Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 02 de maio de 1996 Páx. 4.034

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de marzo de 1996 pola que se establecen axudas para financia-las actividades das asociacións, federacións e confederacións de alumnos.

O Decreto 466/1987, do 17 de decembro (DOG do 4 de xaneiro de 1987), regula as asociacións de alumnos establecidas no artigo 7 de Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.

Coa finalidade de apoiar e potencia-la realización das actividades que as asociacións, federacións e confederacións de alumnos teñen de seu para fomenta-la participación do alumnado naquelas que dean

impulso ó labor educativo e faciliten o exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.

1. Establécense axudas destinadas a fomenta-la realización de actividades por parte de asociacións, federacións e confederacións de alumnos con cargo ó crédito consignado para o efecto no orzamento de gastos da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, baixo a aplicación 07.03.322T.482,0 , para o ano 1996.

2. As axudas concederanse para a realización de actividades que contribúan á consecución das finalidades establecidas no Decreto 466/1987, do 17 de decembro, e que se leven a cabo no ano 1996.

Segundo.

As instancias para solicita-las axudas cubriranse segundo o modelo que se xunta como anexo e irán acompañadas dos documentos que nela se relacionan.

Terceiro.

O prazo de presentación das instancias é de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.

As solicitudes, xunto coa documentación, presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dentro do ámbito da cal estea domiciliada a sede social da asociación, federación ou confederación, ben directamente ou ben na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinto.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria enviarán as solicitudes, xunto coa documentación, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, no prazo de 5 días naturais contados a partir do seguinte ó da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Sexto.

Para a valoración das solicitudes das axudas constituirase unha comisión presidida polo director xeral de Ordenación Educativa e Centros, ou persoa en quen delegue, e integrada polo Subdirector xeral de Centros e o Xefe do Servicio de Xestión de Programas Educativos. Actuará como secretario un funcionario da consellería, con voz e sen voto.

Sétimo.

A comisión aplicará os seguintes criterios preferentes:

a) Figurar inscrita como federación ou confederación no correspondente rexistro de asociacións desta consellería.

b) Colaborar no labor educativo dos centros e nas súas actividades complementarias e extraescolares.

c) Promove-la participación dos alumnos nos órganos colexiados do centro.

d) Realizar actividades culturais, deportivas e de fomento da acción cooperativa e de traballo en equipos.

e) Facilita-la representación e a participación dos alumnos nos consellos escolares dos centros públicos e concertados e noutros órganos colexiados, se é o caso.

Oitavo.

Á vista da acta levantada pola comisión, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria resolverá en función dos fondos dispoñibles e os servicios correspondentes procederán á transferencia das axudas concedidas ás asociacións, federacións e confederacións a través da delegación provincial que corresponda, segundo o lugar da sede social, para que elas procedan a face-los pagamentos de conformidade co artigo 36.A) da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Noveno.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de catro meses.

Décimo.

As entidades beneficiarias da axuda deberán xustificar, de acordo coa normativa vixente, a correcta utilización dos fondos percibidos perante a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, para o que farán chegar unha memoria na que consten necesariamente os seguintes extremos:

a) Descrición das actividades realizadas, explicando os obxectivos logrados e o número de alumnos que participaron nas devanditas actividades.

b) Resumo económico explicativo dos gastos realizados imputables á axuda percibida e que se referirán ó ano 1996, para o que deberán xunta-los orixinais dos recibos e das facturas.

c) Certificación do órgano competente da entidade beneficiaria na que se faga constar que o importe da axuda foi destinado na súa totalidade ás actividades para as que foi concedida.

Décimo primeiro.

Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sres. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros e Delegados Provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

3077