Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 06 de maio de 1996 Páx. 4.196

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE OURENSE

REGULAMENTO de participación cidadá.

Título preliminar

Artigo 1º

É obxecto do presente regulamento o establecemento das formas, medios e procedementos de información e participación dos veciños e entidades cidadás na xestión municipal, de conformidade coa lexislación vixente, reguladora do réxime local.

Artigo 2º

Constitúen principios básicos desta disposición os obxectivos seguintes:

1. Facilita-la máis ampla información sobre as actividades, obras e servicios municipais.

2. Fomenta-lo asociacionismo cidadá e participativo.

3. Garanti-la solidaridade e o equilibrio entre os distintos núcleos de poboación do termo municipal.

4. Facer efectivos os dereitos dos veciños, recollidos no artigo 18 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

TÍTULO I

Da información municipal

O concello informará os veciños en xeral e as federacións e asociacións de veciños en particular da súa xestión, a través dos medios de comunicación social e mediante a edición de publicacións, folletos e bandos, coa colocación de carteis, valados publicitarios, taboleiros de anuncios e paneis informativos, proxección de vídeos, organización de actos informativos e cantos outros medios se consideren necesarios; ó mesmo tempo poderá recolle-la opinión dos veciños e asociacións a través de campañas de información, debates, asembleas, reunións, consultas, enquisas e sondaxes de opinión.

Artigo 4º

Nas dependencias do concello funcionará un servicio municipal de información, iniciativas, reclamacións e queixas coas seguintes funcións:

A. Canalizar toda actividade relacionada coa información a que se refire o artigo anterior, así como o resto da información que o concello proporcione en virtude do disposto no artigo 69º da Lei de réxime local.

B. Informar acerca dos fins, competencias e funcionamento dos distintos órganos e servicios dependentes do concello.

C. Indicación sobre localización de dependencias, horarios de traballo, folletos sobre actividades, obras e servicios organizados polo concello.

D. Informar dos trámites informativos de cada expediente e realiza-lo oportuno seguimento dos mesmos nos termos previstos na lei.

E. Recepción das iniciativas e propostas dos cidadáns, así comoa tramitación de queixas ás que puidesen dar lugar as anomalías que se observen no funcionamento dos servicios municipais.

Artigo 5º

1. A obtención de copias e certificacións acreditativas dos acordos municipais ou antecedentes dos mesmos, solicitaranse por escrito no rexistro xeral do concello logo de aboamento das taxas, se fose preciso.

2. Ás solicitudes que dirixan os veciños ou entidades a calquera órgano do concello en petición de aclaracións ou actuacións municipais tramitaranse necesariamente a través do rexistro xeral.

Artigo 6º

O concello procurará a máxima difusión das convocatorias das ordes do día dos plenos, comisións informativas e comisións de goberno.

Artigo 7º

Serán obxecto de especial tratamento informativo, e divulgativo os grandes temas municiapis, así como os que afecten o común dos cidadás en materia orzamentaria, fiscal, urbanística e social. No mesmo sentido serán obxecto de divulgación específica, no seu

ámbito de aplicación, aquelas actuacións ou plans municipais que afecten a maior parte dos cidadáns.

TÍTULO II

Das entidades cidadás e do Rexistro Municipal de Asociacións

Capítulo I

Rexistro Municipal de Asociacións

Artigo 8º

O Rexistro Municipal de Asociacións ten por obxecto permitirlle ó concello coñece-lo número de entidades existentes no municipio, os seus fins e a súa representatividade, para os efectos de posibilitar unha correcta política municipal de fomento co asociacionismo de acordo cos principios de obxectividade, imparcialidade e igualdade.

Sen menoscabo de respecta-lo dereito de calquera grupo de veciños e asociarse, desde o concello procurarase facer unha política tendente o agrupamento das asociacións de veciños que evite a actual dispersión de recursos.

Artigo 9º

Poderán obte-la inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións todas aquelas legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións, cun funcionamento democrático e sen ánimo de lucro, que teñan por obxecto e defensa, fomento ou mellora dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños do concello de Ourense. En particular, as asociacións de veciños, pais de alumnos, entidades culturais, deportivas, recreativas e xuvenís, etc.

Artigo 10º

1. A solicitude de inscrición presentarase no rexistro xeral do concello.

2. O Rexistro Municipal de Asociacións será único e levarase na secretaría xeral, a través da Delegación de Participación Cidadá, e os seus datos serán públicos. As inscricións realizaranse por solicitude das asociacións interesadas que deberán xunta-los seguintes datos:

A. Estatutos da asociación.

B. Número de inscrición no Rexistro Xeral de Asociacións, e noutros rexistros públicos.

C. Nome e apelidos das persoas que ocupen os cargos directivos.

D. Domicilio social e cédula de identificación fiscal.

E. Orzamento do exercicio económico en curso.

F. Programa de actividades do ano en curso.

G. Certificación do número de socios.

Artigo 11º

1. No prazo de 15 días desde a solicitude de inscrición, e salvo que aquel se interrompese pola necesidade de achegar documentación non incluída inicialmente, o concello notificaralle á asociación o

seu número de inscrición, e a partir dese momento considerarase de alta para tódolos efectos.

2. As asociacións inscritas están obrigadas a mante-los seus datos ó día, notificando as modificacións que afecten a composición da súa xunta directiva nun prazo máximo dun mes. O orzamento, balance económico do exercicio anterior e o programa anual de actividades comunicarase durante o primeiro trimestre do ano.

3. O incumprimento destas obrigas dará lugar a que o concello dea de baixa a asociación no rexistro, logo de llo comunicar por escrito, para que no prazo de quince días dea resposta; en caso contrario, a baixa será efectiva.

Capítulo II

Das entidades rexistradas

Artigo 12º

1. Os dereitos recoñecidos ás asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños só serán exercitables por aquelas que se encontren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.

2. As asociacións a que se refire o parágrafo anterior poderán participar na xestión municipal nos termos previstos neste regulamento. Así mesmo, poderán acceder ó uso de medios públicos municipais, especialmente ós locais e ós medios de comunicación, coas limitacións que impoñan a coincidencia do uso por parte de varias delas ou polo propio concello.

3.-Así mesmo, poderán acceder ó uso de medios públicos municipais, especialmente os locais e os medios de comunicación, coas limitacións que impoñan a coincidencia do uso por parte de varias delas ou polo propio Concello.

4. O uso de medios públicos municipais deberá ser solicitado por escrito ó concello, coa antelación que as estableza polos servicios correspondentes.

Artigo 13º

Sen prexuízo do dereito xeral de acceso a información municipal recoñecido ós veciños en xeral, as entidades as que se refiren os artigos anteriores desfrutarán dos seguintes dereitos:

A. Recibir no seu domicilio social as convocatorias das sesións plenarias.

B. Recibi-las publicacións periódicas que edicte o concello, así como o posible catálogo das publicacións editadas e de posible acceso.

Artigo 14º

O concello disporá dentro do orzamento anual dunha partida económica para as asociacións que se encontren inscritas no rexistro municipal, tanto polo que se refire ós gastos xerais ás actividades que realicen.

Para estes efectos, o orzamento municipal incluirá unha partida destinada para tal fin, para o cal o Concello Pleno, no exercicio das súas potestades

regulamentarias e de autorganización, aporbará un regulamento das formas, medios e procedementos de distribución da mesma, que, en todo caso, preverá a súa representatividade, e o grao de interese ou utilidade cidadá dos seus fins, e as axudas que reciban doutras entidades públicas.

TÍTULO III

Da participación nos órganos de goberno

Artigo 15º

1. As sesións do Pleno da Corporación son públicas salvo nos casos previstos nos artigos 70.1º da Lei 7/1985, do 2 de abril.

2. Non son públicas as sesións da comisión de goberno nin das comisións informativas. Sen embargo, convocarase para os sós efectos de escoita-lo seu parecer ou recibi-lo seu informe nun tema concreto, o representante da federación e así mesmo o da asociación afectada, para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños.

3. Serán públicas as sesións dos demais órganos complementarios nos termos que prevexa a lexislación e os regulamentos ou acordos polos que se rexan.

Artigo 16º

1. As asociacións ás que se refire o artigo anterior que desexen efectuar unha exposición ante o pleno en relación con algún punto da orde do día, na tramitación administrativa do cal interviñesen como interesados ou por delegación, deberán solicitalo ó alcalde antes de comeza-la sesión; coa autorización deste e a través dun único representante poderán expoñe-lo seu parecer durante o tempo que sinale o alcalde, con anterioridade á lectura, debate e votación da proposta incluída na orde do día nos termos previstos legalmente.

2. Terminada a sesión, o alcalde pode establecer unha tanda de rogos e preguntas polo público asistente sobre temas concretos de interese municipal. Correspóndelle ó alcalde ordenar e cerrar esa tanda.

Artigo 17º

As convocatorias e ordes do día das sesións do Pleno transmitiránselle ós diferentes órganos municipais, ás entidades cidadás e ós medios de comunicación social; faranse públicas no taboleiro de anuncios do concello.

TÍTULO IV

Da iniciativa cidadá

Artigo 18º

1. Calquera persoa, ben en nome propio ou mediante entidades ou asociacións, poderá formular unha iniciativa. A través dela os veciños poderán solicitar do concello a execución dunha determinada actividade de competencia e interese público municipal.

2. A iniciativa presentarase por escrito, ben en nome propio ou mediante entidades e asociacións, dirixida ó alcalde e nela deberán consta-los datos

de identificación de quen as realice, e, se é o caso, a asociación que representa.

Sen menoscaba-los intereses individuais, asasociacións de veciños, a través dos seus representantes, terán prioridade na valoración das iniciativas, propostas, informes, etc., que afecten o interese público, e a asociación da zona correspondente será informada de calquera iniciativa que lle formulen os veciños directamente ó concello.

Artigo 19º

No caso de carencia orzamentaria, deberán incluírse na seguinte transferencia de crédito as partidas necesarias para a realización das propostas aprobadas, ou ben figurarán nos orzamentos do ano seguinte.

TÍTULO V

Da consulta cidadá

Artigo 20º

O alcalde, logo de acordo por maioría absoluta do Pleno, e da autorización do Goberno da Nación, poderá someter a consulta popular aqueles asuntos de competencia propia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os intereses dos veciños, con excepción dos relativos á facenda local.

Artigo 21º

A consulta popular, en todo caso, estipulará:

A. O dereito de todo cidadá censado a ser consultado.

B. O dereito a que a consulta exprese as posibles solucións alternativas coa máxima información escrita e gráfica posible.

Artigo 22º

1. Correspóndelle ó concello realiza-los trámites pertinentes para celebra-la consulta popular sobre materias da súa competencia.

2. Tamén poderá solicitarse a celebración de consulta popular, logo da resolución dos acordos solicitados pola iniciativa cidadá, por petición colectiva dun mínimo de asinamentos de veciños non inferior ó 15% do censo electoral.

3. No previsto no presente título, haberá que aterse ó disposto na lexislación estatal ou da comisión autónoma, en especial, da Lei orgánica 2/1980, do 18 de xaneiro, reguladora das distintas modalidades do referendo.

TÍTULO VI

Dos consellos municipais de área ou sector

Artigo 23º

O Pleno do Concello poderá acorda-lo establecemento de consellos sectoriais para cada un dos sectores ou áreas da actividade municipal, coa finalidade de canaliza-la participación dos cidadás e as súas asociacións nos asuntos municipais.

Artigo 24º

Os concellos municipais de área ou sector son órganos de participación, información e proposta da xestión municipal, referidos ós distintos sectores de actuación nos que o concello ten competencias.

Artigo 25º

1. Os consellos sectoriais terán a vixencia das comisións informativas e deberán ser remodelados se estas o fosen.

2. A composición, organización, ámbito de actuación e réxime de funcionamento serán establecidas no acordo plenario polo que se creen. En todo caso, contará sempre cos seguintes membros:

-Un presidente que será o alcalde ou concelleiro delegado de participación cidadá.

-Un representante da Federación Municipal de Asociacións de Veciños.

-Un representante da asociación das non federadas e inscritas no concello.

-Un membro de cada grupo político da corporación, sen prexuízo da súa representación proporcional.

Artigo 26º

Son competencias dos consellos sectoriais:

A. A presentación de iniciativas, propostas e suxestións ó concello, para seren discutidas nas comisións informativas municipais correspondentes.

B. Discuti-lo programa anual de actuación e o orzamento da área correspondente.

C. Ser informados dos acordos adoptados pola comisión de goberno e Pleno do Concello, respecto daqueles temas do seu interese.

D. Ser consultados nos asuntos que debatan ou aproben os órganos municipais, de especial incidencia no sector do que se trate.

E. As decisións tomadas nos concellos sectoriais, salvo que infrinxan leis e ordenanzas, serán oídos.

F. As que correspondan pola súa creación.

TÍTULO VII

Dos consellos territoriais

Artigo 27º

1. Os consellos territoriais son órganos desconcentrados de xestión e canles de participación e expresión dos intereses específicos da poboación das distintas zonas do concello.

2. Poderán ser de distrito nas zonas urbanas e parroquiais nas zonas rurais do termo municipal.

Artigo 28º

Os órganos dos consellos territoriais, a súa composición e funcionamento determinaranse polas normas reguladoras que aproben o Pleno da Corporación por proposta da Concellería de Participación Cidadá,

logo de dictame da comisión informativa correspondente.

Artigo 29º

Son competencias dos consellos territoriais:

A. Informar por escrito durante o proceso dos plans de actuación municipal e actuacións urbanísticas que afecten o seu ámbito territorial, nos termos que se fixen.

B. Trasladar ós órganos municipais ás demandas de cada distrito, barrio ou parroquia relativas a obras e servicios.

C. Elaborar estudios sobre as necesidades do distrito, barrio ou parroquia.

D. Participar na xestión dos centros sociais e instalacións municipais no distrito.

E. Calquera outro que a corporación coide oportuno.

Disposición adicional

O capítulo II. Artigo 14. Apartado 3.

3. Previo á aprobación do orzamento en Pleno, serán convocados polo Goberno municipal os representantes da federación municipal e asociacións non integradas, para solicita-las súas reivindicacións, recibir informes, suxestións, etc.

Disposición derradeira

O rpesente regulamento entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O alcalde

Rubricado

3188