Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 23 de maio de 1996 Páx. 4.841

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 183/1996, do 9 de maio, polo que se crea a estructura orgánica do Instituto Galego de Consumo.

Pola Lei 8/1994, do 30 de decembro, creouse o Instituto Galego de Consumo como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Industria e Comercio, para ostenta-las competencias en materia de consumo; así mesmo o Decreto 329/1995, do 21 de decembro desenvolve regulamentariamente a devandita lei. Procede neste momento desenvolve-la súa estructura orgánica, ata o nivel de xefatura de servicio, para o máis eficiente cumprimento das súas funcións.

A importancia do conxunto de funcións que desenvolverá o organismo impón a necesidade de diferenciar e delimitar claramente as súas competencias en relación coas da Consellería de Industria e Comercio, debéndose estructurar axeitadamente para desenvolver un conxunto de funcións específicas que

contribúan á defensa do consumidor e usuario en Galicia.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, e cos informes previos das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Do Instituto Galego de Consumo.

1.-O Instituto Galego de Consumo para o exercicio das súas competencias e cumprimento dos fins que lle están encomendados pola Lei 8/1994, do 30 de decembro, contará coa estructura que se establece no presente decreto.

2.-O Instituto Galego de Consumo, para o cumprimento das súas funcións, estructúrase nos seguintes órganos e unidades:

I. De superior dirección e xestión

I.1. O Consello de Dirección

I.2. O presidente do Instituto Galego de Consumo

II. De dirección e xestión

II.1. O xerente

II.2. O Servicio de Protección ó Consumidor

II.3. O Servicio de Información e Educación do Consumidor

II.4. O Servicio de Asuntos Xerais

II.5. As delegacións provinciais.

II.6. Os servicios provinciais

II.7. O Laboratorio de Consumo de Galicia

II.8. As axencias europeas de consumo

Artigo 2º.-O Consello de Dirección

1.-O Consello de Dirección estará integrado polos seguintes membros:

a) O presidente

b) Os vocais, que serán nomeados polo conselleiro de Industria e Comercio por proposta dos órganos e entidades que representen, e serán:

-Dous representantes da Consellería de Industria e Comercio, e un representante con categoría como mínimo de subdirector xeral, por cada unha das restantes consellerías da Xunta de Galicia.

-Un representante, polas federacións galegas representativas de intereses locais.

-Cinco representantes das organizacións de consumidores e usuarios, garantindo como mínimo un representante por cada provincia.

-Un representante das Cámaras de Comercio de Galicia

-Un representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

Actuará como secretario do Consello de Dirección, con voz pero sen voto, un funcionario do Instituto Galego de Consumo nomeado polo presidente do Instituto Galego de Consumo.

2.-O Consello de Dirección, como órgano colexiado de superior dirección e xestión do Instituto Galego de Consumo, terá as funcións expresadas no Artigo 6 da Lei 8/1994, do 30 de decembro.

3.-O Consello de Dirección funcionará sempre en pleno e reunirase cada seis meses e sempre que sexa convocado polo seu presidente ou a solicitude dun tercio dos seus membros.

4.-O presidente, cando así o considere oportuno, poderá convocar ás sesións do consello, con voz pero sen voto, a asesores técnicos ou persoas representantes de organismos se considera de interese a súa presencia.

Artigo 3º.-O presidente

1.-Ó presidente do Instituto Galego de Consumo, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Representar ó instituto

b) Presidir e convoca-lo Consello de Dirección

c) Dirixi-lo instituto e facer cumprir e executa-los acordos do Consello de Dirección.

d) Impulsar e supervisa-las actuacións do organismo e das súas comisións e relatorias.

e) Atender e canaliza-las propostas e peticións das organizacións de consumidores e usuarios e velar pola súa axeitada tramitación.

f) Ordena-los pagamentos

g) Propoñerlle ó Consello de Dirección os plans xerais e os programas de actuacións, así como os convenios de colaboración e cooperación que sexa preciso establecer con outros organismos e entidades.

h) Exerce-la dirección superior do persoal.

i) Coñecer e coordina-los traballos e actividades que realicen os distintos órganos en materias que garden relación cos fins do instituto e que non estean expresamente reservados a outros órganos da Xunta de Galicia.

j) Propoñerlle ó Consello de Dirección a designación e a destitución do xerente.

k) Actuar como órgano de contratación do instituto con suxeición á normativa vixente e ó plan anual de actividades aprobado polo Consello de Dirección.

l) Designar e destituí-lo secretario do Consello de Dirección.

m) Exercer calquera outra función, non reservada expresamente a outros órganos da Xunta, en materia propia do instituto.

2.-O presidente poderá delegar nos delegados provinciais e no xerente as competencias e funcións relacionadas cos correspondentes ámbitos de actuación.

3.-No caso de ausencia, enfermidade ou vacante, o presidente será substituído polo xerente.

Artigo 4º.-O xerente.

1.-As funcións do xerente serán as seguintes:

a) Promover, coordinar e realizar, baixo a superior dirección do presidente, as actuacións propias do instituto e executa-lo seu orzamento e o plan anual de actividades, de conformidade cos criterios aprobados polo Consello de Dirección.

b) Promove-la cooperación e relacións do Instituto con outras institucións e entidades, tanto públicas como privadas.

c) Elabora-lo plan anual de actividades e a súa memoria explicativa, a memoria anual sobre a actuación e xestión do instituto, as contas e o anteproxecto de orzamento da entidade.

d) Administrar e xestiona-lo patrimonio e os recursos económicos do instituto, e buscar outras liñas de financiaciamento.

e) Propoñe-la ordenación de pagamentos

f) Levar a cabo o asesoramento e os informes que lle solicite o presidente

g) Dirixi-lo persoal do instituto.

h) Xestiona-los asuntos de réxime interior, rexistro, publicacións, documentación administrativa, arquivo e inventario.

i) Impulsar, orientar, coordinar e inspecciona-los servicios e unidades do instituto e dicta-las disposicións, instruccións e circulares de funcionamento e comunicación entre as diferentes dependencias do organismo.

j) Exercer calquera outra función que lle delegue o presidente ou lle encomende o Consello de Dirección.

Artigo 5º.-Servicio de Protección ó Consumidor

1.-Dependente do xerente do instituto existirá o Servicio de Protección ó Consumidor, ó que lle corresponderá realiza-las funcións de planificación, coordinación, execución e control en relación coas seguintes materias:

a) Elaboración dos proxectos de disposicións necesarios para o desenvolvemento e actualización da lexislación xeral de defensa do consumidor e usuario.

b) Campañas de inspección e control de calidade dos establecementos, bens e servicios existentes no mercado, para o cumprimento da súa normativa reguladora e a protección dos dereitos e lexítimos intereses dos consumidores e usuarios.

c) Xestión do sistema de intercambio rápido de información sobre perigos derivados de productos de uso ou consumo (rede de alerta).

d) Intervención cautelar de productos perigosos.

e) Investigación das denuncias por suposta infracción en materia de defensa dos consumidores e usuarios.

f) Iniciación e instrucción dos expedientes sancionadores que correspondan, para corrixi-las infraccións detectadas en materia de defensa dos consumidores e usuarios.

g) Fomento e formalización de convenios arbitrais entre os consumidores e usuarios e os empresarios, para soluciona-las súas controversias mediante a arbitraxe de consumo.

h) A mediación respecto das controversias derivadas de queixas ou reclamacións dos consumidores e usuarios.

i) Censo das empresas adheridas ó Sistema Arbitral de Consumo de Galicia.

j) Actuacións correspondentes á Secretaría da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

Artigo 6º.-O Servicio de Información e Educación do Consumidor.

1.-Dependente do xerente do Instituto existirá o Servicio de Información e Educación do Consumidor, ó que lle corresponden as seguintes funcións:

a) Promover e realizar estudios, análises comparativas, enquisas sobre as dinámicas e os hábitos de consumo, prezos e características e condicións de productos e servicios.

b) Organización e mantemento dun centro de documentación especializado en consumo e as súas correspondentes bases de datos.

c) Organiza-los medios para a difusión da información e en particular a través das publicacións, material gráfico, audiovisual e calquera outra.

d) Cooperación e asistencia técnica e xurídica ás asociacións de consumidores, oficinas municipais de información ó consumidor e demais organismos e entidades interesadas.

e) Contribuír á información dos consumidores a través da participación en feiras e outras manifestacións públicas e colaborar cos organismos ou entidades que leven a cabo actividades similares baixo o patrocinio do instituto.

f) Programar e organizar cursos, seminarios, xornadas e demais actividades de formación dirixidas ó persoal das asociacións de consumidores, das oficinas municipais de información ó consumidor, educadores, expertos en consumo e consumidores e usuarios en xeral.

g) Cooperar coas autoridades e centros docentes na execución dos programas de formación dos consumidores nos diferentes niveis escolares.

h) Colaborar con profesionais e entidades para o desenvolvemento de proxectos escolares en materia de educación do consumidor e elaboración de material didáctico.

i) Deseñar e elaborar, directamente ou en colaboración, publicacións, material didáctico e audiovisual dirixido ós consumidores e usuarios.

Artigo 8º.-O Servicio de Asuntos Xerais:

1.-Dependente do xerente do Instituto existirá o Servicio de Asuntos Xerais, que terá as seguintes funcións:

a) Asesorar e emitir informes sobre todas aquelas cuestións que o presidente someta ó xerente, así como aquelas que lle encomende o propio xerente.

b) Prepara-lo anteproxecto de orzamento do instituto, a súa execución e control, a tramitación das súas modificacións, así como a xestión económico-administrativa dos créditos orzamentarios e a xustificación das contas xerais.

c) Xestiona-las nóminas de persoal do instituto, programa-las súas necesidades e elabora-la proposta de relación de postos de traballo.

d) Coidar do correcto funcionamento do rexistro xeral do instituto, do arquivo e dos restantes aspectos relacionados co réxime interior.

e) Xestiona-lo rexistro de asociacións de consumidores e usuarios.

f) Exercer cantas funcións lle encomende o xerente.

Artigo 9º.-As delegacións provinciais.

1.-En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma existirá unha delegación provincial do instituto na que se integrarán tódalas unidades de carácter provincial ou local en materia de consumo situadas no seu ámbito territorial.

2.-Os delegados provinciais do instituto serán os da Consellería de Industria e Comercio, e nesta condición asumirán a dirección, no ámbito provincial respectivo, das funcións competencia do instituto baixo a dependencia funcional do presidente do dito organismo.

3.-No ámbito territorial respectivo correspóndenlle-las seguintes competencias:

a) Exerce-la representación ordinaria do presidente do instituto na respectiva provincia

b) Impulsa-la xestión e tramitación de expedientes administrativos nas materias do ámbito de competencias do instituto.

c) Calquera outra competencia ou atribución que as leis e demais disposicións xerais lles confiran ou lles sexan delegadas polo consello ou polo presidente do instituto.

Artigo 10º.-Os servicios provinciais

1.-Baixo a autoridade e supervisión do delegado e sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar do xerente do instituto, cada delegación provincial contará cunha unidade administrativa coa categoría de servicio.

2.-Os servicios provinciais terán as seguintes funcións:

a) A xestión de cantos asuntos en materia de consumo teña atribuídos a delegación provincial, asegurando o cumprimento dos obxectivos no seu correspondente ámbito territorial.

b) A dirección e coordinación das funcións seguintes: o réxime interior, a tramitación administrativa, xestión de persoal, rexistro xeral e arquivos da delegación, información ó público, elaboración das estatísticas da delegación provincial en coordinación co Instituto Galego de Estatística e maila iniciación de expedientes sancionadores en materia de defensa do consumidor e usuario.

Artigo 11º.-O Laboratorio de Consumo de Galicia

1.-O Laboratorio de Consumo de Galicia, baixo a dependencia do xerente do Instituto contará cun director técnico, e terá as seguintes funcións:

a) Realización de ensaios sobre os productos existentes no mercado a disposición dos consumidores e usuarios.

b) Información e asesoramento en temas relacionados co control dos productos a disposición dos consumidores e usuarios.

c) Inspección e proposta de concesión ou cancelación da acreditación de laboratorios privados periciais de consumo. Seguimento e inspección das actividades dos laboratorios acreditados.

d) Colaboración con outros organismos e entidades que teñan funcións en harmonía co Laboratorio de Consumo de Galicia.

e) Calquera outra función que lle encomende o xerente.

Artigo 12º.-As axencias europeas de consumo

1.-As axencias europeas de consumo, baixo a dependencia do xerente, terán as seguintes funcións:

a) Información e asesoramento en materia de consumo, de ámbito europeo, estatal e autonómico, ás oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC), ás asociacións de consumidores e usuarios, ós profesionais da información, ós centros docentes e, en xeral, a todos aqueles que teñen por misión a información, asesoramento e formación dos cidadáns.

b) Realización dos trámites correspondentes para a resolución dos litixios transfronteirizos en materia de consumo.

c) Promoción e realización de actividades informativas e formativas sobre temas de consumo co resto das axencias europeas de consumo e en especial coa situada na cidade de Guimaraes, en Portugal.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto se

modifique a denominación das distintas unidades administrativas existentes con anterioridade ou se suprima algunha das devanditas unidades, autorízase o conselleiro de Industria e Comercio, para readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo ou inferior nivel, sempre que sexan de libre designación, ou adscribilos con carácter temporal a postos de igual ou inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso, ata que, neste caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que en ningún caso a adscrición ou readscrición supoña cambio de residencia, sempre que non medie o consentimento do afectado.

Segunda.-A Consellería de Industria e Comercio, de conformidade co disposto no Artigo 15.5º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, elaborará a proposta de relación de postos de traballo resultantes da aplicación do presente decreto, efectuando a súa tramitación de acordo coa normativa vixente.

Terceira.-En tanto non sexa designado o xerente polo Consello de Dirección, facúltase o presidente do instituto para que designe a persoa que asumirá a xerencia con carácter provisional.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os parágrafos segundo e terceiro do artigo 6.2º e o punto 2 do apartado 3 do mesmo artigo 6 do Decreto 209/1990, do 15 de marzo, así como a derradeira liña do artigo 8.3º do Decreto 140/1991, do 2 de maio, modificativo do anterior, que establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio e, en xeral, cantas disposicións, de igual ou inferior rango, se opoñan ou contradigan o establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primera.-A estructura orgánica que se establece no presente decreto non suporá aumento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Industria e Comercio para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

96-3646