Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 26 de abril de 1996 Páx. 3.904

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 6 de febreiro de 1996 de subvencións ás entidades de promoción do Camiño de Santiago.

O Camiño de Santiago, fenómeno histórico, relixioso e cultural de singular importancia, foi, ó longo dos séculos, o punto de encontro de xentes de diversas procedencias. O interese polo Camiño de Santiago chega ata os nosos días, e co obxectivo de potencialo, a Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, creada polo Decreto 291/1993, do 11 de decembro, e en uso das competencias que lle confire o Decreto 49/1994, do 4 de febreiro, de estructura orgánica da Consellería de Cultura, considera necesario a concesión de axudas ás entidades que realicen actividades de difusión e promoción del.

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º. Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante subvencións a fondo perdido, as entidades que realicen actividades de difusión, investigación ou calquera outra que repercuta

directa ou indirectamente nos Camiños de Santiago en Galicia.

Artigo 2º. Partida orzamentaria.

O libramento da contía da subvención farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04. 121A. 481. 00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Artigo 3º. Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións as asociacións e institucións que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estaren inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

b) Proxectaren a realización das actividades descritas no artigo primeiro.

Artigo 4º. Beneficios.

As actuacións destas entidades poderán ser subvencionadas coa cantidade de cincocentas mil pesetas (500.000 ptas.) por beneficiario, para as actividades de difusión escrita ou investigación, e de duascentas cincuenta mil pesetas (250.000 ptas.) por beneficiario para o resto de actividades, ata o esgotamento do crédito orzamentario previsto para o efecto.

A subvención farase efectiva unha vez finalizada a actividade prevista, logo da presentación dun informe acreditativo da súa realización, que deberá entregarse antes do trinta de setembro de 1996, como condición indispensable para percibi-la subvención, ademais de certificación bancaria orixinal acreditativa de que a conta sinalada lle corresponde á asociación:

Artigo 5º. Solicitude de beneficios.

As solicitudes das subvencións obxecto da presente disposición presentaranse no rexistro da Consellería de Cultura, mediante instancia dirixida á Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Número de inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

b) Documentación explicativa das actividades que solicitan ser subvencionadas.

c) Orzamento das actividades.

d) Fotocopia de tarxeta do CIF.

Artigo 6º. Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días desde a publicación desta orde no DOG.

Artigo 7º. Comisión de valoración.

O conselleiro de Cultura nomeará unha comisión de valoración integrada por un presidente, un secretario e tres vocais.

Artigo 8º. Aprobación.

A comisión valorará as solicitudes presentadas e elevará, no prazo de quince días, a súa proposta motivada ó conselleiro, que resolverá a convocatoria. A comisión terá en conta o interese da actividade que se vai realizar.

Artigo 9º. Resolución.

No prazo de quince días dende a data de elevación da proposta, o conselleiro de Cultura resolverá a convocatoria. A esolución notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º. Denegación da subvención.

A denegación da subvención será expresa e motivada e o interesado poderá interpoñer contra esa resolución o pertinente recurso.

Artigo 11º. Recoñecemento e pagamento das subvencións.

A aprobación da subvención dará lugar á autorización e á disposición do gasto, recoñecemento da obriga e pagamento da subvención.

Artigo 12º. Realización das actividades.

As actividades subvencionadas levaranse a cabo de conformidade co proxecto presentado e na súa realización deberá deixarse constancia de que se trata de actividades subvencionadas pola Consellería de Cultura: Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, e no caso de actividades que comporten difusión escrita, deberá ir en lugar e tamaño destacado o logotipo.

Artigo 13º. Seguemento e modificacións.

A Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago velará por que as actividades obxecto da subvención se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, podendo toma-las medidas que coide oportunas ó respecto.

As modificacións deberán ser autorizadas polo conselleiro de Cultura, unha vez que a comisión encargada da valoración das solicitudes emita informe favorable sobre as ditas modificacións.

Artigo 14º.Sancións.

A non realización ou a realización parcial das actividades subvencionadas poderá comporta-la anulación total ou parcial da axuda outorgada e a obriga de reintegra-las cantidades percibidas en concepto de subvención e os correspondentes xurar legais, sen prexuízo das demais responsabilidades nas que se incorra.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

995