Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 17 de abril de 1996 Páx. 3.539

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 11 de abril de 1996 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos á garanti-los servicios do persoal ó servicio de empresas concesionarias do servicio de ambulancias adscritas á Asociación Nacional de Empresarios de Ambulancias (ANEA), durante a folga convocada para os días 15, 16, 17, e 18 de abril de 1996.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño de 1988), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria, así como dos seus corolarios, non se poden ver afectados gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios; así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta ó persoal dependente das empresas integradas na citada asociación, concesionarias do servicio de ambulancias, que prestan os seus servicios ó Sergas en todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que se levará a efecto os días 15, 16, 17 e 18 de abril de 1996; cumprido o preceptivo trámite de convocatoria de audiencia ó comité de folga e recepción das alegacións formuladas polo seu representante, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta ó persoal dependente de empresas concesionarias do servicio de

ambulancias adscritas á Asociación Nacional de Empresarios de Ambulancias (ANEA), que se levará a efecto os días 15, 16, 17 e 18 de abril de 1996, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la necesaria cobertura asistencial respecto ó servicio de ambulancias, en evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ós usuarios do servicio de ambulancias que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Entrando na análise dos criterio da determinación dos servicios mínimos, pódese sinalar que para a fixación destes se tivo en conta a necesidade de manter unha porcentaxe da actividade imprescindible e como tal irreductible, para cubri-las necesidades asistenciais da poboación en canto ó servicio de ambulancias.

E para garantir tal actividade de aseguramento da prestación aistencial do servicio, requírese unha fixación de servicios esenciais cunha cobertura do 100% respecto á atención urxente.

No que concerne á atención ordinaria procede mante-lo 70%. de cobertura, na procura de concilia-lo dereito de folga coa prestación do servicio ós cidadáns.

As porcentaxes referidas enténdense respecto ós efectivos de cada unha das empresas afectadas.

Entenderase, en todo caso, como atención urxente, a demandada como tal en calquera circunstancia por institucións sanitarias. Entenderase como atención ordinaria os servicios programados de carácter non urxente, específicamente: altas, tratamentos e traslados intercentros.

Por outra parte, deste xeito recóllese a finalidade das alegacións formuladas polo representente do comité de folga, que se ben recoñece a particularidade do servicio que se presta, e por tanto a súa consideración de esencial para a comunidade pola súa afectación ós usuarios, propugna un necesario respecto ó exercicio do dereito á folga. E coas presentes medidas establecidas, considérase que se leva a efecto tal finalidade.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita pola dirección das empresas integradas na citada asociación, concesionarias do servicio de ambulancias; procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios dos centros correspondentes.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios

mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 1996.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

2804