Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 27 de maio de 1996 Páx. 4.934

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de maio de 1996 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios prestados polo persoal da empresa Policlínico Vigo, S.A., desde as 00.00 horas do día 27 de maio de 1996, en semanas alternas e con carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño de 1988), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta ós conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta ó persoal da empresa Policlínico Vigo, S.A., desde as 00.00 horas do día 27 de maio de 1996, en semanas alternas e con carácter indefinido, oído o comité de folga e sen acadar acordo sobre o establecemento dos servicios mínimos, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada desde as 00.00 horas do día 27 de maio de 1996, en semanas alternas e con carácter indefinido, que afecta o persoal da empresa Policlínico Vigo, S.A., enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios do centro sanitario, en evitación de que se lles produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

E por iso, mantéñense os servicios mínimos necesarios para garanti-la asistencia imprescindible ós doentes hospitalizados, así como a atención urxente ós usuarios, que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

Entrando na análise pormenorizada dos servicios mínimos fixados, pódense sinala-los seguintes criterios rectores da determinación dos mesmos:

Persoal facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triple ámbito:

-Servicios de urxencias e gardas médicas.

-Quirófanos urxentes para a atención dos usuarios que, ó ingresaren, requiran intervención cirúrxica inaprazable.

-Atención ós paritorios.

II. Cobertura da actividade cirúrxica dos doentes hospitalizados, respecto ás patoloxías que poñan en perigo a vida dos mesmos ou agraven o seu estado de saúde.

III. Na área de hospitalización, establecerase o número necesario para garanti-las visitas médicas, a atención indefectible dos doentes hospitalizados e as altas clínicas.

IV. No ámbito de consulta atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, así como as interconsultas dos doentes hospitalizados que o requiran, a criterio do facultativo. Así mesmo atenderanse as consultas dos pacientes desprazados.

V. Garantirase, así mesmo, a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran ós doentes hospitalizados que, ó criterio do facultativo, sexan necesarias.

Persoal sanitario non facultativo:

I. -Cobertura do 100% da actividade urxente nun triple ámbito:

-Servicios de urxencias.

-Quirófanos urxentes para a atención dos doentes que, ó ingresaren, requiran intervención cirúrxica inaprazable.

-Atención ós paritorios.

II. Na área de hospitalización, establecerase o número necesario para garanti-los coidados dos doentes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

III. No ámbito de consultas , estableceranse mínimos nun dobre ámbito:

-Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

-Apoio á atención das consultas ambulatorias nun 25% do cadro de persoal habitual.

IV. No ámbito dos servicios centrais garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran ós doentes hospitalizados que, ó criterio do facultativo, sexan necesarias.

V. Unidades especiais:

Coidados críticos: o mesmo que para un domingo ou festivo.

Diálese: o número necesario para garanti-lo coidado dos pacientes afectados.

Persoal non sanitario:

I. Áreas de hospitalización: un número de efectivos equivalente ó dos domingos ou festivos.

II. Servicio de admisión: un número equivalente ó dos domingos ou festivos.

III. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ó paciente que o requira, cun mínimo dun por centro e ata un máximo do 50% do cadro de persoal.

IV. Atención ó paciente: un número de efectivos que garantan a atención ó pacente que o requira, con un mínimo de un por centro e ata un máximo do 50% do cadro de persoal.

V. Servicios de mantemento: un número equivalente ós de domingos ou festivos.

VI. Servicios de lavandería e lencería: ata o 50% do cadro de persoal .

VII. Limpeza: sta o 50% do cadro de persoal.

VIII. Hostelería: un número mínimo en equivalencia cos domingos ou festivos, ou ben un 60% do cadro de persoal, segundo as necesidades de cada centro.

Coa finalidade de garanti-lo adecuado mantemento do servicio, servirase, con caracter xeral, un único menú ós doentes que non requiran dieta médica especial.

IX. Conductores: o mesmo número do cadro de persoal de domingos ou festivos, cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

X. Servicios administrativos:

-Enderezos-información e control de xestión: unha persoa por cada servicio.

-De persoal: o 40%

-De nóminas: o 30%

-De subministros: o 25%

-Almacéns: 25%

-De contabilidade: 25%

XI. Outras áreas de traballo ou servicios: establecerase, con carácter xeral, un número equivalente cos domingos ou festivos, así como o número de efectivos imprescindibles para asegura-lo mantemento dos servicios de incineración.

Artigo 2º

Con base nas premisas anteriormente sinaladas que serven de alicerce para a concreción dos efectivos que teñen a consideración de servicios mínimos na folga convocada, no anexo da presente orde determínase o número de traballadores que se consideran esenciais distribuídos por áreas de traballo e categorías profesionais.

Artigo 3º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que poderá cubri-los distintos servicios será determinada polo director-xerente do Policlínico Vigo, S.A., procedéndose a súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 4º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 5º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lles recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 1996.

José María Hernandez Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

-Área Sanitaria:

P. facultativos: 72 na súas quendas habituais.

ATS/DUE: 100 (42 en quenda de mañá, 33 en quenda de tarde, 22 en quenda de noite e 3 en quenda partida)

Matronas: 1 na súas quendas habituais.

Fisioterapeutas: 2 (1 en quenda de mañá e 1 en quenda partida)

Aux. de enfermería: 115 (52 en quenda de mañá, 34 en quenda de tarde, 18 en quenda de noite e 11 en quenda partida)

P. técnico sanitario: 35 (17 en quenda de mañá, 10 en quenda de tarde, 4 en quenda de noite e 4 en quenda partida)

Celadores: 40 (15 en quenda de mañá, 12 en quenda de tarde, 6 en quenda de noite e 7 en quenda partida)

-Servicio de mantemento:

Electromecánicos: 6 (2 na quenda de mañá, 2 na quenda de tarde e 2 na quenda de noite)

Electrónicos: 3 (2 na quenda de mañán e 1 na quenda de tarde)

Mecánicos: 1 na quenda de mañá.

(carpinteiro, pintor ou albanel)

Oficios varios: 1 na quenda de tarde.

Técnico Adminis.: 1 en quenda partida.

-Almacén xeral:

Auxiliar almacén: 2 (1 en quenda de mañá e 1 en quenda partida)

-Almacén externo:

Auxiliar: 1 na súa quenda habitual.

-Almacén de farmacia:

Auxiliar: 2 na súa quenda habitual.

-Servicio de compras:

Oficiais Admi.: 4 na súa quenda habitual.

-Servicio de información:

Telefonistas: 3 (1 na quenda de mañá , 1 na quenda de tarde e 1 en quenda partida)

Celadores: 5 (2 na quenda de mañá, 1 na quenda de tarde e 2 en quenda partida)

Oficiais admi.: 1 en quenda partida.

-Servicio de recepción:

Ordenanzas: 2 (1 na quenda de mañá e 1 na quenda de tarde)

Persoal administrativo: 20 (8 en quenda de mañá, 8 en quenda de tarde, 3 en quenda partido e 1 en quenda de noite)

-Servicio de documentación e arquivo clínico:

Persoal administrativo: 6 (3 na quenda de mañan e 3 en quenda de tarde)

-Secretaría clínica:

P. administrativo: 6 ( 3 na quenda de mañan e 3 en quenda de tarde)

-Servicio de contabilidade:

P. administrativo: 9 nas súas quendas habituais.

-Servicio de recursos humanos:

Oficiais Admi.: 5 (4 en quenda partida e 1 na quenda de tarde)

-Servicio de informática:

Progra. Analis.: 2 nas súas quendas habituais.

Operador: 1 na súa quenda habitual.

-Secretaría de dirección:

Aux administrativo: 2 en quenda partida.

-Servicio de hostelería:

Ser. hotelero: 40 camareiras (20 na quenda de mañá e 20 na quenda de tarde)

1 Administrativo en quenda partida.

Lencería: 2 peóns ( 1 na quenda de mañá e 1 na quenda de tarde)

4 lavandeiras (2 na quenda de mañá e 2 na quenda de tarde)

1 costureira en quenda de mañá.

Cociña: 6 cociñeiros (3 na quenda de mañá e 3 na quenda de tarde)

14 axudantes de cociña (7 na quenda de mañá e 7 na quenda de tarde)

-Servicio de limpeza:

P. limpeza: 50 limpadoras (32 na quenda de mañá, 7 na quenda de tarde e 11 na quenda de noite)

2 peóns cristaleiros na quenda de mañá.

2 peóns de limpeza na quenda de noite.

2342