Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 08 de maio de 1996 Páx. 4.270

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 1996, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se lle dá publicidade ó laudo arbitral dictado o abeiro do previsto no Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), para a solución dun conflicto suscitado na aplicación de determinados artigos do convenio colectivo de CRTVG e as súas sociedades.

En cumprimento do artigo 2.f) e 6 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo en relación co artigo 90.2º do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, faise público o laudo dictado no procedemento de solución de conflictos, con base no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), para soluciona-lo conflicto xurdido entre a representación da empresa CRTVG e o comité interprofesional, na aplicación dos artigos 50, 51, 52 e disposición transitoria do

convenio colectivo da empresa Compañía de Radio Televisión de Galicia e as súas sociedades referentes ós complementos de responsabilidade, flexibilidade e dispoñibilidade.

Esta dirección xeral,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito laudo arbitral no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 1996.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Carlos Domenech de Aspe, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 27 de febreiro de 1996, subscrita pola representación empresarial e representación dos traballadores pertencentes ás centrais sindicais USO, CIG e UGT, ámbalas dúas da Compañía de RTVG e as súas sociedades, con base no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dicta o presente laudo.

Antecedentes:

En data 30 de xaneiro de 1996, subscríbese escrito de promoción de procedemento de conciliación-mediación recollido no capítulo III do AGA polo Comité Interempresas coa conformidade da representación da CRTVG e as súas sociedades, expresando como motivo do conflicto: discrepancias entre as partes interesadas á hora de interpreta-los artigos 50, 51, 52 e disposición transitoria primeira do convenio da RTVG para 1996 e aplicación delas.

Constituída a Comisión de Conciliación e Mediación prevista no artigo 15 do AGA, en data 1 de febreiro de 1996, e designado o conciliador/mediador José Vázquez Portomeñe, e despois de varias reunións de traballo, é levantada, en data 19 de febreiro de 1996, acta de ruptura na que se reflecten as posturas finais das partes e se recolle a proposta da parte social de inicia-lo procedemento de arbitraxe coa consideración de CC.OO. de que esta vía non é a máis axeitada para a resolución do conflicto.

Subscrito o compromiso arbitral, ínstase o procedemento de arbitraxe en data 27-2-1996, por maioría da Comisión de Conciliación-Mediación, establecendo o dereito como criterio de decisión arbitral e manifestando no compromiso que a cuestión sometida consiste en discrepancias entre as partes en conflicto á hora de interpretar/aplicar certos

artigos do convenio. En concreto: 50, 51 52 e disposición transitoria primeira (Conv. Compañía RTVG e as súas sociedades anos 1995-1996).

Comunicada ó árbitro a súa designación en data 28 de febreiro de 1996, procede a convoca-las partes, en 1 de marzo de 1996, as cales, en trámite de audiencia, formularon as alegacións que consideraron pertinentes.

Consideracións e fundamentos xurídicos:

Como cuestión previa é preciso determinar cal é o fondo concreto da controversia e, por isto, o exame concreto do articulado do que a súa aplicación está sometida a decisión.

O convenio colectivo da empresa Compañía de Radio Televisión de Galicia e as súas sociedades, publicado no DOG do 7 de decembro de 1995, recolle nos seus artigos 50, 51 e 52 os complementos de responsabilidade, flexibilidade e dispoñibilidade respectivamente, establecendo as condicións e contía do seu percibo e fixando que o de responsabilidade percibirase en 12 pagas e os de flexibilidade e dispoñibilidade en 11 pagas. Isto supón unha reducción sobre a regulación anterior destes complementos que fixaba o número de 14 para o primeiro e de 12 pagas para os outros dous.

Por outra banda, a disposición transitoria primeira dispón que a empresa aboará os atrasos correspondentes ó ano 1995, que serán calculados sobre o salario base, pagas extraordinarias e antigüidade, na nómina do mes de outubro.

Pois ben, a discrepancia nace cando a empresa procede ó non aboamento dos devanditos complementos, considerando esgotado o número de pagas que se van percibir segundo o convenio colectivo antes citado, satisfacendo, durante o transcurso dos nove primeiros meses do ano, a contía consonte o salario base de 1994.

É de sinalar que o convenio colectivo, no seu artigo 2º, determina que se considera vixente desde o día 1 de xaneiro de 1994 ata o 31 de decembro de 1997.

Podería entrarse en diversas consideracións, como a aparente contradicción conceptual entre a finalidade das pagas e o seu aboamento en vacacións e pagas extraordinarias, a posible realización das funcións e o seu non aboamento no mes de decembro, a retroactividade do seu número e non da súa contía, etc. cuestións todas elas das que o seu exame excedería das condicións do mandato conferido ó árbitro. En efecto, non tratándose dunha arbitraxe de equidade, a resolución da controversia xurídica xurdida só é atribuída ó árbitro a través dun xuízo de dereito e, por isto, unicamente pode efectuarse de conformidade co dereito obxectivo.

Procede, por tanto, efectuar un exame concreto da normativa para a súa interpretación, segundo o

sentido propio das súas palabras en relación cos parámetros que fixa o artigo 3º do Código Civil.

A primeira cuestión que se suscita é a vixencia do convenio colectivo en relación cos complementos obxecto de discusión. En efecto, de acordo co artigo 2º do convenio colectivo, considérase vixente desde o día 1 de xaneiro de 1994 ata o 31 de decembro de 1997. Sen embargo, restrínxese a aplicación dos efectos económicos retroactivos na disposición transitoria primeira, comprendendo unicamente, para os atrasos, os cálculos sobre salario base, pagas extras e antigüidade. Partindo do suposto da consideración do convenio colectivo como expresión do acordo libremente adoptado polas partes en virtude da súa autonomía colectiva, tal e como sinala o artigo 82.1º do Estatuto dos traballadores, a aparente contradicción nas vixencias é perfectamente posible de acordo co art. 86.1º, en relación co artigo 90.4º do mesmo texto legal, cando sinala que corresponde ás partes negociadoras establece-la duración dos convenios, pudendo eventualmente pactarse distintos períodos de vixencia para cada

materia ou grupo homoxéneo de materias dentro do mesmo convenio. Isto aclárase, así mesmo, pola xurisprudencia: o artigo 85 do Estatuto dos traballadores establece que as partes negociadoras teñen forzosamente que establece-lo ámbito persoal e temporal do convenio colectivo, tendo neste senso plena liberdade para conveni-lo que crean máis beneficioso para os interesados. (A.N.S. 25 de febreiro de 1993) e máis concretamente no que se refire ós atrasos: «Esta facultade tamén comprende a posibilidade de establecer unha eficacia retroactiva total ou parcial» (S.T.C.T. 18-6-1985).

Sentadas estas premisas, é preciso examina-la aplicación global do actual convenio, número de pagas nos complementos e atrasos salariais restrinxidos, ou a súa posible afectación polo regulado no anterior. Neste senso, considerado o convenio colectivo como un todo unitario e orgánico, froito das mutuas concesións das partes no transcurso da negociación, é de aplicación íntegra, tal e como sinala o artigo 82.4º do E.T.: «O convenio colectivo que sucede a un anterior pode dispoñer sobre os dereitos recoñecidos naquel. No dito suposto aplicarase, integramente, o regulado no novo convenio». Sendo referendado no artigo 86.4º do mesmo texto legal ó establecer na sucesión de convenios a derrogación íntegra do anterior. É axeitada, en consecuencia, a afectación íntegra do convenio colectivo actual, sen que as condicións que viñan desfrutándose, procedentes do convenio colectivo anterior, poidan manterse subsistentes nin poida fragmentarse a aplicación das súas cláusulas. Como apoio

xurisprudencial a este criterio, pódense cita-las sentencias do T.S., do 15 de setembro de 1989, e S.T.S.J. de Estremadura, do 5 de outubro de 1992, que textualmente recollen: «a prórroga provisional dun convenio colectivo mentres se negocia o novo, ten por finalidade salvar baleiros normativos, aínda que sexan temporais; pero unha vez que é aprobado o novo convenio, de darlle

efectos retroactivos no económico, este extremo entra en vigor desde a data que nel se determine, anulando desde este aspecto o anterior, ó non poderse producir unha concorrencia de convenios por atoparse prohibida no artigo 84 E.T.». Así mesmo «a aplicación illada de cláusulas do convenio colectivo que resulten favorables rexeitando as que non o sexan, daría lugar a unha situación de abuso de dereito prohibida polo artigo 7º do CC». (S.T.S. 25 de setembro de 1989).

Outra cuestión que non pode obviarse é a posible afectación negativa que poida supoñe-la aplicación do convenio colectivo en relación coas retribucións efectivamente percibidas por cada un dos traballadores en condicións de homoxeneidade. En efecto, a cláusula de compensación e absorción opera no caso de retribucións reais superiores ó convenio, e o artigo 26.5º do E.T. di: «Operará a compensación e absorción cando os salarios realmente aboados, no seu conxunto e cómputo anual, sexan máis favorables para os traballadores cós fixados na orde normativa ou convencional de referencia». Isto referéndase na propia redacción do artigo 8 do convenio colectivo e é permitido a través da reiterada xurisprudencia fixando as condicións de ser «no seu conxunto e cómputo anual» (S.T.S 15-1-1990) «debe ser sintética ou global» non sendo admisible a compensación illada (entre outras S.T.S. 30-4-1983) e establecendo que «o artigo 26.4º do E.T. impide que a absorción ou compensación dun salario por

outro sexa inferior ó antigo, debéndose dá-los requisitos de non homoxeneidade para isto» (S.T.S. 2-4-91). En conclusión, a comparación en condicións homoxéneas, globalmente consideradas, e en cómputo anual, deberían respectar individualmente as retribucións superiores realmente percibidas, sen prexuízo da aplicación legal das cláusulas de compensación e absorción que recolle o Estatuto dos traballadores.

Por tódalas consideracións apuntadas, e con base nos argumentos legais expostos, díctase a seguinte,

RESOLUCIÓN:

Primeiro: enténdese axustado a dereito o cómputo do número de pagas fixado polo convenio colectivo vixente para os complementos de responsabilidade: 12 pagas; de flexibilidade: 11 pagas; e de dispoñibilidade: 11 pagas; en aplicación dos artigos 50, 51 e 52, respectivamente, sen que proceda o aboamento de atrasos correspondente a estes complementos para os satisfeitos antes do mes de outubro, consonte a disposición transitoria primeira do citado convenio (DOG 7-12-1995).

Segundo: deberá efectuarse individualmente o cálculo das retribucións realmente percibidas antes da aplicación do convenio actual e as que corresponde percibir con arreglo a este para que, independentemente da aplicación da compensación e absorción, de seren aquelas superiores, non resulte afectado ningún traballador negativamente nas súas retribu

cións, consideradas globalmente, en cómputo anual e en condicións de homoxeneidade, debendo ser aboadas, se as houbese, as diferencias resultantes no ano 1995.

O presente laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdicción Social consonte o punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 1996.

Rubricado

9603163