Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 23 de abril de 1996 Páx. 3.784

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 12 de marzo de 1996 pola que se convocan bolsas de colaboración para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

O Decreto 307/1989, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, atribúelle á Consellería de Cultura a competencia de velar pola conservación, organización e difusión do patrimonio documental de Galicia, así como a responsabilidade de fomenta-la adecuada formación do persoal técnico de arquivos. Coñecendo, por outra banda, as necesidades de organización e descrición de fondos documentais de moitos arquivos galegos pola importancia que teñen para garanti-los dereitos e obrigas dos cidadáns e as actividades da propia Administración,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse bolsas de colaboración para organización e descrición de fondos de arquivos de interese galego, con cargo á aplicación orzamentaria 010.003.352B.481.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996. O importe total das bolsas non excederá en ningún caso do crédito asignado para o efecto.

2. As bolsas irán destinadas a: organización e descrición de arquivos municipais de Galicia e tarefas de organización e descrición de fondos no Arquivo do Reino de Galicia, nos arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra, e outros arquivos de interese galego.

Os bolseiros realizarán os seus traballos en diversos municipios de Galicia, no Arquivo do Reino de Galicia, e nos arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra ou outros centros nos que sexan destinados, e serán coordinados e dirixidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura e por persoal técnico facultativo debidamente cualificado, designado para o efecto por aquela.

3. Os traballos terán unha duración de 6 meses, a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura.

4. Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a:

-Asistir diariamente durante un mínimo de cinco horas ós centros onde resulten destinados. O horario será o establecido polos servicios técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental de acordo co centro de destino.

-A segui-las indicacións técnicas dos coordinadores.

-A lles entregar ós coordinadores, ó finaliza-la bolsa, informe técnico así como copia dos instrumentos de descrición documental resultado do seu traballo.

Ó remata-la actividade, os coordinadores dos bolseiros depositarán na Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura os informes e copia dos intrumentos de descrición documental realizados por cada bolseiro. O orixinal destes instrumentos descritivos quedará depositado no mesmo lugar no que se realice o traballo.

Artigo 2º

1. Os solicitantes dunha bolsa de colaboración deberán ser licenciados en xeografía e historia ou filosofía e letras (sección de historia), con coñecementos de arquivística ou experiencia de traballo en arquivos.

2. As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial, que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os solicitantes deberán xunta-la seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, situacións que producen incompatibilidade co desfrute da bolsa que nesta orde se convoca.

-Fotocopia compulsada do expediente académico.

-Anexos I e II debidamente cuberto e fotocopia dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se achegue proba documental.

Artigo 3º

1. As bolsas serán adxudicadas para a organización de fondos dos arquivos de Galicia que se relacionan no anexo II.

2. Resérvanse 5 bolsas para licenciados en xeografía e historia coa especialidade de arquivística,

que obtiveran a licenciatura nos anos 1993, 1994 e 1995. Os interesados nesta reserva, que será excluínte, deberán facelo constar expresamente na solicitude.

Artigo 4º

O importe das bolsas non excederá da cantidade de seiscentas noventa e dúas mil oitocentas cincuenta e sete pesetas (692.857 ptas.) cada unha.

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura poderán reclamarlles, se fose necesario, ós solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días, desde o recibo do escrito de requirimento.

2. A avaliación dos méritos alegados, que corresponde á Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura, farase segundo o seguinte baremo:

-Experiencia de traballo remunerado en organización e descrición de arquivos públicos. Por cada mes traballado: 0,50 puntos ata un máximo de 6 puntos.

-Experiencia de traballo remunerado en organización e descrición de arquivos privados. Por cada mes traballado: 0,25 puntos ata un máximo de 3 puntos.

-Experiencia de traballo non remunerado en organización e descrición de arquivos públicos ou privados. Por cada mes traballado: 0,10 puntos ata un máximo de 1,20 puntos.

-Especialidade universitaria en arquivística: 2 puntos.

-Mestrado en arquivística: 2 puntos.

-Certificado de escola-obradoiro en arquivística: 2 puntos.

-Cursos de arquivística, diplomática, paleografía e historia das institucións:

* Con acreditación expresa de duración superior a 100 horas: 0,75 puntos ata un máximo de 1,50 puntos.

* Con acreditación expresa de duración superior a 40 horas: 0,25 puntos ata un máximo de 2 puntos.

* Con duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos ata un máximo de 0,80 puntos.

-Asistencia a congresos de arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 0,10 puntos ata un máximo de 1 punto.

-Presentación de comunicacións en congresos de arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 0,50 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Publicacións relacionadas coa arquivística, paleografía, diplomática e historia das institucións, impresas antes do remate do prazo de presentación de solicitudes:

* Por cada libro: 2 puntos ata un máximo de 6 puntos.

* Por cada artigo en revista especializada: 1 punto ata un máximo de 4 puntos.

* Pola publicación efectiva de inventarios ou catálogos: 0,50 puntos ata un máximo de 2 puntos.

O mesmo mérito só se valorará unha única vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

-Cursos de galego:

* Iniciación: 0,5 puntos.

* Iniciación e perfeccionamento ou só perfeccionamento: 1 punto.

-Cursos de informática aplicada ós arquivos:

* Con acreditación expresa de duración superior a 40 horas: 0,50 puntos ata un máximo de 4 puntos.

* Con duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Cursos de informática en xeral:

* Con acreditación expresa de duración superior a 40 horas: 0,50 puntos ata un máximo de 4 puntos.

* Con duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos ata un máximo de 1 punto.

3. A selección das bolsas dedicadas a licenciados dos anos 1993, 1994 e 1995 efectuarase de acordo coas cualificacións obtidas en tódolos cursos da licenciatura, resultando seleccionados aqueles solicitantes que obteñan a puntuación máis alta.

4. Os listados provisionais de bolseiros exporanse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e nos das súas delegacións provinciais. O prazo de exposición será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte da súa publicación, e durante os cales se poderán face-las alegacións pertinentes.

5. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura por proposta do director xeral do Patrimonio Histórico e Documental. O acordo farase público, para efectos de notificación ós interesados, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e nos das súas delegacións provinciais.

6. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e contra esta cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de

dous meses contados a partir da data de notificación efectiva dela ós interesados.

7. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación achegada.

Artigo 6º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Ós adxudicatarios das bolsas poderáselles requiri-la documentación necesaria para proceder ó pagamento da dita bolsa.

Artigo 7º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e poderá mesmo anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houbese, nos prazos que establece o Regulamento xeral da recadación.

2. O persoal técnico e facultativo que en cada provincia coordine e dirixa ós bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. A Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura expedirá, logo do informe favorable dos coordinadores, ó remata-los traballos, certificación acreditativa da prestación de servicios.

4. As bolsas non implicarán relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

Artigo 8º

A Consellería de Cultura poderá facer pública unha nova convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asignado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral do Patrimonio Histórico e Documental para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

ANEXO II

BOLSAS DE COLABORACIÓN EN ARQUIVOS: DESTINOS

1. Os que optaran por reserva de praza sinalen por orde de preferencia do 1 ó 5 os destinos:

Arquivo do Reino de Galicia (A Coruña): 1 bolsa.

Arquivo Histórico Provincial de Lugo: 1 bolsa.

Arquivo Histórico Provincial de Ourense: 1 bolsa.

Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Lugo: 1 bolsa.

2. Sinalen por orde de preferencia do 1 ó 29 os destinos para as bolsas adxudicadas polo baremo xeral:

Provincia da Coruña:

Arquivo Municipal da Baña: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Brión: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Cerceda: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Frades: 1 bolsa.

Arquivo Municipal Mañón: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Moeche: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Padrón: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de San Sadurniño: 1 bolsa.

Arquivo Municipal do Val do Dubra: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Valdoviño: 1 bolsa.

Provincia de Lugo:

Arquivo Municipal de Mondoñedo: 2 bolsas.

Arquivo Municipal da Pontenova: 1 bolsa.

Arquivo da Fábrica de Sargadelos-Cervo: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Sarria: 1 bolsa.

Arquivo Municipal do Valadouro: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Viveiro: 1 bolsa.

Provincia de Ourense:

Arquivo Municipal de Amoeiro: 1 bolsa.

Arquivo Municipal da Gudiña: 1 bolsa.

Arquivo Municipal da Pobra de Trives: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Ribadavia: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de San Amaro: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Vilamarín: 1 bolsa.

Provincia de Pontevedra:

Arquivo da Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra: 1 bolsa.

Arquivo da Autoridade Portuaria de Vigo: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Catoira: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Forcarei: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Agolada: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Moaña: 1 bolsa.

Arquivo Municipal de Pontevedra: 1 bolsa.

2924