Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 02 de maio de 1996 Páx. 4.037

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 16 de abril de 1996 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas a concellos e empresas privadas para mellora-la eficiencia enerxética e a infraestructura enerxética de Galicia para 1996.

Un dos obxectivos da Consellería de Industria e Comercio no campo da política enerxética é lograr unha utilización máis racional da enerxía, non só reducindo o consumo, senón tamén mellorando a eficiencia enerxética.

Numerosas entidades locais están afectadas polas carencias existentes na actual infraestructura eléctrica e necesitan realizar fortes investimentos, en relación cos seus orzamentos, para dotar de subministración eléctrica adecuada os servicios públicos existentes nos núcleos de poboación que, ó non ser de gran relevancia, tanto polo número de habitantes como polo seu desenvolvemento industrial, carecen dunha infraestructura eléctrica adecuada.

Un primeiro paso para consegui-lo aforro e a diversificación é un estudio que analice a estructura do consumo enerxético, a súa distribución e as posibilidades de reducción, en función de melloras en equipos e procesos, así como a introducción de innovacións nas instalacións que aumenten o rendemento enerxético.

Por outro lado, as instalacións eléctricas municipais son en moitos casos susceptibles de modificacións orientadas a unha mellora na eficiencia enerxética que, de acordo co estado actual da técnica, permitan un sensible aforro no consumo de enerxía.

Igualmente, a mellora da calidade da electrificación no medio rural de Galicia é obxectivo primordial, xa que tanto a calidade de vida das persoas coma o desenvolvemento de industrias e das explotacións agropecuarias, dependen en boa medida dun bo servicio eléctrico que hoxe en moitos lugares é deficiente.

As accións que se levan a cabo co Plan de Mellora Eléctrica de Galicia (MEGA), teñen como fin crear unha infraestructura enerxética que permita regulariza-la tensión do suministración eléctrica, así coma atende-las demandas de potencia actuais e futuras para conseguir unha calidade de servicio acorde cos tempos actuais, de maneira que se posibilite un maior grao de desenvolvemento no medio rural.

As instalacións de coxeración que funcionen a partir de gas natural van supoñer para a industria galega unha gran oportunidade de mellora-la súa eficiencia enerxética a través do incremento do rendemento térmico e de mellora-la súa competitividade polo abaratamento de custos.

Co obxecto de que aquelas industrias que teñan a necesidade premente de realizaren a instalación de plantas de coxeración nas súas instalacións non perdan esta oportunidade, subvencionarase a diferencia de custo entre o combustible alternativo e o gas natural naquelas instalacións deseñadas para funcionar con gas natural e provisionalmente cun combustible alternativo.

Como medio e instrumento para favorecelo, a Consellería de Industria e Comercio establece un sistema de axudas económicas para promove-la realización dos investimentos correspondentes, encamiñados a consegui-los fins mencionados.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Auditorías enerxéticas

Artigo 1º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo á partida orzamentaria 08.02.631-B.760, «Iluminación pública e aforro enerxético» establece axudas a concellos para a realización de auditorías enerxéticas das súas instalacións.

As auditorías enerxéticas consistirán, ademais de nas revisións e na actualización dos datos existentes, no estudio exhaustivo das posibilidades de mellora-la a eficacia enerxética das instalacións, de acordo co seguinte plan:

a) Recompilación da información básica xeral, na que se recollerán as características de tódalas instalacións das que é titular o concello.

b) Informe técnico-económico no que se detallarán tanto os consumos instantáneos, as perdas e os rendementos enerxéticos, como as medidas que se deben adoptar para mellora-las deficiencias enerxéticas, establecéndose un plan de aforro ordenado en función do período de amortización.

Artigo 2º

A subvención poderá acadar un máximo do 50% do custo da auditoría, modulando a porcentaxe en función dos recursos económicos do concello.

Artigo 3º

As auditorías serán realizadas por empresas que, segundo xuízo da Consellería de Industria e Comercio, ofrezan garantías e experiencia suficientes neste campo especifíco en Galicia e deberán ser asinadas por técnico competente.

Artigo 4º

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo, cos requisitos sinalados no capítulo V desta orde, especificando a empresa que realizará a auditoría enerxética para a súa aceptación pola Consellería de Industria e Comercio.

Artigo 5º

O pagamento das subvencións efectuarase unha vez entregada, por triplicado exemplar, a auditoría coas facturas emitidas pola empresa auditora, aprobadas polo órgano competente do concello, ou ben coa xustificación do pagamento, na correspondente delegación provincial desta consellería e logo de informe favorable dos servicios técnicos competentes.

Capítulo II

Instalacións eléctricas municipais e aforro enerxético

Artigo 6º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo á partida orzamentaria 08.02.631-B.760, «Iluminación pública e aforro enerxético» establece axudas ós concellos que precisen realizar ou modificar infraestructuras eléctricas de servicios públicos ou realizar investimentos con obxecto de reduci-la incidencia do factor enerxético na súa estructura de custos.

Non se subvencionará en ningún caso a electrificación de urbanizacións e vivendas illadas dedicadas a segunda residencia.

Artigo 7º

A axuda poderá alcanzar ata o 50% do investimento total, modulando a porcentaxe en función do seu interese social, das dispoñibilidades orzamentarias da entidade local e da propia dispoñibilidade orzamentaria da consellería.

Artigo 8º

A solicitude, que deberá ir acompañada dos documentos citados no capítulo V da presente orde, deberá axustarse ó modelo que se achega como anexo desta orde e nela farase constar:

-Memoria do investimento, con indicación do núcleo, lugar, parroquia e municipio.

-Se é o caso, convenio subscrito coa empresa distribuidora da enerxía eléctrica.

-Para instalacións de aforro e mellora da eficiencia enerxética, auditoría enerxética realizada por unha empresa consultora establecida en Galicia con recoñecida experiencia na materia.

Artigo 9º

Os criterios que servirán de base para darlles prioridade ás peticións formuladas serán os seguintes:

-Núcleos de poboación de menos de dous mil habitantes, segundo o censo municipal.

-Interese social do servicio público, de acordo co descrito na memoria.

-Eficiencia enerxética da instalación de acordo co recollido na auditoría ou proxecto correspondente.

-Recursos económicos da entidade local.

-O grao de cumprimento da entidade local solicitante nas subvencións outorgadas pola Consellería de Industria e Comercio en exercicios anteriores.

-No caso das instalacións eléctricas, ter subscrito un convenio ou acordo coa empresa distribuidora de enerxía eléctrica, de forma tal que posibilite a utilización conxunta e indistinta dos postes, tanto para a iluminación rural municipal (iluminación pública) como para o paso das liñas de distribución de subministración eléctrica.

-No caso de instalacións de iluminación pública, adecuación ó proxecto tipo de alumbrado público recollido no convenio subscrito entre empresas eléctricas e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Capítulo III

Instalacións de coxeración

Artigo 10º

Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.631-A.770, establécense axudas económicas para as empresas que implanten instalacións de coxeración deseñadas para funcionar con gas natural como combustible e que provisionalmente ata a disposición del funcionen con gasóleo ou propano.

O prezo do gas natural calcularase a partir da tarifa CG para coxeración en procesos industriais fixada pola Orde do 3 de xullo de 1995 (BOE do 12 de xullo).

Artigo 11º

Subvencionarase ata o 31 de decembro de 1996 a diferencia de custo entre o combustible alternativo e o gas natural, modulando a subvención en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Para estes efectos, o peticionario presentará ante a Dirección Xeral de Industria os seguintes documentos:

-Contrato de subministración de gas natural subscrito entre o peticionario da axuda e a empresa subministradora do gas natural.

-Proxecto das instalacións, suscrito por técnico competente e visado polo colexio profesional.

As condicións de pagamento poderán regularse, ben na resolución de outorgamento da axuda, ou ben por convenios ou acordos que se subscriban entre a Consellería de Industria e Comercio e a empresa subministradora do gas natural.

Capítulo IV

Plan de Mellora Eléctrica de Galicia (Mega)

Artigo 12º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo ó programa 631-B «Programas de electrificación e enerxías alternativas», aplicación orzamentaria 08.02.631-B.770, concederá axudas para as instalacións de transporte, transformación e distribución de enerxía eléctrica no medio rural.

Artigo 13º

Poderán acollerse a estas axudas as empresas distribuidoras de enerxía eléctrica que subscriban coa Xunta de Galicia un acordo marco para o desenvolvemento do Plan de Mellora Eléctrica de Galicia (MEGA) e que presenten unha proposta de obras para 1996 das incluídas no citado plan ante as delegacións provinciais na forma e prazo establecido no capítulo V desta orde.

Tamén poden acollerse a estas axudas as empresas distribuidoras que, non tendo subscrito o acordo coa Xunta de Galicia, presenten xunto coa solicitude de axudas un plan técnico de obras que deberá ser aprobado pola Consellería de Industria e Comercio.

A cuantía máxima das axudas será do 50% do investimento total.

Esta contía aplicarase sobre o orzamento resultante de aplica-los prezos aprobados pola Consellería de Industria e Comercio ás unidades de obra de cada proxecto.

Artigo 14º

Unha vez rematado o período de solicitude e tendo en conta o Plan de Mellora Eléctrica de Galicia e a proposta efectuada polas empresas distribuidoras, a delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, sobre o informe previo, resolverá o que proceda e elaborará unha lista básica de obras por importe do orzamento dispoñible.

Artigo 15º

Para a elaboración destas listas daráselles prioridade ás obras que inclúan os seguintes aspectos:

1.-Que dispoñan das correspondentes servidumes de paso co obxecto de axiliza-la execución das obras.

2.-Zonas de desenvolvemento industrial e/ou con instalacións agrarias.

3.-Que sexa complementaria doutras instalacións enerxéticas de prioridade municipal.

4.-Que cubra o maior número de habitantes en relación co investimento.

Artigo 16º

Os investimentos subvencionados, que se realizarán durante 1996, serán comunicados pola Consellería de Industria e Comercio ás empresas eléctricas solicitantes, indicando a contía das axudas aprobadas, así como as condicións técnicas e administrativas para a realización das obras.

Artigo 17º

A realización das obras xustificaranse mediante certificación de obras, que será presentada na correspondente delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, para a súa análise, comprobación e pagamento da subvención, tras certificación dos servicios da delegación provincial que corresponda.

Capítulo V

Tramitación das solicitudes

Artigo 18º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19º

As solicitudes axustaranse ó modelo que se achega como anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, acompañadas dos documentos seguintes:

a) Acreditación da condición requirida.

b) Copia compulsada do DNI, CIF o NIF, segundo o caso.

c) Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investomento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública.

d) Memoria descritiva da actuación que se vai desenvolver, finalidade e prazo de execución.

e) Orzamento de gastos.

f) Certificado expedido polo delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio de inscrición no Rexistro Industrial e a súa actualización. Desta condición, quedan excluídos os concellos e as empresas de enxeñería.

g) Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 20º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior e os esixidos para cada caso concreto por esta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Examinada a documentación, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

Artigo 21º

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta e quedará expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 22º

Nun prazo de 3 meses a partir da notificación da subvención, o beneficiario deberalle remitir á delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio unha copia do proxecto de execución, cando este sexa necesario, asinado por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente e certificación da iniciación da obra; se esta fora realizada por terceiros, a documentación que acredite que a obra foi adxudicada e a acreditación do adxudicatario para realizala.

A non presentación desta documentación suporá a anulación da subvención concedida, logo de audiencia do interesado.

Artigo 23º

Para o pagamento das axudas indicadas será indispensable a presentación, antes do 15 de novembro de 1996, ante a delegación provincial correspondente de tres exemplares da memoria da actividade realizada, xunto con xustificantes debidamente acreditados do investimento realizado.

Para o libramento e posterior aboamento da subvención, unirase á documentación que se sinala no apartado anterior certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

A percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen que se levou a cabo a realización do investimento de acordo co proxecto presentado.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes que se consideren convenientes e, no caso de non seren remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se lle sinale, considerarase que renuncia á subvención.

Artigo 24º

En caso de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a subvención que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia a desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta orde, pro

cederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 25º

En caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Procederá o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora nos supostos previstos no apartado 5º do artigo 78 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 26º

En caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas procederíase conforme o artigo anterior.

Artigo 27º

Con independencia do establecido nesta orde, en todo caso observarase o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 e Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9603130