Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 22 de maio de 1996 Páx. 4.774

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de maio de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 176/1996, do 17 de maio, polo que se regula a acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos nos que se impartan ensinanzas non universitarias.

O Decreto 176/1996, do 17 de maio, regulou o procedemento e condicións xerais para obte-la acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos nos que se impartan ensinanzas non universitarias e facultou a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o seu desenvolvemento.

Cómpre, pois, determina-las condicións de acreditación para o exercicio da dirección, previstas no Decreto 176/1996 e establece-los procedementos para acreditar ós profesores que reúnan as condicións esixidas, de xeito que se poida proceder a efectua-la convocatoria á que se refire o artigo 3.1º. do citado decreto, co obxecto de que os profesores que o desexen poidan ser acreditados para o exercicio da dirección.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Ámbito de aplicación.

1. A presente disposición será de aplicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A presente disposición regulará o procedemento de acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos, para os efectos previstos no Decreto 176/1996, do 17 de maio.

Segundo.-Convocatoria.

Anualmente a Dirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá á convocatoria do procedemento para que os profesores con destino nos centros públicos docentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia poidan solicita-la acreditación para o exercicio da dirección.

Estas convocatorias celebraranse con tempo suficiente para que os profesores que estean en condicións de seren acreditados poidan obte-lo documento de acreditación con anterioridade á celebración das eleccións ó cargo de director correspondentes ó mesmo curso escolar.

Terceiro.-Comisión de acreditación.

1. De acordo co artigo 7 do Decreto 176/1996, en cada provincia constituirase unha comisión de acreditación designada polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

As comisións de acreditación estarán compostas por:

-O/A inspector/a xefe do Servicio da Inspección Educativa da respectiva provincia, que actuará como presidente.

-Dous inspectores do Servicio da Inspección Educativa da mesma provincia.

-Dous directores de centros públicos docentes da Comunidade Autónoma de Galicia de entre os acreditados para este cargo e que foran elixidos polos respectivos consellos escolares de centro.

Por cada comisión titular será nomeada unha comisión suplente.

2. As comisións de acreditación, unha vez constituídas, terán a súa sede oficial nas dependencias da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto.-Fases do procedemento.

1. Primeira fase: as comisións de acreditación comprobarán que os aspirantes reúnen os requisitos de formación, ou de titulación, previstos no artigo 3.2º do Decreto 176/1996. Durante as convocatorias realizadas nos dous anos posteriores á entrada en vigor da Lei orgánica 9/1995, as comisións valorarán así mesmo os méritos equivalentes á formación establecidos no anexo III do Decreto 176/1996.

Unha vez comprobado este requisito, as comisións de acreditación farán pública nas delegacións provinciais as listas provisionais dos aspirantes que cumpren co requisito de formación.

Contra desta resolución os interesados poderán reclamar nun prazo de dez días ante as comisións.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, as comisións de acreditación farán pública a resolución definitiva coa relación de aspirantes que cumpren os requisitos de formación.

Contra a resolución definitiva os interesados poderán interpor recurso ordinario ante o delegado provincial, o que esgotará a vía administrativa.

Así mesmo as comisións expedirán certificacións acreditativas da formación ou titulación requirida de acordo co modelo recollido no anexo I desta orde. Este certificado terá validez para sucesivas convocatorias.

A superación da primeira fase é requisito para pasar á segunda fase.

2. Segunda fase: as comisións de acreditación comprobarán a valoración do traballo previo desenvolvido na práctica docente e no exercicio dos cargos correspondentes ós órganos unipersoais de goberno, de acordo cos criterios e procedementos establecidos nos puntos seguintes.

Quinto.-Criterios e indicadores para realiza-la valoración.

1. A valoración do traballo desenvolvido farase tendo en conta as obligras e as tarefas propias do labor docente e do cargo que, se é o caso, se desepeñase.

2. A valoración da práctica docente recollerá, ademais do labor docente, as actividades relacionadas con el, as iniciativas para melloralo, as actividades

relacionadas coa coordinación pedagóxica, a participación na vida do centro, a atención ó alumnado e as súas familias.

3. A valoración do traballo desenvolvido no exercicio dos cargos correspondentes ós órganos unipersoais do goberno considerará a eficacia na organización dos recursos, a participación na elaboración e posta en práctica das liñas educativas do centro, así como as iniciativas adoptadas que contribuísen á mellora da calidade do ensino impartido no centro. Teranse en conta as competencias establecidas en cada cargo e as características e o contexto socioeducativo do centro.

4. As referencias da valoración do labor docente e da función directiva son as establecidas no anexo II desta orde.

5. Para acada-la valoración positiva é preciso obter un mínimo de 10 puntos do total de 20 establecidos no baremo do anexo II. En todo caso, os aspirantes que exercesen cargos unipersoais de goberno deberán obter un mínimo de 2,5 puntos no apartado 1 do dito baremo.

Sexto.-Procedemento de valoración.

1. A valoración corresponderalle á Inspección Educativa.

2. O inspector responsable do proceso de valoración procederá do seguinte xeito:

-Manterá unha entrevista co profesor interesado co obxecto de recibir información deste mesmo sobre a súa actividade.

-Analizará os documentos do centro que coide pertinente.

-Recollerá información dos distintos membros da comunidade educativa, de acordo coa función desenvolvida polo solicitante.

-Cando o profesor que se vai valorar sexa o director do centro, solicitará información dos demais membros do equipo directivo, asi como dos representantes do Consello Escolar.

-Cando o profesor que se vai valorar sexa outro órgano unipersoal distinto do director, solicitará información do director e dos demais órganos unipersoais de goberno.

-Manterá unha entrevista co xefe de estudios e o xefe de departamento para recoller información sobre o labor docente do solicitante.

-Visitará a aula ou aulas nas que imparte docencia o interesado; a este respecto poderá contar co apoio dun inspector especialista do sector. De non existir, o inspector xefe poderá designar un inspector doutro sector; excepcionalmente a Subdirección Xeral da Inspección poderá autoriza-la actuación dun especialista doutra provincia.

3. O inspector responsable, unha vez recollida a información solicitada dos distintos membros da comunidade educativa e do propio candidato, elaborará un informe no que consignará a puntuación

total obtida en cada un dos apartados do baremo do anexo II da presente orde.

4. O Servicio de Inspección remitirálle ó solicitante, por correo certificado e con xustificante de recepción, o informe final.

O profesor, en caso de desacordo, poderá reclamar ante o inspector-xefe do servicio provincial no prazo de dez días naturais desde a recepción do informe.

As reclamacións serán resoltas nun prazo de dez días naturais e o resultado da resolución deberalles ser comunicado ós interesados.

Contra desta resolución, poderá interpoñerse recurso ordinario ante o delegado provincial, que porá fin á via administrativa.

Sétimo.-Certificacións da valoración obtida.

Co obxecto de cumprilo requisito establecido no artigo 3.2º b) do Decreto 176/1996, a valoración do traballo previo desenvolvido no exercicio do labor docente e dos cargos unipersoais farase constar nun documento, que constitúe o certificado da valoración, de acordo co modelo recollido no anexo III.

Oitavo.-A vista dos certificados de valoración da Inspección educativa, sinalados no artigo anterior, a Comisión de Acreditación fará pública unha lista provisional de candidatos acreditados.

Contra desta resolución os interesados poderán reclamar nun prazo de dez días ante a mesma comisión.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, a Comisión de Acreditación fará pública a resolución definitiva coa relación de candidatos acreditados. Contra a resolución definitiva os interesados poderán interpor recurso ordinario ante o delegado provincial, o que esgotará a vía administrativa.

Noveno.-Documento de acreditación.

1. Os delegados provinciais expedirán o documento de acreditación ó que fai referencia o artigo 2.2º do Decreto 176/1996 ós profesores acreditados polas comisións de acreditación e pertencentes ó seu ámbito provincial. O dito documento de acreditación está recollido no anexo IV desta orde.

2. No documento de acreditación faranse consta-las condicións polas que o interesado acadou a acreditación para o exercicio da dirección, empregando as expresións correspondentes ás recollidas no anexo V.

Décimo.-Homologación da acreditación e validez das valoracións anteriores.

1. De acordo co establecido na disposición adicional única do Decreto 176/1996, nas convocatorias estableceranse en que casos e con que condicións serán recoñecidas as acreditacións para o exercicio da dirección expedidas por outras administracións educativas.

2. Determinarase nas convocatorias en que casos se considerarán válidas, para os efectos de acreditación para o exercicio da dirección, as valoracións da práctica docente ou as do desempeño de cargos

directivos realizadas con finalidade diferente a esta acreditación.

Décimo primeiro.-Autorízase as direccións xerais de Persoal e de Ordenación Educativa e Centros para dicta-las normas que cumpran para o desenvolvemento desta orde.

Disposición transitoria

Para dar cumprimento ó sinalado no artigo segundo desta orde e co obxecto de que os profesores que estean en condicións de seren acreditados poidan obte-lo documento de acreditación coa anterioridade á celebración das eleccións ó cargo de director, na convocatoria do procedemento de acreditación do ano 1996 redúcense os prazos de reclamacións e de resolución destas nun 50%; son os prazos que figuran no artigo cuarto.1º parágrafo terceiro, artigo sexto.4 parágrafos dous e tres, e artigo oitavo parágrafo segundo; os prazos sinalados quedan limitados, pois, a 5 días.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Modelo do certificado da formación ou titulación requiridas para a acreditación para o exercicio da dirección.

Don/Dona

NRP DNI

reúne os requisitos de formación ou titulación por ter xustificado.

, ............ de de 1996.

O presidente da Comisión de Acreditación

Asdo.:

ANEXO II

BAREMO PARA VALORACIÓN DO TRABALLO PREVIO

Puntuación

máxima

1. Función directiva.
1.1. Eficacia na organización e xestión dos recursos humanos e materiais do centro ata 1 punto.
1.2. A planificación de obxectivos, actuacións e avaliación dos resultados durante o exercicio do cargo..., ata 1 punto.
1.3. Dinaminzación dos órganos de goberno e de coordinación docente correspondentes ó ámbito da súa actuación ata 1 punto.Todo o apartado ata un máximo de 5 puntos
1.4. Atención ós membros da comunidade educativa, facilitando información sobre a vida do centro e propiciando a participación dos alumnos e as súas familias nel ata 1 punto.
1.5. O tratamento dos conflictos ata 1 punto.

Puntuación

máxima

2. Función docente.
2.1. O cumprimento das obrigas propias do seu posto de traballo ata 3 puntos.
2.2. Preparación, organización e desenvolvemento da actividade docente dentro do marco do proxecto didáctico elaborado polo departamento didáctico ata 3 puntos.
2.3. Procedemento de avaliación das aprendizaxes, decisións adoptadas para a súa mellora e aplicación correcta dos criterios de avaliación establecidos no proxecto didáctico ata 3 puntos.Todo o apartado ata un máximo de 15 puntos
2.4. Participación nas tarefas de coordinación pedagóxica, nos órganos colexiados e nas actividades que determinan a dinámica do centro ata 3 puntos.
2.5. Desenvolvemento da acción titorial e atención e información ós alumnos e ós seus pais sobre a vida do centro e o proceso de ensino-aprendizaxe ata 3 puntos.
2.6. Participación en actividades de formación e en experiencias de innovación educativaata 3 puntos.

ANEXO III

MODELO DE CERTIFICADO DA VALORACIÓN

Don/Dona

NRP e DNI

foi valorado/a polo Servicio de Inspección Educativa da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con

motivo da solicitude de acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos (Decreto 176/1996, do 17 de maio) tendo en conta os seguintes aspectos.

Función directiva: puntuación.....................

Función docente: puntuación......................

Puntuación total..............

, ............ de de 1996.

O inspector responsable da valoración

Asdo.:

ANEXO IV

Don/Dona

funcionario/a do corpo de

co número de rexistro de persoal

obtivo a acreditación para o exercicio da dirección

de conformidade co establecido no Decreto 176/1996, por reuni-las condicións seguintes:

Esta acreditación faculta o seu titular para o exercicio da dirección de centros docentes públicos que impartan ensinanzas establecidas na Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, de acordo co establecido nos artigos 18 e 20 da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes.

, ............ de de 1996.

O/a delegado/a provincial

ANEXO V

ACREDITACIÓN OBTIDA NA CONVOCATORIA

1. Formación específica para o exercicio na función directiva en centros docentes.

(Artigo 3.2º do Decreto 176/1996, do 17 de maio).

1.1. Supresión no ano.... do curso de formación para a función directiva organizado ou recoñecido pola Administración educativa da.

2. Posesión de titulacións.

(Artigo 3.2º e anexo II do Decreto 176/1996, do 17 de maio).

2.1. Licenciado en pedagoxía.

2.2. Doctores, licenciados ou diplomados que teñan cursado, alomenos, 12 créditos relacionados coa organización e xestión de centros educativos ou coa Administración educativa.

2.3. Títulos de posgrao de duración e contidos que se axusten ó establecido no artigo 4.

3. Posesión de méritos equivalentes á formación específica.

(Disposición transitoria segunda e anexo III do Decreto 176/1996, do 17 de maio).

3.1. Ter pertencido ó corpo de directores escolares.

3.2. Ter realizado actividades de formación con anterioridade.

3.3. Ter experiencia na organización e xestión de centros docentes ou na Administración educativa.

4. Valoración do traballo desenvolvido.

4.1. Ter valoración positiva no exercicio do traballo previo desenvolvido.

96-3836