Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Sábado, 27 de abril de 1996 Páx. 3.945

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 148/1996, do 17 de abril, polo que se desafecta a parcela denominada A Mina, que forma parte do predio Granxa Robles sito en San Xulián de Veiga, termo municipal da Pobra de Brollón (Lugo).

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O apartado segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta, logo de instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de abril de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Desaféctase do dominio público a parcela A Mina sita en San Xulián de Veiga, termo municipal da Pobra de Brollón (Lugo), integrada no predio Granxa Robles, que como unidade orgánica das reguladas no artigo 8.2º da Lei hipotecaria atópase inscrita no Rexistro da Propiedade de Quiroga no tomo 193, libro 81, folio 43, predio 6.479 inscrición 3ª, que é propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e que ten a seguinte descrición rexistral:

Parcela nomeada A Mina, destinada a prado regadío, con auga do rego e da mina que existe neste predio, de figura irregular; a súa extensión superficial é dunha hectárea cincuenta e unha áreas e vinte centiáreas, igual a trinta ferrados, sete cuartais e un e medio cuartillos. Linda: ó norte, con predios de Antonio Fernández, camiño de servidume e muro en medio; o muro, coas árbores que ten, mediuse; de Saturnino González Macía e co río Cabe, onde ten a súa ribeira, sendeiro público e muro en medio, que non se mediron; leste, con predios dos herdeiros de Fernando Ballesteros, Clemente Enriquez e outros; e sur, con camiño veciñal, muro en medio; e oeste, con predio de Clemente Menéndez e de Saturnino González, muro deste predio en medio, que non se mediu, segundo a de Clemente.

Artigo 2º.-A parcela anteriormente descrita adquire natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

96-3199