Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 21 de maio de 1996 Páx. 4.741

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de axencias distribuidoras de butano.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de axencias distribuidoras de butano, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 1-3-1996 subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Distribuidores de G.L.P., e da parte social por Unión Xeral de Traballadores e Unión Sindical Obreira o día 29-2-1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo que consta desta delegación provincial, e a súa notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 8 de marzo de 1996.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo para axencias distribuídoras de butano da provincia da Coruña

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio establece as normas laborais para as empresas distribuidoras de GLP da provincia da Coruña.

Exceptúanse as empresas que veñen desfrutando de convenio propio, sempre que as condicións sexan superiores ás pactadas no presente convenio.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio terá unha duración de dous anos; entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1996, con independencia da súa publicación no BOP, e estenderase ata o 31 de decembro de 1997. Entenderase prorrogado tacitamente por anualidades naturais de non mediar denuncia expresa das partes.

Artigo 3º.-Incremento salarial.

Para o ano 1996 establécese un incremento salarial dun 3,5%. Se o IPC real o 31 de decembro de 1996 excedese do incremento salarial pactado, revisaranse tódolos conceptos salariais no exceso resultante.

Para 1997 acórdase un incremento salarial do IPC previsto polo Goberno ese ano. Se o IPC real o 31 de decembro de 1997 excedese do incremento salarial pactado, revisaranse tódolos conceptos salariais no exceso resultante.

Artigo 4º.-Denuncia.

O presente convenio poderá ser denunciado por calquera das partes, polo menos con dous meses de antelación ó seu vencemento, que llo notificará á outra de forma que faga fe.

De non mediar denuncia, o convenio considerarase prorrogado por anos naturais. A prórroga levará implícito o incremento dos conceptos salariais no IPC previsto para ese ano. Se ó remata-lo ano o IPC real excedese do IPC previsto, revisaranse os salarios.

Artigo 5º.-Garantía ad personam e condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas as condicións superiores pactadas con persoa ou grupo de persoas polas empresas afectadas por este, sempre que no seu conxunto e en cómputo

anual superen as establecidas neste, operando en calquera caso o principio de absorción e compensación.

Artigo 6º.-Comisión paritaria ou de vixilancia.

Constitúese unha comisión mixta de interpretación do presente convenio, presidida pola persoa que esta designe na primeira reunión que se celebre.

Esta comisión estará formada, por acordo das partes, pola representación empresarial dos distribuidores de G.L.P. e pola representación social UGT e USO, designadas pola propia comisión deliberadora do convenio.

Para os anos 1996 e 1997 son elixidos:

-Pola parte empresarial: Juan Mosquera, José Ignacio Verdejo, Manuel Mateo e Jesús Lojo.

-Pola parte social:

Por UGT: Manuel Naya, Ramón Basanta e Andrés Iglesias.

Por USO: Gregorio Freire.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

Establécese unha xornada de traballo efectivo de 40 horas semanais de media en cómputo anual. O cómputo anual de traballo efectivo é de 1.826 horas.

Artigo 8º.-Vacacións anuais.

Tódolos traballadores terán dereito a desfrutar 30 días de vacacións ó ano, a poder ser ininterrompidas, e percibirán durante elas o salario base, antigüidade e plus de productividade.

As empresas exporanlles ós seus traballadores o calendario de vacacións durante o mes de xaneiro, para desfrutar entre o 1 de abril e o 31 de outubro.

Sempre e cando, por necesidades da empresa, o traballador non poida desfrutar de 30 días initerrompidos, poderanse fraccionar en dúas etapas de quince días cada unha, considerando nestes casos a segunda quincena como hábiles e non naturais.

Así mesmo, todos aqueles traballadores que, por necesidades da empresa, desfruten as súas vacacións entre o 31 de outubro e o 1 de abril, terán dereito a unha gratificaicón de 9.000 ptas.

Artigo 9º.-Condicións económicas.

As condicións retributivas serán as que conteñen as táboas que se unen ó anexo do presente convenio.

Artigo 10º.-Horas extraordinarias.

As partes que asinan o presente convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extraordinarias, axustándose ós seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias que veñen esixidas por necesidades urxentes do servicio: realización.

En calquera caso, as que se realicen, deberán constar na folla de salarios e aboaranse co incremento do 100 por cento sobre a hora ordinaria.

Respectaranse os máximos ou topes fixados no artigo 35 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Establécese un premio de antigüidade fixo de 2.280 pesetas por trienio, para tódalas categorías profesionais, contando desde a data de ingreso da empresa e aboándose o mes seguinte do seu vencemento.

Artigo 12º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte de 627 pesetas por día de traballo, para tódalas categorías profesionais; o dito plus terá carácter extrasalarial e, polo tanto, non cotizará á Seguridade Social.

Artigo 13º.-Transporte secundario.

Aboaráselles a tódolos conductores que sobrepasen os 100 km diarios de percorrido, un plus extrasalarial de 3.353 pesetas mensuais.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

A tódolos traballadores afectados polo presente convenio colectivo aboaránselles dúas gratificacións anuais que serán satisfeitas dentro da primeira quincena de xullo e decembro, a razón de salario base, antigüidade e plus de productividade.

Artigo 15º.-Paga de beneficios.

Tódolos traballadores recibirán unha paga de beneficios consistente nunha mensualidade a razón de salario base, antigüidade e plus de productividade, e seralles aboada dentro do mes de marzo de cada ano.

Artigo 16º.-Productividade.

Para todo o persoal afecto a reparto e venda ó público de botellas UD 125 e UD 110 establécese unha comisión ou prima de:

3,04 pesetas por botella, se vai un repartidor só.

3,77 pesetas por botella, se son dous os repartidores.

Artigo 17º.-Axudas de custo de alimentación.

Aqueles traballadores que, por necesidades do servicio, deban trasladarse fóra do concello, percibirán a cantidade de 1.000 pesetas por comida efectuada en comisión de servicios, sempre que non lles sexa posible realizala no seu domicilio.

Artigo 18º.-Gastos de locomoción por desprazamentos.

O persoal que, por necesidades do servicio, tivese que desprazarse desde o seu centro de traballo habitual, terá dereito a percibi-los gastos de locomoción correspondentes:

1. Satisfaránselle os gastos ocasionados pola utilización dos medios de transporte das compañías alleas á empresa, como trens, autobuses, etc., logo de xustificación.

2. Se o traballador se despraza utilizando vehículo da súa propiedade, con autorización da empresa, fixarán de común acordo o prezo por quilómetro percorrido. Para 1996 e 1997 será de 24 pesetas por quilómetro.

3. Se o vehículo é propiedade da empresa, non percibirá cantidade ningunha; o seu uso é preferente e

o traballador deberá coidalo como se da súa propiedade se tratase.

Artigo 19º.-Ascensos.

Os auxiliares administrativos que alcancen unha antigüidade de oito anos na categoría serán ascendidos directamente á categoría profesional de oficial administrativo.

Artigo 20º.-Licencias retribuídas.

Tódolos traballadores terán dereito, logo de aviso e xustificación, a ausentárense do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Dezaseis días naturais en caso de matrimonio.

b) Catro días naturais por nacemento dun fillo; ampliarase a dez días, no caso de intervención cirúrxica grave e constatada.

c) Dous días por traslado de domicilio habitual.

d) Un día por asuntos propios, logo de acordo das partes.

e) E os demais recollidos no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

As empresas proverán os seus traballadores de equipos de roupa e calzado para inverno e verán, permitindo a substitución destes segundo as circunstancias climatolóxicas de cada lugar, considerando un máximo de tres equipos ó ano, e o traballador obrigarase á súa conservación e substitución se fose preciso. As empresas virán obrigadas a facilitarlles ós seus traballadores o lugar adecuado para a súa conservación.

Artigo 22º.-Enfermidade e accidente.

Sen prexuízo das condicións máis favorables que xa estean establecidas, as empresas, para o caso de enfermidade común ou accidente por calquera causa (IT), obríganse a completa-lo importe íntegro das retribucións cotizables, mesmo as pagas extraordinarias, é dicir, ata a base reguladora de cotización e ata un máximo dunha anualidade, mesmo se o traballador é substituído.

Artigo 23º.-Póliza de seguros derivada de accidente de traballo.

As empresas virán obrigadas a concertar, con primas íntegras á súa conta, unha póliza de seguros en orde á cobertura dos riscos de falecemento ou invalidez dos traballadores, derivado de accidente de traballo, mesmo os accidentes in itinere producidos por causas fortuítas, independentes da vontade do traballador, polas cantidades seguintes:

4.000.000 de pesetas en caso de falecemento.

3.000.000 de pesetas en caso de invalidez permanente en grao de total, absoluta e gran invalidez.

A póliza deberá subscribirse cos efectos da data de publicación do convenio no BOP e, en todo caso, transcorridos 30 días desde a sinatura deste.

Artigo 24º.-Contratos de duración determinada por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos.

De acordo co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, poderán concertarse contratos de duración determinada por un tempo máximo de 24 meses, dentro dun período de 30 meses.

Artigo 25º.-Excedencias.

Excedencia voluntaria: o traballador fixo con , polo menos, unha antigüidade na empresa dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercitado polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

A excedencia entenderase concedida sen dereito a retribución ningunha e o dito período non computará para efectos de antigüidade.

O traballador excedente conserva só un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

Excedencia forzosa: a excedencia forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso debe ser solictado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa, os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

Artigo 26º.-Maternidade.

Os traballadores de ámbolos sexos terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, contados desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán lugar a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se viñese desfrutando.

Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercitar este dereito.

Durante o primeiro ano, a partir do inicio de cada situación de excedencia, o traballador terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo e ata o remate do período de excedencia, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

O período no que o traballador permaneza en situación de excedencia será computable para efectos de antigüidade.

Artigo 27º.-Organización do traballo.

O traballador que realice funcións de categoría superior á que lle corresponden á categoría profesional que tivese recoñecida por un período superior a seis meses durante un ano, e oito durante dous, poderá reclamar ante a dirección da empresa a clasificación profesional

adecuada; se lle fose denegada, reclamará ante a xurisdicción competente.

Artigo 28º.-Garantías sindicales.

Os membros do comité de empresa e os delegados de persoal, como representantes legais dos traballadores, terán as seguintes garantías:

a) Apertura de expediente contradictorio no suposto de faltas graves ou moi graves, no que serán oídos, á parte do interesado, o comité de empresa ou restantes delegados de persoal.

b) Prioridade de permanencia na empresa ou centro de traballo respecto dos traballadores, nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

c) Non ser despedido nin sancionado durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte á expiración do seu mandato, salvo no caso de que este se produza por revogación ou demisión, sen prexuízo, polo tanto, do establecido no artigo 54 do Estatuto dos traballadores. Así mesmo, non poderá ser discriminado na súa promoción económica ou profesional en razón precisamente do desempeño da súa representación.

d) Expresar, colexiadamente, se se trata do comité, con liberdade as súas opinións nas materias concernentes á esfera da súa representación, podendo publicar e distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do traballo, as publicacións de interese laboral ou social e comunicarllo á empresa.

e) Disporán do crédito de horas mensuais retribuídas que a lei permita.

f) Tódalas recoñecidas pola lexislación.

Artigo 29º.-Xubilación anticipada.

Os traballadores que o desexen poderán xubilarse ós sesenta e catro anos, segundo se estableceu no A.N.E. de 1982 e se recolleu no A.I. de 1983; sempre de mutuo acordo entre a empresa e o traballador.

Artigo 30º.-Relación de normas.

As normas que contén este convenio regularán con carácter preferente e prioritario as relacións entre os traballadores e empresarios afectados por este.

No que non estea previsto neste convenio, haberá que aterse ó que dispón o Estatuto dos traballadores e a súa lexislación complementaria e o disposto no acordo de ámbito estatal subscrito entre a Asociación Española de Empresarios de G.L.P. e os sindicatos UGT e CC.OO o pasado 28 de decembro de 1995, que substitúe a ordenanza laboral do sector, mentres non se substitúa por un acordo marco de referencia de ámbito estatal.

Artigo 31º.-Cláusula de desenganche salarial.

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio serán de aplicación para tódalas empresas afectadas polo ámbito funcional.

Para as empresas que pretendan acollerse á cláusula regulada no presente artigo establécense os seguintes mecanismos:

1. Comisión paritaria do convenio.

2. Negociación coa representación legal dos traballadores.

3. Mecanismos do AGA.

A tódolos mecanismos citados anteriormente se lles achegará acreditación por medio da contabilidade oficial dos resultados dos dous últimos exercicios nos que se demostre que durante eles se producen perdas reais.

Os representantes legais dos traballadores membros da comisión paritaria, así como os seus asesores, están obrigados a tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos ós que tivesen acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, observando, por conseguinte, respecto de todo iso, sixilo profesional.

Cláusula adicional

Dada a evolución do funcionamento real das axencias distribuídoras de butano, introdúcense as seguintes categorías coas definicións que se establecen:

-Mecánico instalador con carné IG-IV: é o que, estando en posesión do carné expedido polo organismo territorial competente da clase IG-IV, efectúa por si mesmo ou coa colaboración de obreiros especialistas baixo a súa vixilancia operacións de montaxe, modificación, aplicación, mantemento e reparación de instalacións de gas, de acordo coa categoría da súa titulación. Debe verificar e deixar en disposición de servicio as instalacións executadas por el ou baixo a súa vixilancia, e subscribi-los certificados establecidos pola normativa vixente, revisa-las instalacións de acordo co establecido regulamentariamente, subscribindo os certificados de revisión, logo de realización das probas e ensaios que comprenden tanto a posta en marcha das instalacións efectuadas por el ou por outros instaladores. En xeral, tódalas funcións que en relación coas instalacións de gas lle faculte a súa titulación.

-Mecánico instalador con carné IG-IV e mecánico instalador con carné IG-I: realizarán as mesmas funcións có IG-IV, adaptadas ás facultades que lles outorga a súa titulación.

Mensual Anual

Grupo I
-Persoal técnico
Subgrupo I
Técnico titulado superior114.2321.713.480
Subgrupo II
Técnico titulado grao medio102.7351.541.025

Grupo II
-Persoal Admvo.
Subgrupo I
Persoal de oficina:
Encargado xeral102.7351.541.025
Encargado de almacén95.8081.437.120
Oficial administrativo94.6841.420.260
Auxiliar administrativo93.3991.400.985
Subgrupo II
Persoal informática:
Operador máquina electrón88.6941.330.410

Mensual Anual

Subgrupo III
Persoal auxiliar oficina:
Auxiliar recepción pedidos84.3131.264.695
Auxiliar telefonista84.3131.264.695
Aspirante79.5751.193.625

Grupo III
-Persoal subalterno
Garda86.5041.297.560

Grupo IV
-Persoal obreiro
Subgrupo I
Conduct. Vehícu. articulado95.8081.437.120
Conduct. camión pesado94.3201.414.800
Conductor repartidor94.3501.415.250
Conduct. Carret. elevadora91.2461.368.690
Axudante de reparto91.2461.368.690
Mozo almacén88.6941.330.410
Subgrupo II
Profesionais de oficio:
Mestre industrial91.2451.368.675
Oficial 1ª89.1741.337.610
Oficial 2ª87.1041.306.560
Axudante de instalacións85.0341.275.510
Subgrupo III
Especialistas:
Mecánic. Instal. carné IG-IV95.5071.432.605
Mecánico Instal. carné IG-II94.4721.417.080
Mecánico Instal. carné IG-I93.4371.401.555
Mecánico Visitad. revisións93.4371.401.555
Subgrupo IV
Limpadora79.5751.193.625

3317