Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 23 de abril de 1996 Páx. 3.774

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 22 de marzo de 1996 pola que se aproba o Regulamento da denominación Producto Galego de Calidade-Queixo do Cebreiro e do seu órgano rector.

Por Orde do 16 de abril de 1991 (DOG nº 87, do 8 de maio), a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes recoñeceu a denominación Producto Galego de Calidade-Queixo do Cebreiro e nomeou o seu órgano rector provisoinal. Entre as funcións asingadas a dito órgano figuraba a redacción do proxecto de regulamento particular da denominación, que

enviaría á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para a súa aprobación.

En consecuencia, unha vez cumprida a mencionada obriga, de acordo co disposto no artigo 30.11 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o Regulamento da denominación Producto Galego de Calidade-Queixo do Cebreiro, co texto articulado que figura como anexo da presente orde.

Artigo 2º

Disponse a publicación da preseten orde no Diario Oficial de Galicia, figurando como anexo dela o Regulamento da denominación Producto Galego de Calidade-Queixo do Cebreiro e do seu órgano rector .

Disposición transitoria

O órgano rector provisional da denominación Producto Galego de Calidade asumirá a totalidade das funcións que lle corresponden segundo o capítulo VII deste regulamento e os seus compoñentes continuarán nos cargos respectivos ata que dito órgano rector, quede consitutíudo de acordo co establecido no artigo 32 do regulamento anexo.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 1996.

Tomas Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO

REGULAMENTO QUEIXO DO CEBREIRO

Capítulo I

Xeneralidades

Artigo 1º

De conformidade co establecido no Decreto 69/1988, do 10 de marzo, quedan protexidos coa denominación Producto Galego de Calidade-Queixo do Cebreiro,os queixos tradicionalmente coñecidos co nome de queixo do Cebreiro que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa producción e elaboración tódolos requisitos esixidos nel e na lexislación vixente.

Artigo 2º

1. A protección outorgada esténdese á mención Producto Galego de Calidade-Queixo do Cebreiro e ós nomes xeográficos dos concellos que compoñen

a zona de producción de leite e de elaboración maduración do queixo, a que se refire o artigo 4º.

2. Non se poderá aplica-la mención protexida a ningunha clase de queixo distinta da definida neste regulamento, nin se poderán utiliza-los termos, expresións, marcas ou distintivos que, pola súa similitude fonética ou gráfica con aquela, podan inducir a confusión coa que é obxecto deste regulamento.

Artigo 3º

A defensa da denominación, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade do leite e dos queixos amparados, quédanlle encomendados ó órgano rector da denominación e á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros departamentos das distintas administracións.

Capítulo II

Da producción de leite

Artigo 4º

A zona de producción de leite apto para a elaboración do queixo do Cebreiro está formada polos concellos de Baralla, Becerreá, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Triacastela e Pedrafita do Cebreiro.

Esta área xeográfica poderá modificarse a proposta do órgano rector.

Artigo 5º

1. O leite empregado para a elaboración do queixo do Cebreiro procederá de gando vacún saneado das razas rubia galega, pardo alpina, frisona ou dos seus cruzamentos.

Tamén poderá utilizarse leite de gando caprino saneado e obtido nas mellores condicións hixiénicas, na proporción e condicións que determine o órgano rector e que en ningún caso poderá supera-lo 40%.

2. A alimentación do gando responderá ás prácticas tradicionais, con aproveitamento dos pastos da zona de producción, podendo o órgano rector dictar normas complementarias para que o leite que se vai destinar á elaboración do queixo do Cebreiro responda ás súas características peculiares.

3. O órgano rector fomentará a adopción de técnicas encamiñadas a mellora-la productividade dos animais e da calidade do leite.

4. O leite empregado na elaboración do queixo do Cebreiro será leite enteiro, sen costros nen conservantes, cunha composición equilibrada de acordo coas características das especies e razas das que procede e coa estación do ano, para que o producto final teña un contido en graxa sobre o extracto seco non inferior ó 45%.

5. A muxidura realizarase en condicións que garantan a obtención hixiénica do leite, dedicando para a elaboración dos queixos do Cebreiro que vaian ser protexidos pola denominación o leite que reúna as condicións precisas de hixiene, sanidade e calidade, conservándoo, en caso de que sexa necesario, a temperaturas próximas a 4º centígrados.

Artigo 6º

O órgano rector controlará as condicións de recollida e transporte do leite, poderá dicta-las normas oportunas para que estas operacións se realicen nas mellores condicións hixiénico-sanitarias e sen ningunha da calidade.

Capítulo III

Elaboración e maduración

Artigo 7º

A elaboración e maduración do queixo amparado pola denominación deberá facerse en instalacións axeitadas situadas dentro da zona xeográfica de producción de leite, que se delimita no artigo 4º deste regulamento.

Artigo 8º

1. As técnicas empregadas para a manipulación do leite, a elaboración e manexo dos queixos, así coma o control dos procesos de elaboración, maduración e conservación, deberán axustarse á lexislación vixente e ás prácticas locais sinaladas nos artigos seguintes, e que tenden a obter productos de máxima calidade, conservando as características tradicionais dos queixos amparados pola denominación.

2. O órgano rector establecerá os mecanismos de control necesarios nas distintas fases, desde a muxidura ata a expedición, transporte e comercialización do producto acabado.

Artigo 9º

1. As características do leite empregado para a elaboración do queixo do Cebreiro axustaranse á lexislación vixente, non superando a súa acidez os 18º Dornie, ó comenza-lo proceso.

2. A coagulación do leite provocarase con callo animal ou con outras encimas coagulantes autorizadas pola lexislación vixente e expresamente autorizadas polo órgano rector.

3. O leite callarase a temperaturas entre 26 e 36 graos centígrados, durante un tempo mínimo de 60 minutos.

4. O leito callado obtido será sometido a un corte, ata obter grans de 10 a 20 mm de diámetro.

5.-Desorado e prensado.

a) Hai un primeiro desorado que se fai en cuba, acompañado dun prensado tamén en cuba, que dura 60 minutos.

b) Nunha segunda fase o leite callado é introducido en sacos de tea que se colgan para que se produza un segundo desorado, permanecendo colgados durante catro horas aproximadamente.

6. Amasado e salgado.

Finalizado o desorado o leite callado é sometido a un amasado ata deixar unha pasta uniforme e de tacto arxiloso.

O salgado realízase ó mesmo tempo có amasado anterior (utilizándose unicamente cloruro sódico).

7. Moldeado.

Finalizada a operación anterior, a masa introdúcese en molde de dimensións axeitadas para consegui-lo tamaño e a forma que se sinalan no artigo 14º deste regulamento.

Unha vez cheos os moldes, son sometidos ó prensado final durante un tempo mínimo de trinta minutos e unha presión de 4 kg.

8. Maduración.

O período mínimo de maduración para o seu envío ó mercado será de 48 horas.

Artigo 10º

Queda prohibida para a elaboración de queixos protexidos por esta denominación:

1. Engadirlle ó leite calquera tipo de caseinato, leite en po, calquera tipo de materia graxa, incluída a manteiga, e de aditivos que non estean recollidos pola lexislación vixente, e dentro dos legais, os que non estean expresamente autorizadas polo órgano rector.

2. Calquera manipulación que tenda a modifica-las características naturais da corteza.

Artigo 11º

A elaboración do queixo axustarase ó disposto na lexislación vixente.

Capítulo IV

Características dos queixos

Artigo 12º

O queixo do Cebreiro é un queixo graxo, de consistencia que depende do grao de maduración. A pasta é granulosa e a codia fina. Elabórase básicamente con leite de vaca ó que se lle pode engadir leite de cabra en cantidades non superiores a un 40%.

Artigo 13º

O queixo do Cebreiro pódese comercializar en:

Fresco: cunha maduración mínima de 2 días.

Curado: cunha maduración non inferior a 2 meses.

Artigo 14º

1. Ó finaliza-la maduración os queixos presentarán as características seguintes:

Forma: de fungo ou gorro de cociñeiro, é dicir, composto de dúas partes:

Base: cilíndrica, de diámetro variable e cunha altura non superior a 12 cm.

Sombreiro: que terá entre 1 e 2 cm máis de diámetro cá base e unha altura non superior a 3 cm.

Peso: comprendido entre 0,5 e 2 kg.

Pasta: as súas características varían en función do grao de maduración:

O queixo fresco ten codia pouco diferenciada, a masa é branca e granulada, branda, arxilosa ó tacto, untuosa, fundente ó padal. O seu sabor e aroma recordan os do leite de que procede, lixeiramente acedo.

O queixo curado ten unha codia forte, pasta de cor amarela que pode chegar a amarela forte, de consistencia dura ás veces e en xeral nun estado intermedio entre branda e dura que non pode cualificarse de manteigosa pois é máis firme.

O seu sabor é un tanto metálico, picante e lácteo cun aroma característico.

O seu contido en graxa será superior ó 45% e inferior ó 55% sobre o extracto seco, cun contido proteico superior ó 30% e unha humidade inferior ó 50% variable en función do grao de maduración.

2. Os queixos amparados deberán presenta-las características organolépticas propias deles, en especial en canto a cor, aspecto de pasta, aroma e sabor. Ademais, na súa producción, elaboración e comercialización deberán cumpri-lo establecido neste regulamento e demais lexislación aplicable.

3. Os queixos que a xuízo do órgano rector non teñan as características requiridas non poderán ser amparados, serán descualificados para a denominación, aínda que poderán comercializarse de acordo co establecido no artigo 17.4º e 5º.

Capítulo V

Rexistros

Artigo 15º

1. O órgano rector levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de ganderías

b) Rexistro de elaboradores ou queixerías, que incluirán os locais de maduración.

2. As peticións de inscrición nos rexistros dirixiranse ó órgano rector nos impresos que este dispoña para tal fin, xunto cos documentos, información e comprobantes que en cada caso sexan requiridos.

3. O órgano rector poderá denegar razoadamente as peticións que non se axusten ós preceptos do regulamento, ós acordos adoptados polo órgano rector sobre condicións complementarias de carácter técnico que deben reuni-las queixerías, ou ó establecido na lexislación vixente.

4. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da súa obriga de se inscribren naqueloutros que, con carácter xeral, estean establecidos, o que deberá acreditarse ó solicita-la inscrición.

Artigo 16º

1. No rexistro de ganderías poderanse incluí-las que se atopen situadas na zona de producción sinalada no artigo 4º que, reunindo as condicións estipuladas neste regulamento, queiran destina-la súa producción de leite para a elaboración de queixos susceptibles de seren protexidos por esta denominación.

2. Na inscrición figurará: nome do titular, lugar, parroquia, municipio, número do libro de explotación gandeira, acreditación sanitaria, número de femias reproductoras, e todos aqueles datos que o órgano rector considere necesarios para a súa identificación e cualificación.

Artigo 17º

1. No rexistro de queixerías inscribiranse as instalacións de elaboradores que estean situadas na zona de producción que, posúan as correspondentes autorizacións de funcionamento e teran asignados os correspondentes números de rexistro de industrias agrarias e sanitarias e que o órgano rector considere aptas para a elaboración de queixos que poden optar a ser protexidos pola denominación.

2. Na inscrición figurará: o nome ou razón social do titular, se é propietario ou arrendatario, domicilio social, lugar da instalación, características da instalación, locais, maquinaria, capacidade de elaboración, locais e medios para a maduración dos queixos coas súas características e cantos datos sexan precisos para a identificación e catalogación da queixería.

3. Os locais destinados á maduración, e durante todo o proceso, terán unha humidade relativa entre o 70 e o 80%, e unha temperatura entre 10 e 15 graos centígrados, debendo cumprir ademais os requisitos que o órgano rector estime apropiados para as características dos queixos amparados pola denominación.

4. As queixerías inscritas poderán elaborar queixos sen dereito á denominación, sempre que non dean lugar a confusión cos protexidos e o órgano rector o autorice, someténdose ás normas que para tal efecto estableza o órgano rector para o control destes productos e garanti-la pureza dos queixos protexidos.

5. As pezas de queixo que resulten defectuosas ou que o comité de cualificación non considere aptas para seran protexidas pola denominación, poderán ser comercializadas para obter outros productos ou para consumo directo con marca distinta; pero sempre baixo o control do órgano rector.

Artigo 18º

1. O órgano rector poderá denegar, de forma motivada, a inscrición nos rexistros.

2. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será necesario cumprir, en todo momento, cos requisitos que impón este regulamento e demais lexislación aplicable, debendo comunicarlle ó órgano rector calquera variación que afecte ós datos subministrados na inscrición.

3. O órgano rector poderá anula-las inscricións cando o seu titular non se ateña a tales prescricións.

4. O órgano rector poderá realiza-los controis e inspeccións necesarias para comproba-la efectividade do disposto neste regulamento.

Capítulo VI

Dereitos e obrigas

Artigo 19º

1. Só as persoas naturais ou xurídicas que teñan ganderías inscritas no correspondente rexistro poderán producir leite con destino á elaboración de queixo que deberá ser protexido pola denominación.

2. Só as persoas naturais ou xurídicas que teñan queixerías inscritas no correspondente rexistro pode

rán elaborar, madurar e comercializar queixos con dereito a seren amparados pola denominación.

3. Soamente se lles poderá aplica-la denominación Producto Galego de Calidade-Queixo do Cebreiro ós queixos que fosen elaborados de acordo coas normas marcadas neste regulamento, en queixerías inscritas no correspondente rexistro e que reúnan as características definidas no capítulo IV deste regulamento.

4. O dereito ó uso da denominación en propaganda, publicidade, documentación ou etiquetas é exclusivo dos inscritos nos rexistros do órgano rector.

5. As persoas físicas ou xurídicas inscritas quedan obrigadas ó cumprimento das disposicións deste regulamento e dos acordos que, dentro da súa competencia, dicten a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e o órgano rector, así coma a satisface-las exaccións que lles correspondan.

6. Para exercer calquera dereito outorgado por este regulamento, ou para beneficiarse dos servicios que preste o órgano rector, as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas as súas ganderías e queixerías deberán estar ó corrente no pagamento das súas obrigas.

Artigo 20º

1. As queixerías inscritas terán que abastecerse de leite procedente das ganderías inscritas nos correspondentes rexistros, sempre que estas se sometan ás normas que en relación coa producción de leite estableza o órgano rector.

En períodos de carencia ou cando as circunstancias o aconsellen, as queixerías, logo de autorización do órgano rector e baixo as normas que dicte, para controla-lo leite e os seus derivados e garanti-la calidade do queixo con el elaborado, poderán adquirir leite de ganderías non inscritas, situadas na área xeográfica que o órgano rector determine.

2. O órgano rector poderá autorizar nas queixerías inscritas que dispoñan de locais de maduración a coexistencia nos mesmos locais de queixos amparados pola denominación con outros tipos distintos, sempre que estes últimos fosen elaborados na propia queixería e non dean lugar a confusión cos queixos protexidos.

3. Os queixos protexidos unicamente poderán ser elaborados e almacenados nas instalacións e locais inscritos nos correspondentes rexistros.

Artigo 21º

As marcas, símbolos, mensaxes, lendas publicitarias e calquera outro tipo de propaganda que se utilice aplicada ós queixos protexidos pola denominación que se regula neste regulamento, non poderán ser empregados baixo ningún concepto, nen sequera polos propios titulares, na comercialización doutros queixos non amparados pola denominación Producto Galego de Calidade-Queixo do Cebreiro.

Artigo 22º

1. Os queixos da denominación destinados ó consumo irán provistos dunha etiqueta ou contraetiqueta numerada, controlada e expedida polo órgano rector

, que deberá ser colocada nos queixos nos propios locais ou cámaras de maduración ó remate deste proceso e en todo caso antes da súa expedición, de acordo coa normativa que estableza para estes efectos o órgano rector e de forma que non permita unha segunda utilización de tales distintivos.

2. Nas etiquetas propias de cada elaborador que se utilicen nos queixos amparados, figurará obrigatoriamente de forma destacada o nome da denominación, ademais dos datos que con carácter xeral determine a lexislación vixente, fixando a data de consumo preferente en 60 días contados desde a data de acondicionamento para a súa expedición. No caso de que o queixo sexa artesán poderase facer constar esta circunstancia.

3. Antes da posta en circulación de etiquetas das firmas elaboradoras inscritas, xa sexan correspondentes a queixos protexidos, ou a queixos sen dereito á denominación, estas deberán ser autorizadas polo órgano rector para os efectos que se relacionan neste regulamento. Será denegada a aprobación daquelas etiquetas que, por calquera causa piodan dar lugar a confusión no consumidor. Así mesmo poderá ser anulada a autorización dunha xa aprobada anteriormente, cando variasen as circunstancias da firma propietaria dela, coa previa audiencia do interesado.

4. O órgano rector adoptará e rexistrará un emblema como símbolo da denominación, logo de aprobación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Así mesmo, o órgano rector poderá facer obrigatorio que no exterior dos locais de elaboración e maduración inscritos, e en lugar destacado, figure unha placa que aluda a esta condición.

Artigo 23º

A expedición de queixos entre firmas inscritas deberá ir acompañada dun volante de circulación entre queixerías, expedido polo órgano rector, con anterioridade ó traslado dos queixos, e na forma que o órgano rector determine.

Artigo 24º

1. O etiquetado dos queixos amparados pola denominación Producto Galego de Calidade-Queixo do Cebreiro, deberá ser realizado exclusivamente nas queixerías inscritas, autorizadas polo órgano rector , perdendo o queixo, noutro caso, o dereito ó uso da denominación.

2. Os queixos amparados pola denominación, expedidos polas queixerías e instalacións inscritas, unicamente poderán circular en tipos de envases que non prexudiquen a súa calidade e prestixio, e aprobados polo órgano rector.

Artigo 25º

1. O queixo amparado pola denominación só poderá comercializarse se a súa codia conserva as características externas e naturais de maduración. Poderá ser recuberto con emulsión plástica, transparente e autorizada, conservando a codia, en todo caso, o seu aspecto e cor naturais.

2. O órgano rector poderalles autorizar ós elaboradores inscritos a comercialización en porcións dos queixos amparados, establecendo para tal efecto o axeitado sistema de control que garanta a procedencia do producto, a súa orixe e calidade, así como a súa perfecta conservación e axeitada presentación ó consumidor.

Artigo 26º

O órgano rector vixiará en cada campaña as cantidades de queixo amparado pola denominación expedidas por cada firma inscrita nos rexistros de queixerías, para verifica-la súa relación coas cantidades de leite adquiridas e segundo as existencias e adquisicións de queixos a outras firmas inscritas.

Artigo 27º

Toda expedición de queixo amparado pola denominación con destino a países terceiros, ademais de cumpri-las normas establecidas para o comercio exterior do queixo, deberá ir acompañada polo correspondente certificado da denominación, expedido polo órgano rector que se axustará ó modelo establecido pola Dirección Xeral de Política Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, sen poder despacharse pola aduana as partidas de queixo do Cebreiro que carezan de dito certificado.

Artigo 28º

1. Co obxecto de poder controla-los procesos de producción, elaboración e expedición así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acredita-la orixe e a calidade dos queixos amparados pola denominación, as persoas naturais ou xurídicas titulares das ganderías, queixerías e locais de maduración, estarán obrigadas a cumprir coas seguintes formalidades:

a) Tódolos propietarios de ganderías inscritas presentanlles ó órgano rector, na primeira quincena de cada mes, unha declaración da producción de leite destinado á elaboración de queixo do Cebreiro, e o nome do comprador, en caso de venda.

b) Tódalas firmas inscritas no rexistro de queixerías levarán un libro segundo o modelo adoptado polo órgano rector, no que figurarán diariamente os datos de cantidade e procedencia do leite recibido, o número de unidades e o peso total dos queixos elaborados e os locais de maduración ou cámaras ós que se destinaron os queixos que, logo da súa cualificación, terán que ser protexidos pola denominación. Así mesmo, presentaranlle ó órgano rector , nos 15 días primeiros de cada mes, unha declaración que reúna os datos do mes anterior que figuran no libro, segundo o modelo que adopte o órgano rector. Esta declaración poderá ser substituída por fotocopia dos datos que figuran no libro, coa sinatura do responsable da queixería.

c) Tódalas firmas que, inscritas nos rexistros, maduren queixo, levarán un libro, segundo o modelo que adopte o órgano rector, no que anotarán diariamente os datos referentes ó número e procedencia

dos queixos que inician o proceso de maduración, o número dos que finalizan este proceso e o de queixos que se expenden ó mercado. Dentro dos 15 primeiros días de cada mes presentarán ó órgano rector, unha declaración na que se reflectirán tódolos datos contidos no libro, referentes ó mes anterior. Esta declaración poderá substituírse por fotocopia dos datos que figuran no libro coa sinatura do responsable.

2. De conformidade co disposto nos artigos 46 e 73 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do estatuto da viña, o viño e os alcois, as declaracións a que se refire o apartado 1 deste artigo teñen efectos meramente estatísticos, polo que non poderán facilitarse nin publicarse máis ca en forma numérica, sen referencia ningunha de carácter individual. Calquera infracción desta norma por parte do persoal afecto ó órgano rector será considerada como falta moi grave.

Artigo 29º

1. O leite e os queixos que por calquera causa presenten defectos ou alteracións sensibles ou que na súa producción ou elaboración se incumprisen os preceptos deste regulamento ou a lexislación vixente, serán descalificados polo órgano rector, o que implicará perda da denominación para o lote correspondente, ou do dereito a ela en caso de productos non definitivamente elaborados.

2. A descualificación dos queixos poderá ser realizada polo órgano rector en calquera fase da súa producción ou comercialización e a partir da iniciación do expediente de descualificación deberán permanecer debidamente illados e rotulados, baixo o control do órgano rector. Os queixos descualificados en ningún caso poderán ser amparados pola denominación.

Capítulo VII

Do órgano rector

Artigo 30º

1. O órgano rector é un organismo integrado na Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, como órgano desconcentrado dela, con atribucións decisorias en cantas funcións se lle encomendan neste regulamento, de acordo co que se determina nas disposicións vixentes.

2. O seu ámbito de competencia, sen prexuízo do establecido no artigo 31º, estará determinado:

a) No territorial, pola respectiva zona de producción, elaboración e maduración.

b) En razón dos queixos, polos protexidos pola denominación en calquera das súas fases de producción, elaboración, maduración, circulación e comercialización.

c) En razón das persoas, polas inscritas nos diferentes rexistros.

Artigo 31º

É misión do órgano rector a de aplica-los preceptos deste regulamento e velar polo seu cumprimento, para o que exercerá as funcións que se lle enco

mendan nos decretos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, 248/1983, do 15 de decembro e 69/1988, do 10 de marzo, así coma as que expresamente se indican no articulado deste regulamento.

Artigo 32º

1. O órgano rector estará constituído de forma paritaria por oito vocais:

a) Catro vocais en representación do sector gandeiro, elixidos por e entre os gandeiros inscritos no rexistro de ganderías da denominación.

b) Catro vocais en representación dos elaboradores de queixo, elexidos por e entre os inscritos no rexistro de industrias de elaboración ou queixerías da denominación.

2. Estes oito vocais, e de entre eles, elixirán un presidente e un vicepresidente, que deberán pertencer a sectores distintos e ser propostos ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para a súa designación.

3. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá nomear dous delegados, que asistirán ás sesións do órgano rector con voz pero sen voto.

4. Por cada un dos vocais do órgano rector elixirase, da mesma forma, un suplente.

5. Os vocais serán renovados cada catro anos, e poderán ser reelixidos.

6. En caso de cesamento dun vocal por calquera causa legal, a súa vacante será cuberta polo substituto, se ben o mandato do novo vocal durará soamente ata que se produza a primeira renovación do órgano rector.

7. O prazo de toma de posesión dos vocais será como máximo dun mes contados desde a data da súa designación.

8. Causará baixa o vocal que durante o período de vixencia do seu cargo sexa sancionado por infracción grave nas materias que regula este regulamento, ben persoalmente ou ben a firma á que representa. Igualmente causará baixa por ausencia inxustificada a dúas sesións consecutivas ou a tres alternas no período dun ano, ou por causar baixa nos rexistros da denominación.

Artigo 33º

1. Os vocais a que se refiren os apartados a) e b) do punto 1 do artigo anterior deberán estar vinculados ós sectores que representan, ben directamente ou ben por seren directivos de sociedades que se dediquen ás actividades aquí regulamentadas. Non obstante unha mesma persoa natural ou xurídica non poderá ter no órgano rector dobre representación, nin directamente nin a través de firmas filiais ou socios delas.

2. Os vocais elixidos por pertenceren en calidade de directivos dunha firma inscrita, cesarán no seu cargo ó cesamento como directivos da dita firma, aínda que seguiran vinculados ó sector por pasaren a outra empresa, procedéndose a designa-lo seu substituto na forma establecida.

Artigo 34º

Ó presidente correspóndelle:

a) Representar ó órgano rector. Esta representación poderá delegala en calquera membro do dito órgano rector de maneira expresa, nos casos en que sexa necesario.

b) Facer cumpri-las disposicións legais e regulamentarias.

c) Administra-los ingresos e fondos do órgano rector e ordena-lo pagamentos, en cumprimento dos acordos tomados ó respecto polo dito órgano rector

d) Convocar e presidi-las sesións do órgano rector , sinalando a orde do día, sometendo á decisión del, os asuntos da súa competencia, e executa-los acordos adoptados.

e) Contratar, suspender ou renova-lo persoal do órgano rector logo de acordo deste.

f) Organizar e dirixi-los servicios.

g) Informa-los organismos superiores das incidencias que se produzan na producción e mercado.

h) Remitirlle á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, aqueles acordos que, para cumprimento xeral, adopte o órgano rector , en virtude das atribucións que lle confire este regulamento e aqueloutros que pola súa importancia estime que deban ser coñecidos por ela.

i) Aqueloutras funcións que o órgano rector acorde ou lle encomende a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

2. A duración do mandato do presidente será de catro anos, e poderá ser reelíxido.

3. O presidente cesará:

a) Ó expira-lo termo do seu mandato.

b) Por petición propia, unha vez aceptada a súa demisión.

c) Por decisión da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, logo de incoación de expediente.

d) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

4. En caso de cesamento ou falecemento, o órgano rector, no prazo dun mes, propoñerá un candidato para a designación de novo presidente.

5. As sesións de constitución do órgano rector e as que teñan por obxecto a elección dun presidente, serán presididas por unha mesa de idade, composta polo vocal de máis idade e os dous máis novos.

6. O órgano rector quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos seus membros e así o acorden por unanimidade.

Artigo 35º

1. O órgano rector reunirase cando o convoque o seu presidente, ben por propia iniciativa, ben por petición da metade dos vocais, e será obrigatorio celebrar sesión, alomenos, unha vez por trimestre.

2. As sesións do órgano rector convocaranse con oito días de antelación alomenos, e deberase achegar á convocatoria a orde do día para a reunión, na que non se poderán tratar máis asuntos cós previamente sinalados.

En caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto, a xuízo do presidente, citarase ós vocais polos medios axeitados, con vintecatro horas de antelación como mínimo.

Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado, non incorporado polo presidente, será necesario que o soliciten, alomenos, tres dos vocais con dereito a voto, con catro días de antelación como mínimo.

3. Cando un titular non poida asistir a unha sesión, o notificarallo ó órgano rector e ó seu substituto.

4. Os acordos do órgano rector adoptaranse por maioría dos membros presentes e para que estes sexan válidos será necesario que concorran máis da metade dos seus membros con dereito a voto. O presidente terá voto de calidade.

5. Para resolver cuestións de trámite, ou naqueles casos en que se estime necesario, poderá constituírse unha comisión permanente, formada polo presidente do órgano rector e dous vocais, un do sector gandeiro e outro do sector elaborador, designados polo pleno do órgano rector.

Na sesión en que se acorde a constitución da mencionada comisión permanente aprobaranse tamén as misións específicas que lle competen e as funcións que exercerá.

Tódalas resolucións que tome a comisión permanente serán comunicadas ó pleno do órgano rector na primeira sesión que este celebre.

Artigo 36º

1. Para o cumprimento dos seus fins, o órgano rector contará co persoal necesario, conforme ós cadros de persoal aprobados por el, e que figuren dotados no seu orzamento.

2. O órgano rector terá un secretario, designado polo propio órgano rector, por proposta do presidente, do que dependerá directamente, e que terá como cometidos específicos os seguintes:

a) Prepara-los traballos do órgano rector e tramita-la execución dos seus acordos.

b) Asistir ás sesións con voz, pero sen voto, cursa-las convocatorias, levanta-las actas e custodia-los libros e documentos do órgano rector.

c) Os asuntos relativos ó réxime interior do consello, tanto de persoal como administrativos.

d) As demais funcións que lle encomende o presidente relacionadas coa preparación e instrumentación dos asuntos da competencia do órgano rector

3. Para cumpri-las funcións técnicas que ten encomendadas, o órgano rector contará cos servicios necesarios.

4. Para os servicios de control e vixilancia contará con inspectores propios. Estes inspectores serán designados polo órgano rector e habilitados pol

Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, coas seguintes atribucións inspectoras:

a) Sobre as ganderías situadas na zona de producción.

b) Sobre as queixerías e instalacións sitas nas zonas de producción, elaboración e maduración.

c) Sobre o leite e queixos nas zonas de producción, elaboración e maduración.

5. O órgano rector poderá contratar, para efectuar traballos urxentes, o persoal necesario, sempre que teña aprobada no orzamento a dotación para este concepto.

6. A todo o persoal do órgano rector, tanto de carácter fixo coma eventual, seralle de aplicación a lexislación laboral.

Artigo 37º

1. Ó órgano rector establecerá un comité de calificación dos queixos, formado, alomenos, por tres expertos e un delegado do presidente do órgano rector. Terá como cometido informar sobre a calidade dos queixos que opten a ser protexidos pola denominación e sexan destinados ó mercado, podendo contar este comité de cualificación cos asesoramentos técnicos necesarios.

2. O órgano rector, á vista dos informes do comité, resolverá o que proceda.

Contra as resolucións do órgano rector poderán recorrer ante a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia.

3. O órgano rector dictará as normas precisas para a constitución e funcionamento do comité de cualificación.

Artigo 38º

1. O financiamento das obrigacións do órgano rector efectuaranse cos seguintes recursos:

1.1. As cotas ou derramas que fixe.

1.2. As subvencións, legados e donativos que reciban.

1.3. As cantidades que puidersen percibirse en concepto de indemnizacións por danos e perdas ocasionados ó órgano rector e ós intereses que representa.

1.4. Os bens que constitúen o seu patrimonio e os productos e vendas deles.

2. A xestión de ingresos e gastos que figuren nos orzamentos corresponde ó órgano rector.

3. A aprobación dos orzamentos do órgano rector e da súa contabilidade, realizaraa a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, de acordo coas normas establecidas por este centro.

Artigo 39º

Os acordos do órgano rector que non teñan carácter particular e afecten a unha pluralidade de persoas ou empresas relacionadas coa producción ou elaboración do queixo do Cebreiro notificaranse mediante circulares expostas nas oficinas do órgano

rector e na forma e lugares que este estime máis eficaces para o seu coñecemento polos interesados.

Os acordos e resolucións que adopte o órgano rector poderase recorrer, en todo caso, ante a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, dentro do prazo dun mes, contado desde a data de comunicación daqueles.

Capítulo VIII

Das infraccións, sanccións e procedemento

Artigo 40º

1. Tódalas actuacións que sexa preciso desenvolver en materia de expedientes sancionadores axustaranse ás normas deste regulamento, ás da Lei 25/1970, do 2 de decembro, estatuto da viña, o viño e dos alcois ó Decreto 835/1972, do 23 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento; ó Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria; á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e a cantas disposicións xerais sexan aplicables no momento sobre a materia.

En todo caso observaranse os principios e garantías recoñecidas polo ordenamento penal.

2. Corresponderalles ás delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes a incoación, ordenación e instrucción de tódolos expedientes sancionadores que se deriven da aplicación do presente regulamento relativos á producción agroalimentaria.

Artigo 41º

1. As infraccións ó disposto neste regulamento e ós acordos do órgano rector serán sancionadas con apercibimento, multa, comiso da mercancía, suspensión temporal da denominación ou baixa no rexistro ou rexistros dela, tal como se expresa nos artigos seguintes, sen prexuzo das sancións que por contravi-la lexislación xeral sobre a materia podian ser impostas.

2. As bases para a imposición de multas determinaranse conforme dispón o artigo 120 do Decreto 835/1972.

Artigo 42º

As infraccións cometidas por persoas inscritas nalgún dos rexistros da denominación clasificaranse, para efectos da súa sanción, como segue:

A) Faltas administrativas.

Sancionaranse con apercibimento ou con multa do 1 ó 10 por cento do valor das mercadorías afectadas.

Estas faltas son, en xeral, as inexactitudes e omisións, nas declaracións, asentamentos, libros de rexistro, volantes de circulación e outros documentos de control que garanten a calidade e orixe dos productos e especialmente as seguintes:

1. Falsear ou omitir datos e comprobantes nos casos en que sexan requiridos para a inscrición nos diferentes rexistros.

2. Non lle comunicar inmediatamente ó órgano rector as variacións dos datos subministrados no momento da inscrición nos rexistros.

3. Falsear ou omitir datos relativos ás produccións ou movementos de productos.

4. As demais infraccións ó regulamento ou ós acordos do órgano rector, na materia a que se refire este apartado A).

B) Infraccións ó establecido no Regulamento sobre producción, elaboración, maduración e características dos queixos amparados.

Sancionaranse con multas do 2 ó 20 por cento do valor dos productos afectados, podendo aplicarse ademais o comiso.

Estas infraccións son as seguintes:

1. Incumpri-las normas vixentes sobre prácticas de producción, conservación e transporte do leite.

2. Utilizar, para a elaboración de queixos que sexan protexidos pola denominación, leite que non cumpra as condicións establecidas neste regulamento.

3. Incumpri-las normas de elaboración e maduración dos queixos.

4. Empregar, na elaboración dos queixos que sexan protexidos, productos non autorizados no regulamento.

5. As demais infraccións ó disposto no regulamento ou ós acordos do órgano rector na materia a que se refire este apartado B).

C) Infraccións por uso indebido da denominación ou por actos que podan causarlle prexuízo ou desprestixio.

Sancionaranse con multas que irán desde 20.000 pesetas ó dobre do valor dos productos afectados, cando este supere a dita cantidade, levando aparellado o comiso do producto afectado.

Estas infraccións son as seguintes:

1. Empregar razóns sociais, nomes comerciais, marcas, símbolos ou emblemas que fagan referencia á denominación ou ós nomes protexidos por ela, na comercialización de queixos non protexidos.

2. Emprega-la denominación en queixos que non fosen elaborados, madurados e conservados conforme as normas establecidas pola lexislación vixente e por este regulamento, ou que non reúnan as condicións e características organolépticas que deben caracterizalos.

3. O uso indebido de nomes comerciais, marcas ou etiquetas non aprobadas polo órgano rector, nos casos a que se refire este apartado C).

4. A indebida tenza, negociación ou utilización de documentos, etiquetas, selos, etc., propios da denominación, así coma a falsificación deles.

5. Expedir queixos que non correspondan ás características de calidade mencionadas, nos seus medios de comercialización.

6. A expedición, circulación ou comercialización de queixos amparados en tipos de envases non aprobados polo órgano rector.

7. A expedición, circulación ou comercialización de queixos amparados, desprovistos das contraetiquetas numeradas ou carentes do medio de control establecido polo órgano rector.

8. Efectua-la elaboración, maduración ou o etiquetado dos queixos en locais que non sexan as instalacións inscritas ou autorizadas polo órgano rector.

9. O impago das cuotas ou derramas establecidas polo órgano rector.

10. En xeral, calquera acto que contraveña o disposto neste regulamento ou os acordos do órgano rector e que prexudique ou desprestixie a denominación, ou supoña un uso indebido dela.

D) Infraccións por obstrucción ás tarefas inspectoras ou de control do órgano rector.

Estas infraccións sancionaranse de acordo co disposto no Real Decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Estas infraccións son as seguintes:

1. A negativa ou resistencia a subministra-los datos, a facilita-la información ou a permiti-lo acceso á documentación requirida polo órgano rector ou os seus axentes autorizados para o cumprimento das funcións de información, vixilancia, investigación, inspección, tramitación e execución nas materias a que se refire este regulamento, ou as demoras inxustificadas para facilita-los ditos datos, información ou documentación.

2. A negativa á entrada ou permanencia dos axentes autorizados do órgano rector, nas instalacións inscritas e os seus anexos.

3. A resistencia, a coacción, ameaza, represalia ou calquera outra forma de presión ós axentes autorizados do órgano rector, así como a tentativa de exercer tales actos, todo iso de conformidade co artigo 121 do Decreto 835/1972.

Artigo 43º

1. Infraccións cometidas por persoas non inscritas nos rexistros do órgano rector:

a) Usar indebidamente a denominación.

b) Utilizar nomes comerciais, marcas, expresións, signos e emblemas que pola súa identidade ou similitude gráfica ou fonética cos nomes protexidos pola denominación ou cos signos e emblemas característicos dela, poidan inducir a confusión sobre a natureza ou a orixe dos productos, sen prexuízo dos dereitos adquiridos que sexan debidamente recoñecidos polos organismos competentes.

c) Emprega-los nomes xeográficos protexidos pola denominación en etiquetas ou propaganda de queixos, aínda que vaia precedido polos termos tipo ou outros análogos.

d) Calquera acción que cause prexuízo ou desprestixio á denominación ou tenda a producir confusión no consumidor respecto dela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde 20.000 pesetas, ata o dobre do valor das mercadorías, cando este valor supere aquela cantidade, o que levará aparellado, en todo caso, o seu comiso.

Artigo 44º

Para a aplicación das sancións previstas nos artigos anteriores teranse en conta as seguintes normas:

1. Aplicaranse no seu grao mínimo:

a) Cando se trate de simples irregularidades na observancia das regulamentacións, sen trascendencia directa para os consumidores ou que non supoñan beneficio especial para o infractor.

b) Cando os defectos se reparen no prazo sinalado para isto polo órgano rector.

2. Aplicaranse no seu grao medio:

a) Cando se produza reiteración na negativa a facilitar información, prestar colaboración ou permiti-lo acceso á documentación.

b) Cando a infracción teña trascendencia directa sobre os consumidores ou supoña un beneficio especial para o infractor.

c) Cando non se reparen os defectos no prazo sinalado polo órgano rector.

d) Cando a infracción se produza por unha actuación neglixente, con inobservancia das normas de actuación expresamente acordadas polo órgano rector.

e) En tódolos casos en que non proceda a aplicación dos graos máximo ou mínimo.

3. Aplicaranse no seu grao máximo:

a) Cando se probe manifesta mala fe.

b) Cando da infracción se deriven prexuízos graves para a denominación, o seus inscritos ou para os consumidores.

c) Cando se producise obstrucción ós axentes autorizados na investigación da infracción.

Artigo 45º

Considérase que hai reincidencia cando o infractor fose sancionado mediante resolución firme, por unha infracción das comprendidas no presente regulamento, durante os cinco anos anteriores.

En caso de reincidencia as multas serán superiores nun 50% ás establecidas.

Se o reincidente cometese nova infracción as multas poderán ser elevadas ata o triple.

Artigo 46º

1. O procedemento sancionador poderá iniciarse en virtude das actas expedidas polos inspectores habilitados do órgano rector, por comunicación dal

gunha autoridade ou órgano administrativo, ou por denuncia formulada polos particulares sobre algún feito ou conducta que poidan ser constitutivos de infracción.

2. As actas de inspección expediranse por triplicado e serán subscritas polo inspector e o dono ou representante da firma, establecemento ou almacén ou encargado da custodia da mercadoría, en poder do que quedará unha copia da acta.

Ámbolos dous asinantes poderán consignar na acta cantos datos e manifestacións consideren convenientes para a estimación dos feitos que se consignan nela, así como cantas incidencias ocorran no acto da inspección ou expedición da acta.

As circunstancias consignadas polo inspector do órgano rector na acta consideraranse feitos probados, salvo que pola outra parte se demostre o contrario.

Se o interesado na inspección se negase a asina-la acta, o inspector farao constar así, procurando a sinatura dalgún axente da autoridad ou testemuña.

3. En caso de que o estime conveniente o inspector ou o dono da mercadoría ou representante deste, tomaranse mostras do producto obxecto de inspección. Cada mostra tomarase por triplicado e en cantidade suficiente para o seu exame e análise da mesma e precintarse e etiquetara, quedando unha en poder do dono ou do seu representante.

4. Cando o inspector que expida a acta o estime necesario poderá dispoñer que a mercancía quede retida ata que o instructor do expediente dispoña o pertinente, dentro do prazo de corenta e cinco días hábiles a partir da data da expedición da acta de inspección.

5. A decisión sobre o comiso definitivo dos productos ou o destino deles corresponderalle a quen teña atribuída a facultade de resolve-lo expediente.

Artigo 47º

1. En tódolos casos en que a resolución do expediente sexa con sanción, o infractor deberá aboa-los gastos orixinados pola toma de mostras e a análise de mostras ou polo recoñecemento que se realizase e demais gastos que ocasione a tramitación e resolución do expediente.

2. As multas deberán aboarse dentro do prazo de 15 días hábiles inmediatos á súa notificación, así como os gastos a que fai referencia o apartado anterior.

Caso de non efectuarse no prazo citado, procederase ó seu cobro pola vía de constrinximento.

Artigo 48º

Nos casos en que a infracción concirna ó uso indebido da denominación, o órgano rector, sen prexuízo das actuacións e sancións administrativas pertinentes, poderá acudir ós tribunais de xustiza, exercendo as accións civís e penais recoñecidas na lexislación sobre a propiedade industrial.

Disposición transitoria

O órgano rector provisional da denominación Producto Galego de Calidade-Queixo do Cebreiro, asumirá a totalidade das funcións que lle corresponden ó órgano rector, segundo o establecido neste regulamento. Os seus compoñentes continuarán nos seus cargos ata que o órgano rector quede constituído como se prevé no artigo 32º deste regulamento.

9602654