Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Mércores, 15 de maio de 1996 Páx. 4.631

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 25 de abril de 1996 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación de Adultos Discapacitados da Coruña.

Con data do 29 de marzo de 1996 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 13 de marzo de 1996 pola que se clasifica como benéfico-asistencial a Fundación de Adultos Discapacitados de A Coruña, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido nos artigos 5 e 6 dos seus estatutos, ten como obxecto a promoción e xestión de servicios de asistencia social para persoas adultas discapacitadas, con discapacidades psíquicas, que acrediten mediante a correspondente certificación legal a condición de minusválidos, de xeito particular e sen carácter exhaustivo os seguintes:

a) Servicios ocupacionais.

b) Ocio e actividades lúdicas en xeral.

c) Actividades terapéuticas cando procedan.

d) De garda das persoas discapacitadas para permiti-la actividade normal das familias ás que pertencen.

e) De tutela dos incapacitados naqueles casos en que por disposición testamentaria ou decisión xudicial lle sexa atribuída.

f) De colaboración en xeral coas institucións públicas en todo aquilo que teña relación cos fins aquí definidos, inclusive a organización de actividades formativas ou de divulgación dirixidas á mellora da calidade de vida e á integración das persoas discapacitadas.

Os beneficiarios da fundación serán os discapacitados psíquicos legalmente recoñecidos que teñan máis de 16 años, nas condicións que establezan os seus órganos de goberno.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novem

bro, e 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación de Adultos Discapacitados de A Coruña, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación de Adultos Discapacitados de A Coruña no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 1996.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

2261