Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 23 de maio de 1996 Páx. 4.845

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 9 de abril de 1996, conxunta das Consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se regula o libro oficial de movemento de praguicidas perigosos.

A comercialización de praguicidas clasificados como «tóxicos» ou «moi tóxicos» está sometida, en virtude da regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas, no sucesivo RTS, aprobada polo Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, modificada polos reais decretos 162/1991, do 8 de febreiro e o 443/1994, do 11 de marzo, ó requisito de rexistrar cada operación comercial dos ditos praguicidas nun libro oficial de movemento de praguicidas perigosos, no sucesivo LOM, co obxecto de adverti-lo comprador da súa responsabilidade acerca da adecuada manipulación destes productos, así como de facilitarlle á Administración a vixilancia e investigacións pertinentes sobre o seu cumprimento.

A entrada en vigor da Orde do 8 de abril de 1996 pola que se dictan normas para a inscrición no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas, no sucesivo rexistro, derroga a Orde do 31 de xaneiro de 1991 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, a cal no seu artigo 11 regulaba provisionalmente, para os productos fitosanitarios, a normativa do LOM na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 24 de febreiro de 1993, do Ministerio de Relacións coas Cortes e da Secretaría do Goberno, veu establece-la normativa do LOM a nivel estatal, debendo as CC.AA. desenvolver e aplica-la dita normativa no ámbito do seu territorio.

Por todo iso, ó abeiro do Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca, e o Real decreto 1634/1980, de 31 de xullo, de transferencia de competencias en materia, entre outras, de sanidade, e por proposta das direccións xerais de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, e de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Definición

O libro oficial de movemento de praguicidas perigosos é o soporte físico onde se rexistrarán as operacións de cesión, a título oneroso ou gratuíto, dos productos especificados no artigo 2º da presente orde, en cumprimento do disposto no apartado 2.4º do artigo 10 da RTS.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación

O requisito de anotación no LOM afecta os preparados praguicidas clasificados como «tóxicos» ou «moi tóxicos», definidos no artigo 3 da RTS, que

estean xa envasados na forma na que se lles subministran ós usuarios, desde o momento da súa primeira cesión no mercado da Comunidade Autónoma de Galicia ata a súa aplicación.

Quedan excluídos da esixencia de anotación no LOM os praguicidas de uso na hixiene persoal, os desinfectantes de material clínico, farmacéutico e de ambientes clínicos e cirúrxicos, así como os productos de uso zoosanitario que teñan a consideración de medicamentos veterinarios.

Os establecementos e servicios unha vez inscritos no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas, terán obrigatoriamente que estar en posesión do LOM antes de inicia-la súa actividade.

Artigo 3º

A obriga de tenza do LOM afecta os establecementos e servicios praguicidas relacionados nas seccións 1ª e 2ª do artigo 4 da Orde do 8 de abril de 1996, nos que, mediante calquera tipo de cesión, nos termos especificados no artigo 1, se adquiran ou expendan praguicidas dos especificados no artigo 2 da presente orde.

Esta obriga concerne igualmente os aplicadores e as empresas de tratamento que adquiran tales praguicidas para a súa aplicación por conta de terceiros.

Artigo 4º.-Órganos responsables

Os órganos responsables, na Comunidade Autónoma de Galicia, na tramitación administrativa do LOM son as delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 5º.-Estructura do LOM

1. O LOM estará composto dunha primeira folla para dilixenciado e por follas numeradas para anotación de movementos de praguicidas coa estructura que figura no anexo II. Ámbolos tipos de follas estarán compostos por un xogo de tres autocopiativas, sendo a primeira de cor branca e as outras dúas de cores diferentes entre si e da branca. Para cada operación anotaranse os datos seguintes:

a) Data na que se realiza a adquisición ou cesión do producto.

b) Identificación do praguicida, que inclúa nome comercial, número de inscrición no seu correspondente rexistro oficial, número de lote de fabricación, categoría toxicolóxica e cantidade cedida de producto.

c) Identificación do subministrador ou receptor, que inclúa nome, enderezo e número de identificación fiscal (NIF) en caso de que se trate dunha persoa física, ou denominación, domicilio social e código de identificación fiscal (CIF), no caso de que se trate de persoas xurídicas.

d) Sinatura do comprador ou receptor, aceptando a súa responsabilidade na custodia e adecuada manipulación do producto, ou ben número do documento comercial (albará, factura ou recibo), no que se

encontre recollida tal aceptación de responsabilidade de acordo co que se indica no apartado seguinte. Nos casos en que o producto sexa retirado do establecemento polo propio comprador ou receptor, a «adecuada manipulación» inclúe tamén o transporte.

2. Se se trata dunha venda ó contado, a sinatura do comprador ou receptor dos productos, a que se refire o apartado anterior, pode ser recollida no albará de entrega do producto ou ben na factura. Para tal efecto, os documentos comerciais utilizados deberán conte-los datos especificados nas letras a), b) e c) do apartado 1. Sobre o espacio destinado para a sinatura deberá figura-lo texto seguinte:

«Acepto a custodia e adecuada manipulación dos praguicidas perigosos descritos neste documento».

3. Cando se trate de aplicadores ou de empresas de tratamentos farase consta-la identificación do cliente e o número de contrato ou factura-contrato subscrito con este para cubri-los datos expresados nas letras c) e d) do apartado 1.

4. Nos establecementos nos que os controis de almacén, de facturación e contabilidade se realicen mediante sistemas informáticos, dos que a súa fiabilidade estea xustificada pola súa utilización para outros fins, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias poderá autorizar a leva-las anotacións do LOM sobre soporte informático tendo prevista unha saída impresa segundo o modelo especificado no anexo II. Neste caso, as follas que se utilicen na impresión estarán numeradas correlativamente e seladas pola delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Para permiti-la súa consulta listaranse mensualmente por triplicado nos dez primeiros días do mes seguinte do que se trate.

Artigo 6º.-Solicitudes e tramitación

1. As solicitudes de apertura do LOM axustaranse ó modelo que figura no anexo I da presente orde, presentaranse na delegación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da provincia na que estea situado o establecemento, ou onde teña o domicilio social o servicio. Tamén poderán presentarse en calquera das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do réxime das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes de apertura do LOM relacionadas con praguicidas de uso fitosanitario ou de uso gandeiro, definidos nos apartados 2.9 e 2.10 da RTS, deberán ser informadas polos servicios técnicos das delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, sobre os extremos da súa competencia.

3. As solicitudes de apertura do LOM relacionadas con praguicidas de uso ambiental ou de uso na industria alimentaria, definidos nos apartados 2.11 e 2.12 da RTS, deberán ser informadas polos servicios técnicos das delegacións provinciais da Consellería de

Sanidade e Servicios Sociais, sobre os extremos da súa competencia.

Artigo 7º.-Apertura, control e cancelación do LOM

1. Recibidos os informes mencionados no artigo anterior, o delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes autorizará, ou non, a apertura do LOM; posteriormente dilixenciarase o correspondente libro.

2. Na dilixencia de apertura farase consta-lo nome do solicitante, a denominación e a dirección postal do establecemento ou do servicio, o seu número de inscrición no rexistro e a data de inscrición. Esta dilixencia farase na primeira folla do LOM, se se trata dun libro de follas numeradas, ou sobre un exemplar do modelo de impreso informatizado.

Artigo 8º

Os servicios técnicos das delegacións provinciais das Consellerías de Agricultura, Gandería e Montes ou de Sanidade e Servicios Sociais, segundo corresponda, controlarán os LOMs autorizados na súa provincia, co fin de comproba-lo grao de cumprimento das obrigas que este leva consigo.

Artigo 9º

1. O LOM, unha vez esgotado ou por cesamento da actividade, cancelarase mediante unha dilixencia que se realizará a continuación do último asento. Nela farase consta-lo nome do solicitante, o motivo da cancelación e a indicación de que o dito libro, xunto cos correspondentes documentos acreditativos, deberá conservarse a disposición dos servicios oficiais competentes durante un prazo de cinco anos, contado a partir da data de dilixencia.

2. Nos casos nos que a cancelación se produza por cambio ou cesamento de actividade, o titular do establecemento e/ou do servicio poderá solicita-la custodia do LOM por parte da delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Da aceptación da dita custodia estenderáselle o oportuno xustificante.

3. As solicitudes do LOM deberán arquivarse no correspondente expediente de inscrición no Rexistro de Establecementos e Servicios Praguicidas da respectiva delegación provincial.

Artigo 10º

1. O LOM deberá manterse no establecemento ou no servicio segundo corresponda, a disposición dos servicios oficiais competentes durante un prazo de cinco (5) anos contados a partir da data de dilixencia de cancelación. Este mesmo prazo aplicaraselles os LOMs que sexan depositados nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para a súa custodia.

2. Os albarás de compra ou entrada no establecemento ou servicio dos praguicidas sometidos a este sistema de control, así como os documentos comer

ciais nos que estiveran recollidas as sinaturas dos compradores ou receptores, manteranse a disposición dos servicios oficiais competentes, conxuntamente co LOM, durante un período de cinco (5) anos despois da data na que se emitiran.

Artigo 11º.-Réxime sancionador

A non posesión do LOM nos termos marcados nesta orde, sancionarase de acordo co previsto no artigo 14 do Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, ou normativa que o substitúa.

Disposición transitoria

Os LOMs, modelos libro e talonario, actualmente en uso para os productos fitosanitarios, deberán ser substituídos nun prazo de seis meses contados a partir da entrada en vigor da presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderán elaborar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Tomás Pérez VidalJosé Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Agricultura,Conselleiro de Sanidade

Gandería e Montese Servicios Sociais

3692