Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 26 de abril de 1996 Páx. 3.907

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial da empresa Fundación San Rosendo de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Fundación San Rosendo (código nº 3200592) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo grupo de traballadores, o día 17 de xaneiro de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1982, de 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro rexistro desta delegación provincial, con notificación ás representacións económicas e sociais da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 5 de febreiro de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo da Fundación San Rosendo

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio será de aplicación a tódolos centros de traballo que integren a Fundación San Rosendo.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo será de aplicación ós centros de traballo da Fundación San Rosendo, da provincia de Ourense.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidos no ámbito do presente convenio colectivo os traballadores que presten os seus servicios nos centros de traballo afectados por este.

Quedan expresamente excluídos aqueles traballadores en residencia dependente da Administración.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa sinatura, e será a súa duración ata o 31 de decembro de 1999.

Artigo 5º.-Denuncia e prórroga.

Calquera das partes asinantes poderá denuncia-lo presente convenio con tres meses de antelación ó vencemento deste.

Para que a denuncia teña efecto terá que facerse mediante comunicación escrita á outra parte.

En caso de non producirse a mencionada denuncia entenderase que o convenio se prorroga automaticamente polo mesmo período incrementándose unicamente os conceptos económicos no IPC resultante do ano anterior, segundo os datos publicados polo INE.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán considerados globalmente.

No caso de que pola xurisdicción laboral, por instancia da autoridade laboral ou calquera dos afectados se procedesa á anulación dalgún dos pactos do presente convenio colectivo, quedará sen efecto a totalidade, debendo as partes afectadas constituír unha nova mesa negociadora no prazo de dous meses a partir da firmeza da sentencia, co obxecto de proceder á renegociación do seu contido.

Artigo 7º.-Garantía ad personam.

Respectaranse as condicións superiores ou máis beneficiosas que viñesen percibindo os traballadores do cadro de persoal á sinatura deste convenio, por pacto individual ou colectivo entre os centros de traballo que integran a fundación.

Artigo 8º.-Comisión negociadora.

A comisión negociadora quedará validamente constituída polos representantes legais da Fundación San Rosendo e os traballadores desta representados polos delegados dos traballadores.

Quedará constituída no prazo máximo dun mes a partir da denuncia do convenio con igual representatividade numérica entre ambas partes, actuando de presidente e secretario da dita mesa as persoas que os membros desta, por maioría de cada unha das representacións acorden.

Artigo 9º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria do convenio, como órgano de interpretación, arbitraxe e cumprimento do presente convenio.

Ambas partes acordan someter á comisión paritaria, cantos problemas, discrepancias ou conflictos poidan presentarse ou xurdir da interpretación do convenio, con carácter previo á presentación dos distintos supostos perante a autoridade ou xurisdicción laboral competente.

Artigo 10º.-Organización do traballo.

A organización do traballo será facultade da fundación, sen prexuízo do establecido neste convenio, no Estatuto dos traballadores e demais lexislación aplicable.

Artigo 11º.-Cualificación profesional.

Establécense os grupos profesionais, segundo o nivel de titulación, coñecementos ou experiencia esixida para o seu ingreso. En virtude da tarefa que se vai realizar e a idoneidade da persoa, cando non se crea necesario a esixencia de titulación, o contrato determinará no grupo no cal se ten que integra-la persoa contratada, de acordo cos coñecementos e experiencia necesaria en relación ás funcións que se van exercer.

Grupo A 1: Consello de Administración e Xerencia.

Grupo A 2: titulares superiores e mandos.

Grupo B: titulados medios.

Grupo C: persoal técnico e mandos intermedios.

Grupo D: persoal auxiliar.

Grupo E: persoal subalterno e non cualificado.

As categorías profesionais son as que se detallan na táboa salarial deste convenio, na táboa salarial anexa.

Artigo 12º.-Contrato de traballo e período de proba.

A) Tódolos contratos de traballo formalizaranse por escrito e incluirán, en todo caso, a expresión do presente convenio colectivo, o cal reflectirá a relación laboral, así como a categoría profesional e as condicións laborais polas cales se contrata ó traballador.

B) Establécese un período de proba a teor do regulado no E.T.

Grupo A: seis meses.

Grupo B: corenta e cinco días.

Grupo C: trinta días laborables.

Grupo D: trinta días laborables.

Grupo E: quince días laborais.

O período de proba deberá ser pactado por escrito, e poderán durante a vixencia deste, as partes contratantes resolver de forma unilateral e libremente a relación laboral sen necesidade de preaviso e sen dereito a ningunha indemnización.

De acordo coa Lei de dereitos de información ós representantes legais dos traballadores en materia de contratación, Lei 2/1991, de 7 de xaneiro, facilitarase copia básica do presente contrato de traballo ós representantes legais dos traballores.

Artigo 13º.-Cesamentos na fundación.

O persoal que voluntariamente desexe causar baixa na fundación deberá notificarllo á esta e por escrito, e recibirá xustificante da dita petición polo menos coa seguinte antelación á data da baixa definitiva.

Grupo A: dous meses.

Grupo B: un mes.

Grupo C: un mes.

Grupo D: quince días.

Grupo E: quince días.

A falta de preaviso establecido facultará á fundación para deducir das partes proporcionais que hai que aboar no momento da liquidación, o equivalente diario da súa retribución real porque cada día que falte no regulamentario preaviso anteriormente fixado.

Artigo 14º.-Mobilidade no posto de traballo.

Aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores, así como a lexislación concordante.

Artigo 15º.-Formación profesional.

Todo traballador, independentemente do grupo profesional ó que pertenza, terá acceso a cursos, seminarios, conferencias, etc,, de formación e perfeccionamento que organice a fundación.

De conformidade co previsto no artigo 22 do Estatuto dos traballadores e para facilita-la formación e promoción profesional no traballo, o persoal afecto ó presente convenio terá os seguintes dereitos:

A) O desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames nos que se cursen con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional.

B) A adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia de cursos de formación profesional ou á concesión do permiso oportuno de formación ou perfeccionamento profesional con reserva do posto de traballo.

Artigo 16º.-Revisións periódicas.

O traballador ten dereito a someterse libremente ás revisións médicas tanto previas ó ingreso no traballo como ás periódicas que sexan aconselladas ou propostas pola empresa ou os organismos oficiais competentes, así como a someterse ós medios profilácticos ou de vacinación que sexan obrigatoriamente indicados por estes, con salvagarda do seu dereito constitucional á intimidade.

Artigo 17º.-Xornada de traballo.

A xornada máxima de traballo para todo o persoal comprendido no presente convenio e durante a vixencia deste, será de 40 horas semanais na xornada partida e continuada de traballo efectivo respectivamente.

Na xornada continuada computarase a media hora de comida como xornada efectivamente traballada.

Artigo 18º.-Descanso semanal.

A) Os traballadores terán dereito a un descanso mínimo dun día e medio ininterrompido, ou tres días cada 15 días de traballo.

B) Con independencia do establecido anteriormente respectarase calquera fórmula que se pactase ou se pacte entre a fundación e os seus traballadores.

Artigo 19º.-Vacacións.

O período de vacacións anuais será de 30 días naturais retribuídos, a razón de salario base máis antigüidade. Naqueles casos que non se completase o ano de traballo efectivo terán dereito á parte proporcional.

O período de desfrute das vacacións fíxase nos meses de xullo e setembro ambos inclusives, que poderán fraccionarse en dous períodos de 15 días, respectándose sempre os seguintes criterios:

A) O réxime de quendas de vacacións farase por rigorosa rotación anual dos traballadores entre os distintos meses, iniciándose a dita rotación o primeiro ano de antigüidade na empresa. Para tal efecto constituiranse as correspondentes quendas de vacacións. Estas quendas faranse segundo o calendario laboral e segundo as prestacións do servicio.

O inicio do período de vacacións ou desfrute das festas aboables non poden coincidir cun día de descanso semanal, de forma e maneira que nestes casos entenderanse iniciadas as vacacións ó día seguinte do descanso semanal se o regreso das vacacións coincide co día libre, este deberá respectarse, reiniciándose o traballo ó día seguinte.

B) O calendario de vacacións elaborarase dentro do primeiro trimestre de cada ano, e en todo caso, cun mínimo de dous meses de antelación á data do seu desfrute.

Unha vez iniciado este, se se produce situación ILT, o dito período non se interrompe se é conmutable por novos períodos. O traballador, sen embargo, terá dereito ás súas percepcións salariais a razón da totalidade dos seus haberes durante a duración das vacacións.

As vacacións han de desfrutarse durante o ano natural, e non será posible acumulalas a anos seguintes, nin poden ser compensables economicamente agás nos casos de liquidación por finiquito. Por iso, calquera que sexa a causa, o non desfrute durante o ano natural supón a perda destas ou da fracción pendente de desfrute.

Artigo 20º.-Xubilación ós 65 anos.

Os traballadores independentemente do grupo profesional ó que pertenzan deberán xubilarse forzosamente ós 65 anos de idade, agás que no dito momento non poida acredita-los requisitos correspondentes para tal fin, como son os períodos de carencia de cotización, neste caso a obriga queda supeditada e retrasada ó momento en que se reúnan estes.

Artigo 21º.-Premio de xubilación.

Os traballadores que se xubilen con anterioridade ós 65 anos percibirán un premio de xubilación, atendendo á seguinte escala:

Xubilación ós 60 anos: cinco mensualidades.

Xubilación ós 61 anos: catro mensualidades.

Xubilación ós 62 anos: tres mensualidades.

Xubilación ós 63 anos: dúas mensualidades.

Xubilación ós 64 anos: unha mensualidade.

Artigo 22º.-Licencias.

O traballador, logo do aviso e xustificación poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos seguintes motivos e polo tempo seguinte:

A) Quince días naturais, en caso de matrimonio.

B) Tres días naturais, en caso de nacemento de fillos ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afi

nidade. No suposto de que o traballador necesite facer un desprazamento, para tal efecto, o prazo será ampliado a catro días. Poderán ampliarse estes descontando os festivos aboables e/ou vacacións, logo da solicitude do traballador.

C) Un día por traslado do domicilio habitual.

D) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público e persoal.

E) Os permisos necesarios para concorrer a exames eliminatorios. O traballador desfrutará deste permiso o día natural en que teña o exame, se presta os seus servicios na xornada diurna. Se un traballador traballa de notie, o permiso desfrutarao a noite anterior ó exame.

F) No suposto de parto, a suspensión do contrato terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas ampliables por parto múltiple ata dezaoito semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, e poderán facer uso destas o pai para o coidado do fillo, en caso de falecemento da nai. En canto ós permisos por lactancia haberá qu aterse igualmente ós preceptuados na Lei 3/1989, do 3 de marzo de 1989.

Artigo 23º.-Roupa de traballo.

A fundación está obrigada a facilitarlles dous uniformes, dous pares de zocos e pares de luvas ó ano, así como as pezas de roupa de protección persoal a tódolos traballadores. O traballador estará obrigado a usar durante a realización do seu traballo a roupa e pezas de roupa facilitadas pola empresa, así como do seu coidado.

Artigo 24º.-Dereitos sindicais.

Os delegados do persoal terán, entre outros dereitos e funcións ademais das previstas no E.T. e a L.O.L.S.

a) Ser informados, previamente de tódalas sancións moi graves impostas no seu centro de traballo.

b) De vixilancia do cumprimento das normas vixentes en materia laboral e seguridade Social e ocupación.

c) De vixilancia e control das condicións da Seguridade Social e Hixiene no traballo coas particularidades que prevé o Estatuto dos traballadores, no seu artigo 19.

Artigo 25º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores terán dereito a dúas pagas extraordinarias ó ano, pagadoiras nos meses de xullo e decembro, a razón de salario base máis antigüidade. As ditas pagas aboaranse antes do 18 de xullo e 22 de decembro.

Artigo 26º.-Salarios.

Os salarios do presente convenio serán os que se sinalan na folla como anexo I.

Para efectos do prevido no E.T. faise constar que o salario bruto anual para a categoría de peón sen antigúidade é do 1.208.970 ptas.

Artigo 27º.-Antigüidade.

A antigüidade fíxase en trienios na contía de 3.730 ptas. mensuais.

Artigo 28º. Plus de incentivos para encargados de casa.

Establécese un incentivo para os encargados da casa na contía de 15.000 ptas. mensuais, pagadoiras en doce mensualidades.

Artigo 29º.-Réxime disciplinario.

A) Faltas leves:

1. O retraso e neglixencia no cumprimento das súas funcións, así como a indebida utilización dos locais, materiais ou documentos na fundación, agás que pola súa manifesta gravidade poida ser considerado como falta grave.

2. A non comunicación coa debida antelación da falta de asistencia ó traballo, por causa xustificada, agás que se probe a imposibilidade de facelo.

3. As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada de tres a cinco ó mes.

B) Faltas graves:

1. A falta de disciplina no traballo.

2. A falta de asistencia ó posto de traballo sen causa xustificada.

3. As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada durante máis de cinco días e menos de dez ó mes.

4. O abandono do posto de traballo sen causa xustificada.

5. A reincidencia na comisión dunha falta leve, aínda que sexa de diferente natureza dentro dun mesmo trimestre sempre que se produza sanción por este motivo.

C) Faltas moi graves:

1. Dar a coñece-lo proceso patolóxico e intimidade do residente.

2. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas e calquera conducta que constitúa delicto doloso.

3. As faltas de asistencia ó traballo non xustificadas durante máis de tres días.

4. As faltas reiteradas de puntualidade durante máis de 10 días ó mes ou durante máis de 30 días no trimestre.

5. Os malos tratos de palabra ou obra e o abuso de autoridade.

6. A obtención de beneficios económicos ou en especie dos usuarios dos centros.

7. Apropiarse de obxectos, documentos, material, etc., dos usuarios do centro do persoal.

8. A neglixencia na administración da medicación.

Sancións:

As sancións que poderán imporse en función da cualificación destas faltas serán as seguintes:

Por faltas leves:

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo durante tres días.

Desconto proporcional das retribucións correspondentes ó tempo real deixado de traballar por faltas de asistencia ou puntualidade non xustificadas.

Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de tres días a un mes correspondente ó tempo real deixado de traballar por falta de asistencia ou puntualidade non xustificada.

Por faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo dun a tres meses.

Despedimento.

Artigo 30º.-Infraccións da empresa.

Son infraccións laborais da empresa as accións ou omisións contrarias ás disposicións legais en materia de traballo, ó convenio colectivo e demais normas de aplicación. Sancionarase a obstaculización ó exercicio das liberdades públicas e ós dereitos sindicais.

Tramitarse de acordo coa normativa vixente.

Tódolos traballadores, ó presentaren a nómina do mes anterior, terán dereito ó 50% da bonificación no balneario da vila termal da Arnoia.

Disposición transitoria

Primeira.-O presente convenio colectivo é asinado pola Fundación San Rosendo e os delegados dos traballadores.

ANEXO I

Táboa salarial

Médico/a181.105 ptas.

Psicologo/a181.105 ptas.

O/a A.T.S149.625 ptas.

Profesor/a138.589 ptas.

O/a contable124.490 ptas.

Encargado/a106.745 ptas.

Gobernante/a106.745 ptas.

Xefe/a de persoal106.745 ptas.

Oficial/a primeira101.945 ptas.

Oficial/a segunda91.152 ptas.

O/a auxiliar de clínica86.355 ptas.

O/a auxiliar de xardín de infancia86.355 ptas.

O/a auxiliar86.355 ptas.

Coidador/a86.355 ptas.

Celador/a86.355 ptas.

Peón/a86.355 ptas.

Persoal de cociña86.355 ptas.

Persoal de limpeza86.355 ptas.

O/a capataz86.355 ptas.

Carpinteiro/a86.355 ptas.

O/a ordenanza86.355 ptas.

1827