Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 28 de maio de 1996 Páx. 4.989

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de abril de 1996 pola que se establecen subvencións para escolas de música e se regula o procedemento para a súa concesión.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo establece que os estudios de música poderán cursarse, sen límite de idade en escolas específicas. Estes estudios en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica e profesional.

A orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 11 de marzo de 1993, regula a creación e funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia, resaltando a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia.

As escolas de música cumpren un dobre obxectivo, por unha banda contribúen á formación e desenvolvemento das aptitudes musicais dos afeccionados, por outra poden achega-la preparación necesaria para a superación das probas de acceso ós estudios que conducen á titulación profesional ou superior das persoas que teñen vocación e aptitudes para esta disciplina.

Co fin de potencia-lo funcionamento destas escolas de música, moi especialmente as de titularidade das corporacións locais, e en virtude das atribucións que ten atribuídas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convócanse axudas para subvenciona-las actividades desenvolvidas ou que se van desenvolver durante o ano 1996 polas escolas de

música de titularidade municipal ou de institucións privadas sen ánimo de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia, así como dos gastos de persoal e funcionamento destas.

Segundo.-Poderán optar a estas subvencións as escolas de música sinaladas no punto anterior que estean inscritas no Rexistro de Escolas de Música da Comunidade Autónoma na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro.-O importe total das axudas que se concedan efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322E.480.0, da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos. A contía máxima da subvención por beneficiario será de 1.000.000 de ptas. (un millón).

Cuarto.-As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo modelo que figura como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, antes do 28 de xuño e irán acompañadas da seguinte documentación, segundo proceda:

a) Memoria e orzamento das actividades realizadas ou que se van realizar durante o ano 1996.

b) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

c) Certificación bancaria a nome do solicitante na que conste a conta corrente na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

d) Certificacións orixinais de estar ó día das súas obrigas tributarias e sociais.

e) Breve descrición de instalacións e material.

f) Declaración de ter ou non solicitado doutros entes públicos ou privados subvención para a mesma finalidade.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

A) Titularidade das escolas, dando prioridade en todo caso, ás de titularidade municipal.

B) Valoración económica do orzamento.

C) Número de alumnos.

D) Zona de influencia

E) Especialidades instrumentais

Sexto.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Ordenación Educativa e Centros ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas e que estará integrada por:

-Subdirector xeral de Centros.

-Xefe de Servicio de Centros.

-Un inspector coordinador.

-Un inspector provincial designado pola dirección xeral.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño)

Oitavo.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

Transcorridos tres meses desde a data de presentación das solicitudes sen que se distase resolución favorable, deberá entenderse derrogase, sen prexuízo dunha resolución posterior.

Noveno.-As subvencións concedidas, que, en todo caso, estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles, irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal, funcionamento e actividades, e serán aboadas de conformidade co que dispón o artigo 36º dous A da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, mediante un pagamento parcial a conta da liquidación por un importe máximo do 70% da subvención concedida, sempre que o beneficiario xustifique os gastos realizados, segundo o proxecto aprobado, con anterioridade ó 15 de setembro de 1996.

O libramento restante aboarase unha vez que o beneficiario presente, antes do 30 de novembro, a completa xustificación.

Décimo.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, a través dos servicios provinciais de inspección, realizará un seguimento do funcionamento das escolas subvencionadas.

Décimo primeiro.-Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda das escolas de música subvencionadas deberá figurar que estas están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama.

Décimo segundo.-Procederá o reintegro da subvención e xuros de demora, de conformidade co artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, cando exista incumprimento da obriga de xustificación e por

incumprimento da finalidade para a que foi concedida.

Décimo terceiro.-Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo cuarto.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

3916