Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 08 de maio de 1996 Páx. 4.273

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 1996 pola que se convoca un curso sobre dereito procesual básico dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e mais da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre dereito procesual básico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal dota-lo policía dun coñecemento teórico-práctico nos temas de dereito procesual, que lle poida ser eficaz no desempeño posterior da súa profesión.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos da policía local de Galicia e mais da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é de 50.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará ás 14 horas do día 28 de maio de 1996.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas, requisito que será indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito suporá a non admisión no devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade, rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso terá lugar en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) O proceso penal e o dereito procesual penal. b) A xurisdicción penal. c) Acción penal e acción civil. d)Actuacións sumariais. e) A sentencia e a cousa xulgada penal. f) Os recursos. g) O proceso penal abreviado. O xuízo de faltas. h) O procedemento de habeas corpus. i) A execución penal. j) Actos do proceso penal.

Datas.

O curso terá lugar do 17 ó 21 de xuño de 1996.

O horario será de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 4 de xuño de 1996, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

O curso realizarase nos locais da policía local de Vigo.

Certificado de asistenciae aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes probas de coñecementos, implicará a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

3511