Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 02 de maio de 1996 Páx. 4.028

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 18 de abril de 1996 pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas.

Tendo en conta o obxectivo prioritario de creación de emprego e o importante papel que para o relanzamento da actividade económica desempeñan as

pequenas e medianas empresas (PEMES), faise necesario desenvolver un conxunto de accións integradas tendentes ó reforzamento da súa actividade, da súa estructura financeira e de comercialización, coa finalidade de conseguir un crecemento sostido e equilibrado.

Dentro deste conxunto de accións integradas ocupan un lugar esencial os programas de apoio ó financiamento das empresas galegas tanto para o fomento da actividade empresarial incentivando o investimento, como para a reorganización e reestructuración da empresa e as súas actividades co obxecto de reforza-la súa viabilidade.

Neste senso, o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, homologado oficialmente, segundo acordo da Comisión Europea (axuda estatal nº 21/95, SG(95)10-433, do 31 de xullo de 1995), prevé como mecanismo de axuda, entre outros, tanto para o investimento como para a reestructuración de empresas, a concesión de subsidiacións ó tipo de xuro das operacións crediticias destinadas ós ditos fins subscritas polos beneficiarios coas entidades de crédito.

No artigo 13 do decreto mencionado establécese que a convocatoria de axudas ó abeiro se realizará por cada consellería, organismo ou ente público da Xunta de Galicia dentro do ámbito das súas competencias mediante a aprobación das disposicións ou resolucións necesarias para a execución e desenvolvemento das ditas axudas.

Por outra parte, tendo en conta o carácter do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) como instrumento básico da Xunta de Galicia para o desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, o programa de axudas establecido na presente orde integrarase como unha peza máis, dentro do sistema promocional deste ente público.

Por todo iso, en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é desenvolve-lo programa de axudas financeiras ás empresas galegas consistentes na subsidiación ó tipo de xuro de operacións de préstamo, crédito ou arrendamento financeiro concertadas con entidades de crédito e destinadas ó financiamento de investimentos ou á reestructuración de empresas, previsto no Decreto 309/1995, do 25 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Convocatoria, xestión e instrumentación das axudas.

1. As axudas a que se refire o artigo anterior instrumentaranse mediante convenios que subscribirá

o Igape coas entidades de crédito ou directamente cos beneficiarios da forma seguinte:

a) No marco das condicións e requisitos establecidos tanto na presente orde coma no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, os convenios subscribirán coas entidades de crédito para a instrumentación e convocatoria das axudas poderán incluír aquelas disposicións relativas á xestión, administración e delimitación do ámbito de aplicación, beneficiarios, actividades, importe e condicións delas. En todo caso, os ditos convenios deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia.

b) O Igape poderá subscribir directamente convenios cos beneficiarios unicamente cando a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos adoptase un acordo sobre a necesidade ou conveniencia de apoiar determinadas actividades ou empresas estratéxicas para Galicia e así mesmo sobre a contía da axuda que se vai conceder, a subsidiación prevista e as condicións que se deberán cumprir, podendo neste caso alcanzarse os topes máximos legalmente previstos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro.

2. A concesión e xestión destas axudas será efectuada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con cargo ós conceptos de gastos 0223711007700, 0223711017700, 0222711027700, 0223711037700, 0223711047700, 0223711047700, 0223711057700, 0223711067700, 0223711077700, 0223711087700, 0223711097700 do programa financeiro do seu orzamento, sen prexuízo da asistencia técnica que, por razóns da materia, presten as consellerías sectoriais. A concesión das axudas previstas estará supeditada á existencia de crédito orzamentario suficente.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas pola presente orde aquelas empresas que teñan a consideración de pequenas e medianas (PEMES) conforme á definición establecida pola Unión Europea. Para os ditos efectos, terá a consideración de PEME a unidade económica con personalidade física e xurídica que reúna os seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 250 traballadores.

b) Que teña ben un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de ECUS, ou ben un balance xeral, activo total, non superior a 27 millóns de ECUS.

c) Que o seu capital non estea participado en máis dun 25% por empresas que non cumpran os requisitos anteriores, salvo se estas son empresas públicas de investimento, empresas de capital risco, ou, sempre que non se exerza o control, se son investidores institucionais.

Para os efectos de aplicación dos límites establecidos neste apartado, teranse en conta o tipo de cambio do ECU vixente na data de entrada en vigor da presente orde.

No caso de que durante a vixencia desta orde, a Unión Europea establecese unha definición de PEME diferente da anterior, será de aplicación para estes efectos a nova definición que se estableza.

2. Tamén poderán ser beneficiarias das ditas axudas as empresas que, sen teren a condición de PEME, presenten expedientes de solicitude comprendidos no marco da presente orde e que se consideren de especial interese socio-económico polo Igape ou respecto ás que a Comisión Delegada da Xunta Galicia para Asuntos Económicos teña declarado a necesidade ou conveniencia de apoio.

3. Poderán ser beneficiarias do programa de ampliación de capital os socios actuais ou futuros, sexan persoas físicas ou xurídicas, de sociedades mercantís que cumpran os requisitos establecidos na presente orde para as empresas beneficiarias.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

As empresas beneficiarias das axudas obxecto desta orde deberán ter radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante o anterior, nos casos de axudas para investimentos en actividades de comercialización, distribución, acordos tecnolóxicos e cooperación empresarial, non será necesario que a actividade incentivada se desenvolva en Galicia sempre que, a xuízo do Igape, a dita actividade teña individual ou sectorialmente un interese estratéxico e exista unha vinculación directa ou complementariedade dela coa empresa ou centro de traballo radicado na dita Comunidade Autónoma.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda no caso de convocatorias mediante convenios que se vaian subscribir coas entidades de crédito fixarase nos ditos convenios, non podendo pasar do 31 de decembro de 1996.

Artigo 6º.-Destino.

Consideraranse subsidiables ó abeiro desta orde as operacións financeiras encadrables no programa de investimentos e, dentro das axudas á reestructuración, nos programas de reestructuración de pasivos e ampliación de capital.

Artigo 7º.-Actividades subvencionables.

1. Son subvencionables ó abeiro desta orde as actividades económicas seguintes:

a) As de extracción, procesamento, transformación e comercialización das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento, transformación e comercialización de minerais ou os seus derivados.

c) A industria transformadora, o comercio, o turismo, a artesanía e os servicios de apoio industrial.

d) A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

e) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

f) A investigación técnica e aplicada, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, normalización, homologación, certificación, xestión, control e mellora da calidade levadas a cabo por calquera ente público ou privado.

g) A fabricación ou comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionadas con calquera das actividades anteriormente relacionadas.

Para aquelas actividades que se encontren comprendidas dentro dos sectores regulados por normas específicas da Unión Europea sobre axudas estatais, as axudas previstas nesta orde axustaranse en cada caso ás ditas normas específicas.

2. Serán preferentes, de entre as actividades subvencionables anteriores, as seguintes:

a) A transformación e comercialización de produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras, forestais e de minerais.

b) O turismo especializado.

c) Os servicios de apoio industrial.

d) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, medio ambiente, robótica, telecomunicacións e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

e) As actividades pertencentes ó sector téxtil.

f) As actividades pertencentes ó sector do automóbil e a súa industria auxiliar.

g) O comercio polo miúdo e por xunto.

h) A fabricación de bens de equipo.

Artigo 8º.-Localización preferente.

Poderán ter preferencia na concesión de axudas e na determinación da súa contía os beneficiarios que desenvolven a súa actividade en:

a) Zonas afectadas pola crise dun sector industrial declarado en reconversión, ou en casos concretos, as afectadas polo peche de empresas cunha actividade da que dependese de forma importante a poboación desa zona.

b) Zonas especialmente desfavorecidas onde exista un especial abandono de poboación, segundo os dous últimos censos oficiais de poboación.

c) As dúas provincias de menor renda per cápita de Galicia: Ourense e Lugo.

d) Parques empresariais de promoción pública.

e) Zonas onde existan produccións de materias primas, bens de equipo, ou industrias complemen

tarias ou similares, e exista unha tradición de fabricación sobre a actividade de que se trate.

f) Zonas nas que a localización ven obrigada como consecuencia da explotación e do aproveitamento das infraestructuras e/ou factores de producción.

Artigo 9º.-Características do programa de investimentos.

1. O programa de investimentos ten por obxecto a subsidiación ós tipos de xuro daquelas operacións de préstamo, crédito ou arrendamento financeiro que financien proxectos de novo investimento consistentes na instalación, ampliación ou renovación de activos adquiridos a terceiros que repercutan directamente na capacidade de producción ou na productividade da empresa.

2. As operacións subsidiables deberán destinarse a financiar exclusivamente os investimentos realizados en:

-Adquisición de terreos para a implantación do proxecto.

-Traídas e acometidas de servicios.

-Urbanización e obras exteriores necesarias para o proxecto.

-Obra civil.

-Bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente.

-Traballos e estudios de planificación, enxeñería de proxectos e dirección facultativa dos traballos.

-Outros investimentos en activos fixos materiais.

-Activos intanxibles ligados ó investimento en contía non superior ó 25% do investimento total aprobado do proxecto.

3. De entre os investimentos anteriores, poderán considerarse preferentes os destinados ás seguintes finalidades:

-A creación de novas empresas.

-A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

-A investigación técnica aplicada e a innovación e desenvolvemento.

-A adquisición de patentes e licencias de fabricación.

-Os investimentos en maquinaria e bens de equipo sempre que no subsector ó que pertenza o beneficiario non exista sobrecapacidade instalada.

4. Para a cualificación do proxecto investidor como subvencionable e a determinación da contía da axuda poderanse ter en conta os seguintes factores:

a) A clase de proxecto de que se trate: primeiro establecemento, ampliación, modernización ou traslado.

b) A localización do proxecto investidor.

c) A incorporación de tecnoloxía avanzada.

d) A utilización de materias primas autóctonas.

e) O valor engadido que xere.

f) O carácter dinamizador do proxecto para a economía da zona na que se implante.

g) A creación e mantemento de emprego.

h) Orientación da producción cara a exportación.

i) Localización dos proxectos de nova instalación en parques empresariais.

j) Traslado a parques empresariais oficiais.

k) Adaptación e mellora medioambiental.

l) A asociación empresarial, con especial fincapé naquelas empresas solicitantes que fosen creadas e teñan participado maioritariamente o seu capital por outras pertencentes a un mesmo sector productivo, co obxecto principal de potencia-las sinerxias dunha actuación conxunta, preferentemente nos campos da especialización productiva, a comercialización, o abastecemento, a investigación, a explotación conxunta de patentes ou calquera outras que impliquen un redimensionamento empresarial derivado da reducción dos custos compartidos.

Artigo 10º.-Características dos programas de reestructruación de empresas.

1. As axudas de reestructuración de empresas teñen por obxecto a reorganización das actividades incluídas nun plan estratéxico co obxecto de facer viables as empresas en dificultades. A contía das axudas fixarase en función das necesidades determinadas no plan estratéxico e limitarase ó estrictamente necesario para a reestructuración.

As axudas deberán ser utilizadas exclusivamente para restablece-la viabilidade da empresa, sen que supoñan aumento da capacidade de producción.

A concesión resolverase tendo en conta se se trata de empresas viables con dificultades transitorias, caracterizadas por situacións de insuficiencia de liquidez a curto prazo, ou ben se se trata de empresas con deficiencias estructurais, que precisen para restablece-la súa viabilidade dun plan conxunto e intensivo a longo prazo.

No caso de que os beneficiarios das axudas previstas neste apartado non teñan a consideración de pequenas e medianas empresas segundo a normativa comunitaria, a súa concesión deberá notificárselle á Comisión Europea individualmente.

2. As axudas á reestructuración de empresas articúlanse nos seguintes programas:

A) Programa de reestructuración de pasivos.

O programa de reestructuración de pasivos ten por obxecto a subsidiación ó tipo de xuro de préstamos a longo prazo destinados á cancelación de pasivos financeiros a curto prazo.

Poderán acollerse a este programa aquelas sociedades mercantís en dificultades que presenten un

diagnóstico e un plan estratéxico asinado pola empresa do que, a xuízo do Igape, se deduza a viabilidade técnica, económica e financeira a longo prazo da empresa sobre a base dunhas perspectivas obxectivas en canto ás súas futuras condicións de funcionamento e que, en todo caso, leve consigo o restablecemento do equilibrio financeiro da empresa. Cando a reestructuración exceda de 100 millóns de pesetas, o diagnóstico da empresa e o seu plan estratéxico deberá ser subscrito, ademais de pola propia empresa, por firma ou profesional independente de consultoría.

Así mesmo, os solicitantes deberán presentar un plan de cancelación onde se indiquen as características dos pasivos que se van cancelar, o titular da débeda e a súa contía.

B) Programa de ampliación de capital.

1. O programa de ampliación de capital ten por obxecto a subsidiación o tipo de xuro de préstamos a longo prazo destinados o financiamento da toma de participación en ampliacións de capital de sociedades mercantís.

2. Poderán ser beneficiarios deste programa os socios actuais ou futuros de sociedades mercantís xa constituídas que soliciten financiamento alleo co obxecto de obter fondos con destino exclusivo á toma de participación nunha ampliación de capital daquelas.

A socios a que se refire o parágrafo anterior poderán ser tanto persoas físicas como xurídicas, sen necesidade de cumpri-los requisitos establecidos nos artigos 4 e 7 desta orde para as empresas beneficiarias, se ben, no caso de persoas xurídicas, deberán cumpri-los requisitos establecidos no artigo 3. En todo caso, as sociedades que amplíen o seu capital deberán cumpri-los requisitos establecidos nos tres artigos anteriores.

3. A sociedade emisora da ampliación deberá presentarlle ó Igape un diagnóstico e un plan estratéxico asinado pola empresa do que, a xuízo do Igape, se deduza a viabilidade técnica, económica e financeira a longo prazo da empresa sobre a base dunhas perspectivas obxectivas en canto ás súas futuras condicións de funcionamento e que, en todo caso, implique o restablecemento do seu equilibrio financeiro.

Artigo 11º.-Distribución do crédito orzamentario.

O crédito orzamentario que se asigne para o financiamento das axudas obxecto da presente orde distribuirase entre as solicitudes, a medida que se reciban, segundo a seguinte proporción:

-Ata un 40% do crédito asignarase a axudas destinadas a actividades consideradas subvencionables segundo o apartado 1 do artigo 7º da presente orde.

-Ata un 60% do crédito asignarase a axudas destinadas a actividades preferentes do apartado 2 do artigo 7º, a proxectos de localización preferente do artigo 8º e a investimentos preferentes do apartado 3 do artigo 9 da presente orde.

En vista das solicitudes recibidas, o Igape poderá a partir do 30 de setembro de 1996, redistribuí-las porcentaxes anteditas.

Artigo 12º.-Características das operacións de financiamento subsidiables.

1. Importe dos préstamos, créditos ou contratos de arrendamento financeiro e porcentaxes de financiamento.

Segundo o programa ó que se acollan os beneficiarios das axudas, os importes dos préstamos, créditos ou contratos de arrendamento financeiro e as porcentaxes de financiamento serán os seguintes:

A) Programa de investimentos.

1. O importe dos préstamos ou créditos con dereito a subsidiación non poderá exceder con carácter xeral do 70% do investimento subvencionable, agás para os seguintes supostos, nos que se poderá acada-lo 95% deste:

a) Cando a operación se destine exclusivamente ó financiamento da modernización, reestructuración, renovación e equipamento de barcos de pesca de ata 350 T.R.B., sempre que cumpran as condicións establecidas pola UE.

b) Cando a operación se destine exclusivamente o financiamento da adquisición de solo industrial en polígonos de promoción pública para a implantación dun proxecto investidor cualificado de subvencionable.

2. O importe dos contratos de arrendamento financeiro con dereito a subsidiación poderá acadar, con carácter xeral, o 95% do importe do investimento considerado subvencionable.

B) Programa de reestructuración de pasivos.

O importe do préstamo con dereito a subsidiación determinarase a partir da análise das necesidades financeiras que se deriven do diagnóstico e do plan estratéxico presentados, dos estados financeiros da sociedade e do plan de cancelación de pasivos e limitarase ó estrictamente necesario para a reestructuración e restablecemento do equilibrio financeiro da sociedade.

En todo caso terase en conta á hora de determina-lo límite máximo da operación financeira subsidiable a correlación existente entre o inmobilizado neto da empresa e os seus recursos permanentes.

Non poderán acollerse a este programa as sociedades mercantís nas que a relación fondos propios/pasivo alleo sexa inferior a 25/75, salvo que previa ou simultaneamente adopten as medidas para alcanzar alomenos tal proporción; así mesmo, tampouco poderán acollerse aquelas outras sociedades que fosen totalmente reestructuradas mediante préstamos subvencionados nos anos 93 a 95.

C) Programa de ampliación de capital.

O volume do préstamo con dereito a subsidiación determinarase a partir da análise das necesidades financeiras que se deriven do plan estratéxico pre

sentado e dos estados financeiros da sociedade e limitarase ó estrictamente necesario para a reestructuración e restablecemento do equilibrio financeiro da sociedade emisora, establecéndose o límite máximo de ampliación subvencionable cando se alcance a relación 55/45 entre fondos propios e pasivo alleo da mesma.

2. Prazos de subsidiación.

A subsidiación non poderá exceder dos sete primeiros anos de vixencia da operación financeira subsidiada.

3. Axuda financeira.

A subsidiación para cada programa non poderá supera-los 8 puntos porcentuais. Nos convenios que se subscriban coas entidades de crédito poderanse establecer límites inferiores ós 8 puntos sinalados.

4. Tipo de xuro mínimo para o beneficiario.

En ningún caso o tipo de xuro do préstamo resultante para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación, poderá ser inferior ó 4%. Neste caso limitarase a subsidiación ata o citado tipo efectivo resultante. Nos convenios que subscriban coas entidades de crédito poderanse establecer límites superiores ó 4%.

Artigo 13º.-Tramitación.

1. No caso de instrumentación das axudas mediante convenios coas entidades de crédito, a súa tramitación realizarase de conformidade con esta orde, coas disposicións que se dicten no seu desenvolvemento e co disposto nos ditos convenios.

2. No caso das axudas que se instrumenten directamente cos beneficiarios, estes deberán presentar unha solicitude no Igape, por duplicado, acompañada da seguinte documentación:

1) Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante: fotocopia do DNI no caso de que sexa persoa física. No caso de ser persoas xurídicas, deberán achegar fotocopia da tarxeta de identificación fiscal e copia da escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos.

2) Certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas fiscais e fronte á Seguridade Social, emitidas polo organismo competente.

3) Acreditación de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

4) Fotocopia da alta no imposto de actividades económicas e último recibo pagado por este imposto.

5) Descrición da operación financeira para a que se solicita a axuda asinada polo representante legal da empresa con mención, se é o caso, de importe, prazo, carencia, e tipo de xuro previstos.

6) En función do programa ó que se acolla:

a) Programa de investimentos: descrición e cuantificación dos investimentos proxectados.

b) Programa de reestructuración de pasivos: diagnóstico, plan estrátexico da empresa e plan de cancelación de pasivos.

c) Programa de ampliación de capital: diagnóstico, plan estratéxico da empresa e acordo de ampliación de capital aprobado pola xunta xeral da sociedade emisora.

7) Declaración xurada do representante legal da empresa doutras axudas solicitadas para a mesma operación.

O Igape poderá solicitar toda aquela información e documentación que considere conveniente para os efectos da análise da solicitude. Non será necesario presentar aquela documentación que xa estea en poder do Igape en virtude doutro expediente.

O Igape, en vista da documentación anterior e con base nos requisitos e condicións establecidos, resolverá sobre a correspondente solicitude que, en caso de ser aprobada, recollerá a forma, contía e datas de desembolso das axudas, así como as obrigas da empresa beneficiaria.

Artigo 14º.-Concesión.

O Igape resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de catro meses desde a recepción da solicitude. As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no dito prazo poderanse considerar desestimadas.

Artigo 15º.-Xustificación.

Os beneficiarios das axudas deberanlle xustificar ó Igape a aplicación dos fondos da operación financeira subsidiada ás finalidades para as que foron concedidas, na forma e prazos que se establezan nos convenios coas entidades crédito e/ou na resolución de concesión.

Artigo 16º.-Liquidación e pagamento.

A liquidación da subsidiación poderá ser practicada pola entidade de crédito; efectuará o pagamento o Igape ó beneficiario, ben directamente ou a través da entidade de crédito, sen prexuízo das comprobacións que en todo caso se reserve o Igape.

Artigo 17º.-Información e inspección.

Sen prexuízo dos mecanismos de control establecidos legalmente, o Igape, ben directamente a través dos seus órganos, ou ben indirectamente a través das entidades que designe, poderá efectua-las inspeccións que considere oportunas para os efectos de comproba-la aplicación das axudas ás finalidades para as que foron concedidas e o cumprimento dos seus requisitos. Os beneficiarios e as entidades de crédito participantes deberán facilitar ó máximo o dito labor inspector e achega-la documentación ou información ó respecto que lles sexa solicitada.

Artigo 18º.-Modificación da concesión.

O Igape poderá incoar procedemento de modificación da subvención inicial para adaptala ás novas circunstancias, logo de solicitude do beneficiario nos casos en que se produza un incumprimento parcial,

se se acredita que o dito incumprimento non resulta de gran entidade, non desvirtúa a finalidade da subvención ou non é imputable ó beneficiario. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da subvención e decretará o reintegro do indebidamente percibido ata o dito momento, calculado segundo o establecido no artigo seguinte.

19º.-Perda da subvención.

1. No caso de reclamación xudicial por instancia da entidade crédito, por incumprimento do contrato de préstamo, crédito ou arrendamento financeiro, e nos de suspensión de pagamentos ou quebra do beneficiario, perderase o dereito á subsidiación ó tipo de xuro desde a data de presentación da reclamación ou desde que se teñan por solicitadas as declaracións de pagamentos ou de quebra no xulgado.

2. Procederase ó reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e á esixencia de xuros de demora desde o devengo de calquera pagamento con cargo á subvención concedida nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-los requisitos requiridos para isto.

c) Incumpri-la finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Incumpri-las condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

Tratándose de condicións referentes á contía do investimento, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ó investimento non practicado ou practicado indebidamente. Se o incumprimento superase o 50 por 100 do investimento a que estivese obrigado o beneficiario, poderá entenderse que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse tódalas cantidades percibidas.

Se o incumprimento derivara da inobservancia dalgunha outra condición ou suposto distinto, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida, sempre e cando quede salvagardado o plan de viabilidade que, se é o caso, se presentase.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

Artigo 20º.-Compatibilidade.

A concesión das axudas desta orde queda supeditada o incumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Nos ditos termos serán compatibles con calquera outra axuda pública, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán supera-los límites establecidos pola Unión Europea.

Non obstante o anterior, nos convenios ou normas que se dicten para o desenvolvemento das axudas reguladas pola presente orde e/ou na resolución de concesión, poderá establecerse a incompatibilidade

das mesmas con outras axudas da mesma natureza ou finalidade.

En todo caso serán de aplicación os límites de axudas previstos no artigo 7 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro.

Disposición transitoria

Serán tramitadas conforme a presente orde aquelas solicitudes de axudas presentadas ante o Igape ou ante as consellerías sectoriais a partir da entrada en vigor do Decreto 309/1995, do 23 de novembro. Poderán así mesmo ser obxecto de subsidiación aquelas operacións crediticias, destinadas ás finalidades previstas nesta orde, que fosen formalizadas con posterioridade á entrada en vigor do dito decreto. Nun ou noutro caso a concesión da axuda quedará subordinada ó cumprimento do resto das condicións e requisitos establecidos nesta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-Correspóndelle ó Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nesta orde, así como para resolve-las dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Segunda.-Correspóndelle ó Igape a facultade de concertar convenios coas entidades de crédito así como fixa-los seus requisitos para a instrumentación e xestión das axudas establecidas na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela a 18 de abril de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3009