Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 27 de maio de 1996 Páx. 4.937

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial do sector de fabricantes de cadaleitos de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de fabricantes de cadaleitos (código número 3200045) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Fabricantes de Cadeleitos de Ourense e da parte social polas centrais sindicais FEMCA-UXT, CC.OO. e FCM-CIG, todas elas con lexitimidade suficiente para asinalo en xuntanza celebrada o 12 de febreiro de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de mazo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro de rexistro desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Santiago de Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 12 de marzo de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo provincial para o sector de fabricantes de cadaleitos de Ourense 1996

Artigo 1º.-Ámbito territorial e funcional.

O presente convenio aplicarase a tódalas empresas que, domiciliadas na provincia de Ourense, se dedi

quen á fabricación de cadaleitos e a cantas poidan establecerse durante a súa vixencia.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará a todo o persoal obreiro e subalterno incluído no ámbito territorial e funcional, tanto fixo coma interino e eventual. Quedan excluídos os axentes comerciais libres.

Artigo 3º.-Entrada en vigor.

As estipulacións do presente convenio entrarán en vigor o día da súa sinatura. Non obstante, os efectos económicos deste retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 1996.

O convenio entenderase prorrogado tacitamente de ano en ano, mentres non sexa denunciado por calquera das partes cunha antelación mínima de 3 meses ó vencemento do prazo de duración pactado ou de calquera das súas prórrogas. A denuncia deberá facerse mediante comunicación escrita á outra parte, na que se fará consta-la representación que ostenta e as materias obxecto de negociación.

Artigo 4º.-Duración.

O presente convenio finalizará para tódolos efectos o 31 de decembro de 1996, e manterase o articulado ata a sinatura dun novo convenio.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes do presente convenio serán compensadas e absorbidas ata onde alcance o cómputo anual con aqueloutras melloras que teñan establecidas as empresas ou que se dispoñan por disposición legal, salvo que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 6º.-Vacacións.

O período de vacacións anuais será para todo o persoal de 31 días naturais e desfrutaranse desde o día 1 de agosto ó 31 de agosto, salvo acordo entre as partes.

Durante o dito período de vacacións, o salario estipulado no presente convenio que se percibirá, será o fixado neste convenio mailo complemento de antigüidade cando procedese.

Artigo 7º.-Permisos e licencias.

A) Morte de pais, fillos, netos e irmáns, concederase un permiso de tres días naturais.

B) Por morte de cónxuxe, 7 días naturais.

C) Por morte de pais políticos, 2 días naturais de permiso.

D) Por falecemento de avó, tío, tías, sobriños, irmáns políticos, 2 días naturais de permiso. No caso de tíos políticos, 1 día natural de permiso.

E) Por morte de avós políticos e primos, 1 día natural de permiso.

F) Por nacemento de fillos, 4 días naturais de permiso. Estes permisos establécense sen prexuízo do previsto no Estatuto dos traballadores e serán retribuídos polo importe do salario base máis antigüidade.

G) Por traslado de domicilio habitual, 1 día natural.

H) Por matrimonio: 15 días naturais.

Artigo 8º.-Xornada laboral.

A xornada de traballo para 1996 será de 1.792 horas anuais.

Artigo 9º.-Calendario laboral.

Para axusta-lo calendario laboral á xornada anual para 1996, fíxanse como días libres aboables e non recuperables os seguintes: 10 de setembro, e 23, 24, 30 e 31 de decembro.

As empresas confeccionarán o calendario laboral de acordo cos representantes dos traballadores, nos prazos e condicións establecidos pola lexislación vixente.

Artigo 10º.-Situación de incapacidade laboral transitoria.

Será de aplicación neste aspecto o previsto no artigo 86 da ordenanza laboral para as industrias da madeira, en canto ó complemento da indemnización económica. O persoal que cause baixa por ILT con motivo de accidente laboral, percibirá o 100% do seu salario. O dito complemento aplicarase ós casos de accidente laboral, incluído o in itinere, e para caso de hospitalización e mentres dure o tempo efectivo de hospitalización.

A empresa complementará ata o 100% a retribución das pagas extraordinarias durante os períodos de IT.

Artigo 11º.-Retribucións.

Estipúlase un sistema de retribucións consistente en:

Salario base.

Complementos salariais.

Artigo 12º.-Salario base.

Será o que figura na táboa anexa do presente convenio.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

Consistirá en tres pagas extraordinarias, unha en xullo, outra en decembro, consistentes en 30 días de salario base máis antigüidade e a paga prevista no artigo 110 da ordenanza da madeira.

A paga de decembro aboarase antes do día 20 do dito mes.

En canto á paga establecida no artigo 110 da ordenanza da madeira, será para este ano 1996 de 9 días, e de 10 días para 1997.

Artigo 14º.-Antigüidade.

O complemento de antigüidade calcularase sobre o salario base. Terase en conta para o cómputo de antigüidade o de permanencia no sector, é dicir, que se terán en conta para o cálculo de antigüidade os anos de servicio noutras empresas de fabricación de cadaleitos.

O dito cómputo de permanencia no sector terase unicamente en conta para os traballadores contratados a partir de xaneiro de 1996, sen que se poida ter en conta en modo ningún para os xa contratados na data da sinatura do presente convenio.

O criterio de permanencia no sector terase en conta unicamente para os efectos do pagamento do complemento de antigüidade, e nunca para o cálculo de posibles indemnizacións que puidesen corresponder en caso de despedimento ou extinción dos seus contratos, e rexerá nestes casos soamente o criterio de antigüidade desde a entrada na última empresa.

En calquera caso, non se computará o tempo de duración do contrato de aprendizaxe.

Mantense o sistema de quinquenios na contía do cinco por cento en cada un deles. Este complemento terase en conta para o aboamento das retribucións de vacacións e gratificacións extraordinarias.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

O persoal masculino as empresas dotarano de fundas e o persoal feminino, de dúas batas, con duración dun ano en ámbolos casos. Así mesmo, dotaranse de luvas e máscaras, segundo determina a ordenanza de seguridade e hixiene no traballo.

A data de entrega das dúas pezas de roupa será o mes de xullo.

O uso da roupa de traballo asignada será de obrigatorio cumprimento para o traballador.

Artigo 16º.-Desgaste de ferramentas.

O importe deste complemento, cando proceda, será de 391 ptas. á semana para os profesionais especialistas e de 190 ptas. para os aprendices. Á empresa corresponderalle optar entre pagar este complemento ou facilita-las ferramentas.

Artigo 17º.-Comisión mixta paritaria.

Créase unha comisión mixta paritaria composta polas empresas que constitúen a comisión negociadora do convenio e as súas funcións serán as seguintes:

A) Interpretación das cláusulas do presente convenio.

B) Arbitraxe das cuestións que se deriven da aplicación do presente convenio.

C) Vixilancia e cumprimento do pactado.

D) Cantas outras actividades tendan a unha mellor efectividade práctica do pactado, para o cal se acorda que a dita comsiión se reúna con carácter ordinario mensualmente, co obxecto de estudia-las cuestións que lle serán sometidas por calquera dos afectados no ámbito de aplicación do presente convenio.

Serán integrantes da comisión paritaria os membros da parte social e empresarial que forman parte da comisión negociadora do presente convenio.

Esta comisión poderá ser asistida dos asesores que considere convenientes calquera das partes representadas nesta.

Artigo 18º.-Absentismo.

As partes que asinan o convenio recoñecen o grave problema que supón o absentismo laboral e entenden que a súa reducción implica tanto un aumento da presencia do traballador no posto de traballo coma a correcta organización da medicina da empresa e da Seguridade Social, xunto coas condicións de seguridade e hixiene e ambiente de traballo, en orde a unha efectiva protección da saúde física e mental dos traballadores, polo que se comprometen as partes que asinan a través da comisión mixta paritaria, a busca-las causas que favorecen o absentismo e tratar de reducilas, mediante medidas e estudios pertinentes.

Artigo 19º.-Garantías sindicais.

Haberá que aterse ó disposto respecto ás garantías sindicais dos representantes dos traballadores na empresa, así como á lexislación laboral vixente para esta materia.

Artigo 20º.-Xubilación.

Os traballadores que reúnen as condicións precisas poderán pactar coas empresas a xubilación anticipada ós 64 anos, de conformidade co establecido no acordo nacional de emprego e no Real decreto 2075/1981, do 19 de outubro e demais lexislación complementaria que o desenvolve. Establécese un premio de xubilación anticipada en función da idade no que a solicite o traballador, consistente nas indemnizacións seguintes:

Os 60 anos: 5 mensualidades.

Os 61 anos: 4 mensualidades.

OS 62 anos: 3 mensualidades.

Os 63 anos: 2 mensualidades.

Os 64 anos: 1 mensualidade.

Este premio de xubilación é incompatible coa xubilación anticipada á que se refire o primeiro parágrafo deste artigo.

Artigo 21º.-Horas extraordinarias.

As partes que asinan este convenio consideran que a reducción das horas extraordinarias é unha vía adecuada para a creación de emprego e coincidiron na conveniencia de reducilas.

Poderanse realizar horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior e estructurais, entendendo estas últimas como as necesarias en períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de carácter estructural derivados da natureza do traballo do que se trate ou do seu mantemento.

Todo isto sempre que non poidan ser substituídas por contratación temporal ou a tempo previstas na lei. A realización das ditas horas notificaráselle mensualmente á autoridade laboral conxuntamente pola empresa ou os delegados de persoal, se é o caso.

Tamén co obxectivo de estimula-la creación de emprego a través da reducción de horas extraordinarias, as partes coincidiron na importancia do estricto cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballa

dores. O incumprimento deste artigo será considerado falta grave para os efectos do disposto noa artigo 57 do Estatuto dos traballadores.

O prezo da hora extraordinaria será de 1.260 pesetas para tódalas categorías.

Artigo 22º.-Horario.

O horario para as empresas do sector, salvo acordo expreso entre partes será de 9 horas a 13 horas pola mañá e de 14.30 a 18.30 horas pola tarde.

Artigo 23º.-Póliza de seguros.

As empresas deberán concertar con primas íntegras pola súa conta unha póliza de seguros que cubra as seguintes continxencias.

Accidente laboral ou común, con resultado de morte: 2.000.000 de pesetas.

Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente total, absoluta ou gran invalidez: 3.500.000 ptas.

Para o persoal de nova incorporación, a póliza de seguros deberá concertarse no prazo dun mes a partir da contratación do traballador.

Artigo 24º.-Revisión médica.

Para ter dereito á retribución por asistencia médica, será necesario presentar cuberto polo médico o parte que para tal efecto confeccionará a empresa.

O presente artigo será motivo de revisión para o convenio de 1997.

As empresas afectadas polo presente convenio deberán contrata-los servicios adecuados para realizar unha revisión médica ó ano para os seus traballadores. Así mesmo, os traballadores terán dereito a permiso retribuído para acompaña-lo seu cónxuxe e fillos, en caso de enfermidade grave destes, logo de xustificante da Seguridade Social. O presente artigo terá vixencia exclusiva dun ano, e poderá revisarse, modificarse ou retirarse do convenio en función de que se producisen ou non abusos como consecuencia da súa aplicación durante 1996, e unha vez que se constaten as ditas circunstancias na negociación do seguinte ano.

Artigo 25º.-Contrato de aprendizaxe.

Este contrato só se poderá celebrar con demandantes de primeiro emprego entre 16 e 20 anos que non teñan a titulación suficiente para a realización doutro tipo de contrato.

A duración deste non poderá ser inferior a un ano, sen exceder de dous e sempre se celebrará a tempo completo.

O tempo dedicado á formación teórica, que deberá ser presencial, non será inferior ó 25% nin superior ó 50% da xornada máxima prevista no presente convenio.

A remuneración dos aprendices será a fixada nas táboas salariais do presente convenio de acordo coa categoría profesional que corresponda.

No contrato deberá especificarse o centro onde se impartirá a formación profesional e o horario e entregaráselles copia deste ós representantes sindicais.

Ó remate do contrato, se se acordase a continuación da prestación laboral, a empresa comprométese a vincula-lo traballador a un contrato indefinido para desempeña-los labores para os que foi formado e coa categoría corrrespodente, quedando prohibido o seu encadeamento con contratos eventuais.

Disposicións adicionais

Primeira.-As partes que asinan o presente convenio manifestan que o incremento salarial sobre as táboas de 1995, xa actualizadas, supón un 4,3%.

Segunda.-Os atrasos do presente convenio serán aboados nun prazo non superior a dous meses desde a asúa publicación no BOP.

Disposicións transitorias

Primeira.-Para todo o non previsto no presente convenio, haberá que aterse, como normas supletorias, á ordenanza laboral da madeira O.M., do 2 de xullo de 1969, salvo que ámbalas partes acorden a súa substitución por convenio, en caso de que esta fose derrogada; Lei 1/1995, do 24 de marzo e Lei 11/1985, do 2 de agosto.

Segunda.-Cláusula de revisión.

Fíxase unha cláusula de revisión salarial para o caso de que o IPC, o 31 de decembro de 1996, supere o 3,85% no conxunto dos 12 meses, actualizándose os salarios para 1997 na diferencia existente entre o 3,85% e o IPC real que se produza, e unha vez que por parte do INE se faga público o IPC do ano.

Faise constar expresamente que, en caso de producirse diferencia entre o 3,85% e o IPC real, non se aboarán atrasos nin diferencias salariais, e unicamente esa diferencia servirá de base para a actualización das táboas para 1997.

Disposición derradeira

Cláusula de sumisión ó AGA.

Ante a importancia que poida tela resolución pacífica dos conflictos laborais, a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado por entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes que asinan este convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formuladas.

Táboa salarial

CategoríaSalario día

Encargado xeral3.353 ptas.
Encargado de producción3.353 ptas.
Oficial trazador3.353 ptas.

CategoríaSalario día

Oficial 1ª3.296 ptas.
Oficial 2ª3.258 ptas.
Axudante3.148 ptas.
Peón especialista3.124 ptas.
Peón3.116 ptas.
Pulimentador3.296 ptas.
Terminador3.296 ptas.
Menores de 18 anos2.090 ptas.
Conductor de 1ª3.296 ptas.
Conductor de 2ª3.258 ptas.
Garda ou vixilante3.116 ptas.

3549