Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 22 de maio de 1996 Páx. 4.773

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de maio de 1996 pola que se desenvolve a disposición transitoria primeira do Decreto 176/1996, do 17 de maio, polo que se regula a acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos nos que se impartan ensinanzas non universitarias.

O Decreto 176/1996, do 17 de, establece na súa disposición transitoria primeira que os funcionarios docentes que exerceran os cargos de director, xefe de estudios ou secretario durante catro cursos, cando menos, serán acreditados para o exercicio da dirección dos centros docentes públicos, da forma en que se determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cómpre, pois, establece-lo procedemento para levar a cabo esta acreditación. Co fin de simplificar ó máximo os trámites ós interesados, o procedemento debe ser iniciado de oficio pola propia administración.

En consecuencia, e en virtude das atribucións conferidas polo decreto citado na súa disposición derradeira primeira, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Ámbito de aplicación.

1. A presente disposición será de aplicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os funcionarios docentes que exerceran os cargos de director, xefe de estudios ou secretario durante catro cursos cando menos serán acreditados para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos, de acordo co disposto na disposición transitoria primeira do Decreto 176/1996.

Segundo.-Procedemento para a acreditación.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha vez revisados os antecedentes existentes nelas, levarán a cabo as seguintes dilixencias:

-Publicar nos taboleiros da delegación provincial, no prazo de 10 días a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG, a relación provisional dos funcionarios docentes acreditados para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos, por ter exercido durante catro cursos cando menos os cargos de director, xefe de estudios ou secretario.

-Establecer un prazo de dez días para que os interesados formulen as alegacións que consideren pertinentes a esa relación provisional.

Terceiro.-Relación definitiva de acreditaciones.

Unha vez rematado o prazo de presentación de reclamacións, as delegacións provinciais, tralo estudio delas e resolución conseguinte, procederán a

aprobar definitivamente a relación de funcionarios acreditados para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos, por teren exercido durante catro cursos, cando menos, os cargos de director, xefe de estudios ou secretario.

-As respectivas relacións definitivas serán publicados nos taboleiros das delegacións o día 10 de xuño.

Cuarto.-Documento de acreditación.

Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expedirán o documento de acreditación a que fai referencia o artigo 2.2º do Decreto 176/1996, do 17 de maio, ós profesores relacionados na lista definitiva.

O documento de acreditación axustarase ó modelo recollido no anexo I desta orde.

Quinto.-Recursos.

Contra a relación definitiva, os interesados poderán interpoñer, no prazo dun mes, recurso ordinario ante o director xeral de Ordenación Educativa e Centros, como recurso previo ó contencioso-administrativo perante a correspondente Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Don/Dona

funcionario / a do corpo de

con número de rexistro persoal

obtivo a

ACREDITACIÓN PARA O EXERCICIO DA DIRECCIÓN

De conformidade co establecido no Decreto 176/1996, por reuni-la condición seguinte:

Ter exercido o cargo de director, xefe de estudios ou secretario durante catro cursos, cando menos, con anterioridade á aplicación do sistema de elección de directores establecido na Lei 9/1995, do 20 de novembro.

Esta acreditación faculta o seu titular para o exercicio da dirección de centros docentes públicos que impartan ensinanzas establecidas na Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, de acordo co establecido nos artigos 18 e 20 da Lei orgánica 9/1995, de 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes.

....................... , ... de ......................de ...

O/A delegado/a provincial

3690