidade para regular e administra-lo ensino, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no seu artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica do dereito á educación establece no artigo 15 que os centros educativos non universitarios dispoñen de autonomía para propoñer materias optativas, adaptar programas, adoptar métodos de ensino e organizar actividades culturais escolares e extraescolares, na medida en que non xere discriminación para ningún membro da comunidade educativa.

Por outra banda, a Constitución española sinala no seu artigo 30.2º que a lei regulará a obxección de conciencia como dereito do cidadán. Neste contexto e en cumprimento do precepto xa indicado, a Lei 48/1984, do 26 de decembro, regula a obxección de conciencia e a prestación social substitutoria do servicio militar. Nela indícase que a prestación social substitutoria se realizará preferentemente en entidades dependentes das administracións públicas ou en entidades privadas que reúnan unhas condicións determinadas.

Ademais, a Xunta de Galicia, no seu desexo de colaborar no desenvolvemento dos programas de prestación social substitutoria, creou a Comisión Galega de Obxección de Conciencia, a través do Decreto 41/1995, do 3 de febreiro.

Para tal efecto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, como entidade membro da comisión antes referida, establece o procedemento de acceso ós centros educativos para incorporarse á bolsa de entidades colaboradoras no programa de prestación social substitutoria, co propósito de seguir favorecendo a calidade e mellora dos servicios educativos. Na súa virtude, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar para o curso 1996-1997, con carácter experimental, a tódolos centros educativos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Galicia, para solicita-la autorización de incorporación como entidades colaboradoras no desenvolvemento de programas, para realiza-la prestación social substitutoria, no ámbito educativo.

Segundo.-Inicialmente inclúense os seguintes programas:

-Modalidade A) Programa de colaboración social na integración de alumnos con necesidades educativas especiais.

-Modalidade B) Programa de colaboración social no desenvolvemento de actividades nas bibliotecas escolares.

Un mesmo centro poderá concorrer a cada unha das modalidades, pero darase preferencia ó programa de colaboración da modalidade A) e neste, á atención de necesidades de autonomía persoal.

O programa da modalidade A) deberá cumprir como obxectivo xeral facilita-la igualdade de oportunidades no ámbito escolar, colaborando no desenvolvemento das potencialidades individuais, autonomía e calidade de vida dos alumnos con necesidades educativas especiais.

A colaboración social do obxector, nesta modalidade de programa, desenvolverase durante o tempo que o alumnado permaneza ligado á actividade escolar prevista no proxecto educativo do centro e que con carácter xeral xirará arredor das actividades seguintes:

A.1. Actividades regradas dentro das aulas escolares, como a mobilidade de mesas, cadeiras ou calquera outro material específico que precisen os alumnos con minusvalideces; no cumprimento das normas da clase; na adquisición de hábitos de compostura e hixiene e en calquera outro que estime preciso o profesor da aula.

A.2. Actividades regradas fóra da aula, nos tempos libres e de xogos escolares, no recreo, nos corredores, nos servicios, custodia e, se é preciso por falta de autonomía persoal, atención directa a servicios mínimos sempre baixo a dependencia directa do profesor correspondente.

A.3. Actividades complementarias relacionadas co transporte, na axuda ó acceso ós medios de transporte que utilizan os alumnos habitualmente, en excursións ou en outras que estime precisas o director ou directora do centro educativo.

A.4. Actividades complementarias relacionadas coas actividades no comedor escolar como servi-los pratos, no caso de autoservicio e se é preciso na adquisición de hábitos de hixiene alimentaria (mastigar ben, manexo dos cubertos, limpa-la boca), así como atende-la dimensión social do acto de comer en grupo (conversar, non gritar, etc.) ou calquera outra indicada nas directrices fixadas polo centro educativo.

A.5. Actividades extraescolares: nos adestramentos deportivos; na organización e participación de festas, ligas ou campionatos escolares; na socialización e fomento de dinámicas interpersoais e de comunicación, nos tempos libres, no autocar, en excursións, sempre baixo a dependencia directa do profesor correspondente, se é o caso.

O programa da modalidade B) deberá ter como obxectivo xeral o de colaborar nas actividades de posta en funcionamento, organización ou dinamización que se desenvolvan na biblioteca escolar baixo as directrices do profesor responsable dela.

A colaboración, nesta modalidade de programa, desenvolverase durante o tempo que se especifique

no proxecto educativo do centro e con carácter xeral xirará arredor das seguintes actividades:

B.1. Orientadas ó profesorado e alumnos relacionadas coa información sobre a oferta bibliográfica da biblioteca.

B.2. Dirixidas ós alumnos e relacionadas coa información sobre aspectos de organización da biblioteca, para mellora-la autonomía nela.

B.3. Orientadas a tódolos posibles usuarios, na adquisición de hábitos de orde e consideración ós libros.

B.4. Outras actividades relacionadas coa utilización da biblioteca aprobadas polo consello escolar do centro, na organización de actividades de animación á lectura; así como cando asociacións ou outras organizacións sociais do contorno do centro dispoñan dela como lugar de reunión.

Terceiro.-O número de colaboradores sociais que se vaia solicitar por centro será, con carácter xeral, dun por programa presentado.

Para o programa da modalidade A): dependendo da gravidade das necesidades, e do número de unidades do centro que acollan alumnado destas características, poderá solicitarse ata un máximo de tres colaboradores sociais por centro.

Para o programa da modalidade B): só se poderá solicitar un segundo colaborador social por centro e biblioteca, nos centros que impartan ensinanzas en réxime diurno e nocturno.

Cuarto.-Considerarase preferentemente como perfil do colaborador social que participe nos programas que se vaian desenvolver nos centros educativos:

Que opte voluntariamente.

Que teña cursado estudios de tipo medio ou profesións relacionadas co eido educativo.

En todo caso, sempre é precisa unha predisposición e actitude de respecto ós dereitos dos alumnos e ás normas de convivencia e os regulamentos orgánicos dos centros de ensino.

Quinto.-A autorización do centro como entidade colaboradora non garante a participación de persoal colaborador social. Esta dependerá das posibilidades da oferta e da elección dos destinos por parte dos colaboradores sociais.

Sexto.-A colaboración do obxector estará suxeita ás indicacións do director do centro, segundo o acordado na autorización do programa.

Sétimo.-Os centros que desexen tomar parte na presente convocatoria deberán presentar unha solicitude asinada pola directora ou director do centro, cos datos que se indican no anexo I. A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

Actas do consello escolar e do claustro de profesores co acordo favorable da colaboración solicitada.

Un informe sobre a necesidade e viabilidade da colaboración no centro, considerando a súa orga

nización xeral (horarios, distribución de espacios, etc.).

Por cada un dos programas solicitados, o centro elaborará e presentará un informe-expediente onde se concreten: a) as actividades previstas na colaboración, b) os informes técnicos que aconsellen a necesidade de colaboración e c) a relación de persoas involucradas no proxecto.

Oitavo.-A solicitude acompañada do informe-expediente antes referido dirixirase ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e presentarase por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Noveno.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación remitirán tódalas solicitudes recibidas á Vocalía da Comisión Galega de Obxección de Conciencia da Consellería de Educación - Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, unha vez informadas polo Servicio Provincial de Inspección e clasificadas segundo a prioridade estimada da necesidade da colaboración.

A resolución corresponderá á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, logo de informe da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

Décimo.-A resolución coa relación de centros autorizados para colaborar no Programa de Obxección de Conciencia publicarase no Diario Oficial de Galicia. A relación dos centros educativos autorizados será remitida á Comisión Galega de Obxección de Conciencia - Dirección Xeral de Xustiza e Interior da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para que se inclúan na bolsa de oferta de entidades colaboradoras.

Décimo primeiro.-En cada centro seleccionado, o responsable dos programas será a directora ou director do centro ou persoa na que delegue, e terá como funcións as indicadas no artigo 61 do Real Decreto 266/1995, de 14 de febreiro (BOE do 16 de marzo de 1995).

Décimo segundo.-A colaboración na prestación social no ámbito educativo estará suxeita ó determinado nas propostas de solicitude autorizadas para os distintos programas.

O director e/ou os profesores responsables colaborarán no asesoramento ós colaboradores sociais achegando nocións xerais sobre a estructura organizativa e funcional do centro, así como arredor de cuestións específicas para o desenvolvemento de cada programa.

Décimo terceiro.-Excepcionalmente os centros, ante razóns debidamente xustificadas, poderán modifica-la realización do programa inicialmente previsto. Neste caso, para a autorización das alte

racións que estimen oportunas, presentarase de novo a documentación esixida, coas certificacións de actas de sesións do claustro e do consello escolar nas que foron aprobadas tales suxerencias seguindo o proceso de trámite xa indicado.

Décimo cuarto.-A duración da autorización do centro educativo como entidade colaboradora será de dous anos, prorrogables sempre que non se acorde a disolución da colaboración por parte do centro. Neste caso, farase un aviso, cunha antelación de seis meses, indicando a vontade de rescindi-la colaboración debidamente xustificada.

Disposicións derradeiras

Primeiro.-A presente orde, entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segundo.-Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros e á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos a dictar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación e desenvolvemento do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

3761