Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 25 de abril de 1996 Páx. 3.865

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 144/1996, do 17 de abril, polo que se crea a Comisión Interdepartamental de Xuventude.

A política xuvenil dos poderes públicos debe enmarcarse na promoción da participación libre da xuventude no desenvolvemento cultural, socioeconómico e político da sociedade que sinala a Constitución.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do desenvolvemento comunitario.

Faise preciso unha especial atención a aqueles problemas e aspectos que inciden na xuventude, na súa inserción na vida laboral e social e no seu desenvolvemento persoal, que non obstante, ó afectar en os diferentes ámbitos da sociedade en xeral, deben englobarse nas actuacións administrativas dirixidas ó conxunto daquela, polo que a acción da Administración debe concibirse dunha forma integral.

Neste sentido, creouse no ano 1992, polo Decreto 32/1992, do 29 de xaneiro, a Comisión Interdepartamental para a Xuventude da Administración autonómica de Galicia.

A reestructuración sufrida polos distintos departamentos da Xunta de Galicia nestes últimos anos, así como a necesidade de conseguir unha efectiva coordinación de programas e departamentos da Administración autonómica, buscando a rendibilidade dos recursos dispoñibles no marco dunha polí

tica de contención do gasto público, fai aconsellable a creación dunha Comisión Interdepartamental de Xuventude, adaptada a esa nova estructura e á realidade daquelas problemáticas que hoxe en día inciden na xuventude, e ó mesmo tempo, modificando a estructura interna dela, potenciando a intervención das comisións técnicas.

Na procura da súa maior operatividade, a dita comisión deberá elaborar e aprobar un documento-director que coordine as diversas actuacións que no ámbito autonómico e local incidan na xuventude, e unha metodoloxía de traballo apropiada ás súas características específicas que se concretará nun plan integral, entendido como algo dinámico, a través do cal a Xunta de Galicia desenvolverá a súa política de xuventude e coordinará os programas das corporacións locais e das asociacións.

Considérase tamén o acordo do pleno do Senado, que na súa sesión do 30 de novembro aprobou o informe da comisión especial de xuventude, e no que se invita as diferentes administracións públicas a elaboraren plans integrais de xuventude.

Por todo isto, e por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, en virtude das competencias que en materia de xuventude lle atribúe o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de abril de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Créase a Comisión Interdepartamental de Xuventude, coa finalidade de se-lo órgano coordinador dos departamentos da Administración autonómica galega nas súas actuacións en materia de xuventude.

Artigo 2º.

A Comisión Interdepartamental de Xuventude estará adscrita á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 3º.

Para os efectos previstos neste decreto considérase xuventude a poboación residente na Comunidade Autónoma de Galicia de ata 30 anos.

Artigo 4º.

Serán funcións propias da comisión:

a) O estudio, análise e informe dos problemas da xuventude galega, elevando, se é o caso, propostas de medidas concretas á Xunta de Galicia, a través da conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

b) A elaboración de propostas para incluír no Plan Integral de Xuventude.

c) A coordinación e avaliación das actuacións especificamente relacionadas coa xuventude que vaian realiza-los distintos departamentos da Xunta de Galicia.

d) O estudio dos proxectos de disposicións normativas de carácter sectorial reguladoras de materias especificamente relacionadas coa xuventude.

e) Promove-la articulación de accións para a xuventude por parte das administracións locais e das asociacións, e cooperar no seu desenvolvemento.

f) O fomento das actuacións dirixidas á prestación de servicios á xuventude na procura de mellora-la súa calidade de vida e a súa participación nos ámbitos social, laboral, político e cultural de Galicia, así como á cooperación e intercambio cultural no mundo xuvenil.

g) Cantas outras actuacións lle encomenden as disposicións legais ou a Xunta de Galicia.

Artigo 5º.

A Comisión Interdepartamental de Xuventude estará composta por:

a) Presidente: presidente da Xunta de Galicia.

b) Vicepresidenta: a conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

c) Vocais:

1. O director xeral de Xuventude.

2. Un representante coa categoría de director xeral de cada unha das restantes consellerías, designado polo respectivo conselleiro.

3. Os titulares das seguintes secretarías xerais dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia:

-Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas.

-Secretaría Xeral para o Deporte.

-Secretaría Xeral para o Turismo.

-Secretaría Xeral de Protección Civil e Medio Ambiente.

-Secretaría Xeral de Comunicación.

4. Un representante do Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Comarcal.

5. Un representante do Consello da Xuventude de Galicia.

6. Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

d) Secretario: o subdirector xeral de Xuventude.

En caso de ausencia ou enfermidade deste, será substituído temporalmente por un funcionario da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nomeado pola conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

Por cada membro titular nomearase tamén un suplente, que no caso do vicepresidente será o director xeral de Xuventude, e no caso de directores xerais ou secretarios xerais terá categoría de subdirector xeral.

Deberá comunicárselle ó secretario, antes de abri-la reunión da Comisión, a substitución de calquera dos vocais titulares ou do vicepresidente polo seu suplente.

Os suplentes, cando ocupen o posto dun titular, participarán nos debates e votacións nas mesmas condicións dos vocais que substitúen.

Artigo 6º

1. Ó secretario da Comisión, ademais das funcións reguladas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, corresponderalle:

-Recibir e procesa-la información e mailas propostas das comisións de traballo que se creen, segundo o disposto no artigo 7.4º.

-Difundir e coordina-la información e propostas recibidas.

2. O secretario da comisión actuará auxiliado cos medios persoais e materiais da Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 7º

1. A Comisión Interdepartamental de Xuventude funcionará:

-En pleno.

-En comisión permanente.

-En comisións de traballo.

2. O Pleno estará integrado por tódolos membros da Comisión Interdepartamental de Xuventude. Reunirase, polo menos, en sesión ordinaria dúas veces ó ano e, con carácter extraordinario, cando sexa convocado polo presidente, ben sexa por iniciativa propia, ou por pedimento da Comisión Permanente ou da metade dos vocais.

3. A Comisión Permanente estará composta polo presidente, que será a conselleira de Familia, Muller e Xuventude, un vicepresidente, que será o director xeral de Xuventude, e seis vocais designados polo Pleno entre os seus membros. O presidente da Comisión Permanente poderá delegar no vicepresidente nos casos de ausencia ou enfermidade.

Corresponderalle á Comisión Permanente:

a) Elabora-los documentos base de traballo do Plan Integral de Xuventude a partir das propostas facilitadas polas comisións de traballo.

b) Preparar e poñer á disposición do Pleno da Comisión a información e documentación que solicite.

c) Cantas outras lle sexan encomendadas polo Pleno.

A Comisión Permanente reunirase unha vez cada tres meses de xeito ordinario, e, por convocatoria do seu presidente, cantas veces sexa necesario para o desenvolvemento dos acordos.

O secretario da Comisión Interdepartamental de Xuventude actuará así mesmo de secretario da Comisión Permanente.

4. O Pleno creará comisións de traballo por áreas, que poderán ser permanentes ou específicas, e estarán formadas polos membros que aquel designe para o efecto, que poderán estar asistidos polos expertos ou asesores que procedan en función do tema de que se trate. Corresponderalles ás comisións de traballo a análise sectorial, a recollida de información, a elaboración de propostas, e demais competencias que sinale o Pleno.

A presidencia destas e o seguimento dos traballos que efectúen corresponderalle á conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou persoa en quen delegue.

As comisións de traballo reuniranse coa periodicidade que elas mesmas consideren, ou por petición do seu presidente.

Artigo 8º.-As consellerías e secretarías designarán un representante permanente, con categoría mínima de xefe de sección, coa finalidade de acadar fluidez na interlocución dos asuntos relacionados coa Comisión, que poderán participar nas comisións de traballo e asistir ás reunións da Comisión se fosen requiridos para iso, con voz pero sen voto.

Artigo 9º.-Sen prexuízo das peculiaridades previstas no presente decreto, o funcionamento da Comisión Interdepartamental de Xuventude acomodarase ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 32/1992, do 29 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia, Muller e Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

3039