Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 25 de abril de 1996 Páx. 3.865

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 143/1996, do 17 de abril, polo que se prorroga o prazo de vixencia do Decreto 226/1992, do 24 de xullo, sobre subvencións á reconstrucción de vivendas unifamiliares no medio rural.

O Decreto 226/1992, do 24 de xullo, establecía unha liña de axudas para actuacións de reestructuración interior, reconstrucción integral e ampliación das vivendas rurais non recollidas nos programas de axudas á rehabilitación de vivendas tanto autonómicas como estatais o que obrigaba ós seus propietarios a actuacións de nova construcción con demolicións ou abandonos das primitivas edificacións dando lugar, ás veces, a actuacións incontroladas con imprevisibles e negativas repercusións na seguridade da vivenda e na conservación da preexistente.

A disposición derradeira do citado decreto limitaba a vixencia de aplicación das súas disposicións ás actuacións que se aprobaran ata o 31 de decembro de 1995.

Dado que a devandita liña de axudas goza de boa aceptación por parte dos seus destinatarios e que contribue a completa-la política de rehabilitación de vivendas en aspectos non protexidos pola actual normativa de axudas tanto estatal como autonómica, considérase oportuno prorroga-la vixencia destas axudas por un período semellante de catro anos.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de abril de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único:

1.-As disposicións do D 226/1992, do 24 de xullo, sobre subvencións á reconstrucción de vivendas unifamiliares no medio rural continuarán vixentes e

serán de aplicación ás solicitudes que se presenten ata o 31 de decembro de 1999.

2.-O prazo de presentación de solicitudes será determinado por orde da Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior categoría que contradigan o disposto na presente norma.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o 1 de xaneiro de 1996.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

96-3043